Stone Temple Pilots

banda norteamericana de rock alternativo

Stone Temple Pilots (tamén coñecida como STP) é unha banda norteamericana de rock alternativo formada en San Diego (California) no ano 1986. Está composta por Robert DeLeo (baixo), Dean DeLeo (guitarra), Eric Kretz (batería) e Chester Bennington (voz). Durante o ano 2003 a banda separouse. Anteriormente estivo liderada polo vocalista Scott Weiland, pero este sería despedido no ano 2013.

Stone Temple Pilots
OrixeSan Diego (California), Estados Unidos
Período1986 - 2003
2008 - actualidade
Xénero(s)rock alternativo, hard rock, grunge
Selo(s) discográfico(s)Atlantic Records
MembrosDean DeLeo
Robert DeLeo
Eric Kretz
Chester Bennington
Antigos membrosScott Weiland
Jeff Gutt
Na rede
stonetemplepilots.com
IMDB: nm1500599 Facebook: stpband Twitter: STPBand Instagram: stpband MySpace: stonetemplepilots Youtube: UCocfdCiKujljqcGC-STMsCQ BNE: XX5064932 Souncloud: stpsoundcloud Spotify: 2UazAtjfzqBF0Nho2awK4z iTunes: 889772 Last fm: Stone+Temple+Pilots Musicbrainz: 8c32bb01-58a3-453b-8050-8c0620edb0e5 Songkick: 368333 Discogs: 87642 Allmusic: mn0000626463 Deezer: 4435 Genius: Stone-temple-pilots Editar o valor en Wikidata

Despois de que Weiland fose durante 5 anos o líder de Velvet Revolver e de que os irmáns DeLeo traballasen no proxecto Army of Anyone, e a principios de 2008 a banda anunciou a súa volta coa formación orixinal. En maio do ano 2010 a banda editou o seu sexto álbum de estudio, Stone Temple Pilots.

O día 27 de febreiro do 2013 a banda publicou un comunicado anunciando que Scott Weiland "rematara" coa banda.[1] No mes de maio anunciábase que o seu substituto era Chester Bennington, vocalista de Linkin Park.[2]

Traxectoria

editar

A finais da década de 1980, os irmáns Robert e Dean DeLeo mudáronse de Nova Jersey para San Diego, en California. Os dous xa tocaran xuntos en Nova Jersey, nunha banda de versións chamada Tyrus. Robert coñeceu ao vocalista Scott Weiland durante un concerto de Black Flag en 1986, cando se fixeron amigos e comezaron a tocar a guitarra e gravar algunhas cousas nun equipo de 8 canles. A banda era chamada Swing, pero nesa época non había ningunha pretensión de seguir unha carreira ou de tocar en directo, era só por diversión. Coa entrada do guitarrista Corey Hicock e de seguido do batería Eric Kretz, a idea comezou a solidificarse e algúns meses despois convidaron ao irmán máis vello de Robert, Dean DeLeo para substiuír a Hicock na guitarra. Cando Dean DeLeo converteuse no novo guitarrista da banda en 1990, oficialmente estaba formado Mighty Joe Young, nome sacado dunha película feita en 1949, semellante a King King.

O primeiro álbum e a conquista do éxito

editar
 
Scott Weiland, vocalista da banda.

Mighty Joe Young fixo o seu primeiro concerto como abreconcertos da Rollins Band en agosto de 1990, no Whiskey-A-Go-Go nos Ánxeles. Cansaron axiña da escena musical dos Ánxeles e retornaron a San Diego, onde compuxeron temas e tocaron en bares locais durante dous anos. Despois dalgún tempo, a banda conseguiu conquistar un público fiel na rexión e gravou a súa primeira demo en 1991. En 1992, un executivo da Atlantic Records foi a un dos concertos da banda, e amosou o interese da discográfica en asinar un contrato. Inicialmente a banda declinou asinar ata conversar co empresario Danny Goldberg, que entón administraba a carreira de Nirvana. O contrato asinouse o 1 de abril de 1992.

A banda estaba no estudio para gravar o seu primeiro álbum, cando, para sorpresa do grupo, recibiron unha carta dun octoxenario bluesman de Chicago que tamén usaba o nome Mighty Joe Young. El fixera música a principios dos anos 70, e fora convidado para formar parte dun grupo de cantantes de blues para facer unha xira polos Estados Unidos. Era a volta de Mighty Joe Young e quería usar o seu nome artístico. A petición de Young era completamente lexítima e a banda nin sequera contestou. Realmente, foi case unha honra para eles, que aproveitaron a oportunidade para mudar de nome, xa que Mighty Joe Young soaba semellante a Ugly Kid Joe, cos cales non querían ser confundidos.

Decidiron usar un nome que tivese as siglas STP, inspirado na STP Motor Oil Company, que era unha icona nos anos 80 (o propio Scott Weiland tiña unha pagatina da STP na súa bicicleta). Escolleron varios nomes como Shirley Temple's Pussy, Stinky Toilet Paper ou Stereo Temple Pirates, antes de optar definitivamente por Stone Temple Pilots.

O álbum de estrea tardou pouco tempo en ser gravado, pois a banda xa tiña a maioría das cancións listas. En setembro foi lanzado o Core, producido por Brendan O'Brien, que xa trallara con Black Crowes e Red Hot Chili Peppers.

Core comezou a súa escalada nas listas despois do seu lanzamento. O videoclip do primeiro sinxelo, "Sex Type Thing", entrou en rotación inicialmente no programa de metal da MTV americana Headbangers' Ball, para despois entrar na programación semanal da emisora. A partir de aí, o álbum Core pasou máis dun ano nas listas, chegando a vender 3 millóns de copias nos Estados Unidos. A banda recibiu varios premios: Grammy á mellor actuación hard rock por "Plush"; American Music Awards por mellor artista novo de pop/rock e mellor artista heavy metal/hard rock, ambos en 1993; dous Billboard Video Awards e un Billboard Music Award tamén para "Plush"; e un MTV Music Video Award por mellor artista novo de 1993; a banda tamén foi votada mellor artista novo e o vocalista Scott Weiland foi escollido mellor vocalista nos premios da revista Rolling Stone, escollidos polos lectores. Os lectores da revista Guitar Player escolleron a Dean DeLeo como mellor novo talento de 1993.

Stone Temple Pilots pasou practicamente todo o ano de 1993 de xira, abriu algúns concertos de Megadeth e gravou un acústico para a MTV.

As críticas

editar

A pesar do éxito, Stone Temple Pilots pasou moito tempo da súa carreira combatendo a percepción de que eles eran unha banda de Seattle. O seu álbum de estrea xerou moitas comparacións coa escena de rock alternativo do noroeste estadounidense, cando realmente Stone Temple Pilots pasara toda a súa carreira batallando en pequenos bares no sur de California. O grupo foi moitas veces pexorativamente confundido coas historias de éxito das bandas de Seattle como Pearl Jam e Alice in Chains, onde se afimou que Stone Temple Pilots tería entrado de casualidade, aproveitando o éxito do grunge. Realmente todas esas bandas eran parte dunha onda de bandas novas, que tiñan como raíces a combinación do hard rock dos anos 70 e o heavy metal desa época mesturada cunha estética punk rock actual.

A partir do estoupido de Nirvana, os críticos pasaron a condenar o éxito de bandas que tiñan unha actitude ou sonoridade semellante, alegando copia ou ilexitimidade por esta ou aquela banda ser ou non de Seattle. Acontecía tamén que o rock alternativo fora durante moito tempo unha industria pechada, a onde as grandes discográficas non se aproximaban, e non había o interese nin das propias bandas de chegar a un público maior. E de súpeto estaban todos comercializando o rock alternativo e todas as bandas da escena, primeiramente de Seattle e despois doutros lugares, foron colocadas no mercado.

Para Stone Temple Pilots, a situación comezou a empeorar cando foi lanzado o seu segundo sinxelo, "Plush", que tiña guitarras e voz que podían ser doadamente confundidas con Pearl Jam. As discusións sobre o que era mainstream e o que era alternativo, e as críticas da prensa especializada case acabaron coa banda, segundo admitiu Weiland nunha entrevista en 1995.

O segundo álbum e a crise

editar

En 1994 a banda lanzou o seu segundo álbum, Purple (tamén producido por Brendan O'Brien). O disco tiña un bo número de hits: "Vasoline", "Interstate Love Song" (que estivo 15 semanas no primeiro lugar na lista de rock da Billboard) e "Big Empty" (que entrou na banda da película The Crow) e vendeu tres millóns de copias nos Estados Unidos.

A reacción da crítica desta vez foi dividida, algunha positiva e outra negativa, pero todos os críticos recoñecían a evolución no son da banda. Nesta época apareceron rumores sobre a adición á heroína do vocalista Scott Weiland, e a banda viuse obrigada a cancelar varios concertos da súa xira. Weiland pasou un tempo envolto con problemas legais e clínicas de reabilitación.

En 1995 a banda volveu ás listas cunha versión de "Dancin' Days" para un disco en tributo a Led Zeppelin. Scott Weiland participou dun proxecto paralelo chamado The Magnificent Bastards, que gravou algunhas cancións para a película Tank Girl.

Stone Temple Pilots volveu a reunirse en 1996 co produtor Brendam O'Brien para a gravación de Tiny Music... Songs from the Vatican Gift Shop. Foi o disco máis ousado da banda ata entón, bastante elaborado musicalmente e mesturando varios estilos. O álbum tivo un éxito relativo, chegando a 1 millón de copias vendidas nos Estados Unidos, a pesar da imposibilidade dunha mellor divulgación e de facer concertos debido aos problemas do vocalista Scott Weiland.

Ante a imposibilidade de seguir a súa carreira con Stone Temple Pilots, os outros integrantes da banda uníronse ao vocalista David Coutts, que tocaba nunha banda chamada Ten Inch Man, para formar o supergrupo Talk Show. Nese punto, o futuro de Stone Temple Pilots era incerto. Talk Show lanzou un álbum, moi mal recibido pola crítica, en 1997 e saíu de xira polos Estados Unidos como abreconcertos de Foo Fighters.

Scott Weiland editou un álbum en solitario en 1998, pero no mesmo día do primeiro concerto da súa xira, Scott foi preso por posesión de drogas e tivo que pasar un tempo entre clínicas e tribunais.

O recomezo

editar

A finais de 1998 os integrantes da banda decidiron traballar xuntos novamente. Un novo álbum, titulado Nº 4 foi finalizado en marzo de 1999 e tiña o lanzamento previsto para outubro do mesmo ano. Porén, aos poucos meses antes do lanzamento do álbum, Scott foi novamente preso, e desta vez condenado a un ano de prisión por ter violado a súa liberdade condicional. O álbum foi lanzado con pouca divulgación e a banda cancelou para o 2000 os plans de facer unha xira, o que non ocorría dende 1994.

A principios de 2000, Scott Weiland deixou o cárcere e a banda retomou o traballo de promoción do álbum Nº 4 coa gravación de videoclips e concertos. Stone Temple Pilots facturou un hit coa canción "Sour Girl" e o disco subiu nas listas chegando a 1 millón de copias vendidas nos Estados Unidos a finais de ano. A xira tamén tivo bastante éxito, con varios concertos para grandes públicos no verán. Weiland finalmente amosaba sinais da súa recuperación definitiva. En 2001 a banda comezou a gravar o seu quinto álbum, e para iso alugou unha mansión en Malibú (California), onde o disco se gravou novamente coa produción de Brendan O'Brien. En xullo lanzouse Shangri-La Dee Da, un disco que mestura todos os elementos presentes nos álbums anteriores.

Despois do lanzamento de Shangri-La Dee Da, a banda embarcouse nunha xira europea en agosto, volvendo aos escenarios estadounidenses en novembro para participar no festival Family Value, ao lado de bandas como Staind e Linkin Park. Nese festival, a banda tivo dificultades co público, onde predominaban fans de Linkin Park. Estrañamente, Stone Temple Pilots pouco tocaba os temas do seu novo traballo, como moito unha ou dúas cancións novas eran presentadas en cada concerto. Ao mesmo tempo, mentres o primeiro sinxelo do novo álbum, "Days of the Week", tivo boa aceptación polo público, nunca houbo un segundo sinxelo, o que fixo que o disco acabase saíndo da escena. A banda optou por lanzar "Revolution", versión dos Beatles, como sinxelo, e cos seus beneficios a banda apoiou a asociacións de vítimas dos atentados do 11 de setembro.

Co final do Family Values en novembro, a banda só se presentaría catro veces máis antes do final de 2001. Unha xira propia dos Stone Temple Pilots nos Estados Unidos só acontecería en 2003, cando a banda presentouse en 16 cidades entre abril e maio. En setembro a banda participou dalgúns festivais e en outubro intercalou datas propias e algúns concertos como abreconcertos de Aerosmith. Eses foron os últimos concertos de Stone Temple Pilots.

Oficialmente, a banda estaba tomándose un tempo, mentres os seus integrantes ían anunciando novos proxectos. En febreiro, os irmáns DeLeo asumiron a produción do álbum truANT, da banda Alien Ant Farm. En abril xurdiu a noticia de que Scott Weiland estaría traballando no seu segundo álbum en solitario co produtor Josh Abraham. O lanzamento estaría previsto para agosto pola Atlantic, o que finalmete non sucedeu.

Semanas despois, aínda en abril, apareceu o rumor de que Scott Weiland estaría ensaiando co chamado "The Project", unha banda formada por membros de Guns n' Roses (Slash, Duff McKagan e Matt Sorum), que estaban na procura dun vocalista e xa fixeran probas con Sebastian Bach (ex-Skid Row) e Travis Meeks (Days of the New), entre outros.

En maio foi revelado polo propio Weiland (e desmentido polos portavoces dos ex-integrantes dos Guns) que el realmente sería o vocalista da nova banda. Weiland dixo tamén que foran gravadas dúas cancións para bandas sonoras de películas: "Money", versión de Pink Floyd, para a película Italian Job e a inédita "Set Me Free", que foi incluída nos créditos finais de Hulk. Nesa época, o nome provisional da nova banda era Reloaded.

En maio Weiland foi preso pola policia dos Ánxeles, que atopou drogas no seu coche. Weiland foi liberado baixo fianza, e a primeira audiencia foi marcada pola xustiza para o 2 de xuño.

Ese ano de 2003 Temple Pilots separaríase, e o 11 de novembro o seu selo, Atlantic Records, editou o recompilatorio de grandes éxitos Thank You cun DVD extra.

Despois da ruptura

editar

Weiland uniuse no 2003 ao supergrupo Velvet Revolver, formado polo antigo guitarrista de Wasted Youth Dave Kushner e os antigos membros de Guns N' Roses Slash, Matt Sorum e Duff McKagan. A banda editaría dous álbums, Contraband (2004) e Libertad (2007).

Os irmáns DeLeo formaron Army of Anyone co vocalista Richard Patrick, da banda de rock industrial Filter, e o batería Ray Luzier. O grupo lanzou o seu único álbum o 14 de novembro do 2006. Army of Anyone quedou en hiato en maio do 2007 despois de que Richard Patrick anunciase que estaba traballando nun novo disco de Filter. Eric Kretz estivo pouco visible durante ese tempo, traballando no seu propio estudio, Bomb Shelter Studios, e tocando a batería coa banda Spiralarms.

Reunión

editar
 
A banda actuando no Virgin Festival

Segundo Dean DeLeo, o primeiro paso para a volta de Stone Temple Pilots foi unha chamada da muller de Weiland, Mary Forsberg. Ela convidou aos irmáns DeLeo a tocar nunha festa privada, que permitiu a súa reconciliación con Weiland. No 2007 Dean DeLeo e Scott Weiland negociaron unha oferta dun promotor para encabezar varios festivais de verán. A pesar de comprometerse a facer unha breve xira cos seus compañeiros de Velvet Revolver, Weiland foi condenado ao ostracismo e, como resultado, na metade do concerto do 20 de marzo do 2008, Weiland anunciou que sería a súa derradeira xira con Velvet Revolver.

O seguinte mes, Stone Temple Pilots anunciou que se estaba a reunir para unha xira de 65 datas por Norteamérica. Durante un deses concertos, Weiland falou dun posible novo álbum. Antes da xira Weiland fora condenado a pasar 8 días na cadea por conducir baixo os efectos do alcol o ano anterior.

No mes de xuño Atlantic Records presentou unha demanda contra Weiland e Kretz por intentar romper o seu contrato previo (os irmáns DeLeo rescindírano no ano 2003). A pesar de que a banda gravara seis álbums para o selo, Atlantic quería gravar un sétimo traballo de Stone Temple Pilots.

Stone Temple Pilots foi cabeza de cartel no Virgin Mobile Festival en Baltimore o 10 de agosto, e tamén no 10º Voodoo Experience en Nova Orleáns. Esta foi unha das súas actuacións máis exitosas dende a reunión.

Scott Weiland editou o seu segundo traballo en solitario, "Happy" in Galoshes, o 25 de novembro, e saíu de xira durante o ano 2009.

Novo álbum de estudio

editar

As gravacións do novo traballo da banda comezaron a mediados do 2009. No mes de xuño o grupo tiña compostas 18 cancións, 12 dos cales tiñan previstos editar no álbum. Stone Temple Pilots actuou no South by Southwest en marzo, estreando catro temas novos, e tamén apareceu no Download Festival 2010 en xuño e nos festivais alemáns Hurricane Festival e Southside Festival. O 19 de maio estaría no Late Show with David Letterman por primeira vez despois de 10 anos, tocando "Between the Lines". Stone Temple Pilots foi editado o día 25 de maio do 2010, estreándose no número 2 da lista Billboard 200.

En setembro do 2010, STP anunciou que reprogramaría algúns dos concertos da xira estadounidense para que a banda puidese tomarse un descanso. Este anuncio produciuse poucos días despois de que Weiland dixese nun concerto en Houston, Texas: "Comecei a beber de novo. Meu irmán morreu, a miña muler máis eu divorciámonos, e todo o meu mundo basicamente deu a volta. Sabedes que? Vou coidar de min mesmo porque iso é o que teño que coidar. En vez de ter uns poucos concertos, quero ter moitos malditos concertos". A xira reanudaríase semanas máis tarde.

Discografía

editar
Álbum Ano Selo
Core 1992 Atlantic Records
Purple 1994 Atlantic Records
Tiny Music... Songs from the Vatican Gift Shop 1996 Atlantic Records
No. 4 1999 Atlantic Records
Shangri-La Dee Da 2001 Atlantic Records
Stone Temple Pilots 2010 Atlantic Records
Stone Temple Pilots 2018 Atlantic Records
Perdida 2020 Rhino Entertainment
  1. spin.com - Stone Temple Pilots Fire Frontman Scott Weiland (en inglés)
  2. rollingstone.es (ed.). "Stone Temple Pilots tienen nuevo cantante: Chester Bennington" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 08 de xuño de 2013. Consultado o 19 de maio de 2013. 

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar