Jimi Hendrix
James Marshall Hendricks, máis coñecido polo nome artístico de Jimi Hendrix, nado en Seattle (Washington, Estados Unidos) o 27 de novembro de 1942 e finado en Notting Hill (Londres, Reino Unido) o 18 de setembro de 1970,[1] foi un guitarrista, cantante e compositor estadounidense. Malia que a súa carreira profesional só durou catro anos, é frecuentemente considerado por parte da crítica como o mellor guitarrista eléctrico do rock. O Salón da Fama do Rock and Roll descríbeo como «Indiscutiblemente un dos músicos máis grandes da historia do rock».
Jimi Hendrix | |
---|---|
![]() | |
Nome completo | Johnny Allen Hendrix |
Data nacemento | 27 de novembro de 1942 |
Nado en | Seattle, Washington ![]() |
Falecemento | 18 de setembro de 1970 (27 anos) |
Kensington | |
Causa | asfixia |
Soterrado | Greenwood Memorial Park |
Irmáns | Leon Hendrix |
Ocupación | cantante, produtor musical, vocalista, guitarrista, cantautor, compositor e músico |
Relacionado con | The Isley Brothers, Little Richard, The Blue Flame, Curtis Knight and the Squires, The Jimi Hendrix Experience, Band of Gypsys |
Tempo en activo | 1967 - 1970 |
Pseudónimo | Jimmy James |
Na rede | |
https://www.jimihendrix.com/ | |
![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() | |
![]() | |
[ editar datos en Wikidata ] |

Alcanzou a fama internacional en 1967 logo de participar no Festival Pop de Monterey. Outros festivais nos que tamén participou foron o Festival de Woodstock de 1969 e o Festival da illa de Wight de 1970.
Traxectoria Editar
Músico autodidacta, dende pequeno escoitou Blues e R&B da colección de discos do seu pai, quen lle mercou a súa primeira guitarra cando tiña 10 anos. Ó ano seguinte o seu pai foi a unha tenda de música de Seattle e mercou unha guitarra eléctrica para Jimi e un saxofón para el, saxofón que tería que devolver para poder rematar de pagar a guitarra. Inspirouse na innovación de xente como B. B. King, Albert King e T-Bone Walker e converteu a guitarra eléctrica nun instrumento distinto a unha guitarra normal amplificada, que era como se viña utilizando ata o de entón. Sendo aínda adolescente, xa adquirira unha considerable reputación coma guitarrista tocando con xente coma Ike e Tina Turner, Little Richard ou o mesmo B.B. King.
En 1965 Jimi formou a súa propia banda, chamada Jimmy James and the Blue Flames. Chas Chandler, baixista dos Animals, oíuno tocar e ofreceulle inmediatamente trasladarse a Londres. Jimi volveu a adoptar o seu verdadeiro nome modificando a ortografía. Chas Chandler conseguiulle coma baixista a Noel Redding, quen en realidade era un guitarrista que necesitaba o emprego, e a un batería chamado Mitch Mitchell. Xuntos formaron The Jimi Hendrix Experience. Os Experience sacaron o seu primeiro single con Polydor, "Hey Joe" (canción de Tim Robins) chegou ó nº4 das listas. Durante 1967 conseguiu outros tres singles de éxito considerados hoxe coma clásicos: "Purple Haze", "The Wind Cries Mary" e "The Burning of the Midnight Lamp".
A finais de 1967 regresou aos EUA para tocar no Festival Pop de Monterrey. Ó finalizar a súa actuación prendeulle lume á guitarra, cousa que non fixo moita graza a un dos seus managers. Bill Graham fíxose cargo entón da banda contratándoa como abreconcertos durante varias noites ós Jefferson Airplane. Despois da impresionante actuación de Jimi na primeira noite, os Airplane retiráronse do cartel.
En 1969 Jimi, canso dos Experience, separouse e sacou un disco en directo con Bill Cox ó baixo e Buddy Miles á batería que non tivo moito éxito. De mala gana volve a reunir ós Experience, pero comeza a eludir as actuacións en directo. Instala en Nova York os seus propios estudios ("Electric Lady Studios") e dedicase a gravar.
O 18 de setembro de 1970 morre coma consecuencia dunha inxestión masiva de barbitúricos, afogado no seu propio vómito. Truncábase deste modo a carreira do máis grande guitarrista de tódolos tempos.
En realidade só os catro primeiros discos foron sacados en vida, os demais son obras póstumas.
Ademais dos álbums oficiais hai unha chea de discos con recompilacións, actuacións en directo, festivais... Afortunadamente, hai moitísimos discos en directo non oficiais cun son mellor que os directos oficiais de moitos outros grupos.
Equipo Editar
A maior parte da súa carreira Jimi tocou con Fender Stratocaster normais (preferentemente brancas) postas ó revés e coas cordas en orde inversa, xa que era zurdo. Usou tamén unha Fender Jaguar, Gibson Les Paul, Gibson SG e a Gibson Flying V para zurdos (el chamábaa o meu anxo voador).
Coma amplificadores usaba seis pantallas acústicas Marshall de 4 x 12, un monitor de 4 x 12 e nada menos que catro cabezas para poder manter o equipo funcionando nos concertos, xa que o puña ó máximo controlando o volume có potenciómetro da guitarra, así saturaba o amplificador. Un dos legados de Jimi foi o uso do Wah-Wah entre os guitarristas, usaba modelos Vox ou Crybaby, ademais dun Fuzz-Box para saturar o amplificador. Coma complementos utilizaba un divisor de oitavas, un phaser e un delay analóxico.
Jimi, coma moitos grandes guitarristas (Eric Clapton, Jeff Beck etc.), facía el mesmo modificacións á electrónica das súas guitarras, experimentando con calquera cousa posible e conseguindo deste modo sons inverosímiles.
Discografía Editar
Álbum | Ano | Selo | Observacións |
---|---|---|---|
Are You Experienced | 1967 | Track Records | Con The Jimi Hendrix Experience |
Axis Bold As Love | 1967 | Track Records | |
Electric Ladyland | 1968 | Reprise, Track, Barclay, Polydor | |
Band Of Gypsys | 1970 | Capitol Records | Álbum ao vivo sen a súa banda orixinal |
Notas Editar
- ↑ Marcos, Carlos (18 de setembro de 2020). "50 años sin Jimi Hendrix: así fueron sus últimos días y su aún misteriosa muerte". elpais.com (en castelán). Consultado o 18 de setembro de 2020.
Véxase tamén Editar
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Jimi Hendrix |