A Costa Brava é o nome asignado á zona costeira de Cataluña que comeza na desembocadura do río Tordera en Blanes e acaba na fronteira con Francia en Portbou. Limita ao norte coa Costa Vermella e ao sur coa Costa do Maresme.

A Costa Brava nas proximidades de Portbou, Xirona.

Esta franxa litoral ten unha extensión de 214 km e está comprendida polas comarcas catalás do Alt Empordà, o Baix Empordà e La Selva. Sitúase na provincia de Xirona, pertencente á Comunidade Autónoma de Cataluña.

O termo Costa Brava foi publicado polo xornalista Ferrán Agulló nas páxinas de La Veu de Catalunya o 12 de setembro de 1908. Con esta expresión o xornalista quería describir a paisaxe agreste e escarpado que caracteriza gran parte da zona costeira.

Xa pola década dos 30, os turistas enchían as praias da zona, pero aínda se mesturaban con pescadores e agricultores que cultivaban preto da costa. A partir dos anos 50 e 60 o fenómeno turístico xeneralizouse e houbo un gran desenvolvemento urbanístico dalgunhas localidades destas comarcas.

Ata a chegada da economía do turismo, moitas das localidades da rexión costeira eran pequenos pobos de pescadores de casas encaladas e estreitos rueiros. Os seus habitantes, as súas tradicións e a beleza natural da rexión espertaron o interese de artistas e escritores como Marc Chagall, Picasso, Rusiñol ou Dalí. Actualmente, a zona aínda conserva gran parte desta esencia que a caracterizaba antes do cambio que supuxo a chegada do turismo.

Historia editar

A localización xeográfica do que agora coñecemos como Costa Brava foi, desde hai séculos, unha zona de paso e asentamento para numerosos pobos e culturas, e a porta de entrada na Península desde a Europa mediterránea. A gran cantidade de restos históricos da zona son testemuño deste feito.

Os primeiros vestixios de actividade que nos atopamos pertencen aos poboadores do Paleolítico. Avanzando un pouco na historia, constatamos a presenza de pobos indoeuropeos que deixaron o seu rastro en construcións megalíticas que podemos atopar moi preto de Roses, nas Gavarres e na Serra de Rodes. Estes monumentos teñen unha antigüidade estimada de 5000 anos a. C. e podémolos atopar nas comarcas do Pla de l'Estany, a Cerdanya, La Selva, Baix Empordà e Alt Empordà.

Milenios máis tarde, observamos a presenza de pobos colonizadores como os gregos ou os romanos.

Durante o século III a. C. o territorio ibérico foi un importante escenario das operacións bélicas que mantiveron cartaxineses e romanos, as denominadas guerras púnicas. No momento no que os cartaxineses foron finalmente derrotados, os romanos tomaron o control da zona e progresivamente de toda a Península Ibérica, pero tiveron que loitar constantemente contra a resistencia local. Unha destas tribos autóctonas eran os indixetes, que estaba situados na área litoral que agora ocupa a Costa Brava.

Os conxuntos máis importantes que ilustran este feito e que se poden visitar aínda son os seguintes:

É un dos asentamentos ibéricos máis grandes de Cataluña. Está situado na localidade de Ullestret, na comarca do Baix Empordà. Data desde o século VI a.C ata principios do s.II a.C. No mesmo poboado tamén se atoparon restos anteriores aos indixetes, a tribo ibérica que se asentou no territorio. No recinto aínda se poden ver restos de vivendas, cisternas, silos para almacenar gran e algúns templos.

Este recinto está situado en Sant Martí d'Empúries, a 2 quilómetros de L'Escala, na comarca do Alt Empordà. Os gregos asentáronse no territorio a principios do século VI antes de Xesús cristo, e despois foron os romanos quen ocuparon a zona no século II a.C.

Na actualidade, pódese realizar unha visita por todos estes restos históricos e ver a distribución das vivendas, que aínda conservan mosaicos, pinturas e ornamentación, a rede de sumidoiros, un forum, un anfiteatro e unha basílica entre outras construcións.

  • Poboado ibérico de Puig de Castellet

Atópase na poboación de Lloret de Mar, na comarca da Selva. Foi habitado durante o período que vai do ano 250 ao 210 a.C. e serviu de defensa e control sobre unha ampla franxa marítima e do territorio terrestre adxacente. Conta cun recinto amurallado e no seu interior distribúense once ámbitos de planta rectangular. Cada un deles ten unha zona dedicada a vivenda e outra a traballo. Na parte central do poboado configúrase un espazo con ámbitos de uso comunitario.

No ano 218 a.C. os romanos ocuparon o asentamento comercial de Emporion e continuaron a súa expansión militar, fundando prazas fortificadas de grande importancia estratéxica como a situada na confluencia dos ríos Ter, Onyar, Güell e Galligants. Esta cidade que recibiu o nome de Gerunda -a actual Xirona- converteríase nun punto de comunicación de gran relevancia, ao servir de escala entre algunhas das cidades situadas na Vía Augusta, como é o caso de Barcino (Barcelona) e Tarraco (Tarragona). A partir deste momento gran parte da actividade política e económica empeza a bascular cara ao interior a consecuencia da puxanza adquirida por Xirona que reclamará para si o control da zona costeira.

Varios séculos máis tarde logo da conquista da Península Ibérica por parte dos musulmáns, que ostentaron durante algún tempo o control desta zona, atopámonos cunha nova ocupación iniciada polos nobres francos baixo o impulso do Imperio Carolinxio. Esta nova conquista da rexión deu lugar ao que coñecemos como a Marca Hispánica, composta entre outros polos condados de Empúries e Xirona. Posteriormente estes condados cataláns iniciaron a súa progresiva independización do Imperio Carolinxio, finalmente pactada con Francia no ano 1258. Algúns anos antes, a unión dinástica entre o Conde de Barcelona e a filla do Rei de Aragón deu lugar á Coroa catalano-aragonesa que impulsou a expansión militar, comercial e militar destes estados polo Mediterráneo. Á súa vez, a competencia co Imperio Turco polo control do comercio marítimo e as posesións ribeiregas, induciu a que fosen frecuentes os ataques dos piratas berberiscos contra as localidades que bordean a Costa Brava.

Ao longo dos séculos seguintes non se produciron na rexión acontecementos de gran calado debido á estabilización política e militar das coroas hispánicas, coa excepción da invasión napoleónica, que con todo centrou o seu interese na localización estratéxica de Xirona. Desde ese momento a historia transcorreu vendo chegar o fenómeno da industrialización, a revolución de clases, o progresivo fortalecemento da clase media, que conduciu a mediados do século XX á revitalización da Costa Brava a través do turismo.

Espazos naturais editar

Máis do 30% do total da superficie da área das rexións de Xirona está protexida debido ao seu interese natural. Os espazos naturais máis importantes da Costa Brava son:

É un dos espazos naturais máis importantes de Cataluña. Está situado en torno ao accidente xeográfico do Cabo de Creus, o punto máis oriental de toda a Península Ibérica. O seu territorio pertence aos municipios de Cadaqués, El Port de la Selva, La Selva de Mar, Llançà, Vilajuïga, Pau, Palau-saverdera e Roses. O espazo, tanto terrestre como marítimo, do parque abarca 13.886 hectáreas e recibe cada ano uns 435.000 visitantes. Os fortes ventos que percorren a zona, especialmente a tramuntana, e a ondada foron moldeando esta parte do litoral, configurando un perfil moi abrupto. En todo o territorio atopamos unha vexetación escasa pero unha fauna moi rica.

Trátase dun conxunto de marismas xeradas ao final do curso do río Muga e do Fluvià. Desde 1983 esta considerada Paraxe de Interese Natural. O Parque ten unha extensión de 4.730 hectáreas aproximadamente, das que 825 son reserva natural integral estritamente protexida. O Parque está situado na zona do Alt Empordà e confórmano os municipios de Castelló d'Empúries, Sant Pere Pescador, Palau-saverdera, Peralada, Pau, Pedret i Marzà, L'Escala, Roses e L'Armentera. O seu principal interese recae na riqueza da flora e a fauna ornitolóxica, especialmente migratoria.

Pequeno arquipélago situado a 900 m de L'Estartit, na praia de Torroella de Montgrí. Son practicamente as únicas illas do litoral de Cataluña e están formadas polas elevacións da serra de Montgrí. Hai un total de sete illotes, con fondos rochosos e covas submarinas que o converten nun espazo perfecto para practicar o submarinismo. A zona esta considerada reserva mariña polo seu rico ecosistema, favorecido pola súa proximidade á desembocadura do río Ter.

  • Ses Negres

A Reserva Mariña de Ses Negres está situada na comarca do Baix Empordà, en Begur, xusto no centro da Costa Brava. Esténdese ao longo de 1.300 metros de litoral, entre as calas de sa Riera e Aiguafreda. Presenta unha superficie total de 80 Ha, a cal inclúe os cantís que rodean as montañas de Begur.

Na zona da Costa Brava, existen diversos xardíns botánicos que exhiben tanto a diversidade vexetal local como especies tropicais, non autóctonas da zona. Os xardíns de Cap Roig, Santa Clotilde, Xardín Botánico Marimurtra e Xardín Botánico Pinya de Rosa son os máis importantes da rexión.

  • Calas e Praias

As praias da Costa Brava caracterízanse pola calidade das súas augas. A moitas destas concedeuse a Bandeira Azul, símbolo inconfundible de auga limpa e libre de contaminación. Outro dos trazos característicos da Costa Brava son as pequenas calas ou praias escondidas, rodeadas de vexetación, debido á erosión do mar sobre os cantís. Algunhas só son accesibles desde o mar e a moitas outras só se pode chegar por camiños costeiros que percorren a costa dalgúns municipios da Costa Brava.

Concellos editar

 
Proximidades de Portbou.
 
Cadaqués
 
Palamós
 
Calonge
 
Praia de Tossa de Mar en inverno
 
Tossa de Mar
 
Lloret de Mar

O territorio da Costa Brava está formado por localidades do Alt Empordà, Baix Empordà e parte das localidades máis costeiras da Selva. O litoral da zona costeira está formado polos seguintes concellos, listados de norte a sur:

É o municipio que se atopa na parte máis setentrional da Costa Brava, está na comarca do Alt Empordà e limita con Francia. É un pequeno pobo que non chega a 1.500 habitantes, de tradición pesqueira e que ofrece numerosas posibilidades de lecer no seu litoral, como o mergullo ou outras actividades acuáticas.

Pequeno municipio que ten aproximadamente 600 habitantes. O seu litoral está formado por seis praias: Cala Rovellada, Praia d'en Goixa, Praia Carbassó, Praia de Garbet, Praia de les Assutzenes e Praia nudista do Borrou.

Localidade da comarca do Alt Empordà de case 5.000 habitantes. Está rodeada polo Parque Natural de Cabo de Creus e o de l'Albera, tanto por terra como por mar. Conta con praias pequenas e tranquilas que se combinan coa presenza de restos históricos megalíticos e prerrománicos.

Forma parte da comarca do Alt Empordà e ten pouco máis de 1.000 habitantes. Trátase dun municipio de tradición pesqueira que foi relevada en parte pola chegada do turismo á zona.

Municipio da comarca do Alt Empordà situado ao leste do cabo de Creus. A súa paisaxe cativou a numerosos artistas, entre eles Salvador Dalí. O pintor viviu na vila xunto a Gala e agora pódese visitar a súa residencia, a Casa Museo Salvador Dalí. Aínda que se trata dunha localidade que atrae moitas visitas de turistas, a zona non se masificou e segue mantendo o seu aspecto de pobo de pescadores.

Este pobo do Mediterráneo experimentou un gran crecemento coa chegada do turismo. Actualmente ten uns 18.000 habitantes aproximadamente. A súa oferta convérteo nun destino que se adapta a todo tipo de turistas. Entre o seu patrimonio destaca a Cidadela, unha fortaleza medieval do século XVI, e os restos megalíticos.

Pobo de preto de 11.000 habitantes que engloba parte do Parque dos Aiguamolls de l'Empordà. Unha das súas festas máis importantes é Terra de Trobadors, que se celebra do 10 ao 15 de agosto e homenaxea á música da Idade Media.

Municipio no centro do Golfo de Roses, na comarca do Alt Empordà. As súas praias conforman unha contorna idónea para practicar deportes de auga como o windsurf, kitesurf ou kaiak, entre outros.

Forma parte da comarca do Alt Empordà. É un dos municipios que conforma o Parque dels Aiguamolls de l'Empordà.

Municipio costeiro do Alt Empordà. É coñecido polos bocartes que se pescan e comen, en forma de anchoa, na zona e que fixeron posible a creación da Denominación de calidade Anchoas de l'Escala.

Pobo da comarca do Baix Empordà. Na zona é de destacar a presenza do Castell de Montgrí inacabado do século XIV, situado no cumio do Macizo do Montgrí. A principal localidade costeira do concello é L'Estartit.

Localidade da comarca do Baix Empordà de pouco máis de 2.800 habitantes. Está formada por tres núcleos: Pals, Masos de Pals e a Platja de Pals. As singularidades de cada un destes ofrecen diferentes propostas aos turistas. Pals alberga a maior parte do patrimonio da zona; Masos de Pals está formado por un conxunto de masías dun grande interese arquitectónico e a Praia de Pals dispón de todos os recursos para gozar do Mediterráneo.

Sitúase na comarca do Baix Empordà. Trátase dun pobo pescador que dispón dunhas das mellores praias e calas da Costa Brava: Sa Riera, Aiguafreda, Sa Tuna, Fornells e Aiguablava.

Municipio da comarca do Baix Empordà. Está situado ao pé do macizo das Gavarres. Está conformado por 9 núcleos núcleos de poboación: El Bruguerol, Calella de Palafrugell, Ermedàs, Llafranc, Llofriu, Palafrugell, Santa Margarida, Tamariu e Vila-seca. En Calella de Palafrugell, cada ano, durante o mes de xullo, celébrase o típico encontro de cantada de Habaneras.

Pobo da comarca do Baix Empordà. O seu territorio municipal inclúe as illas Formigues, un arquipélago formado por catro illotes que son unha perfecta opción para practicar submarinismo debido a gran riqueza das súas augas.

Este municipio da comarca do Baix Empordà ten o terceiro porto comercial máis importante de Cataluña, despois do de Barcelona e Tarragona. As gambas son as protagonistas da cociña da localidade, e están consideradas como as mellores da zona [Cómpre referencia].

Municipio da comarca do Baix Empordà, dividida en dous partes: Calonge por unha banda, e Sant Antoni de Calonge por outro. Bonitas praias e calas como Roques Plans, Ses Torretes (popularmente coñecida como Cala Gogo), Torre Valentina etc.

Este municipio está formado por Castell d'Aro no interior e Platja d'Aro e S'Agaró na costa. Os tres núcleos ofrecen unha contorna ideal para a práctica de deporte, ademais dunha proposta de lecer, comercio e actividades culturais importante. Durante a chegada do turismo na Costa Brava, este pobo converteuse nun dos principais destinos.

Este municipio, da comarca do Baix Empordà, adquiriu un renome internacional grazas ao festival de música que se celebra cada verán na zona, o Festival Internacional da Porta Ferrada, instituído en 1958.

Este municipio converteuse no destino por excelencia de moitos turistas. As súas praias, o seu patrimonio histórico, e a súa oferta de lecer atraen a moitos visitantes, especialmente durante o verán.

Pobo da comarca de La Selva. A súa oferta turística está chea de contrastes. A zona destaca pola súa gran variedade de oferta en lecer nocturno, así como en patrimonio histórico e monumental. É de destacar a presenza do Poboado ibérico de Puig de Castellet.

O seu termo municipal pertence á comarca de la Selva. É o pobo que delimita a Costa Brava polo sur. A súa paisaxe, que agrupa montañas, praias e calas, converteulle nun dos destinos máis visitados da Costa Brava.

Arte e cultura editar

A zona da Costa Brava é un territorio dunha gran riqueza cultural que se expresa na maioría das súas festas locais e festivais, e queda representada no conxunto de museos, restos arqueolóxicos da rexión e no seu patrimonio monumental.

Festas populares editar

Do 22 ao 27 de xullo en Blanes celébrase un dos concursos de fogos artificiais con máis renome de Europa. Este concurso ten xa un século de tradición, só durante o período da guerra civil en España deixouse de festexar.

Festa relixiosa que se celebra o 22 de maio no casco antigo de Tossa de Mar. Os veciños instalan altares e adornan con alfombras de flores as rúas por onde desfila a procesión.

É un recital que se celebra anualmente desde 1967 o 5 de xullo. Durante un día Calella de Palafrugell convértese na capital da habanera onde o pobo cubano e o español únense interpretando cancións populares que trouxeron os mariñeiros desde o Caribe no século XIX.

  • Verbena de San Juan

En todas as localidades da Costa Brava, durante a noite do 23 de xuño celébrase a chegada do verán ao redor de fogueiras purificadoras.

Nos principais municipios da Costa Brava, organízase a Cabalgata de Reis durante a noite do 5 de xaneiro. Melchor, Gaspar e Baltasar desfilan en carrozas ou montados dacabalo polos pobos, para repartir agasallos a todos os nenos.

  • Día de Sant Jordi

Esta festa celébrase o 23 de abril. En Cataluña, tradicionalmente, coñécese como o día dos namorados, en que as parellas regálanse un libro e unha rosa. Esta festividade tamén é entendida como unha reivindicación á cultura catalá, e por este motivo moitos balcóns engalánanse coa senlleira.

Outras festas populares e festivais que levan a cabo en zonas de especial interese son:

  • Festival Internacional de Música tradicional: leva a cabo en Agullana.
  • Festival de jazz de Banyoles: Realízase en Banyoles.
  • Festival Internacional de Música de Begur.
  • Festival de Música Clásica O Convent: Blanes.
  • Festival de Verán - Noites de Música e Xogos: Blanes.
  • Festival de Música de Cadaqués.
  • Festival dos Xardíns de Cap Roig: Calella de Palafrugell.
  • Festival de Música de Calonge.
  • Musicant: Campllong.
  • Terra de Trobadores: Castelló d'Empúries.
  • Festiva de Música de Albera: Port de la Selva.
  • Festivla Acústico: Figueres.
  • Etnival: Xirona.
  • Festival de Jazz de Xirona.
  • Festival de música relixiosa en Xirona.
  • Festival Internacional de Música: L'Escala - Empúries.
  • Festival de Música de la Bisbal d'Empordà.
  • Festival de Jazz da Costa Brava: Palafrugell.
  • Festival de Música de Pals.
  • Festival Internacional de Música Castell de Peralada.
  • Festival Internacional de Canto e Música de Cámara en Portbou.
  • Festival de Blues, Jazz e Gospel de Roses.
  • Festival Internacional de Música en S'Agaró, Platja d'Aro.
  • Festival Internacional de Porta Ferrada en Sant Feliu de Guíxols.
  • Festival de Sant Feliu: hardcore.
  • Festival Internacional de Música Clásica: Sant Pere Pescador.
  • New Music Festival - Música Tretze: En Saus.
  • Festival de Techno House: Torroella de Montgrí.
  • Festival Internacional de Música: Tossa de Mar.
  • Schubertíada: Vilabertran.

Museos editar

Na zona da Costa Brava existen un total de 65 museos catalogados que mostran o reflexo das expresións artísticas que se sucederon ao longo da historia.

  • Casa-museo Salvador Dalí

É un lugar de visita imprescindible se se quere coñecer profundamente o universo do pintor. Sitúase ne a baía de Portlligat, no norte de Cadaqués, a cidade onde Dalí pasou gran parte da súa nenez e mocidade. Nela pódese visitar o taller do artista, a biblioteca, as habitacións privadas e o xardín e a piscina.

Salvador Dalí viviu alí desde o 1930 ata o 1982, ano no que morreu Gala e el se estableceu no Castelo de Púbol. Actualmente pódese visitar toda a casa, chea de obxectos relacionados coa actividade artística do pintor, e os espazos exteriores.

  • Museo arqueolóxico de Catalunya-Ullestret

Neste museo, situado no poboación de Ullestret, recóllense moitos dos obxectos achados nas campañas de escavación que se realizan anualmente no sitio arqueolóxico ibérico da localidade.

  • Castelo Gala-Dalí - Púbol

É a residencia onde viviu Salvador Dalí logo da morte de Gala. Foi o último taller do artista e está aberto ao público desde 1996. O Castelo data do século XI e, aínda que o espazo conserva o seu aspecto exterior, Dalí restaurou todo o interior, creando espazos de gran beleza, como a antiga cociña convertida no baño de Gala ou o Salón do piano.

Dentro do castelo pódense ver as pinturas e debuxos que o artista regalou a Gala para decorar o castelo, ademais das esculturas de elefantes que decoran o xardín, a colección de vestidos de alta costura que pertenceron a Gala e os numerosos obxectos que usaron para a súa decoración.

  • Museo do Xoguete de Cataluña

Inaugurouse en 1982. No museo pódense ver máis de 4.000 xoguetes antigos que pertenceron a personaxes como Anna Maria e Salvador Dalí, Federico García Lorca, Ernest Lluch, Salvador Puig Antich, Pere Casaldàliga, Josep Palau Fabre, Quim Monzó, Federic Amat, Joan Mirou ou Joan Brossa. Ao museo outorgóuselle o Premio Nacional de Cultura Popular en 1999.

Aberto en 1.974, foi construído nas ruínas do vello teatro municipal de Figueres e deseñado polo propio Salvador Dalí. Contén un amplo abanico de obras que describen a traxectoria artística de Dalí: desde as súas primeiras experiencias artísticas e as súas creacións surrealistas, ata os últimos traballos da súa vida.

Algunhas das obras máis importantes que se exhiben no museo son Port Alguer (1924), O Espectro do Sex Appeal (1932), Autorretrato brando con bacon frito (1941), Poesía de América (1943), Galarina (1944-1945), A cesta de pan (1945), Leda Atómica (1949) e Galatea das esferas (1952).

Outras pezas importantes producidas por Dalí para o Teatro Museo son A Habitación de Mae West, O Palacio do Vento e o monumento a Francesc Pujols.

Gastronomía editar

A principios do século XXI, as rexións de Xirona convertéronse nun dos principais centros de peregrinación gastronómica no mundo[Cómpre referencia]. De feito, o centro da cociña de vangarda está situado no Cabo de Creus no tramo norte da Costa Brava onde El Bulli de Ferran Adriá (en Cala Montjoi) creou unha nova escola.

As rexións de Xirona foron sempre referencia da boa cociña: a cociña de vangarda non podería xurdir sen antecedentes históricos, sen os produtos locais, sen as materias primas da rexión provenientes da súa agricultura, horticultura, viticultura, da produción de olivas, da gandería, a pesca etc.

Máis aló da revolucionaria nouvelle cuisine que rompeu con séculos de cociña barroca, a xeneralización do novo movemento culinario ten as súas raíces en Xirona, no artístico e innovador espírito emprendedor de Cataluña.

Comunicacións editar

A Costa Brava posúe unha rede de accesos e conexións privilexiada debido á súa situación xeográfica. O conxunto de localidades que a forman están conectadas entre elas por unha boa rede de estradas, con servizos regulares de autobuses e tren.

Xirona está situada a 100 quilómetros de Barcelona e a 60 quilómetros da fronteira con Francia, e existen conexións por estrada e vía ferroviaria aos dous puntos.

En Vilobí d'Onyar, ademais, atópase o aeroporto de Xirona, con compañías aéreas que voan a diferentes cidades europeas.

Clima editar

A Costa Brava goza dun clima suave, propio do Mediterráneo: nin o frío dos invernos nin a calor dos veráns son extremos. A temperatura media anual oscila entre os 14 °C e os 20 °C. Os meses máis calorosos son xullo e agosto mentres que novembro é o máis chuvioso; decembro, xaneiro e febreiro son os máis fríos.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar