Odón de Buen y del Cos

naturalista y oceanógrafo español

Odón de Buen y del Cos, tamén coñecido como Odón de Buen, nado o 18 de novembro de 1863 en Zuera (provincia de Zaragoza) e finado o 3 de maio de 1945 na Cidade de México, foi un naturalista español, coñecido por ser o fundador da oceanografía en España.

Infotaula de personaOdón de Buen y del Cos

Mural na súa localidade natal, Zuera,
dedicado a Odón de Buen
Biografía
Nacemento18 de novembro de 1863 Editar o valor em Wikidata
Zuera, España Editar o valor em Wikidata
Morte3 de maio de 1945 Editar o valor em Wikidata (81 anos)
Cidade de México Editar o valor em Wikidata
Lugar de sepulturaCemiterio de Zuera 
Cargos
Senador de España por Barcelona (1907-1910)
Membro da Asamblea Nacional Consultiva (1927-1930)
Director do Instituto Español de Oceanografía (desde 1928)
Datos persoais
Outros nomesPolemófilo Editar o valor em Wikidata
ResidenciaEspaña e México
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Formación profesionalCiencias Naturais
Coñecido porMetropontus bueni
Porcelio bueni
Actividade
Ocupaciónnaturalista, oceanógrafo, xeógrafo
EmpregadorUniversidade de Barcelona
Partido políticoSolidaritat Catalana Editar o valor em Wikidata
Xénero artísticozooloxía, oceanografía, xeografía
Influencias
Máximo Laguna
José Macpherson
Influencias en
Linguacastelán
Obra
Abreviación dun autor en botánicaBuen Editar o valor em Wikidata
Familia
CónxuxeRafaela Lozano
FillosSeis, entre eles,
Demófilo de Buen Lozano,
Víctor de Buen Lozano
Sadí de Buen Lozano
Fernando de Buen y Lozano
PaisMariano de Buen y Ropín  e Petra del Cos y Corroza
Premios

Dialnet: 21437
A fragata Blanca, á esquerda, na batalla de Abtao.
Odón de Buen pouco despois de obter a cátedra, contra 1889
Capa da Historia Natural de Odón de Buen, editada en Barcelona en 1891 por Montaner y Simón

Traxectoria editar

Primeiros anos e formación editar

Odón de Buen y del Cos naceu o 18 de novembro de 1863 en Zuera (provincia de Zaragoza). Seu pai foi Mariano de Buen y Ropín, xastre de profesión, e a súa nai, Petra del Cos y Corroza. Xunto cos seus pais, trasladouse a Zaragoza para estudar o bacharelato. Consciente do grande esforzo que supoñía para a familia o traslado á capital aragonesa, impartiu clases de repaso a outros alumnos. Rematado o bacharelato con matrícula de honor, accedeu á universidade. Elixiu estudar Ciencias Naturais, para o cal foi preciso o seu traslado a Madrid. Sabedores do grande esforzo económico que supoñía, e coñecedores do seu talento, o Concello de Zuera decidiu concederlle unha bolsa de estudos por acordo unánime dos concelleiros.[1]

Durante a súa estancia en Madrid, na Universidade Central, tivo ocasión de ampliar estudos con Máximo Laguna e José Macpherson, cos que iniciou os estudos de petrografía na serra madrileña. Nesta época, e para axudar economicamente, comezou a dar clases particulares, sendo un dos seus alumnos Miguel Primo de Rivera. Durante este período Odón realizou estudos das plantas, que incluiría máis tarde, en 1883, nos Anales de Historia Natural. Xunto a Vicente Castelló creou o Anuario Científico Español.

En Madrid participou nas actividades da Sociedad Linneana Matritense.[2]

A viaxe da fragata Blanca editar

Tras unha viaxe á súa terra natal, onde en 1885 se declarara unha epidemia de cólera, da que morreu seu pai, debido ao que se fixo cargo da súa familia, Odón regresa a Madrid. Alí recibiu a noticia de que fora seleccionado para realizar investigacións científicas a bordo da vella fragata Blanca, supervivente da batalla do Callao.[1]

Esta viaxe, preparada pola Armada Española, fora pensada para da a volta ao mundo como instrución de gardamariñas pero, por razóns orzamentarias, reduciuse a unha viaxe en dúas etapas: a primeira polo norte de Europa, e a segunda polo Mediterráneo e o norte de África. En ambas as viaxes, nas que no faltaron as penalidades, formouse a vocación oceanográfica de Odón de Buen,[3] tal e como relata nas súas memorias:[1]

Adquirín naquela viaxe a orientación definitiva para a miña vida persoal futura. Encontreime coa mar e contempleina: magnífica, impoñente e desprezando a insignificancia do noso barco de madeira. Encontrei homes expertos, conscientes da superioridade da intelixencia humana. Sentín unha ansia insaciábel para coñecer os secretos ocultos baixo as vagas e as causas da orixe da vida nos océanos. Tomei a decisión de dedicarme á oceanografía, que daquela estaba nos seus inicios.
Buen, Odón de (1998): De Kristianía a Tuggurt (impresiones de viaje).

Durante esta viaxe de Buen recolleu importantes materiais que serviron para clasificalos máis tarde. Entre eles, dúas especies de isópodos que foron clasificados, na súa honra, como Metropontus bueni e Porcelio bueni. Afeccionado a escribir, relatou as peripecias da viaxe na súa obra De Kristanía a Tuggurt.

Os resultados desta exploración en Galicia editar

Esta viaxe, asemade, supuxo un contacto científico con Galicia.[4] Durante a súa estancia en terras galegas, sobre todo en Ferrol, xunto a unha serie de peixes recolleu diversos exemplares de crustáceos, que mandou ao Museo de Ciencias Naturales de Madrid. Parte deses seres serviron para a elaboración do seu artigo "Materiales para la fauna carcinológica española".[5] No traballo cita 23 especies con presenza en Galicia, delas 20 exclusivas; as localidades de recolección foron, en primeiro lugar, Ferrol, recollidas polo autor en 1886, e Marín, recollidas por Eduardo Boscá. Non se describen taxons novos e os resultados preséntanse como unha listaxe con moi poucas indicacións. O artigo inclúe unha segunda parte na que aborda algo a área de distribución dos crustáceos.

En Barcelona editar

Tras esta viaxe, Odón buscou unha estabilidade económica que lle permitira casar, e, tras varios intentos, gañou en 1889 a cátedra de Historia Natural da Universidade de Barcelona, posto que ocupou até 1911, en que se trasladou a Madrid.[6]

Durante a súa estancia en Barcelona, reformou completamente a ensinanza das ciencias na súa universidade: introduciu material científico avanzado, estableceu prácticas de laboratorio e saídas ao campo, e estableceu relaciones estreitas coa Estación Biolóxica de Banyuls-sur-Mer (Francia). Os seus extensos manuais explicaban os fenómenos naturais con puntos de vista evolucionistas e sen rodeos.[1]

De Buen foi un dos principais divulgadores da teoría da evolución de Darwin en España, o que lle valeu a oposición do cardeal Salvador Casañas y Pagés, que declarou que as sús ensinanzas eras heréticas. A oposición do cardeal conseguiu en 1895 que Odón de Buen fora separado da súa cátedra.[7] Posteriormente foi acollido polo goberno francés, que o nomeou oficial de instrución pública.

Odón de Buen publicou unha Historia natural completa (zooloxía, botánica e xeoloxía) con ilustracións e gravados, que tivo grande aceptación tanto en España como en América, pese a que os sectores máis conservadores da ensinanza promoveron a prohibición destes libros como contrarios ás doutrinas da Igrexa católica, que os puxo no Índice de libros prohibidos, pero Odón de Buen no impoñía seus libros, co que calquera intento de apartalos da ensinanza oficialmente foi infrutuoso.

A súa separación da cátedra produciu numerosas protestas e revoltas entre os estudantes, que chegaron a apedrar o palacio do bispo a as casas doutras persoas notorias polo seu clericalismo. De Buen trasladou as súas clases ao salón do Centro Federal e continuou coas súas saídas ao campo, pero as revoltas non cesaban e, á final, durante as vacacións de Nadal, o Goberno, aconsellado polo xeneral Valeriano Weyler, capitán xeneral de Cataluña, dispuxo que Odón reanudase as súas clases na universidade.

De Buen, político editar

Odón de Buen participou tamén na política, difundindo ideas republicanas e librepensadoras. Foi colaborador de Las Dominicales del Libre Pensamiento, que dirixía Fernando Lozano y Montes, con cuxa filla, Rafaela, casou en 1889. Este matrimonio tivo seis fillos. Foi concelleiro de Barcelona (1903) e senador pola provincia de Barcelona (1907-1910).

Próximo na súa formación aos "institucionistas" (da Institución Libre de Enseñanza), diferenciábase nalgúns matices ideolóxicos, relacións e proxectos emprendidos. As concepcións científicas con que se identificaba (darwinismo) e as posicións políticas que defendía (republicanas de esquerda) provocaron enfrontamentos cos sectores conservadores cataláns.[8]

En 1907 foi membro da Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas. Durante a campaña para as eleccións xerais de 1907 foi vítima dun ataque lerrouxista contra el e outros líderes da Solidaritat Catalana, no que foi ferido por bala Francesc Cambó.[9]

Odón de Buen incidiu en Galicia no labor de divulgación do darwinismo e das modernas concepcións biolóxicas que propiciaban os seus excelentes manuais de Historia Natural. Estes innovadores libros eran especialmente apreciados nas bibliotecas dos centros obreiros e librepensadores galegos. Á marxe da súa actividade científica, de Buen formou parte da comisión de Solidaritat Catalana que acudiu a Galicia, en 1907, en apoio de Solidaridad Gallega, participando en mitins en Betanzos e na Coruña. Como senador republicano por Barcelona, en 1909, protestou e interpelou ao Goberno polo masacre de Oseira, ante o silencio xeral dos representantes galegos.[10]

Novas campañas marítimas editar

A partir de 1908 realizou unha serie de campañas marítimas a bordo do Averroes, barco ben equipado que pertencía á Mariña de Guerra, e co cal De Buen puido trazar cartas de navegación, estudar os fondos do estreito de Xibraltar e analizar as correntes, a fauna e a flora mediterráneas.

Durante este período Odón de Buen coincidiu na Escola Moderna de Francesc Ferrer i Guàrdia con outros científicos, entre os que estaban Santiago Ramón y Cajal e Andrés Martínez Vargas. Colaborou no seu Boletín e integrouse no seu padroado, impartiu numerosas conferencias e escribiu cinco libros de ciencias naturais, que serviron de libros de texto nese centro. Nesta época recibiu numerosos premios e condecoracións, tanto nacionais como estranxeiras.

En Madrid editar

En 1911 trasladouse a Madrid, onde continuou a súa obra pedagóxica defendendo sempre a ensinanza científica, completa e experimental. Nesta cidade retomou a súa amizade con Ramón y Cajal e co seu antigo alumno Miguel Primo de Rivera.

Nesta época, de Buen preocupouse tamén por mellorar a súa vila natal, Zuera, para a que conseguiu a construción dun Grupo Escolar, o cal na actualidade leva o seu nome (CEIP Odón de Buen). O escultor Mariano Benlliure modelou un busto para este centro, do que no seu día foi entregada unha reprodución á Universidade de Zaragoza que a exhibe no seu Paraninfo como homenaxe ao oceanógrafo. Outra copia está no seu mausoleo, que se erixiu en Zuera.

Fundación do Instituto Español de Oceanografía editar

 
Odón de Buen y del Cos

Desde 1893, como quedou dito, de Buen organizara visitas periódicas, co seu alumnado, ao Laboratoire Arago, en Banyuls-sur-Mer, unha estación mariña fundada polo profesor da Facultade de Ciencias da Sorbona Henri de Lacaze-Duthiers. Eses contactos favoreceron o interese de Odón de Buen por crear un centro de investigación oceanográfica en España. En 1906 inaugurou o Laboratorio Biolóxico Mariño en Portopí (Palma de Mallorca), e máis tarde outros en Málaga, Vigo e Santa Cruz de Tenerife, nos que se formaron xeracións de oceanógrafos.

O seu labor en oceanografía e bioloxía mariña significou a consolidación institucional destas disciplinas no Estado español. Os precedentes foran escasos e non acadaran a entidade necesaria. Entre eles figura o labor de Mariano de la Paz Graells, a citada viaxe da fragata Blanca, a estancia de Joaquín Castellarnau na Estación Zoolóxica de Nápoles e as actividades de Augusto González de Linares, coa creación da Estación de Santander.[11][12][13]

Odón de Buen dispuña dunhas calidades que lle resultaron moi beneficiosas para levar adiante o seu proxecto institucional. Dotado dunha grande habelencia para as relacións, estableceu numerosos contactos científicos e políticos que lle axudaron a acadar os obxectivos. Neste terreo actuou dun xeito pragmático, conciliando as súas posicións políticas e ideolóxicas coas de persoas de sensibilidades moi diferentes.

No camiño da creación do Instituto Español de Oceanografía resultou decisiva a axuda que recibiu de Albert Grimaldi (o príncipe Alberte I de Mónaco). Grimaldi era a máis salientábel referencia internacional no mundo da oceanografía. Desenvolveu 25 expedicións científicas e fundou o Museo Oceanográfico de Mónaco en 1910, e o Instituto Oceanográfico de París, en 1911. A súa correspondencia co príncipe iniciouse en 1908, vía Jules Richard, director do Museo Oceanográfico.[14] Odón de Buen ofreceu os seus servizos a Grimaldi para os proxectos oceanográficos deste e, coñecedor das súas boas relacións coa Casa Real española, solicitoulle apoio para os seus plans, é dicir, para a creación dun centro de investigación oceanográfica en España.[15] En 1912, o príncipe ditou dúas importantes conferencias en Madrid. Eses eventos e o apoio explícito de Grimaldi ao plan e a figura de Odón de Buen tiveron unha forte influencia sobre a Coroa e o Goberno de cara á creación do IEO e que este fose nomeado director. O naturalista español correspondería á axuda recibida colaborando en proxectos como a creación da Comisión Internacional para a Exploración Científica do mar Mediterráneo, cun acordo asinado posteriormente en Madrid en novembro de 1919.[16][17]

Así, en 1914 fundouse o Instituto Español de Oceanografía,[18] iniciándose daquela o campo da investigación oceanográfica en España.

Durante a ditadura de Primo de Rivera creouse a Dirección Xeral de Pesca, á que se anexionou o Instituto de Oceanografía, e Odón de Buen foi nomeado seu director xeral,[19][20] conservando este cargo durante a Segunda República.

A "batalla" polo control da investigación mariña en España editar

A creación do IEO agudizou o enfrontamento previo entre os proxectos de Odón de Buen e o Museo de Ciencias Naturais de Madrid. O grupo científico institucionista, con Ignacio Bolívar (director do Museo) á cabeza, que apoiara o proxecto de Augusto González de Linares para a creación da primeira Estación de Bioloxía Mariña de España (1886) e a súa posterior instalación en Santander (1889). Ese centro colaborou estreitamente en numerosas actividades formativas co Museo, de quen pasou a depender desde 1901. Odón de Buen creara, como quedou dito o Laboratorio de Portopí en Palma de Mallorca e loitou, con éxito, para mantelo á marxe do Museo, o mesmo que as instalacións de Melilla e Málaga. Os diferentes enfoques dos proxectos de investigación mariña representados polo Museo e o IEO, o escaso desenvolvemento da Estación de Santander (por dificultades externas e as limitacións do propio Linares) e as ambicións institucionais dos protagonistas, levaron a unha pugna polo control da estación de Bioloxía Mariña de Santander. Esa situación decantouse en pouco tempo a favor do IEO, que pasou a exercer o control e recibiu o apoio dos buques militares para realizar as súas campañas oceanográficas. O Museo, despois dun intento marrado de recuperar en 1917 a Estación de Santander, creou un Laboratorio Hidrobiolóxico en Valencia (1919). Porén, tería que agardar até 1932 para recuperar, coa creación da Estación de Bioloxía de Marín, unha nova "saída ao mar".[21][22]

O Laboratorio de Vigo, os contactos con Ernesto Caballero e a publicación de Ducloux editar

En 1917 instalouse en Vigo o primeiro centro do IEO, un Laboratorio situado no pavillón da Sociedade de Salvamento de Náufragos do porto de Vigo. Até 1935 non se dotou do equipamento preciso. Odón de Buen acudiu en diversas ocasións a Galicia, establecendo distintos contactos. Desta etapa, concretamente en 1918, é a relación co importante micrógafo Ernesto Caballero, profesor do Instituto de Pontevedra.[23] Buen ofrécelle a revista do IEO para publicar, e pídelle que ensine a súa técnica a dous biólogos do IEO, os mozos Álvaro de Miranda e Miguel Pérez Gutiérrez, cuestión que se levou á práctica e que deu lugar a un traballo destes novos investigadores.

O vicecónsul francés en Vigo, François Xavier Ducloux, recollera diversos exemplares da fauna mariña, dos que realizara varias fotografías. Odón de Buen encargaríase da publicación da versión española dese importante traballo, elaborado en 1900, cando o autor xa morrera. Trátase de La pesca en España. Estado actual de esta industria en las provincias marítimas de Vigo y Villagarcía, texto precedido dun limiar do propio De Buen no que salienta a colaboración do autor francés.

Por outra banda, na Conferencia Oceanográfica de París asígnanse dous traballos á oceanografía española, un deles a tabulación das flutuacións da pesca de especies de interese industrial nas costas galegas.[24] Do tema encargáronse Odón e o seu fillo Fernando de Buen y Lozano, e as pescudas que seguiron a esta directriz significaron un importante desenvolvemento da oceanografía no Estado español.

O debate sobre a purga de mar na costa galega editar

Ramón Sobrino Buhigas era catedrático de Historia Natural no Instituto de Pontevedra cando estudou o fenómeno das mareas vermellas que eran moi comúns no verán nas Rías Baixas, publicando un artigo sobre este tema.[25] En 1916 as augas das Rías Baixas tinxíronse de vermello e Sobrino, por un lado, e por outro Odón del Buen a bordo do Hernán Cortés dotado dun excelente microscopio, trataron de analizar o axente causante. Ningún dos dous o conseguiu.[26] Ao ano seguinte, Sobrino xa dispoñía dun moderno microscopio e a marea vermella volveu. Coa axuda do seu colega Ernesto Caballero realizou fotomicrografías que mostraban unha densa proliferación de Lingulodinium (=Gonyaulax) polyedra. Identificou esta como a especie causante da purga e publicou os resultados no artigo anteriormente citado.

Sobre este mesmo tema aínda escribiría Sobrino outro artigo nese mesmo ano,[27] no que contesta a Fernando de Buen,[28] quen, para defender unhas investigacións superficiais do pai, criticaba as realizadas por Sobrino. Fernando de Buen non proporciona ningún dato ou nome sobre o suposto radiolario causante da marea vermella, segundo o seu pai, e non da resultados das mostras recollidas en 1917.[26] A resposta de Sobrino foi contundente: rebateu punto por punto as descualificacións e, no remate, fixo unha durísima crítica contra o IEO por non empregar todos os medios ao seu alcance para o estudo de problemas tan importantes. Na polémica non estaba ausente o comentado enfrontamento institucional entre o Museo de Ciencias e o IEO. Sobrino, formado no Museo e na Estación de Bioloxía Mariña de Santander, sería peza clave para o establecemento polo Museo da Estación de Bioloxía Mariña de Marín en 1932.

Derradeiros anos editar

En 1934 chegoulle a Odón de Buen a idade da xubilación, tras corenta e cinco cursos de ensinanza ininterrompida, durante os que pasaron polas súas aulas 25 000 estudantes. Porén, Odón non abandonou a investigación.

A Guerra Civil sorprendeuno en Palma de Mallorca traballando no seu laboratorio, e foi detido polos sublevados e enviado a prisión. Nos mesmos días foi apresado en Sevilla seu fillo Sadí, médico, que é recordado sobre todo polos seus esforzos para a erradicación da malaria, e que foi fusilado o 3 de setembro. As privacións e a dureza do cárcere agravaron a súa diabetes. Foi enviado ao hospital, onde se recuperou coa axuda de médicos que foran alumnos seus. No hospital, despois da cea, daba charlas a outros pacientes sobre bioloxía mariña.

O cónsul danés e o británico comunicáronse con el en prisión e fixeron presión para a súa liberación. Despois de un ano na cadea, foi liberado a cambio da filla e a irmá do xa falecido Miguel Primo de Rivera, a quen preparara para o seu ingreso na Academia General Militar de Zaragoza en 1870.

Ao terminar a contenda, Odón de Buen marchou a Banyuls, onde faleceu a súa esposa, Rafaela Lozano, en 1941. En 1942 exiliouse en México, onde morreu en 1945, aos 82 anos. A maior parte dos seus fillos e netos superviventes, que o acompañaron, non volveron a España, e varios deles, como Rafael, oceanógrafo, contribuíron de maneira destacada á vida académica e profesional do país que os acolleu. Seu fillo Víctor de Buen Lozano, enxeñeiro industrial e aeronáutico, regresou a Barcelona, onde ocupou unha cátedra na Escola Técnica de Enxeñeiros Industriais e outros cargos públicos de alta responsabilidade. Durante a ditadura de Franco, seu nome foi relegado ao esquecemento.[1]

En 2003 os seus restos mortais trasladáronse desde México a Zuera, o seu pobo natal, onde se inhumaron nun mausoleo no cemiterio municipal desa localidade. En 2006, os restos da súa esposa trasladáronse desde Francia a Zuera, onde na actualidade descansan xunto aos de Odón de Buen.

Citas editar

No futuro a oceanografía debe ser a base común do noso traballo. Será a ciencia que encha e aglutine todas as conclusións da xeodesia e a xeofísica, limitadas como estiveron, até agora, case exclusivamente aos continentes. Soño con ese imperio da oceanografía, xa que os océanos foron todo no pasado da Terra e dominan aínda. Como os océanos pertencen a todos e ninguén os posúe, pertencen aos máis atrevidos pensamentos, aos espíritos científicos máis emprendedores, ao labor humano máis difícil e á mellor organizada, aos pobos máis civilizados e aos máis poderosos. Serán o campo de todos os esforzos da ciencia e a exploración debe ser colectiva e a súa explotación racionalizada por acordos comúns. Aínda conservan revelacións científicas transcendentais e inexplorada riqueza. A oceanografía é, pois, unha ciencia internacional e sempre deberá ser así.[1]
Escribo estas liñas ao cumprir os oitenta anos. Persisto nas miñas ideas librepensadoras de sempre. Desde moi mozo vivín fóra de toda comuñón relixiosa e nun feliz fogar librepensador vos educáchedes. Enterrádeme civilmente. Se a última hora a perda da razón ou calquera acto de forza me arrincara declaracións contrarias non as respetedes; non representarán a miña vontade consciente e libre. Que os meus restos repousen, se é posíbel, a lado dos da vosa santa nai. Morreu fóra de toda relixión positiva e enterrouse civilmente. Nosa relixión cifrábase nunha gran rectitude de conciencia, no culto do ben, da familia, da ciencia, da liberdade, da xustiza e do traballo. Fixemos todo o ben que nos foi posíbel; non fixemos a sabendas mal a ninguén.
Odón de Buen. Mis memorias.
 
Mural dedicado a Odón de Buen en Zuera, Zaragoza.

Obra editar

A obra de Odón de Buen é moi extensa e encóntrase totalmente dispersa debido tamén á circunstancia do exilio.

Ademais da súa obra científica, traduciu as memorias de Garibaldi e unha biografía de Ignacio Jordán Claudio de Asso y del Río.

A Institución Fernando el Católico de Zaragoza e o Concello de Zuera iniciaron a tarefa de recompilar a obra do insigne oceanógrafo, e reeditar algúns dos seus libros, como Síntesis de una vida política y científica, De Kristianía a Tuggurt (impresiones de viaje), publicados ambos en 1998, ou Mis Memorias (Zuera, 1863-Toulouse, 1939), publicado no 2003. En 2018 publicouse Cartas a un labrador (1887-1894) en edición de Antonio Calvo Roy.[29]

Odón de Buen redactou as súas memorias en Banyuls, aos 76 anos, e as 1 177 cuartillas as garda a súa familia até a actualidade. A Biblioteca de Zuera emprendeu a tarefa de recompilar a obra de De Buen, e conta xa cun importante fondo a disposición de estudosos e investigadores.

Honores editar

Condecoracións editar

  • Placa de Prata da Fundación do Museo de Mónaco.
  • Medalla de Cooperación na viaxe do Dama ao redor do mundo dirixido polo capitán J. Schmidt.
  • Gran Cruz de Afonso XII.[30]
  • Gran Cruz da Coroa de Italia.
  • Comendador da Lexión de Honor de Francia.
  • Comendador de San Mauricio e San Lázaro (Italia).
  • Comendador do Mérito Marítimo de Francia.
  • Grande Oficial de San Carlos (Mónaco).
  • Gran Cruz Militar de Cristo e Gran Cruz de Santiago e a Espada (Portugal).
  • Gran Cruz da Orde da República Española.
  • Fillo Predilecto da Vila de Zuera (2003).
  • Fillo Adoptivo da illa de Mallorca (2004).
  • Fillo Adoptivo da Vila de Valdecabras (provincia de Cuenca)´.

Abreviatura editar

A abreviatura Buen emprégase para recoñecer a Odón de Buen como autoridade na descrición e clasificación científica en botánica.[31]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 Parrilla-Barrera 2005, pp. 128-135.
  2. González Bueno, A. (1982): "La Sociedad Linneana Matritense", en Folch, G & Puerto, F. J., eds., Medicamento, Historia y Sociedad. Madrid: Universidad Complutense, pp. 511-538.
  3. Buen, Odón de 2003.
  4. Puig-Samper, M. A. et al. (1984): "El viaje de la fragata Blanca (1886)". Actas do II Congreso Soc. Esp. Ha. Cs., II: 281-296. Zaragoza: Gráficas Navarro.
  5. Buen, Odón de 1887.
  6. Gomis, A. (2011): "Odón de Buen: cuarenta y cinco años de compromiso con la universidad" Asclepio, LXIII (2): 405-430.
  7. El Periódico de Aragón (16 de novembro de 2006). "Mariano: Odón de Buen es uno de los científicos más grandes". El Periódico de Aragón. Arquivado dende o orixinal o 02 de maio de 2018. Consultado o 18 de decembro de 2020. 
  8. ArquéS, J. (1984): "Els veritables fets sobre la suspensió del cientific darwinista Odón de Buen de la seva Catedra de la Universitat de Barcelona el 1895", Actas II Congreso de la Sociedad Española de Historia de las Ciencias, Jaca, 27 de Septiembre-1 de Octubre de 1982, 1: 285-304.
  9. Espinet Burunat 2012, p. 182.
  10. Durán, J. A. (1974): "Buen y Cos, Odón de", na Gran Enciclopedia Gallega, IV: 67-68. Santiago de Compostela / Gijón: Silverio Cañada. ISBN 84-7286-039-6.
  11. Cazurro, M. & Arias Encobert, J. (1921): Ignacio Bolivar y las Ciencias Naturales en España. Madrid: Impr. Clásica Española. ISBN 84-0006-854-8.
  12. Fraga, X. A. (1992): Bioloxia na Galiza na segunda metade do século XIX (1868-1903): ensino, divulgación, debates, produción, institucionalización e recepción de novidades. Santiago de Compostela: Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da Universidade de Santiago de Compostela. ISBN 84-7191-899-4.
  13. Fraga, X. A. (1996): "La institucionalización de la biología marina en España. El mito de González de Linares (1845-1904)", Antilia (Revista Española de Historia de las Ciencias de la Naturaleza y de la Tecnología, vol. II, art. 1. ISSN 1136-2049.
  14. Morcos, S.; Fraga, X. A. & Parrilla-Barrera, G. (2013): "The Dawn of Spanish Oceanography: Odón de Buen and his letters to Henri de Lacaze-Duthiers (Banyuls-sur-Mer), Prince Albert I and Jules Richard (Monaco), 1895-1945", en: Groeben C. (ed), "Places, People, Tools Oceanography in the Mediterranean and Beyond". Proceedings of the Eighth International Congress on the History of Oceanography (ICHO VIII, Naples, June 2008): 267-298.
  15. Buen, Odón de 2003, p. 115.
  16. Henri Heldt (1923): Notes et mémoires de l'Office scientifique et technique de pêches maritimes, n° 22. París: Blondel La Rougery, editeur.
  17. "Coopération internationale de la Suisse dans le domaine de la recherche marine en Méditerranée, dans le cadre de la Commission internationale pour l'exploration scientifique de la mer Méditerranée". París: Secrétariat d'Etat à l'éducation et à la recherche.
  18. "Real decreto creando el Instituto Español de Oceanografía". Gaceta de Madrid (108): 129-130. 18 de abril de 1914. Consultado o 18 de decembro de 2020.
  19. "Real decreto creando la Dirección general de Pesca, cuyo funcionamiento será con arreglo a la bases que se insertan." (PDF). Madrid: Gaceta de Madrid (158): 1188–1190. 6 de xuño de 1924. Consultado o 18 de decembro de 2020. 
  20. "Real decreto nombrando Director general de Pesca a D. Adán de Buen y Cos." (PDF). Madrid: Gaceta de Madrid (164): 1267. 12 de xuño de 1924. Consultado o 18 de decembro de 2020. 
  21. Casado de Otaola, S. (1997): Los primeros pasos de la ecología en España. Madrid: Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación. ISBN 978-84-4910-222-6.
  22. Dosil, F. J. & X. A. Fraga (2001): Constitución de la estación de Biología marina de Marín (Pontevedra). Pontevedra: Estudos de Historia das Ciencias e das Técnicas. Servizo de publicacións. Deputación Provincial de Pontevedra, Tomo I: 185-192.
  23. Fraga, X. A.; Varela, M. & Costas, E. (1989)): As investigacións micrográficas de Ernesto Caballero (1858-1935). Sada: Ediciós do Castro.
  24. Sala Catalá, J. (1988): Las primeras campañas oceanográficas españolas. Estudios sobre Historia de la Ciencia y de la Técnica. Valladolid: Xunta de Castela e León, t. II: 665-669.
  25. Sobrino Buhigas, R. (1918): "La purga de mar o hematotalasia". Memorias de la Real Sociedad Española de Historia Natural, t. X. Memoria 9: 407-461.
  26. 26,0 26,1 Gómez, F. (2006): "Historia de las investigaciones sobre dinoflagelados marinos en España" Llull 29: 307-329.
  27. Sobrino Buhigas, R. (1918): "Réplica a la nota y observaciones de D. F. de Buen a la Memoria "La purga de mar o hematotalasia. Boletín de la Real Sociedad Española de Historia Natural, 'XVIII: 348-356.
  28. Buen, F. de (1918): "Sobre la coloración roja del agua en las Rías Bajas y la biología de la sardina. (Notas a una Memoria del Sr. Sobrino)". Boletín de la Real Sociedad de Historia Natural, XVIII: 327-331.
  29. "Institución Fernando el Católico - Ver publicación". ifc.dpz.es. Consultado o 18 de decembro de 2020. 
  30. "Reales decretos concediendo la Gran Cruz de la Orden Civil de Alfonso XII a D. Francisco Domingo Marqués, D. Odón de Buen y del Cos, Mr. Jules Richard y Mr. Pasquele Leonardi Cattolica." (PDF). Madrid: Gaceta de Madrid (340): 1092. 6 de decembro de 1919. Consultado o 18 de decembro de 2020. 
  31. Buen – O. de Buen y del Cos (1863-1945) no IPNI.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Bibliografía adicional
  • Buen, Odón de (2003). Mis memorias (Zuera, 1863-Toulouse, 1939). Zaragoza: Institución Fernando el Católico y Ayuntamiento de Zuera. ISBN 84-7820-687-6. 
  • Buen, Odón de (1998). De Kristianía a Tuggurt (impresiones de viaje). Zaragoza: Institución Fernando el Católico y Ayuntamiento de Zuera. ISBN 84-7820-475-X. 
  • Buen, Odón de (1998). Síntesis de una vida política y científica (facsímile da edición de Buenos Aires, Publicaciones del Patronato Hispano-Argentino de Cultura, 1944). Zarahoza: Institución Fernando el Católico y Ayuntamiento de Zuera. ISBN 84-7820-474-1. 
  • Buen, Odón de (1887): "Materiales para la fauna carcinológica española". Volume 16 dos Anales de la Sociedad Española de Historia Natural. 30 páxinas.

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar