The Melvins é unha banda de sludge metal estadounidense, formada en 1983 en Aberdeen, Washington. Trátase dunha das bandas máis influentes do movemento grunge de Seattle, do que son considerados os "padriños", e tamén foi clave no desenvolvemento do sludge metal. Normalmente sempre foron un trío, pero nos últimos anos actúan como cuarteto con dous baterías. Dende o ano 1984 o cantante e guitarrista Buzz Osborne e o batería Dale Crover veñen sendo os únicos membros permanentes do grupo.

The Melvins en directo
OrixeMontesano, Washington, Estados Unidos
Período1983 - presente
Xénero(s)grunge, sludge metal, hardcore punk, rock experimental
Selo(s) discográfico(s)C/Z Records, Alchemy Records, Boner Records, Your Choice Records, Atlantic Records, Amphetamine Reptile Records, Man's Ruin Records, Ipecac Recordings, Alternative Tentacles
MembrosBuzz Osborne
Dale Crover
Jared Warren
Coady Willis
Antigos membrosKevin Rutmanis
Mark Deutrom
Joe Preston
Lori Black
Mike Dillard
Matt Lukin
Artistas relacionadosAltamont, Crystal Fairy, Fantômas, Porn, Mudhoney, Clown Alley, Thrones, Cows, Big Business, Karp, Lustmord, Jello Biafra, Nirvana, Fecal Matter, Tool, Butthole Surfers, Redd Kross, Off!, Shrinebuilder
Na rede
http://www.melvins.com/
Facebook: melvinsarmy Twitter: melvinsdotcom Instagram: melvinsdotcom MySpace: themelvins Bandcamp: melvinsofficial Spotify: 6aVjo0xHSiuW5hkasoYSR3 iTunes: 737433 Last fm: Melvins Musicbrainz: 9ccfbc94-a4f4-42f7-b6f5-d903ab77cccb Songkick: 207184 Discogs: 87652 Allmusic: mn0000349157 Deezer: 3382 Editar o valor em Wikidata

A banda chamouse así por un supervisor dun supermercado Thriftway en Montesano onde Osborne traballaba como dependente. "Melvin" era desprezado polos outros empregados, e os membros do grupo considerárono un nome apropiadamente ridículo.[1]

Orixinalmente formouse como unha banda de hardcore punk, cunha música influenciada pola mestura de punk e metal do álbum My War de Black Flag e por outros grupos como Swans e Flipper; porén, o seu enfoque peculiar, o seu estraño sentido do humor e a súa experimentación fan dos Melvins un grupo difícil de categorizar.

Biografía editar

Os comezos da banda editar

Melvins formárona a principios de 1983 by Buzz Osborne (guitarra, voces), Matt Lukin (baixo) e Mike Dillard (batería), que estudaban no instituto Montesano Jr./Sr. en Montesano, Washington.[2] A banda comezou tocando versións de Jimi Hendrix e The Who, e tamén un hardcore punk acelerado. Cando Dillard deixou o grupo, Dale Crover substituíuno, pasando a banda a ensaiar nunha habitación na casa dos seus pais en Aberdeen, Washington. Pouco despois comezaron a tocar cancións máis lentas e pesadas, algo que case ninguén facía nesa época.

En 1985 fundouse o selo C/Z Records para documentar a escena musical de Washington. A discográfica publicou Deep Six, un recompilatorio que contiña catro temas dos Melvins.[3]

Primeiros traballos editar

En 1986 gravaron a súa estrea con C/Z Records, o EP Six Songs (posteriormente aparecerían outras edicións cos títulos 8 Songs, 10 Songs, e 26 Songs).Nesa época a formación da banda era Buzz Osborne na guitarra e voces, Matt Lukin no baixo e Dale Crover na batería. O disco gravouse en directo en dúas pistas no Ironwood Studio de Seattle o 8 de febreiro de 1986, cunha produción extremadamente precaria e a un custo baixísimo.

No ano seguinte, a través da discográfica Alchemy Records, foi lanzado o que hoxe é considerado como o álbum de estrea da banda, Gluey Porch Treatments, coa mesma formación. O disco tivo unha produción un pouco máis coidada e tivo boa recepción na costa oeste estadounidense. O disco sería lazado posteriormente en CD por Boner Records unido ao seu segundo álbum, Ozma, e en 1999 foi reeditado por Ipecac Recordings acompañado por un feixe de demos.[4]

En xaneiro de 1988 Crover tocou a batería con Nirvana (co nome de "Ted Ed Fred") na gravación dunha demo de 10 temas que despois se convertería no álbum de estrea Bleach. Posteriormente Osbourne presentaría a Dave Grohl a Kurt Cobain e Krist Novoselic.[5]

En 1989, Matt Lukin deixou a banda para formar Mudhoney e Melvins restabléceuse en San Francisco para gravar o seu seguinte disco. Ozma foi lanzado naquel ano e foi un dos mellores discos da escena underground aparecidos en 1989, cando a escena de Seattle comezaba a chamar a atención en Europa. O son seguía a tendencia do disco anterior, con moito peso. Para o lugar de Matt Lukin, a banda contou coa baixista Lori "Lorax" Black (filla da actriz Shirley Temple).

Bullhead, lanzado en 1991 non cambiaba moito respecto aos anteriores traballos, mais consolidaba o son de The Melvins. No mesmo ano saíu o EP Eggnogg, que mantiña a calidade dos seus primeiros discos, pero pasou bastante desapercibido. A finais daquel ano Nirvana chegaba ao estrelado co álbum Nevermind, que abriría as portas para varias bandas de Seattle. Mentres tanto todos os discípulos dos Melvins conseguían o éxito xuntando peso e melodía, as cancións dos Melvins non posuían o formato pop, pasando á marxe de calquera posibilidade de alcanzar o éxito comercial.

En 1992, Lori saíu da banda e comezou unha etapa de cambio continuo de baixistas. Primeiro foi Tom Flyn, que logo deixou a banda para a entrada de Joe Preston. Naquel ano, The Melvins innovou co álbum Lysol, un traballo conceptual de só un tema cunha duración de 31 minutos. Foi o último disco da banda pola Boner Records, que aínda en 1992 lanzou os EP's Dale Crover, King Buzzo e Joe Preston. Eses tres EP's foron inspirados (ata nas portadas) nos álbums en solitario dos integrantes de Kiss.

Contrato cunha grande editar

Grazas á influencia de Kurt Cobain, The Melvins asinou un contrato coa discográfica Atlantic, e o mesmo Cobain tocou a guitarra e coproducíu coa banda o álbum Houdini, lanzado en 1993. O son da banda seguía sendo moi parecido á dos anteriores traballos a pesar de estar agora nunha grande discográfica.

Nese tempo, descontentos co baixista Joe Preston, a banda chama a Lori Black para as gravacións de Houdini, e despois Mark Deutrom convértese no baixista de The Melvins.

Houdini foi recoñecido como un dos mellores álbums da súa carreira e foi o disco da banda que máis vendeu ata ese momento, a pesar de que The Melvins non tiña un grande público.

Despois dunha participación discreta no festival alternativo Lollapalooza, The Melvins volta en 1994 co álbum Prick, cun son bastante experimental. O disco foi lanzado pola discográfica independente Amphetamine Reptile, aínda que a banda continuaba tendo o contrato coa Atlantic.

En 1996 lanzouse o seu segundo traballo a través da Atlantic, titulado Stoner Witch. Este é mellor recibido polos fans e pola crítica que Prick, que considerron ao disco como o máis maduro ata ese intre. Nese ano The Melvins actúa como abreconcertos na xira de Kiss, que inicialmente contara cos Stone Temple Pilots.

Pero as vendas de discos nunca foron grandes para a banda, e coa perda de popularidade do rock alternativo, o álbum Stag, editado en 1996, foi o seu último disco cunha grande discográfica. Stag foi un dos álbums máis variados da banda, usando no mesmo cítara, trompetas, teclados e sintetizadores.

De volta ás independentes editar

The Melvins asinou un contrato co selo independente Amphetamine Reptile e lanzou Honky en 1997. Este foi o último álbum da banda co baixista Mark Deutrom, que foi substituído por Kevin Rutmanis.

Durante todos os meses de 1998 The Melvins lanzou unha série de sinxelos, reunidos a finais do ano nun álbum dobre. Aínda en 1998 a banda participa do festival Ozzfest e asina un contrato coa Ipecac Records, discográfica de Mike Patton, compañeiro de Buzz en Fantômas.

A intención da banda cando asinou coa Ipecac era o lanzamento dunha triloxía de álbums a partir de 1999 con só meses de diferenza entre eles. O primeiro foi The Maggot co son máis tradicional de The Melvins. O seguinte, The Bootlicker é máis variado, lembrando ao álbum Stag. The Crybaby, editado no 2000, foi derradeiro disco da triloxía, tamén cun son variado e contando con varios convidados como integrantes das bandas Tool e Jesus Lizard e mesmo do propio Mike Patton. En The Crybaby atópase unha versión bastante fiel de "Smells Like Teen Spirit" de Nirvana. Aínda nese ano, o seu álbum Gluey Porch Treatments, descatalogado dende había anos, é reeditado nunha edición especial con varias cancións inéditas.

En 2001 lanzouse o álbum Electroretard pola discográfica Man's Ruin. Electroretard pode ser considerado como un recompilatorio, xa que contén cancións antigas da banda regravadas, á parte dalgunhas versións. No disco a banda experimenta bastante con compoñentes electrónicas nas cancións.

Os dous seguintes lanzamentos da banda son en directo. O primeiro deles, The Colossus of Destiny, é máis ben unha rareza tipica de The Melvins: un único tema de 59 minutos de barullo sen melodía. O segundo, Millennium Masterwork, de 2002, reúne a The Melvins e a Fantômas no mesmo disco. O concerto que deu orixe ao disco foi unha presentación das dúas bandas xuntas no escenario para celebrar os cinco anos da Ipecac.

Unha semana despois de Millennium Masterwork editouse un novo álbum de estudio de The Melvins. Hostile Ambient Takeover tiña un son máis tradicional, deixando de lado a experimentación de discos anteriores.

No ano seguinte a Ipecac rescata outra peza do catálogo da banda. Ten Songs, o primeiro álbum da banda gaña unha nova presentación e 16 temas inéditos, sendo rebautizado como 26 Songs.

20 aniversario editar

En 2004 The Melvins cumpriu 20 anos de carreira. Para celebrar o aniversario lanzouse o libro Neither Here Nor There, con 224 páxinas de historias e fotos da banda. O libro estaba acompañado por un CD recompilatorio de 18 temas de practicamente todos os seus discos.

Nese ano a banda colaboru co artista Lustmord para o álbum Pigs of the Roman Empire, e co vocalista de Dead Kennedys Jello Biafra para Never Breathe What You Can't See e Sieg Howdy!, editados nos anos 2004 e 2005 respectivamente. Never Breathe What You Can't See estivo promocionado por unha pequena xira con Jello Biafra e Adam Jones de Tool. Planeouse unha xira europea pero foi cancelada no mes de outubro do 2004 debido a problemas con Rutmanis. Melvins rematou o ano facendo un feixe de concertos con David Scott Stone promocionando o traballo do director de cine Cameron Jamie en Europa e nos Estados Unidos.

Cando lle preguntaron a Osborne e a Crover sobre Rutmanis e a cancelación da xira contestaron que este "desaparecera". Os seareiros temían que Rutmanis deixara a banda ao igual que outros baixistas antes que el, pero Rutmanis volvería por unha tempada a principios do 2005. No mes de xuño dese ano deixou a banda oficialmente debido a un problema co abuso de drogas. Cando Melvins saíu de xira en outubro e novembro con Jello Biafra, David Scott Stone ocupou o seu lugar no baixo.

A principios do 2006 Crover confirmou que os membros da banda Big Business uniríanse aos Melvins. As bandas fusionadas xiraron polos Estados Unidos no outono dese ano promocionando o álbum (A) Senile Animal, último traballo de Melvins.[6] O grupo tamén xirou brevemente polo Reino Unido a mediados do mes de decembro. A banda tocou dus novos temas durante a xira do 2007, "Suicide in Progress" e "Billy Fish", que aparecerían no seu seguinte álbum, Nude With Boots, editado en xullo do 2008.

Os días 16 e 17 de xuño do 2008, a formación orixinal da banda (de 1983) fixo dous concertos no Great American Music Hall en San Francisco, celebrando o 50 aniversario de Jello Biafra. Neles tocaron cancións de The Mangled Demos, unha colección de material dos primeiros anos da banda editado por Alternative Tentacles no 2005.

No 2008 a banda tamén colaboro co grupo italiano Zu nunha canción. No mes de xullo apareceu Nude With Boots, sendo parte das sesións de gravación documentadas por Toshi Kasai nun blog xaponés. En decembro, xunto con Mike Patton, Melvins comisionou unha edición do festival All Tomorrow's Parties Nightmare Before Christmas.

O CD de remesturas Chicken Switch, do que se viña falando dende o 2003, foi editado o 29 de setembro]] do 2009 a través do selo Ipecac Recordings. A diferenza que nos discos de remesturas normais onde o "remesturador" traballa cun único tema, para Chicken Switch traballaron cun álbum enteiro para crear a súa pista.

Melvins uniuse ao supergrupo de Nova Orleáns Down and Weedeater para facer unha xira por Norteamérica no verán e no outono do 2009. A banda editou o seu seguinte traballo, titulado The Bride Screamed Murder, o 1 de xuño do 2010.

A comezos do 2011 a banda tivo a mala sorte de estar de xira en Christchurch, Nova Zelandia durante o terremoto que afectou á cidade no mes de febreiro, e posteriormente en Toquio no terremoto e tsunami de Sendai que afectaron ao Xapón en marzo.

Discografía editar

Álbums de estudio editar

Álbum Ano Selo Observacións
Gluey Porch Treatments 1987 Boner Records
Ozma 1989 Boner Records
Bullhead 1991 Boner Records
Lysol 1992 Boner Records
Houdini 1993 Atlantic Records
Prick 1994 Amphetamine Reptile Records
Stoner Witch 1994 Atlantic Records
Stag 1996 Atlantic Records
Honky 1997 Amphetamine Reptile Records
The Maggot 1999 Ipecac Recordings
The Bootlicker 1999 Ipecac Recordings
The Crybaby 2000 Ipecac Recordings
Electroretard 2001 Man's Ruin Records
Hostile Ambient Takeover 2002 Ipecac Recordings
Pigs of the Roman Empire 2004 Ipecac Recordings con Lustmord
Never Breathe What You Can't See 2004 Alternative Tentacles con Jello Biafra
Sieg Howdy! 2005 Alternative Tentacles con Jello Biafra
(A) Senile Animal 2006 Ipecac Recordings
Nude with Boots 2008 Ipecac Recordings
The Bride Screamed Murder 2010 Ipecac Recordings
Freak Puke 2012 Ipecac Recordings
Everybody Loves Sausages 2013 Ipecac Recordings
Tres Cabrones 2013 Ipecac Recordings
Hold It In 2014 Ipecac Recordings
Three Men and a Baby 2016 Sub Pop con Mike Kunka
Basses Loaded 2016 Ipecac Recordings
A Walk with Love & Death 2017 Ipecac Recordings
Pinkus Abortion Technician 2018 Ipecac Recordings
Working with God 2021 Ipecac Recordings
Five Legged Dog 2021 Ipecac Recordings
Bad Mood Rising 2022 Amphetamine Reptile Records

Notas editar

  1. Loudwire (ed.). "Melvins' Buzz Osborne - Wikipedia: Fact or Fiction?". Consultado o 27 de xaneiro de 2017. 
  2. "The Melvins Concerts, Tour Dates & Tickets, eventseeker". eventseeker.com (en inglés). Consultado o 2021-12-17. 
  3. "Deep Six (1986, Vinyl)" (en castelán). Consultado o 2021-12-18. 
  4. "Melvins – Gluey Porch Treatments (1987, Vinyl)" (en castelán). Consultado o 2021-12-18. 
  5. "The Daily Weekly - Krist Novoselic: We All Owe Something to The Melvins - Seattle Weekly". web.archive.org. 2009-01-25. Archived from the original on 25 de xaneiro de 2009. Consultado o 2021-12-18. 
  6. "The Melvins To Release 'A Senile Animal' In October". Blabbermouth. Archived from the original on 23 de decembro de 2008. Consultado o 19 de setembro de 2018. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar