Irmandade Druídica Galaica
A Irmandade Druídica Galaica (IDG) é unha asociación relixiosa que representa o druidismo contemporáneo (ou druidaria) na zona da antiga Gallaecia (especialmente en Galiza e o norte de Portugal de hoxe en día).[1]
Irmandade Druídica Galaica | |
---|---|
Historia | |
Fundación | 2011 |
Goberno | |
Dirixente | Xoán Milésio |
Demografía e cultura | |
Países | Galiza e Norte de Portugal |
Linguas litúrxicas | Galego |
Ritos litúrxicos | Neodruidismo Neopaganismo celta |
Outros datos | |
Páxina web | http://www.durvate.gal/ |
A asociación viu a luz pública en novembro de 2011 co lanzamento da súa web,[2][3] e foi constituída legalmente como entidade relixiosa en 2015.[4][5][6] Está rexistrada, como tal, perante notario e no chamado Rexistro de Entidades Relixiosas do Ministerio de Xustiza español co número 022549. Así, a IDG transformouse na terceira asociación relixiosa do Estado Español (xusto despois da Orden Druida Fintan e a Hermandad Druida Dun Ailline, ambas de Cataluña), e a primeira na Galiza. Polo tanto, o druidismo é unha denominación recoñecida oficialmente por todas as institucións públicas dese país[7] mais non conta con lugares de culto permanente.
Ademais, a IDG tamén está rexistrada na Axencia Tributaria e é membro da Rede do Patrimonio Cultural (Galiza) e da plataforma internacional Celtic Druid Alliance (CDA).[8][9] Tamén está representada no grupo de Relixión, Espiritualidade, Conservación do Ambiente e Xustiza Climática da Unión Internacional para a Conservación da Natureza a través do seu Durvate Mor (arquidruída).
Crenza
editarA IDG afirma que o Druidismo é a “crenza nativa” do territorio galaico, baseado nas súas orixes celtas e presenza de moitas tradicións, folclore e crenzas antergas.[10][11][12]
Como outros grupos neo-druídicos, a IDG toma a Natureza como ser supremo. Malia todo, e a diferenza doutros grupos, a IDG pode ser considerada máis estrita en termos de adhesión a algúns principios básicos.[13][14][15] As súas crenzas principais poden resumirse en:[16]
- Honra e respecto polos Devanceiros e Devanceiras e pola terra.
- Honra e respecto polas Deidades.
- Aceptación da complexidade da Natureza, o que implica que nada escapa a ela (e polo tanto nada é “sobrenatural”, por definición).
- Observancia do calendario druídico ou Roda do Ano, e observancia das normas e regulamentos internos da propia Irmandade.
Organización
editarA IDG está composta por Caminhantes. Este é o nome dado a membros activos da organización, dentro dos cales pódense encontrar algunhas persoas iniciadas formalmente, é dicir, persoas con responsabilidades relixiosas onde salienta a figura de Durvate (Druída/Druidesa). A persoa responsábel e representante da IDG é o Durvate Mor (arquidruída), un posto que na actualidade ocupa Xoán Milésio.[17]
Contodo, a IDG distingue a figura de Druidista. Isto é alguén que cre no Druidismo como relixión, ou segue algún grupo druídico, pero de maneira anónima ou sen ser parte activa del. Para a IDG isto é algo equivalente a ser simplemente un ou unha “crente”, como en calquera outra relixión.
O grupo é totalmente auto-financiado a través de doazóns voluntarias e venda dalgún material, rexeitando todo tipo de apoio económico das institucións públicas como parte do seu principio de separación entre “igrexa e estado”. Igualmente, todos os servizos que ofrece (casamentos, cerimonias e ritos, etc) son sempre de carácter gratuíto.[18]
Participación social e política
editarA IDG afirma que o Druidismo debe servir e defender a comunidade e a sociedade onde opera e, por este motivo, as persoas Druidistas poden participar en causas afíns aos principios do propio Druidismo. Deste xeito, a IDG ten estado presente (como grupo ou vía algúns dos seus membros) nunha serie de actos e iniciativas ambientais, sociais e culturais como por exemplo polo benestar animal, protección do patrimonio, protección da paisaxe, defensa da cultura e lingua galegas, etc.[19][20][21] Por exemplo, a IDG é unha das entidades co-organizadoras habituais das Jornadas Galaico-Portuguesas de Pitões (Montalegre, Portugal), xunto do concello local e outras institucións e asociacións.[22][23]
Ademais, a IDG repetiu en varias ocasións a súa política de "tolerancia cero" cara ao maltrato animal, racismo, sexismo ou homofobia.[24]
Notas
editar- ↑ Comunidades Irmãs, da Assembleia da Tradição Druídica Lusitana (Portugal) recoñecendo a IDG. Consultado o 18 de xaneiro de 2022.
- ↑ Boas-Vindas! Welcome!. Consultado o 18 de xaneiro de 2022.
- ↑ Breves Efemérides Druídicas, sobre a historia do Druidismo e aparición da IDG, pola Orden Druida Fintan (Cataluña). Consultado o 18 de xaneiro de 2022
- ↑ É oficial - It's official, da web da IDG. Publicado o 3 de agosto de 2015. Consultado o 18 de xaneiro de 2022.
- ↑ Detalle de Entidad Religiosa, rexistro da inscrición co Ministerio de Xustiza español. Publicado o 30 de xuño de 2015. Consultado o 18 de xaneiro de 2022.
- ↑ "Non só católicos: En Galicia hai 277 lugares de culto doutras confesións", en Praza Pública. Publicado o 13 de abril de 2017. Consultado o 18 de xaneiro de 2022.
- ↑ Paganismo contemporáneo, da Fundación Pluralismo y Convivencia (dependente do Ministerio da Presidencia de España). Consultado o 18 de xaneiro de 2022.
- ↑ Entidades adheriras Arquivado 18 de xaneiro de 2022 en Wayback Machine., membros da Rede do Patrimonio Cultural da Galiza. Consultado o 18 de xaneiro de 2022.
- ↑ Membros Oficiais, da Celtic Druid Alliance. Consultado o 18 de xaneiro de 2022.
- ↑ García Fernández-Albalat, B. (1999): Las rutas sagradas de Galicia. Perduración de la religión celta de la Galicia antigua en el folclore actual. Deputación Provincial da Coruña.
- ↑ Melide, R. (2017) "A religiosidade popular pouco tem de católica. Entrevista com Xoán Paredes, Durvate Mor da IDG", en Novas da Galiza, no. 159, Set. 2017. Consultado o 18 de xaneiro de 2022.
- ↑ “Sobrevivência da antiga religião galaica e concomitâncias na Europa Atlântica”, por Xoán Paredes, publicado inicialmente nas Atas das Jornadas das Letras Galego-Portuguesas 2015-2017, DTS, Università di Bologna e AGLP, pp. 51-63. Consultado o 18 de xaneiro de 2022.
- ↑ Druids and Druidry in the 21st century por Xoán Milésio, publicado por primeira vez en A Revista da Tradição Lvsitana, no. 3, ATDL, Nov. 2017, pp.66-74. Consultado o 18 de xaneiro de 2022.
- ↑ Comunicado de apoyo a IDG, da Hermandad Druida Dun Ailline (Cataluña), en apoio da postura da IDG contra "falsos druídas". Publicado o 12 de marzo de 2019. Consultado o 18 de xaneiro de 2022.
- ↑ As mil e umha mortes, programa Efecto Bandua da Rádio LiVerdade (Ourense, Galiza). Emitido por primeira vez o 19 de agosto de 2020. Consultado o 18 de xaneiro de 2022.
- ↑ Druidaria, da web da IDG. Consultado o 18 de xaneiro de 2022.
- ↑ Galicia and Druidry, entrevista en Spectacular Spain (S01 E06), Channel 5 UK (emitido por primeira vez o 5 de maio de 2017), presentado por Alex Polizzi. Consultado o 18 de xaneiro de 2022
- ↑ IDG Detalhes Económicos. Consultado o 18 de xaneiro de 2022
- ↑ Acudide ao II Roteiro da Pantalla!, organizadora dunha actividade cultural de carácter anual xunto doutras asociacións, con data en outubro de 2012. Consultado o 19 de xaneiro de 2022.
- ↑ Palestra e concerto, do Prof. Francesco Benozzo (it) en Pontevedra, 30 de xuño de 2018. Consultado o 19 de xaneiro de 2022.
- ↑ Marcha contra celulosas, apoiante da convocatoria anual da asociación ecoloxista (APDR), do 12 de xuño de 2021. Consultado o 19 de xaneiro de 2022.
- ↑ IX Jornadas, anuncio da Academia Galega da Língua Portuguesa. Publicado o 10 de abril de 2021. Consultado o 18 de xaneiro de 2022
- ↑ IX Jornadas, anuncio do goberno local do concello de Montalegre (Portugal). Publicado o 2 de maio de 2021. Consultado o 18 de xaneiro de 2022-
- ↑ Aviso de intolerância, da web da IDG. Publicado o 14 de novembro de 2016. Consultado o 18 de xaneiro de 2022.
Véxase tamén
editarA Galipedia ten un portal sobre: Celtas |