Mudhoney

banda de grunge estadounidense

Mudhoney é unha banda pioneira do movemento grunge formada na cidade de Seattle despois da disolución de Green River, grupo no que estaban Stone Gossard e Jeff Ament (que formarían parte de Pearl Jam posteriormente) e Steve Turner e Mark Arm, os cales formaron Mudhoney xunto ao batería Dan Peters e ao baixista Matt Lukin no ano 1988. Lukin deixaría o grupo en 1999 sendo substituído por Guy Maddison.

Mudhoney
OrixeSeattle, Washington, Estados Unidos
Período1988 - presente
Xénero(s)grunge, rock alternativo, garage punk, punk blues
Selo(s) discográfico(s)Sub Pop, Reprise
MembrosMark Arm
Dan Peters
Steve Turner
Guy Maddison
Antigos membrosMatt Lukin
Wayne Kramer
Steve Dukich
Artistas relacionadosNirvana, Green River, Melvins, Mr. Epp and the Calculations, The Thrown Ups, Monkeywrench
Na rede
mudhoneysite.com
IMDB: nm1835338 Facebook: 120610017957082 Twitter: Mudhoney_ Instagram: mudhoney_ Bandcamp: mudhoney Spotify: 7LuYiSXiWs86rwWJjEEgB9 iTunes: 191949 Last fm: Mudhoney Musicbrainz: e675295a-1efe-4247-aa3b-53b78d0cdffc Songkick: 239431 Discogs: 83081 Allmusic: mn0000509223 Deezer: 2859 Editar o valor en Wikidata

Os primeiros lanzamentos de Mudhoney co selo Sub Pop, particularmente o seu sinxelo de estrea "Touch Me I'm Sick" e o EP Superfuzz Bigmuff, foron instrumentais na creación do xénero grunge.[1] Aínda que a banda tivo pouco éxito comercial e mantívose como unha banda máis ben underground, Mudhoney publicou once álbums de estudio e inspirou a incontables músicos de grunge e rock alternativo durante a súa longa carreira.[2]

Traxectoria

editar

Antes de Mudhoney

editar

A historia de Mudhoney comeza moito antes de que a banda fose creada. Foi a principios da década dos 80 cando Mark Arm formou a súa primeira banda, Mr. Epp and the Calculations. Era unha banda "pantasma" que non compoñía cancións nin tocaba instrumentos. Moitas veces facían carteis para concertos que non existían. Esa banda estaba formada por Mark, Joe Smitty, Tom Wolf e Darren Morey. Eles gravaron unha cinta demo que consistía basicamente na narración dunha historia con Tom e Joe tocando a guitarra e Mark na batería, e participaron nun programa de radio onde foron presentados como "Mr. Epp, a peor banda do mundo". A banda tamén chegou a tocar nun concerto de verdade, onde abriu para Malfunkshun (banda de Andrew Wood). Ao mesmo tempo, Mark tamén tocaba en The Limp Richards que tiña aínda menos material que Mr. Epp.

 
Mark Arm

Mentres tanto, o guitarrista Steve Turner tocaba con Stone Gossard (posteriormente de Pearl Jam) na banda Ducky Boys. Cando esta banda se separou, Steve foi convidado por Alex Shumway para tocar en Spluii Numa, que tocaba un son pop/punk na tentativa de facerse popular, que era exactamente o oposto das pretensións do Mr. Epp. Despois Steve saíu da banda e foi finalmente convidado por Mark para tocar en Mr. Epp e en Limp Richards que separaríanse despois da entrada de Steve.

Green River

editar

Despois do fin desas bandas, Mark, Steve e Alex decidiron formar outra. O primeiro paso foi recrutar ao baixista Jeff Ament, que na época tocaba nunha banda chamada Deranged Diction. Ament nunca foi un gran fan de Mr. Epp pero xa traballara con Steve e convencérono para xuntarse ao novo grupo, Green River. Mark quería concentrarse nas voces, polo que deixou a guitarra, que foi asumida por Steve e Stone Gossard que tamén se uniu a eles. Fixeron varios concertos, incluíndo un como abreconcertos de Dead Kennedys e ao pouco tempo Steve deixou a banda por diferenzas entre el e Stone e Jeff. Foi substituído por Bruce Fairweather (que tocaba con Jeff en Deranged Diction).

Green River tivo relativo éxito, lanzando algúns álbums e facendo xiras por Estados Unidos. Pero, aínda así, a banda separouse, principalmente porque parte da banda quería asinar un contrato cunha grande discográfica mentres o resto quería continuar nunha independente. Steve, despois da súa saída de Green River, meteuse nunha banda chamada The Thrown Ups, e co o fin de Green River, Mark entrou nesa banda. Stone, Jeff e Bruce, xuntáronse ao vocalista Andrew Wood e formaron Lords of the Wasteland, máis tarde coñecida como Mother Love Bone.

Os outros futuros integrantes de Mudhoney tamén estaban envoltos en proxectos, Matt Lukin medrou nas proximidades de Seattle, era amigo de Kurt Cobain e tocaba cos Melvins. Dan tocaba en Bundle of Hiss e durante moi pouco tempo tocou cos Melvins antes de ser convidado por Mark para entrar en Mudhoney.

Sub Pop (1988–1991)

editar

O día 1 de xaneiro de 1988, Dan, Mark, Matt e Steve reuníronse para formar Mudhoney. Eles sacaron o nome da banda dunha película do cineasta Russ Meyer. A primeira gravación foi co produtor Jack Endino e no mesmo ano sería lanzado o primeiro sinxelo pola Sub Pop, a canción era "Touch Me I'm Sick" que practicamente definiu o son de Seattle e hoxe é considerada a primeira canción grunge.

O seguinte lanzamento foi o EP Superfuzz Bigmuff, tamén pola Sub Pop. O álbum foi chamado así polo pedal de distorsión para guitarra favorito da banda. Eles lanzaron tamén un sinxelo dividido con Sonic Youth, que lles garantiu unha certa popularidade no underground. A banda saíu de xira ao lado de Sonic Youth e volveu ao estudio novamente con Jack Endino para gravar un novo álbum, o primeiro da banda, titulado Mudhoney. Ao mesmo tempo foi lanzado un novo sinxelo da canción "This Gift", á parte dunha versión de Mr. Epp, "Baby Help Me Forget" como cara-b.

Mudhoney tocou con bandas como Nirvana e Tad no festival Ultra Lame Fest da Sub Pop e saíu de xira por Australia. Cando volveron, Dan chegou a tocar con Nirvana nun único concerto. Kurt e Krist querían a Dan na banda, pero non querían que Mudhoney desaparecese, e entón acabaron optando por Dave Grohl. Dan tamén chegou a tocar en Screaming Trees por un curto período de tempo. Novamente reunido, Mudhoney comezou as gravacións do segundo álbum da banda, Every Good Boy Deserves Fudge no lendario estudio Egg, con Conrad Uno (propietario da discográfica Popllama Records).

Reprise (1992-1999)

editar

En marzo de 1992, en medio do estoupido da escena de Seattle, Mudhoney tamén acabou optando por asinar un contrato cunha gran discográfica, e a escollida foi a Reprise Records. O álbum Piece of Cake foi lanzado e non foi ben recibido pola crítica, que considerou que o son máis sucio da banda se perdera cando asinaron coa Reprise. No fin do ano, a película Singles foi estreada, e contaba cunha banda sonora que incluía unha canción de Mudhoney, "Overblown". Coa película Mudhoney gañou algunha popularidade e saíu de xira, que chegou a ter a Nirvana como abreconcertos nun concerto. Cando rematou a mesma, Mudhoney estaba de novo no estudio, desta vez baixo produción de Kurt Block, da banda Fastbacks. O álbum foi titulado Five Dollar Bob's Mock Cooter Stew e foi un intento de recapturar a enerxía dos lanzamentos anteriores.

Xa en 1994 a banda novamente saíu de xira, desta vez de abreconcertos de Pearl Jam. Nun dos concertos, Mark e Steve tocaron algunhas cancións con Pearl Jam e Alex chegou a participar reunindo a Green River. Despois desa xira volveron ao estudio para gravar My Brother the Cow co produtor Jack Endino. O álbum foi lanzado a finais do ano xunto cunha colección de videoclips titulada #1 Video in America This Week. Outra extensiva xira seguiu ao lanzamento do álbum, tocando nalgúns concertos máis con Pearl Jam e facendo concertos por toda Norteamérica e o Xapón. Tamén participaron na película Black Sheep, con Chris Farley e David Spade. Todos eses proxectos fixeron de 1995 un ano ocupadísimo para Mudhoney que, a petición de Steve, tomouse un descanso parando coas xiras e tocando apenas nalgúns concertos ocasionais en Seattle.

Steve envolveuse en proxectos paralelos como Monkeywrench (con Tom Price de Gas Huffer) e Fall Outs. Tamén creou unha discográfica independente chamada Super Electro, onde lanzou álbums para bandas como Flop. Dan estivo envolto como batería nalgunhas bandas da área de Seattle como Fastbacks, Mark Lanegan, The Deadcoats e J.D. Gilmore. Mark tocou con Steve en Monkeywrench e en Bloodloss.

Na segunda metade de 1998 a banda fixo algúns concertos, unha vez máis abrindo para Pearl Jam, e traballou na divulgación do álbum Tomorrow Hit Today. A banda realizou pequenas xira polos Estados Unidos e tamén polo Xapón e Australia. O álbum recibiu excelentes críticas nos Estados Unidos, pero Mudhoney non conseguiu recuperar o prestixio de público e crítica do tempo da Sub Pop. Despois do final da xira, a banda decidiu tomarse un novo descanso. O contrato coa Reprise foi roto, e o baixista, Matt Lukin, decidiu deixar o grupo. Mudhoney pensou en rematar a súa carreira, pero animados por Matt continúaron adiante.

Volta á Sub Pop

editar
 
A banda ao vivo na sala Capitol de Santiago de Compostela en setembro do 2010

En xaneiro de 2000 a Sub Pop lanzou o recompilatorio March to Fuzz, un CD duplo coas principais cancións da banda e rarezas, en total 50 temas. Pouco despois a banda volvería a asinar coa Sub Pop.

No ano 2002 editaron un novo disco: Since We've Become Translucent, moi ben recibido polos fans e pola crítica. Incorporaron a Guy Maddison, ex-membro de Lubricated Goat, como novo baixista da banda. Despois diso a banda pasou algún tempo facendo concertos e participando de proxectos paralelos.

En 2006 sacaron o seu último traballo: Under a Billion Suns, un dos mais pesados da banda. Chaman a atención deste disco as letras de Mark Arm, que teñen por primeira vez unha certa temática social, criticando a política de George W. Bush.

En 2008 Mudhoney comezou a gravar o seu seguinte álbum co produtor Tucker Martine. O disco foi bautizado co nome The Lucky Ones e editouse no mes de maio. Pouco despois, Sub Pop lanzou unha edición deluxe remasterizada de Superfuzz Bigmuff, que contaba co EP orixinal xunto con sinxelos, demos e gravacións en directo de 1988.

O 27 de setembro do ano 2010 Mudhoney tocou na sala Capitol de Santiago de Compostela acompañado da banda Young Fresh Fellows, tamén de Seattle, dentro do ciclo Xacobeo Importa.[3]

No ano 2011 Mudhoney foi abreconcertos de Pearl Jam na súa xira para celebrar o seu 20 aniversario. A banda tamén foi escollida por Mogwai para actuar no destival de All Tomorrow's Parties I'll Be Your Mirror no Alexandra Palace, Londres, en maio dese ano.

No ano 2013 a banda publicaría o seu noveno álbum de estudio, Vanishing Point, a través de Sub Pop Records. No Record Store Day de 2014 o selo editaría o álbum ao vivo On Top: KEXP Presents Mudhoney Live on Top of the Space Needle, gravado o ano anterior no icónico edificio de Seattle.[4]

Membros

editar

Membros actuais

editar

Antigos membros

editar

Discografía

editar

Álbums de estudio

editar
Álbum Ano Selo
Mudhoney 1989 Sub Pop Records
Every Good Boy Deserves Fudge 1991 Sub Pop Records
Piece of Cake 1992 Reprise Records
My Brother the Cow 1995 Reprise Records
Tomorrow Hit Today 1998 Reprise Records
Since We've Become Translucent 2002 Sub Pop Records
Under a Billion Suns 2006 Sub Pop Records
The Lucky Ones 2008 Sub Pop Records
Vanishing Point 2013 Sub Pop Records
Digital Garbage 2018 Sub Pop Records
Plastic Eternity 2023 Sub Pop Records

Recompilatorios

editar
Álbum Ano Selo
Superfuzz Bigmuff Plus Early Singles 1990 Sub Pop
March to Fuzz 2000 Sub Pop
Here Comes Sickness: The Best of the BBC 2000 Varese Records
  1. "Grunge". Britannica (en inglés). Consultado o 2022-06-22. 
  2. "Mudhoney Biography, Songs, & Albums". AllMusic (en inglés). Consultado o 2022-06-22. 
  3. Xunta de Galicia (ed.). "Saen á venda as entradas para o dobre concerto que ofrecerán Mudhoney e Young Fresh Fellows o 27 de setembro en Santiago". Consultado o 12 de xaneiro de 2017. 
  4. Pitchfork (ed.). "Sub Pop Announces Record Store Day Lineup: Mudhoney, Notwist, Pissed Jeans, Chad VanGaalen". Consultado o 28 de marzo de 2016. 

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar