Green River foi unha influente banda de Seattle activa entre os ano 1984 e 1988. Foi unha das primeiras bandas de grunge, e os seus membros formaron parte posteriormente de bandas tan importantes do xénero como Pearl Jam e Mudhoney. No ano 2008 Green River reuniuse e realizou varios concertos.

Green River
OrixeSeattle, Estados Unidos
Período1984 - 1988
2008 - 2009
Xénero(s)rock alternativo, grunge, heavy metal
Selo(s) discográfico(s)Homestead, Sub Pop
MembrosMark Arm
Stone Gossard
Jeff Ament
Bruce Fairweather
Alex Vincent
Steve Turner
Artistas relacionadosLimp Richerds, Spluii Numa, Mudhoney, Mother Love Bone, Love Battery, Temple of the Dog, Pearl Jam, Brad, Three Fish
Na rede
Youtube: UCzELfGVzUV1ibzevT0aabwg Bandcamp: greenriver Spotify: 1XIIxzmo6BNRR4QkImSdsX Last fm: Green+River Musicbrainz: 78f56916-fe11-4110-8f10-d553ddf8de7b Songkick: 67305 Discogs: 270968 Allmusic: mn0000799771 Editar o valor em Wikidata

Traxectoria editar

Green River formárona en 1984 Mark Arm e Steve Turner. Eles xa tocaran xuntos nas bandas Mr. Epp e The Limp Richards por un curto período de tempo e, despois do fin desas bandas, decidiron formar Green River. Chamaron ao baixista Jeff Ament, na época na banda Derranged Diction, co cal Steve xa traballara. Nun principio Jeff rexeitou entrar no grupo, pois non tiña unha boa impresión do son de Mark en Mr. Epp, que na época era presentada como "a peor banda do mundo". Finalmente Steve convenceu a Jeff para entrar en Green River e o seguinte paso foi recrutar ao batería Alex Vincent da banda Spluii Numa.

A primeira gravación foi a canción "Swallow My Pride", que máis tarde foi incluída na banda sonora do documental HYPE. No fin daquel ano, Stone Gossard, que formaba parte dos Ducky Boys xunto con Steve, entrou na banda como guitarrista. Así, Mark podía concentrarse unicamente nas voces. Coa formación definitiva, Green River estaba preparada para a gravación do seu álbum de estrea, o EP Come on Down pola discográfica Homestead Records, que foi lanzado 6 meses máis tarde. Pouco antes do lanzamento, a banda fixo unha pequena xira polos Estados Unidos.

De volta a Seattle, Steve decidiu deixar a banda para formar Thrown Ups, na que Mark ingresou máis tarde. En Green River, Steve foi substituído por Bruce Fairweather. A banda volveu ao estudio e gravou dúas cancións para o recompilatorio Deep 6 Compilation da C/Z Records, xunto con bandas como The Melvins, Skin Yard, The U-Men, Soundgarden e Makfunkshun. Na metade de 1986 gravaron o seu segundo EP, Dry as a Bone. O álbum foi producido por Jack Endino e foi lanzado polo entón acabado de fundar selo Sub Pop xa en 1987. Despois dunha nova xira Green River comezaba a chamar a atención no underground. Ao lado de Soundgarden, Green River é o principal responsable de colocar a Seattle no mapa, xerando o inicio dun processo que culminaría co estoupido de Nirvana, varios anos máis tarde.

Aproximadamente a finais de 1987 a banda comezou a traballar no seu seguinte disco, Rehab Doll, producido inicialmente por Jack Endino e finalizado por Bruce Calder, e pouco antes do lanzamento previsto do álbum en 1988 a banda anuncia o seu final.

Os rumores sobre a razón que motivou o fin da banda dan conta de que Stone e Jeff querían asinar un contrato cunha grande discográfica mentres que Mark e Alex querían continuar independentes.

Despois do fin de Green River, Steve e Mark reuníronse con Matt Lukin de The Melvins e Dan Peters de Bundle of Hiss e formaron Mudhoney. Stone, Jeff e Bruce uníronse a Andrew Wood para formar Mother Love Bone. Cando Andrew Wood morreu, Stone e Jeff formaron Pearl Jam. Alex mudouse ao Xapón para estudar dereito.

Green River foi coñecido nos anos 90 por ser a banda que deu orixe a Mudhoney e Mother Love Bone (máis tarde a Pearl Jam). E de feito, o son da banda lembra as súas influencias, a mestura dun punk rock sucio típico do fin da década dos 70 e principios dos 80 (que predomina no son de Mudhoney), co rock'n'roll clásico dos anos 70 de Led Zeppelin e Aerosmith (que foron as principais influencias no son de Mother Love Bone).

Reunións editar

Green River reuniuse o 30 de outubro de 1993 durante un concerto de Pearl Jam en Las Vegas, Nevada. Nel participaron Arm, Turner, Gossard, Ament e Chuck Treece, que ocupou o espazo de Vincent na batería xa que nese tempo estaba vivindo no Xapón. A banda interpretou as cancións "Swallow My Pride" e "Ain't Nothing to Do" antes de deixar o palco.

O grupo reuniríase novamente no ano 2008 para realizar catro concertos. A formación desta vez incluía a Ament, Arm, Turner, Vincent, Gossard e Fairweather. O primeiro concerto foi o 10 de xullo en The Sunset Tavern, Seattle. Tres días despois Green River tocou no Marymoor Park, para celebrar o 20 aniversario do selo Sub Pop. A banda tocaría novamente o 28 de novembro en Portland, Oregón e o 29 en Seattle, durante o 20 aniversario dos Supersuckers. No ano seguinte realizaría concertos os días 22 e 23 de maio para celebrar os 25 anos dos Melvins.

Discografía editar

Álbum Ano Selo Observacións
Come on Down 1986 Homestead Records EP
Dry As a Bone 1987 Sub Pop Records EP
Rehab Doll 1988 Sub Pop Records
Dry As a Bone/Rehab Doll 1988 Sub Pop Records recompilatorio