O metodismo ou movemento metodista é o nome que se dá habitualmente a un grupo numeroso e diverso de denominacións cristiás do cristianismo. Historicamente, o metodismo orixinouse na Gran Bretaña do século XVIII e grazas á vigorosa actividade misioneira que foi despregada, estendeuse axiña polos dominios do Imperio británico, os Estados Unidos e máis aló. Orixinalmente convocou especialmente a traballadores, granxeiros pobres e escravos. A súa teoloxía é claramente arminiana cunha énfase no feito de que a salvación é para todo aquel que a acepte. A súa liturxia é moi sinxela e clasifícase, segundo a tradición anglicana, como propia da Igrexa baixa. Calcúlanse 80 millóns de membros a redor de todo o mundo.[1]

Símbolo da Igrexa Metodista Unida.

Avivamento wesleyano

editar
 
John Wesley.

O denominado movemento metodista ten as súas orixes en Inglaterra, cando un grupo de cristiáns encabezados por John Wesley, o seu irmán máis novo Charles Wesley e George Whitefield buscaban a forma de renovar a Igrexa de Inglaterra no século XVIII, por medio dun estudo centrado na Biblia, un achegamento metódico ás Escrituras e a relación e impacto destes coa vida cotiá do crente.

O termo «metodista» xurdiu como un alcume universitario usado inicialmente con tinguiduras pexorativas para designar o pequeno grupo de estudantes de Oxford que estivo a se reunir entre 1729 e 1735 con fins de crecemento e edificación persoais na vida cristiá. Eles reuníanse cada semana, facían xaxún regularmente e abstíñanse de case toda forma de entretemento e luxo. Tamén visitaban con frecuencia a pobres, enfermos e presos.

John Wesley deixou en claro que os seus motivos estaban enfocados á edificación e maduración na fe cristiá; e de ningún xeito tiña tinguiduras de buscar a fundación dunha nova denominación cristiá, cousa que, contra os seus desexos, foi ocorrendo.

Os primeiros metodistas reaccionaron contra o que eles percibían como apatía da Igrexa de Inglaterra, empezaron a predicar ó aire libre e a estabelecer sociedades metodistas por todas as partes. Sobresaíron polos seus entusiastas sermóns e foron acusados a miúdo de fanatismo. Naqueles días, membros da igrexa estabelecida temeron que as novas e puxantes doutrinas propostas polos metodistas, tales como a necesidade dun Novo Nacemento salvación por graza, a Xustificación pola Fe, e a acción constante e sostida do Espírito Santo sobre a alma dos crentes para Perfeccionar e Santificar as súas vidas, producirían efectos prexudiciais sobre as mentes inxenuas. Theophilus Evans, un dos primeiros críticos do movemento, mesmo escribiu que era "tendencia natural do seu comportamento a de tolear á xente, mediante a voz, o xesto e as expresións horribles". Nun dos seus escritos, William Hogarth ataca así mesmo os metodistas tachándoos de "entusiastas" cheos de "credulidade, superstición e fanatismo". Pero os metodistas resistiron os numerosos ataques contra o seu movemento.

John Wesley tivo influencias dos Irmáns de Moravia e do teólogo holandés Xacobe Arminio, mentres que Whitefield adoptou puntos de vista máis próximos ó calvinismo. Por iso, os seguidores de Whitefield separáronse converténdose en Metodistas Calvinistas. Porén, a maioría das denominacións metodistas seguiron a Wesley en canto á súa teoloxía arminiana.

  1. World Methodist Council. "Member Churches".