Roldán

comandante dos francos

Roldán, tamén chamado Rolán ―forma galega do nome, habitual no galego medieval[1] (en francés, Roland; en fráncico, Hrōþiland; en catalán Rotllà; en éuscaro Errolan; en italiano Orlando ou Rolando) foi un comandante histórico dos francos ao servizo da Marca Bretoa. Morreu na batalla de Roncesvales a mans dos vascóns o 15 de agosto de 778. A súa vida foi motivo de lendas literarias, notablemente na materia de Francia. Segundo a lenda, Roldán era sobriño de Carlomagno como o suposto fillo da súa irmá, Gisela.

Modelo:BiografíaRoldán

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento737 Editar o valor en Wikidata
Morte15 de agosto de 778 Editar o valor en Wikidata (40/41 anos)
Roncesvales, España Editar o valor en Wikidata
Causa da mortemorto en combate Editar o valor en Wikidata
Prefect of the Breton March (en) Traducir
778 Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupacióncabaleiro Editar o valor en Wikidata
Outro
TítuloConde Editar o valor en Wikidata
ParellaAude Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fontePequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron
Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron
The Oxford Dictionary of Phrase and Fable (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
 
Batalla de Roncesvales (778). Morte de Roldán, nas Grandes Crónicas de Francia, ilustradas por Jean Fouquet, Tours, contra 1455-1460, BNF.

A lenda bordou a súa historia co relato do nobre cristián morto polas forzas sarracenas, que forma parte da temática da materia de Francia. A historia de Roldán nárrase no Cantar de Roldán, poema cunha data exacta de composición aínda non determinada, a pesar de que adoita datarse entre 1086 e 1104. Alí, Roldán está armado cun corno e unha espada chamada Durandarte. No cantar salienta unha notable defensa do cristianismo das cruzadas.

En Orlando, de Virginia Woolf, pode apreciarse a tradición posterior da popularidade da personaxe en verso italiano, sobre todo no século XVI, que leva á épica Orlando furioso, de Ludovico Ariosto, como continuación de Orlando innamorato, de Matteo Maria Boiardo. En lingua castelá a obra máis importante en que aparece Roldán é o poema épico El Bernardo, escrito por Bernardo de Balbuena.

Esta personaxe estivo arrodeada dende hai séculos por unha aura mitolóxica. Por iso, pódense atopar entre Roncesvales e Mezkiritz os "pasos de Roldán", na costa fronte a Hendaia as "rochas de Roldán", a "Brecha de Roldán", abertura pétrea no Parque Nacional de Ordesa y Monte Perdido, ou o denominado «Pierrondán», suposta pegada do pé de Roldán en Fuencalderas (Aragón).[2] Tamén no Parque Natural de la Sierra y Cañones de Guara, no pre-Pireneo oscense, está o salto de Roldán, dúas penas que segundo a lenda Roldán tivo que saltar para escapar dos seus perseguidores no seu regreso a Francia, morrendo o cabalo na xesta e tendo que continuar a pé, ata chegar a Ordesa.

En Galiza

editar
 
Pisada de Roldán en Cambás.

En Galiza, Roldán ten unha gran difusión popular e é recolleito no Dicionario dos seres míticos galegos.

Na parroquia de Cambás (Aranga) existe un afloramento rochoso onda a ermida de San Vitorio que ten gravada unha gran pegada, a cal recibe o nome de Pisada de Roldán. Cóntase que a deixou ao baixar do cabalo naquel lugar sagrado. Outras versións din que pisou no penedo e achancou, quer até a Pena Ferreira, monte afastado na mesma parroquia,[3] quer até Os Vilares (Guitiriz), onde habería outra pegada semellante.[4][5] Precisamente nesta parroquia guitiricense, no lugar da Pena Fachada, existe tamén a Pena de Roldán. Segundo a tradición, Roldán fixo varios cortes na rocha coa súa espada, deixou as pegadas do cabalo no alto e a súa voz pódese ouvir cara á noitiña.[6][7] As pegadas do cabalo rexístranse tamén en Valdeorras, no penedo dunha montaña. O lugar foi denominado o Salto de Roldán, pois dise que ficaron marcadas ao saltar até alí desde o cumio doutra montaña.[8] Igualmente, no concello de Ribeira aparecen varias veces tanto o prodixioso salto como as devanditas pegadas. Estas últimas figuran nunha pena do castro do Monte da Cidá e relátase, xustamente, que o personaxe se plantou dun pulo nas Pedras da Lagoa, na lagoa de Carregal, onde volven aparecer.[9][7] Unha lenda diferente asociada a esta lagoa explícanos que a presenza das impresións pétreas débense a cando Roldán detivo o sol durante unha hora antes da noite para así poder vencer os inimigos.[10] Sexa como for, desde alí disque atravesou doutro chimpo a baía de Corrubedo para deixar de novo as súas marcas no conxunto rochoso chamado Outeiro de Santiago. No entanto, no último caso a referencia recolleita é ao cabalo do Apóstolo Santiago.[9][7] Ás pegadas do cabalo de Santiago alúdese noutros casos como o do cumio da Moa, no monte Pindo,[7] ou o do Campo de Ourique, onda o comezo do río Salas, preto do antigo Couto Mixto.[11]

 
O olifante de Roldán amó­sase no centro do gran escudo do pazo de Manuel Roldán, conde de Taboada, na rúa Roldán de Betanzos.[8]

No Barco de Valdeorras hai unha lenda na cal Roldán deu co seu cabalo un enorme chimpo para saltar un caudaloso río e chegar ao castelo en que uns mouros tiñan capturadas tres princesas. Os mouros fuxiron mais converteron as princesas en tres grandes penedos de seixo branco que aínda perduran.[12] Unha variante desta lenda fálanos de que no lugar de Puxares (Vilanuíde, Quiroga) había tres irmás costureiras moi fermosas das cales se namorou Roldán. Ao querer este levalas para Francia, dixéronlle que iso ocorrería cando o río Xares lles pasase por diante da casa, cousa que aconteceu ao día seguinte, polo que as irmás fuxiron cara a Valdeorras. Alcanzadas en Valencia do Sil pediron a axuda do demo: «Antes pedras de seixo ca escravas de Roldán!».[12] Noutras versións, atribuídas ás veces ao Apóstolo Santiago, saltou co cabalo o río Sil por faceren burla del dúas lavandeiras, as cales ficaron tornadas nas dúas penas brancas que se poden ver nalquel lugar;[7] ou transformou en pedra dúas mouras que perseguía dacabalo por non se deteren.[12] Deste xeito, nas terras de Aranga dise que, cando Roldán pasaba por alí, perseguía no cabalo dúas irmás mouras que non daba atrapado, polo cal cunha maldición petrificounas no lugar que hoxe se chama Penas de Entrámbalas Irmás.[3]

Conforme unha das variantes da lenda da illa de Sálvora, após realizar unha peregrinación a Compostela,[13] Roldán acabou chegando á illa e coñecendo alí unha serea, de xeito que tivo un fillo con ela e deu orixe á liñaxe dos Mariño. Este mito fundacional documéntanse pola primeira vez no Livro de Linhagens de Pedro Afonso ―fillo de Dinís de Portugal―, que data da primeira metade do século XIV; porén, é posible que o texto fose conformado polo galego Paio Gómez Chariño no século anterior. A historia difundiuse con éxito a través da tradición oral, sobre todo na beiramar.[14][15] Tamén se conta que nas noites de tempestade se pode ouvir nos arredores da illa o estridente son producido polo olifante de Roldán, que advirte os mariñeiros do perigo que supoñen as rochas da zona.[13] No outro extremo do territorio de fala e cultura galegas as referencias son á espada de Roldán, pois de acordo coa tradición berciana esta xace preto da antiga explotación romana das Médulas, isto é, no fondo do lago Somido.[16] Mais tamén no inmediato lago Bolsín maniféstanse de novo as pegadas cabalares; neste caso, e segundo asegura a lenda, as ferraduras do cabalo de Roldán pódense observar no leito das augas. Están presentes como o efecto fabuloso producido após cabaleiro e cabalgadura atravesaren o lago ao galope.[17]

 
Olifante de Roldán no Museo Catedralicio de Santiago de Compostela.

A importancia da figura de Roldán é constatada polo feito de que no século XVI o cabido da catedral compostelá, alén de celebrar misas por Carlomagno, penduraba perante o altar mor, entre outros trofeos, o «corno ou olifante de Roldán».[12] Outro feito significativo é que, na mesma centuria, era frecuente pór o nome de Roldán aos varóns acabados de nacer, acción que era censurada polo bispo de Ourense nunha carta pastoral dirixida aos sacerdotes da súa diocese congregados no sínodo de 1543-4.[18] O nome de Roldán, ademais, pasou igualmente tanto á fraseoloxía popular como á toponimia. Deste xeito, na xa mencionada localidade de Valencia do Sil (onde tamén se rexistra unha lenda de Roldán e a costureira) recóllese a frase Ai, Roldán, Roldán, e pensar que todas as vacas son túas… co significado de ‘hai que ver, que cousas pasan…’. A mención das vacas permite relacionar o noso heroe con outros persoeiros míticos que se viron implicados na posesión ou roubo de gado, como é o caso, por exemplo, de Xerión, Hércules, Cuchulain ou a mesma raíña Lupa.[19] Pola banda toponímica, documéntanse no incompleto Proxecto Toponimia de Galicia até seis formacións rochosas que reciben o nome do heroe franco e que contan con lenda asociada, entre as que se inclúe a xa referida da parroquia dos Vilares. A documentación histórica tamén achega máis topónimos cos mesmos nomes: Pena de Roldán, Pedra de Roldán e Pena de Rolán.[1] Existe tamén a Rega de Rolán, en Santo Estevo de Anllo, onde, segundo a tradición, nunha das penas tiña unha moura o seu agocho para gardar o xabón e a almofía.[20] Finalmente, alén do anterior, pódese mencionar que até mediados do século XX no lugar de Nerga (O Morrazo) disfrazábanse no entroido do personaxe de Roldán.[21]

  1. 1,0 1,1 Navaza, Gonzalo (2017). "Lendas e toponimia" (PDF). Escrita contemporánea (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega) (Actas da X Xornada de Literatura de Tradición Oral. Palabras con memoria: topónimos, ditos, frases, nomes… con historia): 73–84, en 81. ISSN 1989-7340. 
  2. José Arbués Possat. Guía de excursiones por el Monte de Fuencalderas, editado pola asociación de veciños «Liso» en colaboración coa Deputación Provincial de Zaragoza e o concello de Fuencalderas, 2002.
  3. 3,0 3,1 Souto Ares, Francisco (2010). "San Vitorio e o xigante Roldán (Cambás)(Aranga)(A Coruña)". Etnografía (Lugo) (2). ISSN 1989-8541. Arquivado dende o orixinal o 31 de outubro de 2021. Consultado o 31 de outubro de 2021. 
  4. Veiga Ferreira, Xosé María; Sobrino Ceballos, Juan (2001). "As mámoas de Galiñeiro: Da ermida da Ascensión (Monfero) á de San Vitorio (Cambás)" (PDF). A Xanela. Revista cultural das Mariñas (Betanzos) (12): 13–15, en 13. 
  5. Alonso Romero 2019, p. 69.
  6. García Roldán, Alberto (marzo de 2020). "Pena Roldán, Guitiriz". Galicia Pueblo a Pueblo. 
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 Alonso Romero 2019, p. 72.
  8. 8,0 8,1 Alonso Romero 2019, p. 73.
  9. 9,0 9,1 "Corrubedo: un misterio de 9 letras". Cabo Corrubedo (en castelán). 18 de setembro de 2016. 
  10. Pedrosa Bartolomé 2001, pp. 175-176.
  11. Rodríguez Cruz, José (2018). Couto Mixto. Aspectos folclóricos: relatos, contos e lendas de tradición oral. Laiovento. p. 48. ISBN 978-84-8487-406-5. 
  12. 12,0 12,1 12,2 12,3 Alonso Romero 2019, p. 71.
  13. 13,0 13,1 "Orixe mitolóxica da saga dos Mariño (II)". Galicia Encantada. 2008. 
  14. "Sálvora, isla con historia... y leyendas". El Correo Gallego (en castelán). 23 de marzo de 2014. 
  15. Reigosa, Antonio (20 de setembro de 2021). "Censo de sereas (II)". El Progreso. 
  16. Soto Arias, M.ª Rosario (12 de outubro de 2017). "Visitando o Bierzo". Cazatesouros. 
  17. Pedrosa Bartolomé 2001, p. 173.
  18. Palacio Sánchez, Antón (2014). "Malos, Perros e Cas, topónimos interditos". Estudos de Lingüística Galega 6: 217–231, en 224. ISSN 1989-578X. 
  19. Soto Arias, M.ª Rosario (2017). "Presenza de valores antropolóxicos, etnográficos e/ou míticos na fraseoloxía" (PDF). Escrita contemporánea (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega) (Actas da X Xornada de Literatura de Tradición Oral. Palabras con memoria: topónimos, ditos, frases, nomes… con historia): 59–72, en 62. ISSN 1989-7340. 
  20. Freán Campo, Aitor (2017). "Os Ibios de Sober. Confluencias simbólicas nun antigo asentamento da Ribeira Sacra" (PDF). Gallaecia. Revista de Arqueoloxía e Antigüidade (35): 157–173, en 169. ISSN 0211-8653. doi:10.15304/gall.35.3881. 
  21. Alonso Romero 2019, pp. 71-72.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar