Historia de Redondela

conxunto de acontecementos ocorridos en Redondela

A Historia de Redondela é moi rica. A súa situación nun lugar con boas condicións naturais e estratéxicas fixo que estivese poboada desde moi antigo. De todas as épocas históricas hai vestixios e feitos dignos de mención.

Ilustración de Redondela realizada por Pier Maria Baldi en 1669.

Non se coñece con exactitude a data de fundación, aínda que o primeiro documento oficial que se refire á vila como Redondela é do ano 1267.[1]

Existen vestixios desde o Paleolítico, incluídos varios poboados con mámoas e outras construcións en bo estado de conservación, ademais de obxectos de até mais de tres milenios antes de Cristo.

O seu clima suave, a gran superficie de costa con augas tranquilas no fondo da ría de Vigo e a súa relativa proximidade por mar con Francia e Gran Bretaña, fixo que Redondela fose obxecto de interferencias culturais tanto co norte de Europa como por terra coa romanización.

En 1702 produciuse no Estreito de Rande unha das maiores batallas navais da historia de Galicia entre a armada hispanofancesa e angloholandesa, a Batalla de Rande.

Prehistoria

editar

Idade de Pedra

editar
 
A Mámoa do Rei atópase na parroquia de Negros.

Da época prehistórica existen xacementos tumularios, diversos petróglifos, gravados rupestres e outros elementos arqueolóxicos.

Achados arqueolóxicos amosan presenza humana desde o 3000 a.C. encadrados na denominada cultura megalítica. Os poboados castrexos de Monte do Castro e Castro da Peneda, xunto a achados arqueolóxicos, como ferramentas e petróglifos, testemuñan tamén un importante asentamento na zona durante a cultura castrexa.

O monte Penide conserva máis de 30 mámoas que testemuñan a presenza dunha poboación neolítica no concello, tal e como acontecía no resto de Galicia nese momento. Os primeiros deles foron datados na era paleolítica inferior, no período do plistoceno.[2] De todos os túmulos, o mellor conservado é a Mámoa do Rei, unha mámoa de estrutura poligonal e de diámetro de 15 metros e uns 2,5 de altura.[3] Está catalogada como Ben de Interese Cultural.[4].

 
Restos da muralla do Castro da Peneda, no monte da Peneda, na parroquia do Viso.

Na parroquia de Ventosela, consérvanse varios petróglifos e gravados rupestres ecuestres. Deles, destaca o conxunto rupestre da Pedreira[5]. Existe unha ruta que percorre todos os xacementos da parroquia, chamada ruta das Pedras.

Idade de Bronce

editar
Pedra das Rodiñas, no Viso. Pódense observar dous elementos circulares concéntricos.
Petróglifos da Pedreira

En canto aos petróflifos e estacións rupestre, en Redondela consérvanse multitude delas espalladas pola súa xeografía. No monte Penide, en Negros, consérvanse diferentes gravados circulares e ovalados. Na parroquia de Ventosela atópanse os petróflifos da Pedreira, con abundantes formas xeometricas, antropomorfas e zoomorfas da denominada idade de Bronce final. Entre estas últimas destacan varias representacións de homes a cabalo que se datan entre 1000 e 600 anos antes de Cristo. No Viso atópase a Pedra das Rodiñas, no lugar da Nogueira, varias rochas e penas con ondulacións e covas.[6] Inscricións similares pódense atopar tamén no Monte do Castro, entre as parroquias de Cabeiro e Negros; e no Chan da Cruz[7], en Cedeira. En Trasmañó recoñécense diversas representacións de armas, entre as que se atopan puñais, dagas ou espadas curtas, no lugar denominado Poza da Lagoa.[8]

En canto aos obxectos propios desta idade, existen innurables achados resultado de diferentes escavacións na contorna. A maioría delas atópanse expostas no Museo de Pontevedra. O obxecto atopado de máis antigüidade trátase dunha machada bicóncava de case 600 gramos e 161x77x15,5 milímetros, localizada na parroquia de Trasmañó.[9] Dátase da idade de Bronce media, entre o 1500 e o 1000 antes de Cristo. Tamén outros obxectos máis recentes foron atopados en diferentes lugares do concello: en Cesantes atopáronse preto do mar dúas anelas, en Vilavella unha machada do 800 antes de Cristo e no castro da Peneda atopáronse varias machadas da idade de Bronce final. Tamén, aínda sen localización específica, achouse unha machada de cubo de tipo "de talón".

Idade de Ferro

editar

Da Idade de Ferro fican os vestixios castrexos do Castro da Peneda, no monte homónimo. Aínda conserva restos da súa muralla e das casas circulares, non así da totalidade dos castros[10]. Dito xacemento atópase sen escavar, aínda que si foron atopados elementos arqueolóxicos coma caldeiros de bronce[11], fibelas e alfinetes, machadas puídas, muíños, ánforas e cerámicas.

A maioría dos restos conservados, tanto das idades de Bronce coma de Ferro, atópanse albergados no Museo Provincial de Pontevedra e no Museo de Vigo.[12] Tanto os restos arqueolóxicos coma os achados rupestres non son illados, senón que se integran xunto cos restos arqueolóxicos atopados en concellos limítrofes, pondo de manifesto a importante ocupación dos pobos desde o neolítico até a idade de Ferro.[13]

Idade Antiga

editar
ano 133 d.c.

Imp(eratori) Caes(ari) Traiano
[H] adriano Au [g(usto)]
Pontif(ici) Max(imo)
Tri(bunicia) Postest(ate) [XVI] II

[ A T(ude)] M(ilia) P(assuum) XVII.[...]
—Inscrición no miliario de Santiaguiño de Antas, Saxamonde.
Transcrición:Adicado ao emperador Hadriano,
pontífice máximo, coa 18 tribunicia potestade e a terceira consular,
pai da patria.

17 millas de Tude (Tui)
[14]

A finais do século I antes de Cristo o Imperio Romano estableceuse no noroeste da Península Ibérica, mesturándose coa cultura galaica ou castrexa dando lugar á denominada Cultura Galaicorromana. En redondela, esta cultura deixou constancia da súa presenza na zona con varios miliarios, a meirande parte deles conservados no Museo de Pontevedra.

 
O miliario de Santiaguiño de Antas, ou miliario de O Marco, é o mellor conservado dos miliarios redondeláns, e un dos poucos que se conserva in situ.
Dimensións: Altura:1,70 metros
Circunferencia superior: 1,88 metros
Circunferencia inferior: 1,93 metros

O máis coñecido, o miliario de Santiaguiño de Antas, está adicado ao emperador Hadriano. Dita construción, descuberta en 1877, está dividido en 4 anacos, dous dos cales foron localizados no lugar de Padrón, na parroquia de Saxamonde, e os outros dous na parroquia de Quintela. Este miliario dátase do século II (ano 133 d.c.), ten 2,9 m de alto e 2,29 m de diámetro, e está adicado a Publio Elio Hadriano, emperador entre os anos 117 e 138.

Outros tres miliarios foron identificados arredor do concello: outro na parroquia de Quintela, outro na parroquia de Saxamonde, e dous en Cesantes.

O primeiro deles, o miliario de Quintela, foi descuberto no ano 1896, e data de entre os anos 350 e 353 d.C., anos durante os que exerce o mandato o emperador Decencio. Así pois, a estrutura do miliario atópase gravada cunha cita adicada a dito emperador.

Na parroquia de Cesantes existen dous miliarios, ambos os dous localizados no lugar de Outeiro de Penas. Un deles, descuberto no século XIX, está adicado ao emperador Numeriano, polo que a súa construción dátase entre os anos 283 e o 284 d.C, anos nos que dito emperador gobernou. O segundo miliario está adicado ao emperador Anepígrafe. Foi descuberto en 1975, e consérvase na Casa da Torre, no concello de Redondela.[15]

Ademais de miliarios, consérvanse diversos obxectos romanos atopados en diferentes escavacións. En Cedeira atopáronse diferentes obxectos de cerámica nun vestixio de vila romana con varias habitacións. Tamén no lugar de Soutoxuste, no Viso, atopáronse vestixios dunha estela romana, e no lugar do Pazo, na mesma parroquia, foron identificadas pedras e moedas da época.

Idade Media

editar

Alta Idade Media

editar
 
No ano 977, as tropas do xeneral Almanzor arribaron a Redondela dende Braga, chegando até Santiago de Compostela e incendiando a Catedral.

Nos primeiros anos do século V comezou o declive do Imperio Romano de Occidente, feito que propiciou que chegasen a Galicia, e polo tanto a Redondela, numerosas incursión de pobos do norte de Europa, en especial do suevos. Así, após a caída oficial do Imperio Romano no ano 406, varias poboacións bárbaras europeas comezaban a asentarse no territorio. Arredor do ano 409, dirixidos polo seu rei Hermerico, uns 40.000 suevos chegaron á provincia romana da Gallaecia, onde lograron instalarse mediante un posible pacto con Roma, establecendo a capitalidade na cidade de Bracara Augusta (hoxe coñecida coma Braga, Portugal).

Durante o século X, varias incursións normandas tentaron facerse co territorio da bisbarra de Redondela. Así, no ano 968, e baixo o mando do segundo duque de Normandía, unhas duascentas naves chegaron a Galicia atrancando na ría de Arousa e procedentes da Bretaña francesa. Este exército, baixo o mando de Gudrød (Guðrǫðr), máis coñecido co nome de Gunderedo, tiña como obxectivo chegar a Santiago de Compostela. Nunha tentativa de expansión cara ao sur de Galicia, e tendo como un dos obxectivos o saqueamento da vila de Redondela, o exército normando comezou a dirixirse cara ao sur. Porén, o bispo Sisenado II de Iria Flavia, organizou un exército para lle facer fronte, librándose unha batalla o 29 de marzo dese mesmo ano, nos arredores do actual concello de Fornelos de Montes. Dita batalla, coñecida coma a batalla de Fornelos, saldouse coa morte do bispo compostelán, e co conseguinte avance das tropas normandas, que continuaron a súa incursión até o Courel.

Nese mesmo século, no ano 997, os árabes chegan a Redondela da man do xeneral Almanzor.[16] O exército árabe saqueou as vilas dos arredores das rías de Vigo e Arousa, e o 10 de agosto dese mesmo ano chegou a Santiago de Compostela, incendiando a Catedral de Santiago e mais o sepulcro do Apóstolo.

Baixa Idade Media

editar

Durante os seguintes séculos, a vila de Redondela comezou a ser dinamizada polo Camiño Portugués de Santiago, feito que foi aproveitado por civilizacións foráneas para asaltar e atacar a vila. Así, no ano 1014 a ría de Vigo é atacada polo viquingo noruegués Olav Haraldson. Anos despois, no 1032, o conde normando Easl Ulf atacaron Redondela e saquearon o patrimonio local, até seren expulsados polo bispo Cresconio.

No século XI estableceríase en Redondela unha familia nobiliaria coñecida co nome de Mañó ou Man(i)ola, asentándose nunha casa señorial arredor do val que forma o río Maceiras. Froito deste acontecemento, o topónimo de Redondela era ás veces empregado indistintamente xunto co de Mañó, e varias parroquias actuais derivaron da toponimia desta casa nobiliaria: Mañó (Quintela) e Trasmañó (detrás de Quintela). Mentres, unha orde de monxes coñecidos como a Orde Militar dos Cabaleiros Templarios asentáronse no concello ocupando o convento de Vilavella por unha banda, e a illa de San Simón por outra. Nesta última foron os responsábeis da construción da ermida de San Simón, onde o poeta Mendinho compuxo a única peza que se lle atribúe:

 Sediam'eu na ermida de San Simón
e cercaronm'as ondas, que grandes son,
eu atendend'o meu amigo,
eu atendendo'o meu amigo... 

En 1120 Redondela é invadida polo exército portugués, sendo recuperada posteriormente por Doña Urraca.

Idade Moderna

editar

O período comprendido entre os séculos XVI e XVIII en Redondela está condicionado por dous factores: as epidemias de peste e outras doenzas que proviñan en moitos casos do outro lado do Atlántico, e a batalla naval entre a frota hispano-francesa e a anglo-holandesa na ría de Vigo, coñecida coma batalla de Rande.

As grandes epidemias

editar
 
Antigo lazareto na Illa de San Simón, empregado para establecer corentenas especialmente a navíos procedentes de ultramar.

Malia non existir grandes batallas nin conflitos bélicos no concello nin nos territorios veciños (agás a batalla de Rande), na Idade Moderna Redondela sufriu unha considerábel perda de poboación urbana coma consecuencia de doenzas infecciosas coma a peste ou a cólera[17]. Diversas epidemias azotaron o territorio miguando a poboación como consecuencia do aumento do comercio e coas viaxes transatlánticas que comezaron coa colonización de América en 1492.

En 1598 produciuse unha epidemia de peste que afectou a centros de persoas, cobrouse a vida de ducias e obrigou a sacrificar cans, galiñas, porcos, ovellas e outros animais domésticos[18]. Aos efectos da infección sumáronse a pobreza e a fame.

Outras doenzas epidémicas, como a cólera, chegaron posteriormente a territorio redondelá[19]. Unha primeira epidemia en 1833 e outra vinte anos despois, en 1953, chegaron a Redondela en barco, como adoitaban chegar todas as epidemias. Tratábase en concreto do “cólera morbo" ou “cólera morbo asiático”, unha variante desta doenza extremadamente contaxiosa que se manifestaba con diarrea, vómitos, convulsións e morte. Igual que aconteceu coa epidemia de peste uns séculos antes, obrigouse a sacrificar animais, queimáronse roupas e inmobles, producíronse desinfeccións forzosas nas vivendas, e tivo un grande impacto na actividade económica e industrial de Redondela.

A impronta das epidemias na sociedade redondelá foi tal que se comezaron a establecer ritos católicos e votos a santos para librarse da peste e outras doenzas.

Os que feridos da pestilencia imploren a favor de San Roque alcanzarán a saúde
Lema a prol de San Roque sobre a peste

San Roque e San Sebastián convertéronse en santos cuxos votos críase que protexían fronte ás epidemias. Ambos os dous santos teñen festas na súa honra en toda a bisbarra. San Roque é un santo honrado en Vigo. Así pois, San Sebastián é venerado en Redondela e o seu día no santoral, o 20 de xaneiro, festivo local[20].

A finais da Idade Moderna, por Real Ordenanza de 6 de xuño de 1838, e da man do comerciante rioxano Norberto Velázquez Moreno, procedeuse a habilitar e acondicionar a illa de San Simón para convertela nunha leprosería ou lazareto, co obxectivo de habilitar un espazo no que realizar corentena os navíos procedentes da ruta americana e evitar así a propagación de epidemias coma a cólera ou a tuberculose. Na illa de Santo Antón estaban os enfermos sen cura, mentres que na de San Simón albergábase ó resto. A leprosería clausurouse en 1927.

Batalla de Rande

editar
Artigo principal: Batalla de Rande.
 
A batalla de Rande, por Ludolf Backhuysen, pintado cara a 1702.

O 23 de outubro de 1702 produciuse entre o estreito de Rande e a enseada de San Simón e [illa de San Simón]] a batalla homónima. Enfrontou nas augas da ría de Vigo a frota das escuadras das coalicións anglo-holandesa e hispano-francesa, dentro do contexto da guerra de Sucesión española.

A frota de Indias era unha frota da coroa de Castela que transportaba ouro e outros cargamentos de valor froito do espolio ás colonias americanas das Indias. Estaba composta por 19 buques escoltados por 22 navíos franceses e partira o 11 de xuño desde A Habana cara a Cádiz, porto onde habitualmente atracaban os navíos procedentes de América. Porén, á metade de travesía foron informados de que unha poderosa escuadra anglo-holandesa os agardaba no cabo San Vicente, polo que o almirante Manuel de Velasco decidiu desviarse cara á ría de Vigo, onde entran o 22 de setembro.

O convoi buscou refuxio na enseada de San Simón, e axiña se preparou a defensa ao tempo que se requisaron 1.200 carros do país para transportar as mercadorías cara a Madrid. O paso de Rande foi obstruído por unha barreira de toros, cables e pequenas embarcacións, e foron recrutadas milicias para reforzar os dous pequenos fortes situados aos dous lados do estreito.

Morreron uns 2.000 homes do bando hispano-francés e uns 800 do anglo-holandés. Ademais, os franceses perderon os seus mellores buques de guerra, e os españois quedaron sen barcos para a carreira de Indias. A frota vencedora levou un botín de catro millóns de pesos, ademais de sete buques de guerra e seis galeóns capturados.

Ás vítimas militares hai que sumar o saqueo e as vítimas civís que o exército anglo-holandés produciu en Redondela e nas outras vilas que arrodean á Ría de Vigo, en parte como vinganza por ter afundido os galeóns e salvado parte do cargamento.

Idade contemporánea

editar

Os séculos XIX e XX foron especialmente convulsos en Galicia, e así foron tamén no concello redondelán.

Redondela Vella e Redondela Nova

editar

Até o século XVII, Redondela podería considerarse un concello relativamente atrasado e rural, cunha economía baseada na subsistencia e a pesca, e cun réxime practicamente feudal dominado pola Igrexa e os señores con títulos nobiliarios.

Cornide Saavedra, na súa Descripción circunstanciada de la costa de Galicia, definiu Redondela en 1764 coma:[21]

"A dúas leguas de Ponte de San Paio, sobre un pequeno río, está situado o porto de Redondela, no que só poden entrar os barcos de pescadores. A vila está sobre un río pouco máis arriba da barra nun sitio moi delicioso e abundante en todo tipo de froitos. Ten catrocentos veciños entre os que hai algúns morgados de boa e esgrevia nobreza, moitos pescadores matriculados, e algúns menesterais e labregos."

A morfoloxía urbana no núcleo de Redondela dividíase pois en dúas entidades diferenciadas. Un primeiro núcleo, o de Redondela Vella ou Vilavella, nacería situado onde se atopa o convento homónimo. Así, aproveitando as boas condicións agrarias que ofertaba a confluencia dos ríos Alvedosa e Maceiras, así como a localización do núcleo no cruzamento da antiga estrada romana que ía de Tui a Pontevedra, e o camiño a Baiona; nacería o núcleo da Redondela Vella. Séculos máis tarde, arredor do século XIII, xurdiría un segundo núcleo de poboación coñecido como Redondela Nova ou Vilanova arredor da marisma, como pobo maioritariamente pesqueiro, e proba deste feito é a localización neste núcleo da Praza de Abastos, o esteiro de Redondela, a confraría de pescadores e mesmo o porto.[22]

Ambos núcleos de poboación continuaron medrando até fusionarse. Conformaríase así eventualmente o núcleo urbano de Redondela.

A construción dos viadutos

editar
 
Redondela no ano 1893. Ao fondo, o viaduto de Madrid, construído entre 1972 e 1976 por Parent Schakel Hovel e Caillet (posteriormente Compagnie de Fives-Lille).

A chegada do ferrocarril a Redondela foi fundamental para o seu desenvolvemento económico. Porén, e especialmente no val onde se atopa o núcleo urbano, era preciso salvar dalgún xeiro os accidentes xeográficos que impedisen a construción da liña de ferrocarril. Así, construíuse o Viaduto de Madrid en 1876 e o Viaduto de Pontevedra no ano 1884. Tal foi o impacto arquitectónico dos viadutos na imaxe do concello que é habitual denominar a Redondela como a vila dos viadutos.

De vila mariñeira a concello industrial

editar
 
Cargadoiro Coto Wagner da Minero Siderúrgica de Ponferrada.

O século XX trouxo consigo o desenvolvemento industrial da vila, especialmente no sector téxtil. No ano 2003 a actividade téxtil continuaba a ser a principal actividade indrustrial do concello[23].

Diferentes factorías téxtiles asentáronse en Redondela. En 1932 o zamorano José Regojo instalou unha fábrica de camisas e poucos anos despois ducias de mulleres redondelanas traballaban para Regojo, ben nas fábricas ou ben nas súas casas. Tras a Guerra Civil Española comezou a fabricar calzado e uniformes para o exército, e nos anos 60 a súa empresa converteus nun dos principais grupos téxtis do estado. En 1966 asinou un contrato con Salvador Dalí para ser a imaxe da súa empresa. Nos anos 70 contaba con máis de 1000 empregados e era o terceiro grupo téxtil español tras El Corte Inglés e Cortefiel.

Froito da súa condición costeira, o concello de Redondela desenvolveu unha importante actividade industrial arredor da industria conserveira, metalúrxica e de salazón. A compañía de salazón A Regadensa estableceuse na parroquia de Cedeira. En Punta Socorro desenvolveu a súa actividade desde 1920 a compañía metalúrxica IME (Industria Metalífera Española).

Arredor da ría establecéronse empresas de carga de minerais. En 1925 comezou a operar o cargadoiro da Compañía de Minerales de Hierro de Galicia S.A., desde a que partían cargamentos de volframio para abastecer ao estado alemán nazi durante a segunda guerra mundial[24][25]. Na década dos 60 construíuse outro cargadoiro pertencente á empresa Minerosiderúrgica de Ponferrada, coñecido popularmente coma Coto Wagner[26], que transportaba cargamentos de ferro desde as minas bercianas até outros lugares por transporte marítimo. En 1969 partiron 300.000 toneladas de mineral de ferro desde o cargadoiro, segundo la memoria de la MSP.

No século XX establecéronse en Redondela varias industrias conserveiras e de salga, especialmente de empresarios procedentes de Cataluña. A empresa Conservas Bollé, cuxo propietario procedía de Vilanova i la Geltrú, estableceuse en Rande na que posteriormente se coñeceu como Fábrica do Alemán. Na década dos 30 a familia Otero Bilbao iniciou en Cesantes a conserveira Conservas Job, que posteriormente mudou de donos até deriar na conserveira Conserveras La Coca.[27]

Guerra civil e Franquismo

editar

A Guerra Civil Española e a posterior represión franquista tivo consecuencias nefastas para Redondela. Centos de redondeláns foron represaliados, torturados e asasinados por pertenceren a grupos republicanos ou colectivos que non concordaban cos principios falanxistas. En 1937 seis republicanos foron asasinados por integrantes da Garda Civil e por individuos falanxistas en Redondela[28].

Tras gañaren a guerra, os falanxistas crearon un campo de concentración e prisión na Illa de San Simón. Máis de 6000 presos republicanos foron encarcerados na illa, e estímase que uns 700 foron asasinados ou faleceron froito da desnutrición e das doenzas.[29] En 1938 o cárcere da illa estivo tan saturado que tivo que recalar entre esta e a vila de Redondela un buque que se habilitou como prisión auxiliar. O buque Upo Mendi[30] acolleu a preto de 600 presos. Durante os anos seguintes, presos de toda Galicia eran trasladados a Redondela para seren encerrados na illa de San Simón. Os presos, illados e torturados, só recibían visitas puntuais de familiare, así como a axuda puntual de mulleres anónimas da contorna, que arriscaban a súa vida para lles achegaren alimentos ou roupa limpa. Entre elas destacaba a mestra Ernestina Otero, que confeccionaba roupa para os presos da illa[31]. A prisión deixou de ter actividade no ano 1943[32].

A Transición e a democracia

editar

Após a morte de Francisco Franco e a proclamación da democracia en 1978, celebráronse en 1979 as primeiras eleccións municipais en Redondela. O alcalde elixido foi Xaime Rei, que encabezou a candidatura de Unidade Galega e fíxose coa alcaldía ao obter o 22.4% dos sufraxios. Desde entón o partido que máis tempo gobernou foi o Partido dos Socialistas de Galicia.

 
A ordenación urbanística de Redondela é desordenada e caótica ao carecer dun Plan Xeral de Ordenación Municipal[33].

Nos seguintes anos Redondela experimentou un crecemento de poboación importante. Dos 22.128 habitantes que tiña o concello en 1970 medrou até os 27.202 no ano 1981[34]. A construción da autoestrada AP-9, a ampliación e construción da nova terminal do aeroporto de Vigo e a súa proximidade con urbes como Vigo ou Pontevedra acelerou o seu crecemento.

O aumento da poboación trouxo consigo melloras e construción de novas infraestruturas. Nos anos 70 e 80 contruíronse institutos coma o IES Mendiño ou o IES Pedro Floriani (1983). En 1997 construíuse o Centro de Saúde de Redondela e posteriormente outro na parroquia de Chapela.

O século XXI

editar

Tras o crecemento industrial e de poboación de finais do século XX, a crise económica produciu un estancamento económico e unha perda de poboación. O concello volveu rebaixar a barreira dos 30.000 habitantes que alcanzara a principios dos 2000.

O concello de Redondela enfróntase nos vindeiros anos a un reto demográfico e económico. Existe tamén un reto urbanístico que ordene o crecemento do concello. En febreiro do ano 2002 foi aprobado o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Porén, no ano 2012 a empresa redactora do PXOM rescindiu o seu contrato, producíndose un estancamento do plan[35] Así, á falta da redacción dun novo plan, fica vixente a lexislación das Normas Subsidiarias de Planeamento Municipal desde o ano 1988.[36]

  1. Ferreira Priegue, Elisa (1988). Galicia en el comercio marítimo Medieval. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. pp. 90–137. ISBN 84-85728-71-8. 
  2. "Museo Virtual de Monte Penide Prehistórico". Arquivado dende o orixinal o 16 de xaneiro de 2014. Consultado o 16 de xaneiro de 2014. 
  3. "Ficha da Mámoa do Rei" (PDF). AGADER. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 16 de xaneiro de 2014. Consultado o 16 de xaneiro de 2014. 
  4. "Mámoa do Rei, Ben de Interese Cultural" (PDF). Diario Oficial de Galicia. Consultado o 17 de xaneiro de 2014. 
  5. Faro de Vigo (ed.). "El encanto de las piedras". Consultado o 4 de xaneiro de 2014. 
  6. "Pedra das Rodiñas". Patrimonio galego. Consultado o 2 de agosto de 2022. 
  7. "Petróglifos de Chan da Cruz.". Patrimonio galego. Consultado o 2 de agosto de 2022. 
  8. "Petróglifos da Poza da Lagoa.". Museo Virtual de Monte Penide Prehistórico. Arquivado dende o orixinal o 30 de novembro de 2021. Consultado o 2 de agosto de 2022. 
  9. Abad, Juan Carlos (1996). "Materiales líticos procedentes de la necrópolis megalítica de Monte Penide (Redondela).". Revista Castrelos do Museo municipal "Quiñones de León" de Vigo.: 11–16. 
  10. Couñago, Xosé. Elementos da prehistoria de Redondela. 
  11. Armada, Xosé Luís (2003). "Los calderos del castro de A Peneda (Redondela, Pontevedra).Datos y argumentos para una revalorización.". Revista Gallaecia de la Universidade de Santigo de Compostela. 
  12. Fábregas (1998). "Petróglifos e asentamentos: o caso de Monte Penide (Redondela, Pontevedra)." (PDF). Universidade de Valladolid. 
  13. Fábregas (1988). "Cronología y periodización del megalitismo en Galicia y Norte de Portugal.". Espacio, Tiempo y Forma,: 279–291. 
  14. Rodríguez Colmenero, Antonio. "Miliarios e outras inscricións viarias romanas do noroeste hispánico." (PDF). Consello da Cultura Galega. Consultado o 11 de agosto de 2014. 
  15. Orge Quinteiro, Jose Antonio (2008). Os miliarios romanos de Redondela. Apuntamentos para unha historia de Redondela. Redondela: Seminario de Estudos Redondeláns (SEREN). pp. 11–24. ISSN 1698-8051. 
  16. El Mundo (ed.). "San Simón, una isla que bebe de su historia para pensar en el futuro". Consultado o 12 de agosto de 2014. 
  17. "Historia de Redondela.". redondela.gal. Arquivado dende o orixinal o 31/01/2020. Consultado o 16/01/2021. 
  18. Bará, Milagros. "Grandes epidemias na historia de Pontevedra (I)". Consultado o 16/01/2021. 
  19. Muñoz Vivas, José Manuel (2002). "Cronoloxía da epidemia da cólera morbo-asiática no ano 1854.". Isla de Arriarán 20: 85–107. 
  20. "Redondela non quere epidemias.". Faro de Vigo. Consultado o 16/01/2021. 
  21. Cornide Saavedra, J (1984). Descripción circunstanciada de la costa de Galicia y raya por donde confina con el intermedio Reyno de Portugal. A Coruña: O Castro. p. 189. 
  22. González Fernández, Xoán Miguel. A vila de Redondela nos tempos do catastro de Ensenada. Redondela: Concello de Redondela. 
  23. "Empresas por situación de actividade e sede social". Instituto Galego de Estatística (IGE) Galicia. Arquivado dende o orixinal o 15 de setembro de 2019. Consultado o 28 de decembro de 2013. .
  24. "Unha viaxe polo pasado industrial da Ría de Vigo.". Faro de Vigo. 2016. Arquivado dende o orixinal o 02/10/2016. Consultado o 16/01/2021. 
  25. Rolland (2015). "O volframio galego de Don Federico Guillermo.". Consultado o 16/01/2021. 
  26. "Antigo cargadoiro de mineral.". patrimoniogalego.net. Consultado o 16/01/2021. 
  27. Román, Alberte. Sal, sardiñas e peiraos. Achega ao patrimonio marítimo na enseada de San Simón. Alén Nós. 
  28. Amoedo, Gonzalo (2002). Redondela, crónica dun tempo pasado. Edicións do Castro. 
  29. "Listado de presos da colonia penitenciaria de San Simón (1936-1943)." (PDF). memoriahistorica.org. Consultado o 16/01/2021. 
  30. Amoedo, G. (2007). Episodios de terror durante a Guerra Civil na provincia de Pontevedra. E. Xerais. ISBN 978-84-9782-604-4. 
  31. "A lavandeira de San Simón. Pequena memoria.". sansimon.evamejuto.com. Arquivado dende o orixinal o 26/11/2020. Consultado o 16/01/2021. 
  32. Abad, Juan Carlos (2005). Héroes o forajidos: fuxidos y guerrilleros antifranquistas en la comarca de Vigo. Instituto de Estudios Vigueses. 
  33. "Adeus á icona do feísmo en Chapela.". Faro de Vigo. 2019. Consultado o 16/01/2021. 
  34. "Alteraciones de los municipios en los Censos de Población desde 1842". Instituto Nacional de Estadística (INE) España. Consultado o 27 de decembro de 2013. .
  35. Faro de Vigo, ed. (2/3/2012). "Dos décadas de espera por el Plan Xeral". .
  36. Unidade de Promoción e Desenvolvemento. Mancomunidade de Vigo, ed. (2006). "Diagnóstico Socioeconómico de Redondela. Capítulo 5: Organización do territorio, infraestruturas e equipamento" (PDF). .

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar