Música tradicional
A música tradicional ou música folclórica é a denominación para a música popular que se transmite de xeración en xeración por vía oral (e hoxe en día tamén de maneira académica) como unha parte máis dos valores e da cultura dun pobo. Así pois, ten un marcado carácter étnico ou de raíz. Dentro das músicas tradicionais, hai algunhas que transcenderon máis aló da súa orixe, como o flamenco, a xota, o tango, a música country, a samba, a cumbia colombiana e, en xeral, moitos dos ritmos latinos que mantiveron certa entidade propia co tempo e volvéronse algo máis que un baile.
Outros nomes cos que se coñece a este tipo de música son música étnica, música rexional, música típica, e música popular[1] ou música folk, denominacións estas dúas últimas que poden inducir a confusión ao ter xa outro significado.
Conceptos
editarMúsica folclórica vs. música popular
editarA música folclórica tamén se denomina co apelativo de "música popular" (e de feito, con anterioridade ao século xix poderían considerarse sinónimos). O termo música popular remite á música que se creaba, interpretaba e transmitía polo pobo e os músicos populares. Ademais dese significado que remitía a un uso máis rural da música popular, na actualidade tamén se entende por música popular aqueles xéneros máis actuais de difusión urbana que tamén se crean, interpretan e transmiten de maneira popular: desde a música considerada moderna, habitualmente vinculados á cultura urbana, que máis atraen a atención do gran público, aínda que na actualidade o termo música popular pode referirse á música de maior difusión ou popularidade.
Música folclórica vs. música folk
editarA partir da década dos 50, 60 e 70 do século xx xurdiu en numerosos países un interese pola música folclórica que conduciu á formación e difusión de diversos conxuntos musicais deste xénero. Algúns deles produciron formas modernizadas desta música que se coñecen baixo o nome xenérico de música folclórica contemporánea, ou máis abreviadamente música folk. Esta música, aínda que comparte en esencia a estética (e tamén os escenarios) coa música máis tradicional, alíñase en moitos aspectos (como as vías de difusión e comercialización, ou o tratamento dos dereitos de autor) coa moderna música popular.
Características
editarA música tradicional ou folclórica mantívose viva, desde os tempos da industrialización, fundamentalmente no ámbito rural, non sendo até mediados do século xix que comezou a aparecer un interese no mundo académico polo estudo desta arte popular.
- Son creacións anónimas. Aínda que na súa orixe tiveron un autor determinado, non se lembra quen foi ou como se chamaba, o que importa é a música en si. Non existen tampouco por tanto uns dereitos de autor.
- É aceptada de forma xeral pola comunidade. Lonxe de representar a personalidade dun artista ou dun grupo social determinado como pode ocorrer noutros xéneros, a música tradicional representa a todos os membros da comunidade á que pertence.
- Exerce unha función social determinada. Utilizábase para acompañar diversas tarefas, como os labores do campo, as celebracións, os xogos, etc. O estilo da música adoitaba variar segundo fose a tarefa á que tipicamente acompañaba.
- Transmítese oralmente. Os músicos aprenden esta música escoitándoa tocar a outros, e repetíndoa de memoria. No proceso introducen ás veces variacións, xa sexa ou non de forma intencionada. Non existe unha versión "auténtica" que o autor deixase fixada nunha partitura ou nunha gravación.
Son todas elas características específicas da música folclórica que de cando en cando se atopan nas outras dúas grandes tradicións musicais como son a música culta e a música popular. Cabe sinalar non obstante algúns cambios neste sentido nas últimas décadas coa incorporación da música tradicional aos circuítos comerciais e aos ensinos académicos.
En canto aos aspectos puramente formais da música folclórica (como poidan ser a melodía, a instrumentación, a harmonía ou o ritmo), estes difiren notablemente segundo o xénero, a rexión e a cultura á que pertenza, sendo escaso o parecido por exemplo entre unha muiñeira galega, un fandango andaluz, ou unha polca centroeuropea.
O estudo dos xéneros e as características das distintas músicas folclóricas que hai no mundo forma parte dunha ciencia que recibe o nome de etnomusicoloxía.
Notas
editar- ↑ Olmeda, Ángel Luis. "¿qué es la música popular?" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 27 de outubro de 2021.
Véxase tamén
editarOutros artigos
editar- Country folk
- Folclore
- Música folk
- Música popular
- Fondo de Música Tradicional da Institución Milá y Fontanals
Bibliografía
editar- English Folk Songs from the Southern Appalachians. Recollida por Cecil J. Sharp. Ed. Maud Karpeles. 1932. Londres. Oxford University Press.
- Karpeles, Maud. An Introduction to English Folk Song. 1973. Oxford. Oxford University Press.
- Sharp, Cecil. Folk Song: Some Conclusions. 1907. Charles River Books
- Bronson, Bertrand harris. The Ballad As Song. Berkeley: University of California Press, 1969.
- Bronson, Bertrand Harris. The Singing Tradition of Child's Popular Ballads. Princeton: Princeton University Press, 1976.
- Poladian, Sirvart. "Melodic Contour in Traditional Music", Journal of the International Folk Music Council III (1951), 30-34.
Ligazóns externas
editar- La Riproposta, programa de Radio Clásica.
- Las percepciones del folklore: emisión do 19 de oct. de 2013 de La Riproposta