Arao dos cons


Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Charadriiformes
Familia: Alcidae
Xénero: Uria
Especie: U. aalge
Nome binomial
'Uria aalge'
(Pontoppidan, 1763)
Sinonimia

Colymbus aalge Pontoppidan, 1763

O arao (do francés antigo hairon)[2] dos cons ou aro[3][4] (Uria aalge) é unha ave costeira da familia Alcidae. Xunto co garrucho, domina as colonias mariñas dos cantís na tempada do verán. O arao nada fronte a costa en grandes masas baixo os cantís. Fronte aos farallóns adoita verse voando baixo e rápido.

Arao dos cons nun selo postal das Illas Feroe.

No inverno, aparecen en terra só durante ou despois dos vendavais.

Hábitat do arao dos cons

Descrición editar

 
Parella de araos sobre un con.

Os exemplares adultos acadan os 38–46 cm de altura e 61–73 cm de envergadura, de plumaxe negra co peito e ventre brancos, co peteiro en forma de puñal, algúns exemplares presentan unha lixeira liña ocular branca.

Distribución editar

O seu hábitat son as illas, cons e cantís das costas do Atlántico norte (chegando polo sur ata Novo Brunswick e Portugal) e Pacífico norte (chegando polo sur ata California), cría formando grandes colonias e deixan os seus ovos nas rochas espidas, teñen forma piriforme para que, de sufriren un golpe rolen en círculo e non sobre o seu eixo. Algúns residen permanentemente, os situados máis ao norte migran ao sur, aliméntanse principalmente de peixe, compleméntandoo con crustáceos, vermes mariños e luras.

Poboación en Galiza editar

 
Araos na costa da illa de Burge (Noruega)

A poboación galega estímase entre 3 e 12 parellas reprodutoras: Sisargas, 3 parellas e Cabo Vilán, de difícil censo, 9 parellas en 1991. Como ave de paso é moi escasa, con observacións en xeral de individuos illados, algunhas veces en parellas ou en grupos de tres ou máis.

Calcúlase que nos anos 60 a poboación galega sería dunhas 1.500 ou 2.000 parellas, repartidas en nove colonias: Estaca de Bares, Aguillóns, Punta do Limo (Cabo Ortegal), A Gabeira (Veigue), Illas Sisargas e Cabo Vilán, todas elas na provincia da Coruña, xunto ás de Ons, Costa da Vela e Illas Cíes na provincia de Pontevedra. Durante a década dos 70 comezaron a minguar tódalas colonias, desaparecendo algunha como a de Cabo Ortegal que chegou a ter unhas 1.000 parellas, quedando outras moi reducidas (Sisargas, 32 individuos, e Cíes, 6 parellas). A mesma tendencia produciuse na colonia portuguesa da Illa Berlenga.

En 1986 había 43 parellas e en 1998 só quedaban 7, as causas da situación precaria do arao dos cons son a caza e colleita de ovos polos humanos, algunhas artes de pesca que fan que as aves queden enganchadas nas redes e a contaminación por produtos petroleiros. Desde 2002, polo desastre do Prestige a situación do arao dos cons foi a peor, o mesmo que do arao papagaio e arao romeiro.[5][6]

 
Uria aalge aalge.

Notas editar

  1. BirdLife International (2012). "Uria aalge". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 26 de novembro de 2013. 
  2. "Arao". DIGALEGO. Arquivado dende o orixinal o 05 de agosto de 2016. Consultado o 20 de abril do 2016. 
  3. M. do Carme Ríos Panisse (1983): Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia. II. Mamíferos, aves y algas, Universidade de Santiago [1]
  4. Arao (Uria aalge). Consellería de medioambiente. Xunta de Galicia.
  5. "Inventario do arao común (en castelán)" (PDF). Ministerio para a Transición Ecolóxica. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 29-12-2021. Consultado o 29-12-2021. 
  6. "A morte negra, máis de 100.000 aves atrapadas no chapapote". Galicia Ciencia. Consultado o 29-12-2021. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar