Sonic Youth
Sonic Youth foi unha banda de rock alternativo estadounidense formada en Nova York no ano 1981. O grupo formárono os guitarristas Thurston Moore e Lee Ranaldo e a baixista Kim Gordon e os tres permaneceron na banda durante os seus 30 anos de carreira. A formación clásica completouna o batería Steve Shelley, que se uniu a eles en 1985. Ao longo da súa carreira Sonic Youth foi amplamente considerada como uns dos conxuntos máis importantes e influentes dentro da escena do rock alternativo.[1]
![]() | |
---|---|
![]() | |
Orixe | Nova York, Estados Unidos ![]() |
Período | 1981 - 2011 |
Xénero(s) | rock alternativo, noise rock, rock experimental |
Selo(s) discográfico(s) | Neutral Records, Ecstatic Peace!, Zensor, Blast First, Homestead, SST, Enigma, DGC, SYR, Interscope, Matador Records |
Membros | Kim Gordon Thurston Moore Lee Ranaldo Steve Shelley |
Antigos membros | Jim O'Rourke Bob Bert Richard Edson Jim Sclavunos Mark Ibold |
Na rede | |
http://www.sonicyouth.com/ | |
![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() |
Ao contrario que outros contemporáneos dos inicios do rock alternativo como R.E.M. ou Hüsker Dü, que optaron por estruturas e melodía máis convencionais, Sonic Youth comezou a súa carreira abandonando calquera pretensión de facer rock tradicional e evitando convencionalismos. Inspirándose en gran parte na experimentación noise de The Velvet Underground e The Stooges, e mesturándoa cunha estética e unha posta en escena sacada da vangarda post-punk de Nova York, a banda redefiniu a música noise dentro do rock, sendo unha das principais impulsoras do noise rock.[2]
A finais do ano 2011, Lee Ranaldo anunciou que a banda pararía por un tempo tras a separación matrimonial dos seus compañeiros Thurston Moore e Kim Gordon. O grupo realizou os seus derradeiros concertos no Brasil[3][4] e dende entón os seus membros teñen expresado que a banda rematara e que non se volvería a reunir.[5]
Traxectoria editar
Sonic Youth pode ser considerado como un fenómeno musical, xa que o éxito e o recoñecemento que a banda ten é bastante improbable entre grupos que non teñen compromiso cos patróns musicais que actualmente imperan no mercado, e moito menos coa postura mainstream[6] que gran parte dos grupos de éxito comercial ostentan hoxe en día. Todo o contrario. E talvez sexa por esa aversión a patróns e convencións reinantes, pola honestidade artística e coraxe de facer música pola música, sen medo a experimentar, e tamén pola actitude do "faino ti mesmo" que a banda sempre pregou, talvez sexa por eses motivos que Sonic Youth posúe unha lexión fiel de fans e o recoñecemento por parte dos medios, converténdose así nunha icona da música e cultura alternativa estadounidense dos anos 80 e 90.
O nacemento da banda editar
A historia da banda comezou a finais da década dos 70, cando os movementos underground de Nova York proliferaban e chamaban a atención de moitos mozos artistas e músicos. Entre eses mozos estaban os guitarristas Lee Ranaldo e Thurston Moore, que se mudaran á cidade interesados nalgunhas manifestacións musicais que se movían por alí, como o "No Wave" e o propio punk rock. Xuntos, tocaron na "guitar-opera" de Glenn Branca, que era un músico que organizaba presentacións onde había sempre moitas guitarras, chegando ás veces a ter seis tocando ao mesmo tempo. Tanto Ranaldo como Moore xa participaran en pequenas bandas alternativas anteriormente (a última de Ranaldo fora The Pluks e a de Moore The Coachmen).
No principio da década dos 80, Moore estaba saíndo coa baixista Kim Gordon, que tamén estaba interesada no rock alternativo e participara tamén nalgunhas bandas como CKM. Así non pasou moito tempo para que Moore e Gordon decidisen formar un novo grupo, influenciados polo escenario underground no que vivían e entusiasmados cos resultados que Glenn Branca acadaba coa súa "guitar-opera". A principios de 1981, Moore atopouse de novo con Lee Ranaldo nun evento chamado Noise Festival, e alí convidouno a ingresar na banda que el e Kim Gordon estaban montando. Ranaldo aceptou de imediato a invitación, e coa entrada do batería Richard Edson naceu Sonic Youth.
No verán de 1981, a banda comezou a participar en varios festivais no circuíto alternativo local, contando coa teclista Anne DeMarinis. Anne non estivo moito tempo con eles, e non chegou a participar nas gravacións do primeiro traballo da banda, un EP autotitulado lanzado en marzo de 1982. O disco saíu pola discográfica de Glenn Branca, a Neutral Records, e é unha pequena mostra do que viría ser o son característico de Sonic Youth: unha sonoridade bastante alternativa, con boas doses de experimentación e melodía.
Definindo o seu son editar
A principios do ano 1983, o batería Richard Edson deixou Sonic Youth para seguir a súa carreira de actor no cine, chegando incluso a participar nalgunhas producións de éxito como Stranger Than Paradise (de Jim Jarmusch), Do The Right Thing (de Spike Lee), Platoon (de Oliver Stone) e Good Morning, Vietnam (de Barry Levinson). No seu lugar foi chamado Bob Bert, e foi con esa formación coa que Sonic Youth gravou o seu primeiro LP, chamado Confusion is Sex, aínda en 1983. A banda continuou cun son bastante alternativo e libre de calquera rótulo específico, pero notábase unha influencia hardcore nos temas, con riffs e bases de guitarras máis pesadas e agresivas. Incluso atopamos no disco unha versión dunha das bandas seminais do punk rock, "I Wanna be your Dog" de The Stooges. E foi así, agregando influencias do punk rock e do underground en xeral, aliadas ás experimentacións e sonoridades alternativas, como Sonic Youth comezou a delinear o seu estilo peculiar e creativo. As letras escritas por Moore e Gordon falan de morte, caos urbano, anarquía, relacións ou preconceptos. Aínda no ano 1983, despois de que Moore e Gordon casasen, a banda excursionou por Europa e alí, a través do selo alemán Zensor, lanzaron o EP Kill Yr. Idols.
Buscando un contrato editar
Durante 1984, mentres a banda continuaba a facer pequenos concertos, Moore esforzábase por atopar algún selo con mellor distribución e maior alcance que aceptase traballar con Sonic Youth. A banda estaba aos poucos gañando notoriedade e nese ano lanzou polo selo Ecstatic Peace!, propiedade de Moore, un casete chamado Sonic Death: Sonic Youth Live, con cancións en directo. En 1985 Sonic Youth asinou un contrato con Blast First, un selo creado por Paul Smith, un dos donos de Doublevision Records. A esta última non lle gustaran moito as demos e os traballos de Sonic Youth e por iso non os contratou, pero Smith viu potencial na banda, e creou Blast First para lanzar os discos do grupo.
O primeiro traballo polo novo selo saíu no mes de marzo de 1985, tratábase do álbum Bad Moon Rising. A banda continuaba incorporando no seu son influencias do hardcore e do punk rock, xunto coas súas características harmonías e arranxos non convencionais. Aínda así, a banda non soaba totalmente inaccesible e dirixida só cara a un público restrinxido, sendo as estruturas musicais e melodías máis accesibles e elaboradas. O seu bo traballo nesa mestura de tendencias facía de Sonic Youth unha banda prometedora, non só no circuíto alternativo, senón tamén con potencial para chegar a un público maior e menos específico.
Bad Moon Rising tivo bastante éxito, e a banda acabou recibindo varias propostas de discográficas que querían ter ao grupo no seu equipo. Sonic Youth finalmente asinou co selo SST Records, o mesma que levaba a algunhas bandas xa consagradas do escenario alternativo como Hüsker Dü, Minutemen ou Black Flag. O primeiro disco pola SST foi lanzado en maio de 1986 e titulouse Evol, xa contando na súa formación co que se convetiría no seu batería definitivo, Steve Shelley. Nel, as influencias punk rock máis agresivas foron deixadas un pouco de lado, e a banda utilizou melodías e arranxos máis convencionais, pero sen apartarse das experimentacións e distorsións que xa eran a marca rexistrada de Sonic Youth. Para pechar o ano de 1986, o grupo gravou a banda sonora da película Made in USA, aínda que esta non sería editada ata febreiro de 1995.
A madurez editar
A maduración musical e o recoñecemento por parte dos medios continuou co disco Sister, lanzado en 1987. Sonic Youth foi gañando aos poucos o rótulo de grande nome do escenario underground estadounidense, e comezou a aparecer con máis frecuencia nos medios. A revista Rolling Stone converteuse nun dos grandes seareiros da banda, publicando recensións bastante positivas dos seus álbums. Pero Sonic Youth non se deixou levar por todo iso, e continuou coa mesma postura fronte ao éxito inesperado. Sen abandonar as sonoridades alternativas e experimentacións en xeral, a banda seguiu realizando concertos incendiarios polos Estados Unidos e noutros países, e en 1988 lanzou o seu quinto álbum de estudio, o aclamado Daydream Nation. Para moitos este é o mellor disco de Sonic Youth, onde a banda encontrou o equilibrio perfecto entre o experimentalismo e a melodía, entre as distorsións de guitarra coas harmonías marcantes. Cancións como "Silver Rocket" e "Teen Age Riot" fixeron que a banda fose finalmente recoñecida como unha das mellores do escenario alternativo estadounidense. Obviamente este non foi un éxito radiofónico e comercial estrondoso, pero dado o estilo e a postura da banda, o éxito era relativamente significativo. Xunto co EP Master-Dik, o disco Daydream Nation foi lanzado polo selo Enigma Records.
Aínda no ano 1988, Sonic Youth participou dun proxecto paralelo chamado Ciccone Youth (que contaba co baixista Mike Watt, ex-Minutemen e Firehouse) e lanzou o disco The Whitey Album, unha especie de álbum conceptual-irónico sobre a cultura musical, que vai do pop (con versións de Madonna e de Robert Palmer), á música contemporánea erudita (facendo referencia á composición 4:22 de John Cage a través do tema "Silence"), e pasando polas influencias experimentais de Sonic Youth, que veñen do krautrock alemán (con bandas como Neu! e Can).
Os anos 90 editar
En 1990, despois de cambiar de selo novamente (a nova casa era a DGC Records, propiedade de David Geffen), a banda lanzou o disco Goo, que confirmaba o bo momento do grupo. O álbum, que a banda produciu con total liberdade (garantida polo propio David Geffen), tamén tivo bastante éxito e tivo unha gran distribución ao redor do mundo, levando o nome de Sonic Youth a lugares que nunca antes tiñan escoitado falar da banda. O álbum contiña o exitoso sinxelo "Kool Thing", no cal aparecía de invitado Chuck D, do grupo de rap Public Enemy. "Kool Thing" apareceu posteriormente na película de Hal Hartley Simple Men e no videoxogo Guitar Hero III: Legends of Rock e estivo dispoñible como contido descargable de pago para o xogo Rock Band. O disco está considerado moito máis accesible que os seus anteriores traballos[7] e converteuse no álbum máis vendido da banda ata a data.
Para a divulgación de Goo, a banda participou dunha xira ao lado de Neil Young, que estaba promocionando o seu último disco, chamado Ragged Glory. Noutros concertos, Sonic Youth aproveitou para axudar a bandas novas do underground estadounidense, como por exemplo, os aínda descoñecidos Mudhoney, Pavement e Nirvana (que serían contratados por David Geffen no ano seguinte, por indicación de Thurston Moore).
A principios de 1992, a banda volveu aos estudios para a gravación dun novo disco, desa vez contando coa axuda dun famoso produtor, Butch Vig. O resultado foi Dirty, e con cancións como "Sugar Kane" e a politizada "Youth Against Fascism", Sonic Youth continuou o seu ascenso voltándose máis admirada, contando incluso coa exhibición exhaustiva dos seus clips na MTV. A identidade musical do grupo continuaba nas mesmas, é dicir, excelentes cancións con melodías creativas en perfecta convivencia coa experimentación.
Tamén no 1992 estreouse o ducumental dirixido por Dave Markey 1991: The Year Punk Broke, onde se amosaba á banda na súa xira europea do ano anterior. No filme tamén aparecen grupos como Nirvana, Dinosaur Jr., Ramones, Babes in Toyland e Gumball.
Sonic Youth volveu a a traballar con Butch Vig no disco Experimental Jet Set, Trash and No Star, lanzado en 1994. O álbum chegou a alcanzar a posición 34 na lista dos máis vendidos nos Estados Unidos, e a 10 en Inglaterra. Pero o traballo non tivo a mesma aceptación que Daydream Nation e Dirty, e desapareceu rapidamente das listas citadas, non chegando a ter o relativo éxito comercial dos últimos álbums. No novo disco a banda abusa das experimentacións e arranxos pouco convencionais, deixando un pouco de lado a fórmula equilibrada e de bastante éxito dos discos anteriores. Aínda en 1994, o grupo decidiu tomarse un descanso polo embarazo de Gordon, e mentres esperaba o nacemento do seu primeiro fillo, Coco Hayley Gordon Moore, Moore gravou un disco en solitario que foi lanzado en 1995 pola propia DGC, baixo o título de Psychic Hearts.
De volta aos escenarios en 1995, a banda foi a cabeza de cartel do festival alternativo Lollapalooza, e posteriormente lanzou un novo disco de estudio, Washing Machine. O disco recibiu boas críticas por parte da prensa e tivo máis éxito comercial que o seu antecesor.
En 1997, Sonic Youth inaugurou en Nova York un selo propio chamado Smells Like Records (ou SYR). A través dese selo, a banda atopou unha canle máis axeitada para lanzar discos unicamente experimentais e instrumentais, sen preocuparse pola aceptación deles por parte do público e dos medios, cousa que non podían facer na Geffen ou en calquera outro selo grande por motivos óbvios.
Aínda en 1997, a banda comezou a producir un novo disco para a Geffen, que saíu a finais de ano co título A Thousand Leaves. As guitarras de Moore e Lee e as voces de Gordon continúan sendo bastante creativas e espontáneas, e xunto a iso a banda volta a crear boas melodías e arranxos máis accesibles, facendo do disco un novo éxito comercial e consolidando máis aínda o estilo de Sonic Youth de facer rock alternativo.
2000s editar
O 4 de xullo de 1999 roubéronlles un camión da banda con instrumentos, amplificadores e equipo, á noite, mentres estaban de xira en Orange (California)[8]. Moitos dos instrumentos eran vellas guitarras que Lee e Thurston tiñan personalizadas ao seu gusto, polo que a perda foi un duro golpe para Sonic Youth.
Na metade de 1999 o grupo volveu aos estudios ao lado do produtor Jim O'Rourke para a gravación dun novo traballo, que foi unha especie de reacción creativa ao roubo do seu equipo. En febreiro de 2000 o disco estaba listo, sendo lanzado en maio baixo o título NYC Ghosts and Flowers a través do selo Geffen Records o día 16 de maio[9]. O disco tamén ten o equilibrio alcanzado pola banda en A Thousand Leaves, con boas melodías convivindo harmoniosamente con distorsións e experimentacións en xeral. Destaca tamén a arte gráfica do libreto, que ten fotos de Nova York sacadas por Lee Ranaldo, debuxos feitos por Kim Gordon e ilustracións do poeta beat William S. Burroughs. Parte do público e crítica consideraron o disco un pouco irregular, pero sen dúbida trátase dunha nova obra co selo da banda.
O día 15 de xullo do ano 2000 Sonic Youth realizou a súa primeira actuación (e única ata o de agora) en Galiza, encadrada dentro do festival Santirock, onde compartiu escenario con bandas como Yo La Tengo, Teenage Fanclub ou Ocean Colour Scene.[10]
Con Jim O'Rourke oficialmente integrado na banda, Sonic Youth lanzou en 2002 o álbum Murray Street, que se considera a volta de Sonic Youth á sonoridade que consagrou á banda. O'Rourke, convertido no terceiro guitarrista do grupo, e Thurston Moore admitiron en entrevistas que Murray Street reflicte influencias de rock máis clásico no son do grupo. O resultado son melodías máis convencionais en comparación coas do disco anterior o que lle reportou á banda os eloxios máis entusiastas da crítica dende Dirty, de 1992. O álbum posúe algúns trazos que fan lembrar a traxedia ocorrida en Nova York o día 11 de setembro de 2001, cos atentados terroristas que derrubaron o World Trade Center. A banda tivo que suspender a gravación do álbum debido este acontecemento, ocorrido a pouca distancia do seu estudio.
En 2003, o grupo comezou a planexar o lanzamento de edicións especiais dos LPs dos seus catálogos. O primeiro en ser relanzado foi Dirty, que estivo acompañado dun disco extra de 16 temas.
En 2004, a banda lanzou Sonic Nurse, pechando unha triloxía iniciada cos dous álbums anteriores. O disco foi ben recibido polos seareiros e pola crítica, funcionando case como unha continuación natural de Murray Street.
Mentres tanto os relanzamentos de discos non pararon, e despois da xira de divulgación de Sonic Nurse a banda volveu ao estudio para retomar os traballos do seguinte álbum. Neste xa non contarían con Jim O'Rourke, que decidiu concentrarse noutras actividades. O novo disco lanzouse en xuño de 2006 baixo o nome Rather Ripped. Desta vez a banda fixo un álbum de cancións máis directas e melodiosas, obtendo unha moi boa recepción por parte da crítica e dos fans. No mesmo ano, foron lanzadas edicións especiais para os álbums Psychic Hearts (disco en solitario de Thurston), The Whitey Album (do proxecto paralelo Ciccone Youth) e o EP de estrea da banda, de 1982.
A banda editou o recompilatorio The Destroyed Room: B-Sides and Rarities en decembro do 2006. O disco conta con temas só dispoñibles en vinilo anteriormente, en recomplilacións con edicións limitadas, caras-b de sinxelos internacionais e material que nunca antes vira a luz. Este álbum marcou o seu fin co selo Geffen.
Independencia e contrato con Matador editar
No mes de abril de 2007 a banda converteuse nun dos primeiros grandes nomes do rock en tocar na China cando foron levados ao país pola compañía Split Works, baseada en Pequín e Shanghai.[11]
No ano 2008 a banda editou independentemente Master-Dik só dispoñible nun principio a través da súa tenda online. Tamén editaron máis gravacións da serie SYR, SYR7: J'Accuse Ted Hughes e SYR8: Andre Sider Af Sonic Youth. SYR7 apareceu o 22 de abril e SYR8 o 28 de xullo. O 10 de xuño lanzaron un recompilatorio a través de Starbucks Music, titulado Hits Are for Squares. Os primeiros 15 temas deste disco foron seleccionados por outros artistas, e o tema 16, "Slow Revolution", é unha nova gravación da banda.
Tamén en xuño, a banda foi obxecto dunha biografía, Goodbye 20th Century: A Biography of Sonic Youth, escrita polo xornalista musical David Browne. O libro conta con novas entrevistas coa banda así coma cuns 100 amigos, familiares e compañeiros. Foi publicado por Da Capo e inclúe unhas 60 fotos inéditas.
O 30 de agosto do 2008 a banda avanzou dúas novas cancións ao final dun concerto no McCarren Park Pool, en Nova York. Thurston Moore dixo en novembro dese ano que o grupo comezaría a gravar un novo álbum de estudio. Sonic Youth non renovou o seu contrato con Geffen, ao estar descontentos polo xeito que o selo manexou os seus últimos traballos.[12] O 3 de setembro do 2008 confirmouse que Matador Records lanzaría o seguinte traballo da banda na primavera do ano 2009. No mes de decembro anunciouse tamén que o grupo colaborara con John Paul Jones (baixista de Led Zeppelin) nun tema para a nova compañía de danza de Merce Cunningham. Este traballo representouno a compañía en abril do 2009 na Brooklyn Academy of Music para celebrar o 90 aniversario de Cunningham. O 12 de febreiro a banda revelou a portada para o seu novo álbum, The Eternal, a través da súa páxina en internet e o seu blog. O álbum, producido por John Agnello, editouse o 9 de xuño. Co lanzamento de The Eternal, Matador Records tamén ofreceu un LP en directo en exclusiva para os clientes que pre-ordearan o disco.
Dende a edición de The Eternal a banda compuxo a banda sonora para a película francesa Simon Werner a Disparu, estreada en maio do 2010 como parte do Festival Internacional de Cine de Cannes. Esta será editada no ano 2011 como seguinte lanzamento das series SYR, SYR9: Simon Werner a Disparu.
O 14 de outubro do 2011 Kim Gordon e Thurston Moore anunciaban a súa separación despois de 27 anos de matrimonio a través de Matador[13]. O anuncio xerou dúbidas sobre o futuro de banda e o selo declarou que este é "incerto", a pesar de que o grupo tiña intención de rexistrar novo material cara finais de anos e de manterse as súas datas en varias cidades de América do Sur.
Estilo e influencias editar
Afinacións alternativas editar
O son de Sonic Youth baséase fortemente no uso de afinacións alternativas. A scordatura en instrumentos de corda leva usándose dende hai séculos, e as afinacións alternativas nas guitarras dende décadas na música blues, e dun xeito limitado no rock, pero Sonic Youth comezou a usar unha gran variedade de afinacións máis radicais, un feito nunca visto na historia do rock.
Estas afinacións foron desenvolvidas por Moore e Ranaldo durante os ensaios da banda. Na vez de volver a afinar en cada nova canción, Sonic Youth xeralmente usa unha determinada guitarra para un ou dous temas, e poden chegar a utilizar dúcias de instrumentos en cada xira.
Influencias editar
Ademais de Glenn Branca, as súas principais influencias son o vangardista francés Brigitte Fontaine, Patti Smith, Public Image Ltd e The Stooges. Outra foi o hardcore punk dos anos 80; despois de ver unha actuación de Minor Threat en 1982, Moore dixo deles que eran "a mellor banda en directo que vira". Se ben recoñecen que a súa propia música é moi diferente do hardcore, Moore e Gordon, especialmente, quedaron impresionados pola súa intensidade e velocidade, e pola rede de músicos e fans tecida en toda a nación.
Thurston Moore e Lee Ranaldo expresaron en numerosas ocasións a súa admiración pola música de Joni Mitchell. Ademais, Mitchell sempre usou un bo número de afinacións alternativas, ao igual que fai Sonic Youth. A banda púxolle o nome a unha canción en homenaxe a ela, "Hey Joni".
Os membros da banda tamén mantiveron relación con outros artistas vangardistas doutros xéneros e doutras disciplinas, collendo influencias do traballo de John Cage e Henry Cowell. Para unha Peel Session realizada en 1988, Sonic Youth versionou tres temas de The Fall e "Victoria" de The Kinks, tamén versionada por The Fall. Sonic Youth contou con coñecidos artistas visuais para a realización das súas portadas, como Mike Kelley (Dirty) e Gerhard Richter (Daydream Nation).
Membros editar
Membros actuais editar
- Thurston Moore: guitarra e voz.
- Lee Ranaldo: guitarra e voz.
- Kim Gordon: baixo, guitarra e voz.
- Steve Shelley: batería.
- Mark Ibold: baixo.
Antigos membros editar
- Bob Bert: batería (1983-1986).
- Anne DeMarinis: teclados (1981)
- Richard Edson: batería (1981-1983).
- Jim O'Rourke: guitarra (2000-2005).
- Jim Sclavunos: batería.
Discografía editar
Álbums de estudio editar
Álbum | Ano | Selo |
---|---|---|
Confusion is Sex | 1983 | Neutral Records |
Bad Moon Rising | 1985 | Homestead Records |
EVOL | 1986 | SST Records |
Sister | 1987 | SST Records |
Daydream Nation | 1988 | Enigma Records |
Goo | 1990 | Geffen Records |
Dirty | 1992 | Geffen Records |
Experimental Jet Set, Trash and No Star | 1994 | Geffen Records |
Washing Machine | 1996 | Geffen Records |
A Thousand Leaves | 1998 | Geffen Records |
NYC Ghosts & Flowers | 2000 | Geffen Records |
Murray Street | 2002 | Geffen Records |
Sonic Nurse | 2004 | Geffen Records |
Rather Ripped | 2006 | Geffen Records |
The Eternal | 2009 | Matador Records |
EPs editar
- Sonic Youth - 1992 (Neutral Records)
- Kill Yr Idols - 1983 (Zensor Records)
- Master-Dik - 1987 (Blast First)
- Whores Moaning - 1993 (Geffen Records)
- TV Shit - 1994 (Ecstatic Peace!)
- Silver Session for Jason Knuth - 1998 (Sonic Knuth Records)
- In the Fishtank 9 - 2002 (Konkurrent Records)
- Kali Yug Express - 2002 (Geffen Records)
- Sensational Fix - 2009 (Matador Records)
Serie SYR editar
- Artigo principal: Sonic Youth Recordings.
- SYR1: Anagrama (Sonic Youth)
- SYR2: Slaapkamers Met Slagroom (Sonic Youth)
- SYR3: Invito Al Ĉielo (Sonic Youth e Jim O'Rourke)
- SYR4: Goodbye 20th Century (Sonic Youth e outros)
- SYR5 (Kim Gordon/Ikue Mori/DJ Olive)
- SYR6: Koncertas Stan Brakhage Prisiminimui (Sonic Youth/Tim Barnes)
- SYR7: J'Accuse Ted Hughes (Sonic Youth)
- SYR8: Andre Sider Af Sonic Youth (Sonic Youth con Mats Gustafsson e Merzbow)
- SYR9: Simon Werner a Disparu
Recompilatorios editar
- Sonic Death - 1984 (Ecstatic Peace!)
- Screaming Fields of Sonic Love - 1995 (DGC Records)
- The Destroyed Room: B-sides and Rarities - 2006 (DGC Records)
- Hits Are for Squares - 2008 (Starbucks)
Notas editar
- ↑ Pitchfork (ed.). "Invisible Hits: Sonic Youth's Live Legacy". Consultado o 8 de marzo de 2016.
- ↑ Allmusic (ed.). "Sonic Youth en Allmusic". Consultado o 8 de marzo de 2016.
- ↑ "Watch: Sonic Youth's Final (?) Show". Pitchfork (en inglés). 2011-11-15. Consultado o 2022-06-30.
- ↑ Signore, John Del (2015-02-24). "Kim Gordon Describes Sonic Youth's Depressing Final Show". Gothamist (en inglés). Consultado o 2022-06-30.
- ↑ Jansen, Noud (2013-12-08). "Cultuur: Canvasconnectie: Lee Ranaldo". Humo (en neerlandés). Consultado o 2022-06-30.
- ↑ O termo mainstream na música fai referencia á que é considerada un fenómeno de masas
- ↑ "Sonic Youth: Join the club". The Independent (en inglés). 2002-06-07. Consultado o 2019-12-11.
- ↑ Post inicial de Lee en Usenet pedindo axuda para atopar o equipo
- ↑ http://sonicyouth.com/history/og-set.html
- ↑ "El festival Santirock reunió a 30.000 personas en Compostela - La Voz de Galicia" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 12 de marzo de 2016. Consultado o 28 de xullo de 2011.
- ↑ "Sonic Youth China Tour 2007_Split Works". web.archive.org. 2013-03-17. Archived from the original on 17 de marzo de 2013. Consultado o 2019-12-04.
- ↑ "Sonic Youth Poised to Take Indie Label Plunge | Pitchfork". web.archive.org. 2008-08-28. Archived from the original on 28 de agosto de 2008. Consultado o 2019-12-04.
- ↑ Spin - Kim Gordon and Thurston Moore Announce Split
Véxase tamén editar
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Sonic Youth |