Illa de Ons
A Illa de Ons forma parte dun pequeno arquipélago formado por illas e illotes que se atopa na entrada da ría de Pontevedra. A illa de Ons, cos seus 5,5 km de lonxitude e 800 metros de anchura, é a illa máis extensa do Atlántico peninsular.[1] A zona occidental é a máis escarpada, con abruptos cantís, en cambio a oriental é máis suave e conta con numerosas praias.
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Estado | España | ||||
Comunidade autónoma | Galicia | ||||
Provincia | Provincia de Pontevedra | ||||
Concello | Bueu | ||||
Xeografía | |||||
Parte de | |||||
Superficie | 4,458 km² | ||||
Medición | 1,5 () × 5,5 () km | ||||
Bañado por | Océano Atlántico | ||||
Ons conforma, xunto coas Cíes, Sálvora e Cortegada, o primeiro Parque Nacional de Galiza. Cabe destacar a súa arquitectura popular mariñeira e a súa gastronomía.[Cómpre referencia]
Xeografía
editarSituación e administración
editarAdministrativamente pertence ó concello de Bueu[2], debido a motivos sociais e non de proximidade xeográfica, xa que os antigos colonos insulares procedían da comarca do Morrazo e, máis concretamente, do concello de Bueu, especialmente da parroquia de Beluso, onde reside aínda un importante continxente de insulares retornados a terra firme.
O concello de Sanxenxo sempre tivo pretensións sobre a illa baseándose en motivos xeográficos; de feito, trala creación dos concellos modernos no século XIX, a illa foi adscrita primeiramente ó concello de Sanxenxo, se ben hoxe en día é unha parroquia do concello de Bueu.
A illa atópase pechando a entrada da ría de Pontevedra, á que protexe dos fortes ventos do oeste e suroeste. As costas máis achegadas sitúanse, ó norte, na punta Faxilda (Noalla, Sanxenxo), a 3,8 km; Punta Abelleira (San Vicente do Grove, O Grove), a 5,7 km; o cabo Udra (Beluso, Bueu), a 8,3 km; e punta de Couso (O Hío, Cangas), a 8,4 km.
Caracterización xeográfica
editarA illa de Ons forma parte dun arquipélago popularmente coñecido como As Ons. O arquipélago está composto ademais pola illa de Onza, situada ao sur, e por varios illotes esparexidos por todo o seu perímetro, entre os que se pode mencionar:
- A Freitosa, o maior deles, xunto co seu illote xemelgo A Freitosa de Terra, ámbolos dous moi preto da costa suroeste da illa.
- O Centolo, no seu extremo norte, de destacada forma, trátase da parte do arquipélago máis achegada á terra firme.
- O Cairo, situado en fronte do antigo cemiterio da illa. Trátase dun farallón rochoso cunha característica forma de dente canino.
- A Laxe do Abade, preto do peirao. De valor histórico por posuír no seu cumio un sepulcro antropomorfo medieval labrado na pedra.
- A Pedra do Fedorento, ao sur da illa.
- A Illa do Xuvenco, ao norte.
- O Con dos Galos, e outros de menor tamaño e importancia.
A illa ten 6 quilómetros de longo por 1,5 de ancho e 414 hectáreas de superficie. Esténdese do norte ao sur, en posición perpendicular á ría de Pontevedra.
A costa da illa diferénciase moito na súa ribeira oriental (a que mira á ría) e a occidental, aberta ao mar. Esta última está moi recortada, con dúas grandes enseadas (a de Bastián de Val ao norte e a de Canibeliñas ao sur) destacando nela numerosos illotes e farallóns; trátase dun litoral enteiramente formado por cantís. A costa oriental é rectilínea e relativamente baixa, e é alí onde se atopan a maioría das praias da illa e onde está o núcleo de poboación.
As praias da illa de norte a sur son, na costa oriental:[3]
- Praia de Melide; a máis grande, nudista, cun valioso campo dunar.
- Praia do Almacén ou Das dornas; pegada ó peirao pola súa parte norte, bastante grande.
- Praia de Area dos Cans; ó sur do peirao. É a máis concurrida, por estar debaixo do pequeno núcleo urbano da illa.
- Praia de Canexol; baixo o castro e o cemiterio da illa.
- Praia de Pereiró; a máis meridional, baixo a aldea do mesmo nome e rodeada dun exuberante contorno.
E na costa occidental:
- Praia das Fontiñas
- Praia de Liñeiro
A orografía da illa é amesetada, cunha sucesión de elevacións de cumios chans que conforman páramos de toxo e carrasqueira. A máxima elevación atópase no Alto do Cucorno, vértice xeodésico de 118 metros de altura, xusto onde se sitúa o faro.[4] Entre os outeiros aparamados ábrense pequenos vales que a miúdo coinciden coas enseadas que penetran na súa costa occidental. As outras elevacións da illa atópanse no Alto da Freitosa (97 metros) e no Alto da Altura (77 metros), ao sur; e no Alto da Cerrada (103 metros) e o de O Centolo (86 metros), ao norte.
No extremo sur de Ons atópase o Buraco do Inferno, unha furna cuxo teito se veu abaixo deixando unha sima duns 43 metros de fondo. Trátase dun dos atractivos turísticos máis coñecidos da illa, ao cal se asocian numerosas crenzas populares.
A illa carece de correntes de auga continuas mais a pesar diso é rica en abondosos regatos estacionais, en fontes e en acuíferos. Esta abundancia de auga doce foi un dos motivos que permitiron o establecemento de poboación estábel. Están catalogadas un total de 9 fontes e 7 mananciais; todas as aldeas que se espallan pola illa contan polo menos cunha fonte de auga potábel.
Clima
editarO clima de Ons, como o das Illas Cíes, acusa unha certa diferenza co resto das Rías Baixas, ao ser máis seco, máis soleado e máis ventoso. Non obstante, as precipitacións medias anuais da illa seguen sendo relativamente elevadas (1.200 mm). A temperatura media é de 14,6 °C. O seu clima adoita cualificarse como mediterráneo subhúmido cunha forte tendencia atlántica.
Poboación
editarNo ano 2005 habitaban na illa permanentemente 61 persoas, observándose un enorme baixón de poboación con respecto a mediados do século XX, cando chegou a estar habitada por 530 persoas (ano 1953) no marco do plan de repoboación do Instituto Nacional de Colonización.[5][6] Aínda así, os datos actuais supoñen tamén unha certa recuperación se os comparamos cos de finais da década de 1980 (en 1986 a illa contaba tan só con 16 habitantes).
As causas desta sangría demográfica hai que buscalas no propio illamento do enclave e nas consecuentes dificultades de comunicación co continente, a falta de servizos médicos e sanitarios, a dificultade de conseguir permisos para a construción de novas casas (ao que se une a imposibilidade de converterse en propietario), a falta de enerxía eléctrica, a pesar da instalación dun xerador que funcionaba soamente unhas poucas horas ao día (hoxe en día este problema está practicamente solucionado) etc.
No que se refire ás emerxencias sanitarias, eran os propios veciños os que se encargaban de atendelas. Alén diso, tamén podía acontecer que os fareiros e as súas familias, polo feito deles teren coñecementos en primeiros auxilios, fosen os encargados de prestar a atención necesaria. Os mesmos fareiros, ao seren técnicos en electrónica, podían contribuír a arranxar problemas eléctricos.[7]
A poboación da illa distribúese polo lado oriental da mesma, dende as ladeiras dos páramos ata a costa. Repártese en 9 aldeas, que oficialmente están agrupadas nun único núcleo de poboación chamado xenericamente Ons. As nove aldeas da illa son as seguintes:
- O Curro, a capital da illa, é a aldea máis poboada. Nela atópase o peirao, os restaurantes, os bares e a igrexa de San Xaquín.
- O Caño, é a continuación de O Curro, xunto á pista que sobe ao faro.
- O Cucorno, é a aldea máis grande en extensión e unha das máis poboadas. É tamén a máis alta da illa, pois ocupa a montaña onde se sitúa o faro, baixando pola súa ladeira.
- O Laverco, é tamén unha aldea alta situada xunto ao Cucorno, arredor do faro.
- O Centolo ou O Sentulo, a máis setentrional de todas, está composta por unhas catro ou cinco casas situadas no extremo setentrional da illa, nunha zona bastante alta.
- Melide, cerca do Centolo, cara ao faro. Moitos insulares consideran que esta aldea forma parte da do Centolo, pola proximidade e por non contar máis que con tres casas.
- A Chan da Pólvora, está formada por media ducia de casas un pouco desviadas da pista que sobe ao faro. Nesta aldea sitúase o cámping da illa.
- Canexol, está situada cara ao sur da illa, na ribeira do mar. Nela atópase o cemiterio.
- Pereiró, trátase da aldea máis meridional da illa, e unha das máis grandes. O seu territorio é dos máis fértiles da illa. Atópase detrás da praia do mesmo nome.
No verán, a maioría dos insulares que emigraron ao continente (sobre todo á península do Morrazo) regresan á illa para pasar a tempada estival nas súas casas da illa de Ons; moitos incluso regresan xa na primavera. Pódese afirmar, polo tanto, que a illa posúe maioritariamente unha poboación estacional, sendo moi baixo o número de veciños que permanecen nela todo o ano. A poboación de Ons pasa do medio millar durante o verán, e a isto hai que engadirlle os centos de visitantes diarios da illa e tamén os campistas que nela pernoctan.
1900 | 1910 | 1930 | 1940 | 1950 | 1955 | 1960 | 1970 | 1975 | 1986 | 2000 | 2001 | 2002 | 2003 | 2004 | 2005 | 2006 | 2007 | 2008 | 2009 | 2010 | 2011 | 2012 | 2013 |
299 | 276 | 375 | 421 | 435 | 530 | 464 | 370 | 195 | 16 | 58 | 59 | 62 | 61 | 63 | 61 | 70 | 71 | 72 | 77 | 78 | 80 | 79 | 81 |
Fauna
editarEntre a fauna destaca a colonia de corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis) que cría nos cantís máis inaccesíbeis, e cuxa poboación na illa representa xunto á das Illas Cíes o 25% da poboación mundial. Nos cantís e illotes da zona norte tamén habita a gaivota patiamarela (Larus cachinnans) e a gaivota escura (Larus fuscus). O arao dos cons (Uria aalge) desapareceu da illa nos anos 60; na actualidade, atópase en vías de extinción. En 1989 só quedaban 2 ou 4 parellas nas Illas Sisargas, 15 ou 20 no Illote Vilán de Fora (A Coruña) e 1 ou 2 nas Illas Cíes. Na illa de Ons tamén poden atoparse algunhas das poucas parellas de Choia biquivermella (Pyrrhocorax pyrrhocorax) que aniñan no litoral galego. Entre as aves rapaces destaca a presenza do miñato común (Buteo buteo), o gabián eurasiático (Accipiter nisus), e o azor (Accipiter gentilis). Entre os réptiles destaca a serpe de escaleira (Elaphe scalaris) e o lagarto ocelado (Lacerta lapida).[9]. Entre os anfibios salientar o sapo raxado e o tritón común.[10]
Por outra parte, a illa é un importante enclave de descanso das aves migratorias, e os seus fondos mariños posúen unha gran riqueza.
Flora
editarAínda que no pasado probabelmente Ons contaba con masas arbóreas de bidueiros e de cerquiños (Quercus pyrenaica) na actualidade non queda case presenza delas, tan só algún bidueiro preto das fontes, debido ós incendios continuos consecuencia da histórica rebeldía dos insulares. A vexetación arbórea actual constitúena algúns piñeirais, un eucaliptal preto da praia de Melide, algunhas árbores froiteiras e algunha acacia. A maior parte da illa está cuberta por mato, principalmente toxo, tamén herba de namorar (Armeria maritima) e Angelica pachycarpa. Nas praias destacan dúas especies fixadoras de dunas: feo de praia (Ammofhila arenaria) e Agropyrum junceum.[11]
A xesta de Ons (Cytisus insularis), descuberta no ano 2000 e descrita no 2001, é exclusiva da Illa de Ons. Esta xesta é o único endemismo botánico do Parque Nacional de Illas Atlánticas, polo tanto resulta a especie máis singular e característica da Illa e, tamén, do conxunto do Parque Nacional. Conta con toda unha serie de adaptacións específicas para o ambiente típico deste hábitat moi salino, ventoso e soleado e con pouco chan fértil, pois esta xesta prospera mesmo nos cantís occidentais.
Historia
editarA Illa xa estaba habitada na Idade de Bronce, como puxeron de manifesto os numerosos achados de materiais desta época atopados por toda a superficie da illa. Existen dous castros, o de Castelo dos Mouros e o da Cova da Loba; un sepulcro antropomorfo e restos do que puido ser un mosteiro.[12]
No século primeiro xa temos a primeira noticia sobre a illa: Plinio o Vello cítaa na súa descrición da Península Ibérica como insua Aunios. As seguintes referencias datan do ano 899, na que foi doada ao Cabido Compostelán polos reis Afonso III o Magno, Ordoño II e Afonso V.[12]
No século XVI aparece a familia Montenegro como dona da Illa, ao serlle cedida polo arcebispo Gaspar de Zuñiga Avellaneda, o que se pode comprobar polos documentos existentes no Museo de Pontevedra do foreiro pagador a Don Antonio Sarmiento Montenegro. Este asentamento viuse obrigado a fuxir a comezos do século XVII polas aterradoras incursións cara a costa dos corsarios norteños e piratas turcos. Con posterioridade foi pasada en herdanza ós descendentes de Montenegro, que gozaron da súa propiedade ata o ano 1810 cando a Xunta Provincial de Armamento e Defensa da provincia de Santiago ordena defender a entrada da Ría de Pontevedra. Para sufragar os enormes gastos, decidiuse dividir a Illa en Accións de Primeira Clase a aqueles que a quixesen traballar tendo que pagar un canon a modo de xuro.[12]
Despois dos conflitos entre a Igrexa e a Nobreza pola súa posesión, esta saldouse a favor do Marqués de Valladares, o que permitiu a instalación dunha fábrica de salgadura nos arredores do peirao entre os anos 1835-1840.[12] Isto produciu un cambio na economía da Illa. Trala decadencia da salgadura en 1929, foi cando tomou un novo rumbo, sendo vendida a Manuel Riobó por 250.000 pesetas, quen formou nela unha Sociedade Mercantil dedicada ao secado e comercialización do polbo e congro.[12] Ata o ano 1936 gozou dunha década de benestar e prosperidade, xa que o gran número de polbos e o dominio dos insulares na arte da pesca e da dorna converteunos no principal punto de referencia cando se fala deste cefalópodo nas Rías Baixas.
En 1936, co comezo da guerra civil, o entón dono da illa, Didio Riobó, foi buscado e perseguido polas súas ideas políticas. A causa desta persecución tomou a decisión de suicidarse, quedando os insulares dende ese momento nunha situación de abandono e incerteza sobre o seu futuro e as súas propiedades.[12]
A Illa foi expropiada no ano 1940, polo Ministerio da Guerra, e foi pasando a través dos anos dun organismo a outro: Colonización, ICONA e Irida, ata que finalmente no ano 1984 foi transferida á Xunta de Galiza.[12]
Hoxe constitúe un ben de dominio público, pero cunha situación veciñal aínda pendente de resolver, mentres que os veciños reclaman o dereito á propiedade das casas que eles e os seus antepasados construíron, o goberno autónomo adícase a realizar un estudo xurídico para solucionar esta insólita situación.
Galería de imaxes
editar- Artigo principal: Galería de imaxes da illa de Ons.
-
Illas Ons.
-
Peirao de Ons
-
O Curro.
-
Vila de Ons.
-
Centro de visitantes da Illa de Ons.
-
Igrexa de San Xaquinciño da Illa.
-
Praia de Melide vista dende a punta do Castelo.
-
Illa de Onza vista desde o monte da Espaduada e Fedorentos.
-
Enseada de Fedorentos e Punta do Rabo da Egua.
-
Buraco do Inferno.
-
Enseada das Caniveliñas.
-
Faro de Ons.
Notas
editar- ↑ "Parque Natural das Illas Atlántias: Entorno natural". Arquivado dende o orixinal o 18 de decembro de 2013. Consultado o 17 de decembro de 2013.
- ↑ Arquipélago de Ons no Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia
- ↑ Visor SixPac da Xunta de Galicia
- ↑ Ficha do vértice xeodésico Arquivado 30 de maio de 2020 en Wayback Machine. na web do Instituto Xeográfico Nacional (en castelán)
- ↑ "O Instituto Nacional de Colonización na Illa de Ons". Buxa. Asociación Galega do Patrimonio Industrial. 7 de outubro de 2021. Arquivado dende o orixinal o 22 de xuño de 2023. Consultado o 22 de xuño de 2023.
- ↑ Llano Cabado, Pedro de (1981). Ons, a arquitectura dunha comunidade desaparecida. Cadernos do Seminario de Sargadelos. Sada: Ediciós do Castro. ISBN 84-7492-105-8.
- ↑ Pardellas de Blas, Celestino (2015). Asociación Cultural PineirÓns, ed. "A illa de Ons na prensa estatal do pasádo século XX (I). Anécdotas que son parte da historia de Ons.". Aunios (20): 11–12.
- ↑ Datos de poboación do 2000 ó 2012 no INE (en castelán)
- ↑ Fauna da do Parque Nacional das Illas Atlánticas Arquivado 18 de decembro de 2013 en Wayback Machine. (en castelán)
- ↑ Velo-Antón G. e Cordero-Rivera A. (Xullo 2015). "Salamandra común: poblaciones insulares en Galicia". Quercus 353.
- ↑ Flora da do Parque Nacional das Illas Atlánticas (en castelán)
- ↑ 12,0 12,1 12,2 12,3 12,4 12,5 12,6 https://www.miteco.gob.es/es/red-parques-nacionales/nuestros-parques/islas-atlanticas/historia/default.aspx (en castelán)
Véxase tamén
editarCommons ten máis contidos multimedia sobre: Illa de Ons |
Outros artigos
editarBibliografía
editar- Alá, no medio do mar. A Comunidade da illa de Ons, Staffan Mörling, Josefa Otero Patiño. Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente (2013)
- Atlas de las aves nidificantes de los Archipiélagos de Cíes y Ons (Parque Nacional de las Islas Atlánticas). Jesús Domínguez Conde, Luis Enrique Tapia del Río, Gabriel Martín García, Marta Arenas Romasanta, Isabel Quintero Martínez, Luis Enrique Rego Vale, María José Vidal Malde. Parque Nacional das Illas Atlánticas. (en castelán)
- Estudio florístico de la isla de Ons (Parque Nacional Marítimo-Terrestre de las Islas Atlánticas de Galicia). J. Gaspar Bernárdez Villegas. Parque Nacional das Illas Atlánticas. (en castelán)
- Anfibios y reptiles del Parque Nacional de las Islas Atlánticas de Galicia. Faunística, biología y conservación. Pedro Galán Regalado. Parque Nacional das Illas Atlánticas. (en castelán)
Ligazóns externas
editar- Arquipélago de Ons na web do Parque Nacional Illas Atlánticas de Galicia (en galego) e (en castelán)
- Historia das illas Ons na páxina da Rede de Parques Nacionais do Ministerio de Medio Ambiente. (en castelán)
- Información no Instituto Xeográfico Nacional sobre o Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia (en castelán)