Illa de Sálvora
A illa de Sálvora (/ˈiɟɐ ðɪ ˈsalβʊɾɐ/) é unha pequena illa galega situada na boca da ría de Arousa. Desde o ano 1959 pertence á parroquia de Aguiño, no concello de Ribeira, parroquia creada nesa data, mais anteriormente a illa dependía da parroquia de Carreira, que fora durante moitos séculos a parroquia máis poboada e rica da comarca, así como a máis antiga. Xunto coas Illas de Vionta, Herbosa e Noro, e coas illas Sagres, forma o arquipélago de Sálvora, integrado ademais dende 2002 no Parque Nacional das Illas Atlánticas, coas illas Cíes, a illa de Ons e a de Cortegada.
Tipo | illa | ||||
---|---|---|---|---|---|
Localización | |||||
División administrativa | Aguiño, España | ||||
| |||||
Características | |||||
Altitude | 71 m | ||||
Dimensións | 2 () km | ||||
Superficie | 1,9 km² | ||||
Estivo poboada e tivo actividade agrícola, gandeira e pesqueira durante anos, mais dende 1972, está case deserta. Na illa, que foi de titularidade privada até 2007,[1] atópanse, amais da aldea, oito hórreos, un lavadoiro maila fonte da Telleira ou de Santa Catarina, un almacén de finais do século XVIII ampliado cara 1963 con dúas torres con aire de pazo, unha antiga taberna reconvertida en capela, un faro, un peirao, un cruceiro, dous muíños e a estatua dunha serea. A parte do interior da ría conta con areais frecuentados por mergulladores deportivos.
Etimoloxía
editarSegundo E. Bascuas, "Sálvora" é unha forma de orixe paleoeuropea, derivada da raíz indoeuropea *sae- 'ondada, auga que flúe, corrente'. Este topónimo figura rexistrado no ano 899 como "insulam Saluare".[2]
Historia
editarNo ano 899 o rei Afonso II dóaa ao cabido catedralicio de Santiago, que a reclama co fin de obter recursos para o seu sustento. Esta doazón, que incluía Ons, Tambo, Arousa, Cíes e Framio, confirmouna o rei de Galicia Ordoño II ao bispo Sisnando no ano 911. Xa no ano 1120 a illa fora invadida por naves sarracenas que se refuxiaron nela esperando reforzos cando se dispoñían a invadir estas terras, máis a tardanza daquela axuda, fixo que os navíos cristiáns enviados por orde do arcebispo de Santiago se apoderasen das naves invasoras, freando por longo tempo estas incursións. A partir de entón, esta illa descoñecida comeza a ser ambicionada pola nobreza do momento. O desinterese do cabido compostelán por Sálvora fixo que a partir desa época, os veciños de Carreira ocuparan a illa para utilizala como terreos de cultivo, chegando a establecerse nela permanentemente anos máis tarde.
No ano 1770, o comerciante coruñés Jerónimo de Hijosa instalou por poder unha fábrica de secado e salgadura de peixe, á que en 1960 se lle engadiron dúas torres e ameas, e hoxe é coñecida como O Almacén, sendo a primeira factoría de salgadura de Galicia.[Cómpre referencia]
Por esta illa comezarían os preitos no ano 1789 entre os veciños de Carreira encabezados polo seu cura párroco, Manuel Acuña e Malvar, contra Vicente Caamaño Valera e Gayoso, cabaleiro da orde de San Xoán de Malta e veciño da Vila de Ferrol, ao obter este unha Real Cédula para instalar unha pesqueira de atúns que, ademais da illa, ocuparía unha concesión de catro leguas ao redor dela, co que os mariñeiros de Carreira quedarían practicamente sen poder faenar nestas augas, o cal sería unha ruína para as súas economías familiares.
A principios do século XIX, as dificultades económicas fan que algúns habitantes de Carreira se desprazaran á illa para traballar como caseiros de explotacións agrícolas e gandeiras. Consolidouse así unha pequena aldea con oito casas ao redor dunha praza e dúas fontes de auga potable. A poboación era de 60 persoas e coñecíaselles polo nome da casa que habitaban.
Os caseiros pagaban ao amo (a familia Otero-Goyanes) a metade das recollidas agrícolas e a metade do gando nado na illa da súa propiedade.
Sálvora e o concello de Ribeira foron honrados como "moi humanitarios", e especialmente catro mulleres foron condecoradas como Heroínas de Sálvora, polo auxilio aos náufragos do vapor-correo "Santa Isabel", no ano 1921, que deixaría tras de si un rastro de 213 mortos.[3]
O principal lugar de relación social era a taberna, situada á beira do antigo almacén de salgadura, lugar onde se reunían os pescadores. Esa taberna converteríase cara 1960 na capela de Santa Catarina, patroa da illa.
O Ministerio de Obras Públicas construíra en 1862 un faro, no bordo sur da illa. A illa foi expropiada polo Estado en 1904, que construíu a pista, o peirao, e inaugurou en 1921 o faro actual, de maior altura e se cadra non ben situado, polo que posteriormente houbo que voar toneladas de rochas que dificultaban o seu alcance no sector noroeste. O MOP construíu un pequeno peirao na praia do Almacén.
En 1958, a familia Otero-Goyanes recuperou a propiedade da illa, xunto cos illotes de Vionta e Noro, estando a illa libre de cargas fiscais e sendo o prezo de compra ao estado español de 1.293.758 pesetas da época. Joaquín Otero Goyanes, xeneral auditor da Armada, conseguiu unha concesión dos bens do estado, en réxime de usufruto, por 99 anos, cunhas condicións da concesión que, na práctica, supuxeron unha cesión da titularidade de praias, camiños e fontes, que en seis ocasións foi ratificada polos tribunais.
En 1960, Joaquín Otero reconstruíu a fonte da Telleira, bautizándoa co nome de fonte de Santa Catarina, adornada cos banzos da escaleira de caracol do faro vello. Outros restos foron empregados nas torres engadidas ao almacén e nun lavadoiro, e tamén transpórtase á illa un tractor e instálase un xerador eléctrico; todo isto con fondos do servizo de extensión agraria.
Pouco durarían xa os colonos na illa porque, reclamados pola instalación en terra de industrias pesqueiras propiedade da familia, decidiron irse a vivir ao continente. Aínda así o último habitante abandonou a aldea en 1972.
En marzo de 2007 a Illa foi adquirida por Caixa Galicia por 8,5 millóns de euros e a finais dese mesmo ano o Ministerio de Medio Ambiente exerceu o seu dereito de tenteo, comprando Sálvora, Vionta e Noro por esa mesma cantidade. A Xunta de Galicia, que figura como titular da paraxe desde o 1 de xullo de 2008, conxuntamente co Ministerio de Medio Ambiente, iniciou os traballos para rehabilitar o enclave.
Notas
editar- ↑ O Ministerio de Medio Ambiente pecha a merca de Sálvora Consello de Cultura Galega, 11 de setembro de 2007
- ↑ Cf. páx. 541 de "8. La Hidronimia de Galicia: tres estratos ..." en Revista Estudios Mindonienses 24(2008)
- ↑ Andrés Pérez Gude. "Heroínas de la Isla de Sálvora". Canal Historia (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 29/12/2008. Consultado o 11/11/2008.
Galería de imaxes
editar- Artigo principal: Galería de imaxes da illa de Sálvora.
-
Peirao de Castiñeiras, ó fondo, Sálvora
-
O Almacén
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Illa de Sálvora |
Bibliografía
editar- Fernández de la Cigoña, Estanislao (1991). Illas de Galicia. Cíes, Ons, Sálvora, Tambo, San Simón e Cortegada. Vigo: Xerais. ISBN 84-7507-582-7.
- Fernández Pazos, Xosé María (1998). Sálvora: memoria dun naufraxio. A traxedia do Santa Isabel. Coordenadas. ISBN 84-87222-29-3.
- Rabuñal, Anxo (maio de 2009). "Inventario de Sálvora" (PDF). Aunios (Asociación Cultural·Gastronómica PineirÓns) (14): 21–28.
- —————— (maio de 2010). "Sálvora na literatura" (PDF). Aunios (Asociación Cultural·Gastronómica PineirÓns) (15): 67–70.