Pavement é unha banda estadounidense de indie rock dos 90. A pesar de só experimentar un moderado éxito comercial, acadou un significante grao de culto e foi unha das máis populares e influítes bandas lo-fi dos 90. O grupo permaneceu en selos independentes durante toda a súa carreira ata a súa disolución en 1999. No ano 2010 a banda volvería a reunirse e comezaría unha nova xira despois de 10 anos sen tocar.

Pavement
Pavement, the band, in Tokyo.jpg
OrixeStockton (California), Estados Unidos Flag of the United States.svg
Período1989 - 1999
2010 - presente
Xénero(s)indie rock, lo-fi
Selo(s) discográfico(s)Drag City, Matador Records, Big Cat, Pony Canyon, Domino
MembrosStephen Malkmus
Bob Nastanovich
Scott Kannberg
Steve West
Mark Ibold
Antigos membrosGary Young
Jason Fawkes

Aínda que só rozou o mainstream co seu sinxelo "Cut Your Hair" en 1994, Pavement foi unha exitosa banda de indie rock. En vez de asinar cunha gran discográfica como fixeran moitos dos seus antecesores nos anos 80, permaneceu con selos independentes durante toda a súa carreira acotío foi descrita como unha das bandas máis influentes que emerxeu do underground estadounidense dos anos 90. Algúns importantes críticos musicais como Robert Christgau e Stephen Thomas Erlewine chegaron a dicir que se trataba do mellor grupo da década de 1990.

HistoriaEditar

Slanted and EnchantedEditar

Pavement formouse en Stockton, California no ano 1989 como un proxecto de estudio dos vocalistas e guitarristas Stephen Malkmus e Scott Kannberg, coñecido orixinalmente só como "S.M." e "Spiral Stairs". Os seus EPs de estrea eran gravacións extremadamente lo-fi e tituláronse Slay Tracks: 1933-1969, Demolition Plot J-7, e Perfect Sound Forever. Foron gravados en Louder Than You Think, o estudio caseiro do habitante de Stockton e antigo hippie Gary Young, que tamén tocou a batería nas gravacións. Tras a primeira escoita das cancións do dúo, Young dixo, "este idiota de Malkmus é un completo xenio da composición".[1]

Durante esa época a banda adoitaba a ser comparada ao grupo inglés The Fall, aínda que Kannberg dixo nunha entrevista en 1992 que prefería á banda de Minneapolis The Replacements.[2] Mark E. Smith, de The Fall, afirmou que Pavement era un "roubo" da súa banda[3] e que "non tiñan ningunha idea orixinal nas súas cabezas",[4] aínda que outros membros de The Fall foron máis positivos sobre Pavement.[5]

Tras o lanzamento de Slay Tracks a banda recrutou a un novo batería, Jason Turner, para substituír a Young tanto nos directos como no estudio.[6] Porén, despois de só unha xira e un feixe de sesións de gravación, e cando xa se facía evidente que o percusionista e Malkmus non se levaban ben, Turner foi expulsado e Young regresou.[6] Malkmus posteriormente describíu a Turner como "ese rapaz deprimido que podería asasinarme algún día... É moi competitivo".[7] Na mesma época, Bob Nastanovich incorporouse á banda en directo de Pavement como percusionista auxiliar. Malkmus fora compañeiro de habitación de Nastanovich en Nova York, e dixéralle, "Poderías ser o noso bateríaa se tocásemos algunha vez".[7]

Ao redor de 1992 Pavement converteuse nunha banda a tempo completo coa entrada do baixista Mark Ibold, que fora un dos seus primeiros fans, completando a formación Malkmus, Kannberg, Young e Nastanovich. O seu álbum de estrea, Slanted and Enchanted, foi publicado comercialmente en 1992 despois de que copias do mesmo circulasen en cinta durante case un ano. A pesar de que a influencia percusiva de The Fall aínda era xeneralizada, ao igual que a da banda inglesa de post-punk Swell Maps, moitas das cancións tamén amosaban un forte sentido da melodía. Dende o seu lanzamento Slanted and Enchanted apareceu en moitas listas de "mellores álbums" e adoita a ser citado como un dos traballos de indie rock máis influíntes dos anos 90.[8][9] O disco está no número 135 na lista da Rolling Stone dos 500 mellores álbums de todos os tempos.[10]

Posteriormente nese mesmo ano a banda publicou o EP Watery, Domestic.

Crooked Rain, Crooked RainEditar

Durante a xira do Slanted & Enchanted o comportamento excéntrico de Gary Young aumentou, e protagonizou incidentes como o de entregar repolos e puré de patacas a fans nas portas dun local, facer o pino, caer bébedo do tallo da batería, e correr ao redor do local mentres o resto da banda estaba tocando.[11] A banda só entendeu a gravidade dos problemas de bebida de Young despois das primeiras poucas xiras de Pavement. Máis tarde Malkmus díxolle a Tape Op, "Sabíamos que era como un hippie e un pouco extravagante, pero non sabíamos que tiña un problema tan grave coa bebida. Descubrímolo nesta xira, porque realmente enfermou por estar nervioso... Por iso deixei que Bob estivese na banda... 'Mantén o ritmo se Gary se desmaia'".[7] En 1993 Malkmus intentou gravar algunhas cancións nova no estudio de Young con resultados infrutuosos. Despois o cantante dixo, "Non queríamos gravar máis con el, pero éramos demasiado bos para despedir xente ou incluso para falar diso... Intentamos gravar alí, pero non estaba soando ben, nin sequera tiña o estudio preparado e tamén estaba bebendo".[7]

Ao final dunha xira por Australia, Xapón e Europa en 1993, o grupo tivo unha xuntanza nunha habitación dun hotel de Copenhague durante a cal Malkmus, Kannberg e Ibold permaneceron en silencio mentrese Nastanovich (o mellor amigo de Young nese momento) discutía co batería e informábao de que as súas trasnadas eran innecesarias. Young finalmente accedeu a deixar a banda. Foi substituído por Steve West, que fora compañeiro de Malkmus e David Berman traballando de gardas de seguridade no Museo Whitney de Arte Americana.[12] O primeiro concerto de West foi en 1993 nun festival de Drag City en Chicago. Tamén ese mesmo ano, a banda contribuíu ao álbum pola loita contra o SIDA No Alternative, producido pola Red Hot Organization, coa súa cancións "Unseen Power of the Picket Fence".

O segundo álbum de Pavement, Crooked Rain, Crooked Rain, foi publicado en 1994. O disco estaba máis en débeda coa tradición do rock clásico que a súa estrea. O sinxelo "Cut Your Hair" foi o roce máis próximo da banda co mainstream, e gozou brevemente de difusión nas radios de rock alternativo e na MTV. Pavement interpretou o tema no programa The Tonight Show with Jay Leno. O seu video tamén apareceu en "Career Day", un episodio da quinta tempada de Beavis and Butt-head.

A letra doutro sinxelo, "Range Life", criticaban ás estrelas do rock alternativo The Smashing Pumpkins e Stone Temple Pilots. Malkmus insistíu ao longo dos anos que a liña debe ser alegre e é cantada dende o punto de vista da personaxe do hippie envellecido que aparece na canción. En posteriores versións ao vivo o cantante substituíu "Stone Temple Pilots" por "The Spice Girls", "Counting Crows", ou outros. En resposta, o líder de The Smashing Pumpkins Billy Corgan ameazou con deixar o esu espazo como cabeza de cartel no festival Lollapalooza de 1994 se a Pavement se lle permitía tocar.[13] Corgan e Malkmus estivéronse lanzando ataques a través da prensa durante varios anos despois diso.[14][15]

Ao igual que o seu predecesor, o álbum foi amplamente aclamado, e tamén foi incluído na lista da revista Rolling Stone dos 500 mellores álbums de todos os tempos, neste caso no posto 212.[16]

Wowee Zowee e Brighten the CornersEditar

O seu segunte álbum, Wowee Zowee, gravado en Memphis e publicado o 11 de abril de 1995, cubría un amplo abano de estilos como punk, country e baladas ao longo dos seus 18 temas, que a miúdo evitaban estruturas convencionais. No DVD Slow Century, Malkmus atribuíu a súa estraña eleción de sinxelos ao seu consumo de marihuana, dicindo que "Estaba fumando moita herba nese momento e a min soábanme como éxitazos". Aínda que Malkmus ten dito en entrevistas máis recentes que o álbum é o derradeiro "disco clásico de Pavement", Kannberg expresou o seu pesar por Wowee Zowee. "Cometimos algúns erros nese disco... presionáronnos para que sacásemos un disco un pouco máis rápido do que podíamos. Quero dicir, estou totalmente metido no disco. É só que se só tivésemos outros seis meses para pesar nel sería moito máis diferente".[17]

Durante a xira do álbum Nastanovich dixo no DVD Slow Century que a banda moitas veces non elaboraba unha listaxe de cancións antes dos concertos, optando por inprovisacións alimentadas por drogas e alcohol sobre os sinxelos máis exitosos. Algúns deses concertos producíronse durante o festival Lollapallooza de 1995, onde as incoherentes actuacións recibiron unha reacción hostil por parte de moitas audiencias. Imaxes de Slow Century amosan á banda sendo atacada con lama e pedras. O grupo deixou inmediatamente o escenario e autodenominouse "A banda que arruinou Lollapallooza".

Wowee Zowee foi seguido polo EP Pacific Trim, que foi gravado só con Malkmus e os baterías Nastanovich e Steve West. O seu tempo no estudio reservouse orixinalmente para unha gravación de Silver Jews, pero o seu líder David Berman frustrouse e o trío decidiu non malgastar ese tempo de gravación xa pagado.

Brighten the Corners foi publicado en 1997. Producido por Mitch Easter, o álbum é máis curto e convencional que o seu anterior traballo. Malkmus dixo en Slow Century que foi un intento de amosarlle ao público que Pavement tiña influencias mási mainstream e do rock clásico do que mostrara anteriormente. O álbum contiña dous dos sinxelos máis coñecidos do grupo, "Stereo" e "Shady Lane". Foi o único disco de Pavement, xunto con Slanted and Enchanted, en incluír as letras no libreto e vendeu mellor que os seus predecesores. A pesar do aumento do seu éxito a banda continuou fragmentándose, cos seus membros centrándose máis noutros proxectos musicais ou nas súas familias.

Terror Twilight e separaciónEditar

En 1999 a banda comezou a traballar no seu derradeiro álbum, Terror Twilight. A Bob Nastanovich ocorreuselle o título e revelou o seu significado en varias entrevistas: "Twilight Terror é o curto espazo de tempo entre o atardecer e o anoitecer; está cosiderado o momento máis perigoso no tráfico, xa que a metade da xente encende as luces do coche e a outra metade non o fai. É cando ocorren máis accidentes".[18] Durante unha entrevista no DVD Slow Century di que a banda estaba tendo problemas para atopar un nome para o disco ata que el chegou con Terror Twilight. Un dos últimos contrincantes foi Farewell Horizontal (tamén o nome dunha novela de ciencia ficción de K. W. Jeter), e Nastanovich dixo, "De ningún xeito vou estar na xira Farewell Horizontal (despedida horizontal en galego) o próximo ano".

Orixinalmente a banda planeou autoproducir Terror Twilight, alugando os Jackpot! Studios en Portland, Oregón. Porén, o grupo estancouse, con Malkmus, Ibold, Nastanovich e a empregada de Jackpot! e futura baixista dos Jicks Joanna Bolme normalmente optando por xogar ao Scrabble en lugar de realizar calquera tipo de traballo.[19] Kannberg sentíuse especialmente frustrado durante as sesións, particularmente ao negarse Malkmus a incluír algunha das súas cancións no disco. O tema "For Sale: The Preston School of Industry" e outra canción escrita polo guitarrista traballáronse brevemente durante as sesións, pero finalmente foron abandonadas.[19] Ao final das dúas semanas de sesións iniciais a banda rematara moi pouco do traballo e decidiron que necesitaban un produtor para axudalos.

Nigel Godrich, coñecido sobre todo polo seu traballo con Radiohead e Beck, foi contratado para producir o álbum.[20] O grupo intentou primeiro gravar no estudio de Sonic Youth no baixo Manhattan, pero a Godrich non lle gustou xa que estaba moi preto de varios locais de ensaio, e tamén porque estaba configurado case como un estudio caseiro.[21] Godrich finalmente convencou ao grupo para trasladarse a un estudio máis axeitado cunha gravadora de 24 pistas onde xa traballara en álbums dos Beastie Boys e R.E.M. Aínda que o produtor deulle un brillo inmediato a Malkmus, tanto Kannberg como Nastanovich desconfiaron del. Nastanovich cre que a pesar de que Godrich "asumíu un substancial desafío e fixo un bo traballo", "centrou a súa atención en Stephen" e realizou a produción "dun xeito que despreciaba ao resto".[22] Nastanovich posteriormente tamén recordou un incómodo incidente no que se fixo evidente de que o produtor non sabía o seu nome. Kannberg, aínda desilusionado porque as súas cancións foran rexeitadas por Malkmus, dixo de Terror Twilight: "Non foi divertido facer ese disco dende o principio. Foi o disco máis duro de facer".[22]

Malkmus compuxo a totalidade do disco, e a gravación da música só contou con contribucións menores do resto da banda. O grupo publicou un último EP, titulado Major Leagues. Conta con tres cancións de Malkmus, dous temas orixinais de Spiral Stairs, e dúas versións, "The Killing Moon" de Echo & the Bunnymen e "The Classical" de The Fall.

Pavement comezou unha xira mundial de seis meses para promocionar o álbum, durante a cal as relacións dentro do grupo se desgastaron, especialmente entre Malkmus e os outros membros da banda. Steve West despois recordou veces nas que no autobús de xira Malkmus se tapaba a cabeza co seu abrigo, rexeitando falar con ninguén, e chamándose a si mesmo "a pequena puta". Os críticos destacaron que as súas listaxes de cancións nos concertos comezaran a incluír varios dos seus primeiros temas, como unha banda tocando os seus grandes éxitos nunha xira de despedida. A actitude de Malkmus continuou deteriorándose a medida que a xira avanzaba, chegando finalmente a un punto crítico no festival de Coachella de 1999. Durante o concerto Malkmus negouse (ou posiblemente non podía debido a que estaba enfermo) a cantar, convertindo a súa liataxe de cancións nunha máis instrumental. Nastanovich pedíu unha reunión da banda tras o concerto, e Malkmus finalmente confesou aos seus compañeiros: "Non quero facer isto máis".[23]

O derradeiro concerto do grupo foi na Brixton Academy en Londres o día 20 de novembro de 1999. Durante o concerto Malkmus tiña colocadas un par de esposas no seu pé de micrófono, e chegado a un momento díxolle ao público, "Estas simbolizan como é estar nunha banda todos estes anos".[24] Tras a actuación confirmoulle á xente na festa que se celebrou que Pavement rematara "para o futuro previsible".[24] Unhas dúas semanas despois, un portavoz de Domino Records dixo a NME: "Pavement retírarase no futuro previsible para: 1. Comezar familias 2. Navegar ao redor do mundo 3. Entrar na industria da informática 4. Bailar 5. Obter algo de atención".

No verán de 2000, Malkmus chamou a Kannberg e díxolle, "Tes que cambiar a páxina web para dicir que xa non somos unha banda. A xente segue preguntándome se nos estamos separando e sabes que xa non somos unha banda, non?"[25] Kannberg díxolle a Malkmus que tiña que chamar aos outros membros do grup para informarlles de que a banda finalmente se separara, pero Malkmus negouse e Kannberg tivo que informalos.[23] Steve West despois admitíu que nunca recibíu ningunha chamada oficial sobre a separación de ninguén da banda e descubríu que Pavement se disolvera a través de internet. Nastanovich posteriormente comentou que "Había demasiado esgotamento para emocións fortes".[26]

Reunión: 2010Editar

O 15 de setembro de 2009, Brooklyn Vegan informou de que Pavement estaba programando actuar en varios concertos benéficos no Central Park de Nova York dende o 21 de setembro de 2010.[27] Declaracións oficials da banda, do selo, do local e do promotor apareceron o 17 de setembro confirmando a reunión.[28] O anunciou incluía un concerto en Central Park e a promesa dunha xira, pero que tristemente esa reunión só podería ser un evento único. O declaración dicía, "Por favor, tede en conta de que esta xira non é o preludio de pasos adicionais e/ou dunha reunión permanente". As entradas para o primeiro concerto en Central Park escotáronse en tan só dous minutos, levando ao anuncio de tres concertos máis no mesmo lugar.[29] A banda despois confirmou unha xira mundial que comezaría en Auckland, Nova Zelandia o 1 de maio, e que pasaría por Australia, Reino Unido, e Europa. Tamén actuaron no festival de Coachella en abril de 2010, nos festivais Sasquatch! e Primavera Sound en maio, no Toronto Island Concert en xuño, e Open'er Festival, Roskilde Festival, Les Ardentes e Pitchfork Music Festival en xullo.

A banda publicou un recompilatorio de grandes éxitos en marzo de 2010 titulado Quarantine the Past: The Best of Pavement. O 24 de xuño de 2010 Pavement actuou no Bob Hope Theatre en Stockton, o seu primeiro concerto na súa cidade natal.[30] O batería orixinal Gary Young uníuse á banda para os bises, tocando tres cancións do Slanted and Enchanted. Young tamén se uníu á banda en seis cancións do seu seguinte concerto no The Greek Theater en Berkeley.

En setembro de 2010 Pavement apareceu nos programas The Colbert Report e Late Night with Jimmy Fallon.[31] Despois de rematar a xira estadounidense no Hollywood Bowl o 30 de setembro, a banda tocou na seguinte noite en Las Vegas, no Palms Casino, como parte do festival Matador 21.[32] Durante o seu concerto, Scott Kannberg pateou o seu monitor e bateu a súa guitarra contra o amplificador ao sentirse frustrado por non poder escoitarse mentres tocaba.[32] NME sinalou que a banda tiña unha "atmósfera xeada no escenario".[32] A banda cumpríu os seus compromisos con dous concertos máis en América do Sur no mes de novembro.

Segunda reunión: 2020Editar

Scott Kannberg uníuse a Stephen Malkmus and The Jicks no escenario no El Rey Theater dos Ánxeles o 28 de marzo de 2014 para tocar a canción de Pavement "Stereo" nos bises.[33] O 1 e 2 de outubro de 2016 Stephen Malkmus and The Jicks actuaron na celebración do 50 aniversario de Spiral Stairs en The Chapel, en San Francisco. Na primeira noite Kannberg uníuse á banda no escenario para interpretar catro cancións. Na seguinte noite Kannberg tocou tres cancións máis, uníndose Gary Young nas dúas últimas.[34]

O 1 de xuño de 2019 Pavement anunciou que se reuniría novamente para realizar dous concertos polo seu 30 aniversario nos festivais Primavera Sound de Barcelona e Porto en 2020, sendo as únicas actuacións da banda ese ano.[35]

DiscografíaEditar

Álbums de estudioEditar

Álbum Ano Selo
Slanted and Enchanted 1992 Matador Records
Crooked Rain, Crooked Rain 1994 Matador Records
Wowee Zowee 1995 Matador Records
Brighten the Corners 1997 Matador Records/Capitol Records
Terror Twilight 1999 Matador Records

EPsEditar

Álbum Ano Selo
Slay Tracks (1933-1969) 1989 Treble Kicker
Demolition Plot J-7 1990 Drag City
Perfect Sound Forever 1991 Drag City
Watery, Domestic 1992 Matador, Big Cat
Rattled by la Rush 1995 Big Cat, Fellaheen
Pacific Trim 1996 Matador, Big Cat
Shady Lane 1997 Matador, Pony Canyon
Spit on a Stranger 1999 Matador
Major Leagues 1999 Domino

RecompilatoriosEditar

NotasEditar

  1. "Synthesis : Music : Pavement : Pavement Gear Up". web.archive.org. 2008-03-11. Consultado o 2019-12-24. 
  2. "Pavement". web.archive.org. 2001-05-28. Consultado o 2019-12-24. 
  3. Perry, Andrew. "Alright?". Select. Maio de 1993
  4. Herrington, Tony. "Mark E. Smith: Interview". The Wire. Setembro de 1996
  5. Atwal, Sandy. "Fall in a Hole". Imprint. 30 de setembro de 1994
  6. 6,0 6,1 Jovanovic (2004), p.78-82
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 Tape Op: The Book About Creative Music Recording, editado por Larry Crane. Entrevistas con Stephen Malkmus e Gary Young, pp. 68-78
  8. Stone, Rolling; Stone, Rolling (2013-10-13). "100 Best Debut Albums of All Time". Rolling Stone (en inglés). Consultado o 2019-12-24. 
  9. "Pavement's 'Slanted and Enchanted' Turns 25: Why the Smart-Ass, Slacker Masterpiece Is the Definitive Indie Rock Album". Billboard. Consultado o 2019-12-24. 
  10. Stone, Rolling; Stone, Rolling (2012-05-31). "500 Greatest Albums of All Time". Rolling Stone (en inglés). Consultado o 2019-12-24. 
  11. "Synthesis : Music : Gary Young's Hospital : mister metaphor : Gary Young’s Hospital, Mister Metaphor & Chimney Sweep : Moxie’s Café, Chico, CA". web.archive.org. 2008-04-18. Consultado o 2019-12-24. 
  12. Libreto de Crooked Rain, Crooked Rain
  13. "Pavement Punds the Pumpkins, Tool". web.archive.org. 2001-02-04. Consultado o 2019-12-25. 
  14. "Rivalries great fodder for entertainment in music industry". dailybruin.com (en inglés). Consultado o 2019-12-25. 
  15. "Malkmus to play "secret" show on March 4 - Pop Music - The Oregonian - OregonLive.com". web.archive.org. 2008-03-15. Consultado o 2019-12-25. 
  16. Stone, Rolling; Stone, Rolling (2012-05-31). "500 Greatest Albums of All Time". Rolling Stone (en inglés). Consultado o 2019-12-25. 
  17. "Synthesis : Music : Pavement : Pavement Gear Up". web.archive.org. 2008-04-18. Consultado o 2019-12-25. 
  18. Bluhm, David (2019-12-25). "Interview: Pavement / Gaesteliste.de Internet-Musikmagazin". www.gaesteliste.de (en alemán). Consultado o 2019-12-25. 
  19. 19,0 19,1 Jovanovic (2004), p.177
  20. "Pavement - Part One". web.archive.org. 1999-09-08. Consultado o 2019-12-25. 
  21. Jovanovic (2004), p.179-180
  22. 22,0 22,1 Jovanovic (2004), p.181
  23. 23,0 23,1 Jovanovic (2004), p.187
  24. 24,0 24,1 "Cracks in the Pavement". NME (en inglés). 1999-11-22. Consultado o 2019-12-25. 
  25. Jovanovic (2004), p.194
  26. "The 'Spray Q&A: Bob Nastanovich (Pavement, Silver Jews, ponies)". HecklerSpray (en inglés). 2005-10-19. Consultado o 2019-12-25. 
  27. "the Pavement reunion is on – multiple nights @ Central Park Summerstage in 2010 + a tour? + Coachella? + ATP?". BrooklynVegan (en inglés). Consultado o 2019-12-25. 
  28. "Holy Shit: Pavement Reunion Is Real!". Pitchfork (en inglés). Consultado o 2019-12-25. 
  29. "Pavement Add Reunion Shows". Pitchfork (en inglés). Consultado o 2019-12-25. 
  30. "Review: Iconic indie-rock band Pavement plays hometown show in Stockton". The Mercury News (en inglés). 2010-06-25. Consultado o 2019-12-25. 
  31. "WATCH: Pavement Rock ‘Colbert Report’". Spin. 2010-09-21. Consultado o 2019-12-25. 
  32. 32,0 32,1 32,2 "Pavement drop hint about their future during Las Vegas gig | NME". NME Music News, Reviews, Videos, Galleries, Tickets and Blogs | NME.COM (en inglés). 2010-10-02. Consultado o 2019-12-25. 
  33. "Watch Stephen Malkmus and Spiral Stairs Perform Pavement's "Stereo" With the Jicks". Pitchfork (en inglés). Consultado o 2019-12-25. 
  34. "Stephen Malkmus Covers Grateful Dead & Reunites With Members Of Pavement". JamBase (en inglés). 2016-10-03. Consultado o 2019-12-25. 
  35. "Pavement Will Reunite for Two Primavera Sound Performances in 2020". Spin. 2019-06-01. Consultado o 2019-12-25. 

BibliografíaEditar

  • Jovanovic, Rob (2004). Perfect Sound Forever: The Story of Pavement. (Boston) Justin, Charles & Co. ISBN 1-932112-07-3.

Ligazóns externasEditar