Moedas conmemorativas de Ulysses S. Grant

moedas conmemorativas estadounidenses de 1922
Para outras moedas dun dólar dedicadas a Ulysses S. Grant, véxase Dólar presidencial
Dólar de ouro
conmemorativo de Ulyses S. Grant [1][2]
Grant dollar with star obverse.jpg Grant dollar with star reverse.jpg
A/: Busto de Ulysses S. Grant cara á dereita. Marca de gravador (G).

Lendas: UNITED STATES OF AMERICA / ULYSSES · S · GRANT / 1822 1922 / ONE DOLLAR

R/: Casa de nacemento de Grant.

Lendas: IN GOD WE TRUST / E PLURIBUS UNUM

  • Data: 1922.
  • Ceca: Filadelfia (sen marca de ceca).
  • Gravador: Laura G. Fraser.
  • Metal: ouro (900 milésimas).
  • Tiraxe total: 10.016 exemplares.
  • Diámetro: 15,00 mm.
  • Peso: 1,67 g.
  • Canto: estriado.
Medio dólar de prata
conmemorativo de Ulyses S. Grant [3][4]
Grant centennial half dollar commemorative obverse.jpg Grant centennial half dollar commemorative reverse.jpg
A/: Busto de Ulysses S. Grant cara á dereita. Marca de gravador (G).

Lendas: UNITED STATES OF AMERICA / ULYSSES · S · GRANT / 1822 1922 / ONE DOLLAR

R/: Casa de nacemento de Grant.

Lendas: IN GOD WE TRUST / E PLURIBUS UNUM

  • Data: 1922.
  • Ceca: Filadelfia (sen marca de ceca).
  • Gravador: Laura G. Fraser.
  • Aliaxe: prata (900 milésimas).
  • Tiraxe total: 100.061 (delas refundíronse 28.400).
  • Diámetro: 30,60 mm.
  • Peso: 12,50 g.
  • Canto: estriado.

As moedas conmemorativas de Ulysses S. Grant son unha serie numismática formada por unha moeda dun dólar de ouro e outra de medio dólar de prata emitidas pola Casa da Moeda dos Estados Unidos e cuñadas na Ceca de Filadelfia en 1922, para conmemorar o centenario do nacemento de Ulysses S. Grant, un destacado xeneral da Unión durante a guerra civil estadounidense e que posteriormente foi o 18º presidente dos Estados Unidos.

Ambas as moedas teñen un deseño idéntico, aínda que con diferente tamaño, e foron deseñadas pola escultora Laura Gardin Fraser.

A Asociación da Conmemoración do Aniversario de Ulysses S. Grant —coñecida máis comunmente como Comisión Grant— propúxose vender 200.000 moedas dun dólar de ouro para poder financiar así diversos proxectos no lugar de nacemento de Grant en Point Pleasant e na casa da súa infancia en Georgetown. O Congreso só autorizou 10.000 moedas de ouro, mais tamén deu autorización para un máximo de 250.000 moedas de medio dólar de prata. Coa esperanza de impulsar as vendas, a Comisión Grant pediu que 5.000 das moedas dun dólar de ouro portasen unha marca especial, unha estrela en relevo, e a casa da moeda non só aceptou senón que tamén o fixo nalgunhas moedas de medio dólar de prata, sen que ninguén o solicitase.

Finalmente vendéronse todos os dólares de ouro e a maioría dos medios dólares de prata, aínda que algúns destes últimos foron devoltos á casa da moeda para a súa refundición.

A moeda de medio dólar coa estrela tivo durante moito tempo un prezo máis elevado que a maioría das moedas conmemorativas, e esta rareza tamén foi motivo de falsificacións. O beneficio acadado pola Comisión pola venda destas moedas utilizouse para a conservación do lugar de nacemento de Grant, aínda que non se puideron completar outros proxectos que estaban tamén previstos.

AntecedentesEditar

Artigo principal: Ulysses S. Grant.
 
Fotografía de Grant como xeneral en xefe do exército da Unión (1865).[5]

Hiram Ulysses Grant naceu en Point Pleasant, Ohio, o 27 de abril de 1822, e a súa familia trasladouse a Georgetown, no mesmo Estado, o ano seguinte.[6] O seu pai conseguiu que o aceptasen na Academia Militar dos Estados Unidos en West Point, Nova York, en 1839, onde foi inscrito por un erro como Ulysses S. Grant, e el decidiu manter ese nome de por vida. Grant loitou na guerra mexicano-estadounidense. Renunciou ao exército en 1854 e logo intentou exercer diversos oficios civís con éxito desigual. Cando comezou a guerra civil estadounidense reincorporouse ao exército e, logo dunha serie de vitorias, o presidente Abraham Lincoln nomeouno xeneral en xefe dos exércitos da Unión a finais de 1863. En abril de 1865, Grant puxo fin á guerra ao capturar Richmond, en Virxinia, e pouco despois forzar a rendición do xeneral do exército confederado Robert E. Lee. En 1868, Grant foi elixido como o 18º presidente dos Estados Unidos, cargo que ocupou durante dúas lexislaturas.[7]

A Asociación da Conmemoración do Aniversario de Ulysses S. Grant constituíuse en 1921 para levar a cabo as celebracións no condado de Clermont, Ohio, onde se encontra Point Pleasant. A asociación propuxo a emisión dunha moeda conmemorativa para colaborar no financiamento destes actos.[8] Naquela época, as moedas conmemorativas non eran comercializadas polo Goberno, senón que o Congreso, na lei que autorizaba esas emisións, designaba tamén unha organización ou entidade á que se lle atribuía o dereito exclusivo de adquirilas ao seu valor nominal para despois vendelas cunha prima, e poder financiar así a celebración de exposicións e outros eventos de interese público.[9] No caso das moedas conmemorativas do centenario do nacemento de Ulysses S. Grant, a entidade responsable da súa comercialización era a Comisión Grant, que estaba presidida por Hugh L. Nichols.[10]

LexislaciónEditar

 
O representante de Ohio Charles C. Kearns, impulsor da lei pola que se autorizaron as moedas conmemorativas de Ulysses S. Grant.[11]

O 11 de maio de 1921, Charles C. Kearns, de Ohio, presentou na Cámara de Representantes un proxecto de lei para a creación dunha moeda dun dólar de ouro en memoria de Ulysses S. Grant, ao aproximarse a celebración do centenario do seu nacemento. Neste proxecto de lei solicitábase a cuñaxe de 200.000 destas moedas para axudar a financiar os edificios públicos na memoria de Grant en Georgetown e en Bethel, Ohio, así como a construción dunha estrada de oito quilómetros de lonxitude que se denominaría General Grant Memorial Highway e que uniría New Richmond con Point Pleasant. O proxecto de lei foi remitido á Comisión de Moeda, Pesos e Medidas.[12]

O 13 de agosto de 1921, o presidente desta comisión, Albert Vestal, de Indiana, presentou un informe á cámara no que recomendaba que se aprobase o proxecto de lei, aínda que incluíndo unha serie de emendas, entre elas que a Comisión Grant se encargase dos custos dos preparativos da emisión. Sinalábase que Grant vivira tanto en Bethel como en Georgetown, e que daquela só existía unha estrada case intransitable entre New Richmond e Point Pleasant. O informe tamén dicía que a Comisión Grant se establecera en maio de 1921 e que estaba preparada para a adquisición de todas as moedas e para as revender a través dos centos de bancos de Ohio desexosos de colaborar no negocio. Os beneficios destinaríanse a pagar o custo das celebracións do centenario e á construción da estrada e, se fose posible, tamén á construción de edificios comunitarios.[13]

O proxecto de lei incluíuse no calendario de consentimento unánime da cámara o 17 de outubro de 1921. Logo de aprobarse as emendas da comisión, Richard W. Parker, de Nova Jersey, formulou unha serie de cuestións acerca de se o texto de lei implicaba que a Comisión Grant recibiría as moedas gratuitamente. Kearns respondeulle que se lle pagaría ao Goberno o valor nominal das moedas, e Thomas L. Blanton, de Texas, engadiu que o Goberno non cobraría prima ningunha, mais que a Comisión Grant si que podería facelo. Otis Wingo, de Arcansas, formulou tamén varias preguntas nun coloquio con Kearns, o que deu lugar a que a cámara fose informada de que, dado que as moedas de ouro se cuñarían a partir de metal xa dispoñible, e tendo en conta que o proxecto de lei obrigaba a Comisión Grant a pagar polos cuños utilizados na cuñaxe, non habería gastos ocasionados ao Goberno. Logo deste intercambio de intervencións, o proxecto de lei foi aprobado sen oposición.[14]

Á súa chegada posterior ao Senado, o proxecto de lei foi remitido á Comisión de Banca e Finanzas. Este órgano informou a través de George P. McLean o 23 de xaneiro 1922, propondo unha redución da cantidade de moedas dun dólar de ouro a 10.000 exemplares e autorizando tamén a cuñaxe de 250.000 moedas de medio dólar de prata.[15] O mesmo día, McLean presentou o proxecto de lei ante o Senado. Frank Willis, senador por Ohio, pronunciouse a favor; explicou que as moedas se utilizarían para recadar fondos por parte da Comisión Grant e significou a ausencia de gastos para o Goberno. Reed Smoot, de Utah, observou no informe que todo o proxecto —agás a fórmula de promulgación—, fora redactado de novo con respecto ao da Cámara de representantes, e cuestionou este feito. En resposta, Willis pediu que o presidente da Comisión Bancaria, McLean, o explicase. McLean dixo que o proxecto de lei previamente aprobado pola outra cámara esixía 200.000 moedas dun dólar de ouro e que a comisión consideraba improcedente mobilizar tal cantidade de ouro para unha moeda que non entraría en circulación. Esta explicación satisfixo a Smoot, logo do cal o presidente da sesión, o vicepresidente Calvin Coolidge, preguntou se había algunha obxección á toma en consideración do proxecto de lei. William H. King, de Utah, preguntou acerca de se a moeda podería sentar un mal precedente e se non suporía realmente ningún gasto, e Willis aseguroulle que a Comisión Grant correría con todos os gastos e que a proposta era similar a outros proxectos anteriores de emisión de moedas conmemorativas. Willis advertiu de que se King se opuxese ao proxecto de lei este se posporía ata o punto de frustrar o seu propósito. Atlee Pomerene, de Ohio, tomou a palabra para lle asegurar a King a importancia do proxecto de lei para Ohio e sinalou que a Comisión Grant estaba presidida por un antigo presidente do tribunal estatal, Nichols. Coolidge preguntou novamente se existía algunha obxección á toma en consideración do proxecto de lei e, ao non haber ningunha, o Senado modificou o proxecto de lei tal e como recomendara a comisión, e aprobouno sen obxeccións.[16]

Dado que ambas as cámaras aprobaran versións diferentes do proxecto de lei, este volveu á Cámara de Representantes, onde o 26 de xaneiro Vestal o someteu a consideración. Ao non haber obxección ningunha, esta cámara aceptou as emendas do Senado e aprobou o proxecto de lei.[17] Coa sinatura do presidente Warren G. Harding o 2 de febreiro de 1922, o proxecto converteuse na Lei pública 67-137, pola que se crearon as moedas conmemorativas de Ulysses S. Grant.[18][19]

PreparaciónEditar

 
Hugh L. Nichols, presidente da Asociación da Conmemoración do Aniversario de Ulysses S. Grant.[20]

Unha orde executiva de 1921 do presidente Harding encomendoulle á Comisión de Belas Artes dos Estados Unidos a emisión de ditames consultivoas sobre as obras de arte públicas, incluídas as moedas.[21] A aprobación da lei das moedas conmemorativas de Grant atopou a maior parte dos membros da Comisión de Belas Artes ocupados noutros proxectos e, segundo o historiador numismático Don Taxay, a elección dun artista que se encargase do deseño das moedas encargóuselle ao escultor membro da comisión James Earle Fraser, autor da moeda de cinco centavos tipo "Buffalo", e este seleccionou como deseñadora a súa esposa, Laura Gardin Fraser,[22] que en 1921 se encargara xa do deseño do medio dólar do centenario de Alabama.[23]

O 12 de febreiro de 1922, Laura Fraser escribiulle ao director da Casa da Moeda dos Estados Unidos, Raymond T. Baker, para lle expresar a súa gratitude por ser a seleccionada, e afirmou que xa estaba a traballar e que esperaba ter os modelos en xeso das novas moedas a tempo para a seguinte reunión da Comisión de Belas Artes. Así mesmo, pediu tamén axuda para dispor dunha carta de nomeamento oficial como deseñadora das pezas, xa que tivera algunhas dificultades para cobrar polo seu traballo na moeda do centenario de Alabama.[24]

Na reunión da Comisión de Belas artes do 24 de febreiro de 1922, os membros examinaron o modelo en xeso do anverso do dólar de ouro e aprobárono. Laura Fraser concluíu o seu traballo pouco despois.[25] O 3 de marzo, James Fraser escribiulle ao presidente da Comisión de Belas Artes, Charles S. Moore, para lle dicir que examinara todos os modelos e que daba a súa aprobación.[24] Finalmente, o pleno desta comisión ratificou a decisión a tempo para que a produción de moedas de ouro tivese lugar durante o mes de marzo.[25]

DeseñoEditar

 
Retrato de Ulysses S. Grant no estudio de Mathew Brady, no que se basea anverso das moedas.[26]

Os deseños de ambas as moedas son idénticos, e só cambia o seu tamaño e a expresión do seu valor facial.

AnversosEditar

Laura Fraser traballou no deseño do anverso a partir dunha fotografía de Grant realizada polo estudio fotográfico de Mathew Brady. Don Taxay describiu a versión do busto creada por Fraser como "salientable pola súa forza e polo seu carácter".[25] Na moeda, Grant leva posto un abrigo de militar, como fixo durante a guerra civil estadounidense, mais a barba ben recortada suxire que o seu aspecto é o que tiña nos anos anteriores ao conflito.[27] Debaixo do busto de Grant, ollando cara á dereita, aparece a inicial "G" de Fraser, polo seu apelido de solteira, Gardin. O escritor numismático Arlie L. Slabaugh, no seu traballo acerca das moedas conmemorativas estadounidenses, sinalou que Fraser asinara a moeda do centenario de Alabama coas iniciais LGF e suxeriu que a escolla dunha inicial única nesta ocasión era para facer menos obvia a identificación do deseñador, para que non houbese acusacións de nepotismo pola condición de esposa dun membro da Comisión de Belas Artes.[28] Ademais do busto de Grant, no anverso figura o seu nome, as datas do centenario, a denominación do país emisor e a expresión en letra do seu valor facial.[28]

ReversosEditar

 
Fotografía da casa onde naceu Grant, en Point Pleasant, Ohio, antes da súa restauración, reproducida no reverso das moedas (1868).[29]

Os reversos de ambas as moedas representa o lugar de nacemento de Ulysses S. Grant en Point Pleasant. Frasser volveu traballar nesta ocasión a partir dunha fotografía, na que se aprecia a casa de madeira onde Grant naceu, antes de ser restaurada. O tipo de casa foi identificado erroneamente como unha cabana de madeira polo secretario do Tesouro Andrew W. Mellon no seu informe anual de 1922, ao confundila con outra que Grant construíu cando tiña trinta anos na granxa da súa muller, preto de St. Louis.[30]

O reverso complétase cos lemas nacionais IN GOD WE TRUST e E PLURIBUS UNUM, mais non hai ningunha lenda alusiva ao motivo representado, que o identifique como a casa de nacemento de Grant. Como dixo o experto en moedas conmemorativas Anthony Swiatek, "o propio deseño conta a historia".[31]

Valoracións do deseñoEditar

No momento da emisión destas moedas, Frank Duffield, editor de The Numismatist —a revista da American Numismatic Association, declarou que, na moeda, a casa e os seus arredores poden ter o mesmo aspecto que cando naceu Grant; o edificio amósase empequenecido polas árbores e " na procura dun mellor efecto poderíase ter sacrificado un pouco o realismo sen lle restar interese histórico". No entanto, Duffield opinou que "en deseño e execución son iguais a calquera das nosas emisións conmemorativas recentes, todas as cales demostraron ser moi populares entre os coleccionistas".[32] Slabaugh declarou acerca do deseño de Laura Fraser que "non hai dúbida da calidade do seu traballo".[28]

O historiador da arte Cornelius Vermeule, no seu traballo sobre as moedas e as medallas producidas pola Casa da Moeda dos Estados Unidos, admirou o deseño de Laura Frase para estas moedas: "A única crítica posible, que é que as letras son demasiado grandes, esváese cando se estudan as curvaturas dos discos utilizados para a cuñaxe. O que semella potencialmente grande e plano nas fotografías convértese nunha beleza harmoniosa na realidade".[33] En relación co anverso afirmou: "Grant é unha persoa ruda e, en resumo, pódese dicir que se lle deu un comezo superlativo á iconografía da guerra civil nas moedas conmemorativas dos Estados Unidos".[34] Sobre o reverso considerou que "as súas árbores, a casiña de madeira e o seu valado están modelados e tallados coa precisión dun tallador de xemas. A textura das follas é unha das experiencias máis sutís e á vez máis vivas en calquera superficie dunha moeda estadounidense".[35]

Distribución e coleccionismoEditar

Tanto o medio dólar do centenario de Alabama como o do centenario de Missouri, ambos de 1921, incluíran unha marca especial nalgúns dos exemplares emitidos, de xeito que os coleccionistas debían adquirir dúas moedas de cada valor facial se desexaban ter o xogo completo. A Comisión Grant quixo facer o mesmo coas súas emisións e deu instrucións á casa da moeda para que incluíse unha estrela na metade (5.000) das moedas de ouro, situada no anverso, por riba da palabra GRANT, á dereita do busto.[36] A estrela non tiña ningunha relevancia na iconografía da moeda; o seu único propósito era incrementar as súas vendas.[37] David Bullowa, no seu traballo de 1938 sobre as moedas conmemorativas estadounidenses, escribiu que se se gravasen catro estrelas no canto de unha soa se estaría aludindo ao rango de Grant na guerra civil, mais unha única estrela carecía de significado aparente.[38]

Esta pequena estrela estaba pensada unicamente para a moeda dun dólar de ouro, e a extensión a algúns exemplares do medio dólar de prata foi un extra que sorprendeu á propia Comisión".[25] Unha carta do superintendente da Casa da Moeda de Filadelfia, Freas Styer, ao director da US Mint datada o 14 de marzo de 1922 confirma a conversa telefónica que mantiveran, na que se dicía que cumpría cuñar 5.000 exemplares de cada valor facial co engadido da estrela.[39] No entanto, en maio de 1922 The Numismatist publicou que só existía unha variedade do medio dólar.[27] En xullo de 1922, Duffield escribiu que, efectivamente, existían tamén as dúas variedades do medio dólar, e declarou: "dise que a Comisión recibiu inesperadamente 5.000 exemplares desta variedade, e que se están a vender a un prezo superior ao da variedade sen estrela".[40]

 
Anuncio da venda das moedas conmemorativas de Ulysses S. Grant (abril de 1922).[41]

Na Ceca de Filadelfia cuñáronse 5.006 moedas de medio dólar coa estrela e 95.055 sen ela. Tamén se cuñaron 5.016 dólares de ouro coa estrela e 5.000 sen ela. Todas estas moedas foron cuñadas en marzo de 1922, e o exceso de exemplares sobre as cantidades redondas foron reservados para a súa análise na reunión anual de 1923 da Comisión de Ensaios dos Estados Unidos.[31] As moedas con estrela cuñáronse primeiro, e logo este símbolo foi retirado dos cuños, que se seguiron utilizando.[42] O 15 de abril, Nichols, o presidente da Comisión Grant, escribiulle ao novo director da US Mint, Frank E. Scobey, para lle comunicar que a súa entidade puxera á venda as moedas, ao prezo de 3,5 dólares o dólar de ouro con estrela e 3 dólares sen ela, e a 1,5 dólares a de medio dólar con estrela e un dólar sen ela. Como a tiraxe de moedas de prata era moi superior á das de ouro, a Comisión decidira esixir aos bancos e aos comerciantes de moedas que adquirisen 15 moedas de prata por cada unha de ouro, unha proporción que se reducía a 5:1 para os compradores particulares..[43]

No número de decembro de 1922 de The Numismatist, Nichols puxo un anuncio no que se advertía de que as vendas se pecharían o 1 de xaneiro de 1923 e ofrecía a moeda de medio dólar sen estrela a 75 centavos se se adquiría en lotes de dez exemplares. O medio dólar con estrela podía adquirise por un dólar e medio, e a moeda de ouro dun dólar con estrela por tres dólares e medio. Daquela xa non cumpría adquirir algunha moeda de prata para conseguir o dólar de ouro.[44] A Comisión Grant vendeu toda a tiraxe de ouro, mas devolveu 750 moedas de medio dólar con estrela e 27.650 sen ela, que foron refundidas na casa da moeda.[38]

A Comisión Grant solicitara tamén a cuñaxe de 150 exemplares de cada valor facial co acabamento especial proof, mais isto fora rexeitado pola US Mint, debido a que levaba xa varios anos sen realizar este tipo de cuñaxes.[43] Porén, é probable que existan algúns espécimes cun acabamento especial a modo de proba; o numismático Anthony Swiatek estima que pode haber catro exemplares de cada valor.[45]

Algunhas das moedas de medio dólar de Grant sen estrelas amosan un desgaste que parece indicar que chegaron a entrar en circulación. Cando as moedas entraron no mercado secundario, a de medio dólar con estrela revalorizouse axiña, ata o punto de que en 1935 xa se vendía por 65 dólares, daquela o valor máis alto de calquera moeda conmemorativa de prata estadounidense. Naquel mesmo ano, un dentista do Bronx, Nova York, adquiriu centos de medios dólares de prata sen estrela e procedeu a perforalos. Tamén se coñecen numerosas falsificacións da versión con estrela desta moeda.[46]

En 1940, a moeda de medio dólar sen estrela vendíase por un dólar e medio, e con estrela por 37 dólares. En 1950 os seus prezos eran de dous dólares e medio e 55 dólares, respectivamente, e en 1970 ascenderan a 25 dólares e 135 dólares.[47] A edición de 2018 de A Guide Book of United States Coins (coñecido como Red Book), de Richard. S. Yeoman, atribúelle á moeda de prata con estrela un prezo de entre 900 e 9.750 dólares, en función do seu estado de conservación, e á versión sen estrela entre 110 e 1.000 dólares.[48]

As moedas de ouro con estrelas vendíanse por 12 dólares en 1940, e a súa versión sen estrela por 8 dólares. En 1950, estas cantidades ascenderon a 25 e 21 dólares, respectivamente, e en 1970 a 265 e 250 dólares.[49] O Red Book de 2018 atribúelle á moeda con estrelas un valor de entre 1.500 e 2.250 dólares, dependendo do seu estado, e á moeda sen estrelas entre 1.200 e 2.500 dólares.[48]

Os beneficios conseguidos pola venda destas moedas foi utilizado fundamentalmente para a renovación da casa natal de Grant e para a adquisición dos terreos que a rodean, onde o presidente Harding interveu durante a cerimonia de presentación das moedas.[50] En 1989, o numismático Ric Leichtung visitou as localidades nas que en principio se debería ter investido o diñeiro conseguido e só atopou a casa natal de Point Pleasant e a escola de Grant en Georgetown. Nas súas palabras: "non hai ningunha estrada nin edificios conmemorativos; só as dúas estruturas orixinais que se deterioran cos duros invernos e veráns de Ohio".[51] No Red Book incídese tamén nisto: "os edificios e a nova estrada nunca chagaron a realizarse".[52]

NotasEditar

  1. "1 Dollar Grant Memorial". Numista.com
  2. "Grant Memorial Gold Dollar". United States Mint.
  3. "½ Dollar Ulysses S. Grant". Numista.com
  4. "Grant Memorial Half Dollar". United States Mint.
  5. The Photographic History of The Civil War in Ten Volumes: Volume Three, The Decisive Battles. The Review of Reviews Co., Nova York. 1911. Páxina 22.
  6. Slabaugh, A. R. (1975). Páxina 52.
  7. Flynn, K. (2008). Páxinas 93-94.
  8. Bullowa, D. M. (1938). Páxina 50.
  9. Slabaugh, A. R. (1975). Páxinas 3-5.
  10. Flynn, K. (2008). Páxina 94.
  11. "Kearns, Charles C. Honorable". Library of the Congress.
  12. "H.R. 6119". Congressional Record. Vol. 61. Part 2. 11 de maio de 1921. Páxina 1.342.
  13. USHRCCWM (13 de agosto de 1921). Páxinas 1-2.
  14. Congressional Record. Vol. 61. Part 6. 17 de outubro de 1921. Páxina 6.405.
  15. USSCBC. Report Nº 447: Grant memorial coin. 23 de xaneiro de 1922.
  16. "Grant Souvenir Coins". Congressional Record. Vol. 62. Part 2. 23 de xaneiro de 1922. Páxinas 1.557-1.558.
  17. "Coinage of a Grant Souvenir Gold Dollar". Congressional Record. Vol. 62. Part 2. 26 de xaneiro de 1922. Páxina 1.773.
  18. "Ulysses S. Grant Commemorative Coin Legislation". United States Mint.
  19. Swiatek, A.; Breen, W. (1981). Páxina 88.
  20. "H.L. Nichols". Library of the Congress.
  21. Taxay, D. (1967). Páxinas v-vi.
  22. Taxay, D. (1967). Páxinas 59, 61.
  23. Bowers, Q. D. (1991). Páxinas 639-640.
  24. 24,0 24,1 Flynn, K. (2008). Páxina 275.
  25. 25,0 25,1 25,2 25,3 Taxay, D. (1967). Páxina 61.
  26. "President Ulysses S. Grant, half-length portrait, seated, facing right". Library of the Congress.
  27. 27,0 27,1 Duffield, F. (1922). Páxina 228.
  28. 28,0 28,1 28,2 Slabaugh, A. R. (1975). Páxina 50.
  29. Grant Wilson, J.,(ed.) (1914). The Presidents of the United States, 1789-1914. Vol. 3. Entre as páxinas 28 e 29.
  30. Swiatek, A.; Breen, W. (1981). Páxina 87.
  31. 31,0 31,1 Swiatek, A. (2012). Páxinas 134-135.
  32. Duffield, F. (1922). Páxina 229.
  33. Vermeule, C. (1971). Páxina 165.
  34. Vermeule, C. (1971). Páxinas 164-165.
  35. Vermeule, C. (1971). Páxina 164.
  36. Bowers, Q. D. (1991). Páxina 160.
  37. Slabaugh, A. R. (1975). Páxina 51.
  38. 38,0 38,1 Bullowa, D. M. (1938). Páxina 53.
  39. Flynn, K. (2008). Páxinas 94, 275.
  40. Duffield, F. (1922). Páxina 314.
  41. The Numismatist. American Numismatic Association. Abril de 1922. Páxina 209.
  42. Swiatek, A. (2012). Páxina 135.
  43. 43,0 43,1 Flynn, K. (2008). Páxina 276.
  44. "Final sale of Grant Memorial coins" (anuncio). En The Numismatist. 524. Decembro de 1922.
  45. Swiatek, A. (2012). Páxina 134.
  46. Swiatek, A.; Breen, W. (1981). Páxina 89.
  47. Bowers, Q. D. (1991). Páxinas 164-165.
  48. 48,0 48,1 Yeoman, R. S. (2018). Páxina 1.061.
  49. Bowers, Q. D. (1991). Páxinas 641-642.
  50. "Hugh L. Nichols". Supreme Court of Ohio.
  51. Leichtung, R. (1989). Páxinas 1.630-1.632.
  52. Yeoman, R. S. (2018). Páxina 1.060.

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

Outros artigosEditar