Antigo europeo
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde setembro de 2015.) |
O antigo europeo é unha lingua indoeuropea extinta, cuxa existencia se deduciu a través dos nomes de ríos europeos. A súa existencia foi postulada polo profesor alemán Hans Krahe.
Exemplos son:
- *o-/*ol- (fluír, manar): Almar, Almonte, Alenza, Almería.
- *ser-/*sor- (fluír, discorrer). Dá nomes en diferentes linguas indoeuropeas, coma no sánscrito sará- “líquido, fluído”, sarít- 'regato', grego oros e latín serum “líquido leitoso”. Hidrónimos derivados desa raíz, aparecen nos ríos Sar e Sarela (Compostela), no regato da Sara (Rodeiro, Pontevedra), Sor (O Vicedo, Lugo), Sarria (Lugo) ou Sárdoma (nome dunha parroquia de Vigo e antigo nome do río Lavadores, nesa parroquia). Fóra de Galicia atópanse o regato Sarrión (Coaña, Asturias), a fonte Sar (Santa María del Campo, Burgos), a fonte de Sora (Langás, Zaragoza), o Jarama (afluente do Texo), o Jaramillo (Burgos) e o Sorbes (Guadalajara). En Europa, temos o río Saar / Sarre (transcorre entre Alemaña e Francia).
- *sal- : Sella, Xallas, Jalón, Salamanca, Xálima (río na fronteira entre Cáceres, Salamanca e Portugal).
- *albh- (branco): Alba, Elba.
- topónimos terminados en -antia: Alesantia e os modernos Aranzuelo, Arlanza, Arlanzón, Numancia.
Existen unha serie de ríos europeos con nomes claramente indoeuropeos, pero que non se poden aclarar baseándose en linguas indoeuropeas coñecidas. Os nomes distribúense por toda Europa Central e do Norte, chegando polo sur ata as tres penínsulas mediterráneas: a ibérica, a itálica e a balcánica. Na súa zona de distribución apenas existe hidronimia non indoeuropea. Foron estudados profunda e sistematicamente por Hans Krahe (os ríos europeos), por Javier de Hoz (os ríos españois) e por Edelmiro Bascuas (os ríos galegos).
Na Península Ibérica dáse o caso de que o territorio no que se atopan estes nomes entra claramente en zona historicamente non indoeuropea, é dicir, en Aragón, Cataluña e parte do Levante. Existirían dúas explicacións para este fenómeno: os iberos conquistaron estas zonas posteriormente ou ben a indoeuropeización destes territorios foi parcial e finalmente infrutuosa.
Optouse polo nome de antigo europeo (alemán Alteuropäisch) como denominación neutral. Inicialmente Krahe atribuíu os nomes aos ilirios (teoría chamada panilirismo), aínda que máis tarde defendeu que a lingua era o protoindoeuropeo propiamente dito. As dúas teorías están hoxe en día descartadas.
É máis o que non se coñece sobre este pobo có que se sabe.
Historia
editarDeduciuse que o antigo europeo é máis antigo cás linguas celtas. O mantemento dos nomes dos ríos en zona celta nunha lingua "estranxeira" indica por unha banda, que os ríos xa tiñan nome cando os celtas chegaron, e por outra, que estes nomes corresponden a unha lingua de substrato para os celtas.
No caso da Península Ibérica, se se dá por certo que os celtas chegaron cara aos séculos VIII-VII antes da nosa era, o antigo europeo tivo que falarse en época anterior. A arqueoloxía descubriu a chegada de elementos da cultura dos Campos de Urnas desde Europa central á Península cara aos anos -1500 e –1300, o que podería corresponder a inmigrantes desta lingua ou linguas. Porén, é imposible probalo.
Unha lingua ou varios dialectos emparentados
editarNon se pode saber con seguridade se era unha lingua ou varios dialectos emparentados.
No entanto, existen argumentos a favor de que fose un grupo de dialectos ou linguas. O primeiro adiántao Jürgen Untermann e é a descontinuidade dos nomes de ríos vistos sobre o mapa europeo. Isto indicaría unha mestura de pobos indoeuropeos e non indoeuropeos nun mosaico de linguas. O segundo argumento é que é pouco probable que unha lingua evolucione tal cantidade de variantes para unha soa palabra indoeuropea como é o caso da raíz *eis-/*ois-/*is- (rápido): Aisa, Eisa, Isa, Eisia, Aisia, Isna, Aisena, Isana, Isina, Eisra, Isara, Aisaros, Eisla, Aisontios, Aista e Aiseta.
A cultura material dos falantes
editarO único vocabulario que nos chegou é o usado para nomear ríos: branco, rápido, sinuoso, brillante, fluír etc. Isto non permite reconstruír a cultura material dos falantes polo uso que facían das palabras.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Villar, Francisco, Los indoeuropeos y los orígenes de Europa, Madrid, 1991, ISBN 84-249-1471-6.
- Bascuas, Edelmiro, Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega, Verba, anexo 51, Santiago de Compostela, 2002, ISBN 84-9750-026-1.