A odontoloxía[1] é unha rama da medicina que se encarga do diagnóstico, tratamento e prevención das enfermidades do aparello estomatognático, o cal inclúe os dentes, as enxivas, a lingua, o padal, a mucosa oral, as glándulas salivares e outras estruturas anatómicas implicadas, coma os beizos, as amígdalas, a orofarinxe e a articulación temporomandibular.

Odontólogo traballando.

Historia editar

 
Administración de oxido nitroso como anestésico en 1894

As enfermidades afectaron a humanidade dende os seus mesmos inicios, en especial a aguda dor de dentes producida por unha carie profunda ou un absceso periapical. Moitos médicos ao longo da historia practicaron técnicas de curación e rehabilitación: o rexistro máis antigo que existe sobre unha práctica primitiva exipcia da odontoloxía data de hai 5000 anos. Hessie-Re é considerado o primeiro dentista coñecido da historia, unha inscrición exipcia en madeira móstrao como xefe de médicos da corte. Aristóteles (384 a. C.- 322 a. C.) tratou sobre algúns aspectos odontolóxicos, por exemplo procedementos de esterilización empregando un arame quente para tratar as enfermidades dos dentes e dos tecidos orais, tamén disertou sobre a extracción dental e o uso de arames para estabilizar fracturas maxilares e ligar dentes perdidos.

Durante a Idade Media, a profesión foi asumida polos barbeiros quen ademais doutros servizos, realizaban as sangrías e as extraccións dentais dos clientes con dor. O doutor francés Pierre Fauchard (1678-1761) é considerado o pai da odontoloxía moderna, polas súas achegas a esta ciencia, particularmente pola profesionalización da práctica dental e a publicación en 1728 da súa obra "Le chirugien dentiste; o, traité des dents” (o cirurxián dentista; ou tratado sobre os dentes). Pierre Faucharde foi dentista persoal de Lois XIV e ten un museo dedicado en París. En decembro de 1844, Horance Wells, dentista de Hartforde, Connecticut, utilizou por primeira vez o óxido nitroso, como anestésico para a extracción de pezas dentais.

A Federación Dental Internacional proclamou o 20 de marzo como o Día Mundial da Saúde Bucodenta (ou da Saúde Oral) [2].

Educación editar

 
Antiga cadeira de dentista no Pioneer West Museum de Shamrock, Texas

O doutor John M. Harris inaugurou a primeira escola dental en Bainbridge, Ohio, e axudou a establecer a odontoloxía como profesión sanitaria. Abriu o 21 de febreiro de 1828, e na actualidade é un museo dental.[3] A primeira facultade, Baltimore College of Dental Surgery, abriu en Baltimore en 1840 e a segunda dos Estados Unidos foi a Philadelphia College of Dental Surgery, fundada en 1852.[4] En 1907, a Universidade Temple aceptou a incorporación da escola.

Os estudos mostran que dentistas que se gradúan en diferentes países,[5] ou mesmo de diferentes escolas dun país,[6] poden facer decisións clínicas diferentes das mesmas condicións clínicas. Por exemplo, os dentistas graduados en escolas dentais de Israel adoitan recomendar a extracción da moa do xuízo sen síntomas máis habitualmente cós graduados de Latinoamérica ou Europa oriental.[7]

No Reino Unido, a acta de dentistas británicos de 1878 e o rexistro de dentistas de 1879 limitou o título de "dentista" e "cirurxián dental" a practicantes cualificados e rexistrados.[8][9] Porén, outras persoas podían describirse legalmente como "expertos dentais" ou "consultores dentais".[10] A práctica da odontoloxía no Reino Unido foi regulada completamente pola acta dos dentistas de 1921, que requiría o rexistro de calquera persoa que practicase a odontoloxía.[11] A British Dental Association, creada en 1880 con Sir John Tomes de presidente, interpretou un importante papel perseguindo dentistas que practicaban ilegalmente.[8]

Especialidades editar

A odontoloxía ten establecidas varias especialidades:

  • Rehabilitación oral: é a parte da odontoloxía encargada da restauración, é dicir, recuperar a función fisiolóxica e estética mediante o emprego de próteses dentais e outras medidas.
  • Periodoncia ou periodontoloxía: rama da odontoloxía especializada no diagnóstico, prevención e tratamento das enfermidades periodontais.[12]
  • Endodoncia: esta especialidade realiza o tratamento da endodoncia, é dicir, a actuación sobre a polpa dental e a súa substitución por un material inerte.
  • Odontopediatría: é a rama da odontoloxía encargada de tratar os nenos.
  • Ortodoncia: rama da odontoloxía especializada no tratamento e prevención das malas posicións das pezas dentais.
  • Saúde pública odontolóxica: especializada na odontoloxía comunitaria, preventiva e social.
  • Implantoloxía oral: é a especialidade odontolóxica que se dedica á reposición de unidades dentais perdidas por medio da colocación de implantes dentais de titanio inseridos nos maxilares.
  • Odontoloxía estética ou cosmética: é a rama da odontoloxía que soluciona problemas relacionados coa harmonía estética da boca no seu totalidade.
  • Odontoloxía preventiva: encárgase do estudo dos tratamentos preventivos bucodentais mediante técnicas non invasivas como poden ser selos de fosas e fisuras, limpezas dentais, cubetas de flúor tópico ou sistémico, puídos e outros procedementos máis complexos.
  • Odontoloxía forense: é a rama da odontoloxía que trata do manexo e o exame axeitado da evidencia dental e da valoración dos achados dentais que poidan ter interese para procesos xudiciais. O odontólogo forense encárgase establecer parámetros de identificación de persoas ou cadáveres, a valoración daqueles casos nos que o aparato buco-dento-maxilar se emprega como arma e a valoración de tratamentos posiblemente inadecuados.
  • Carioloxía: especializada na carie e o seu tratamento.
  • Odontoloxía perinatal: rama especializada nos coidados odontolóxicos á muller embarazada, ao neonato e ao neno até os tres anos de idade.
  • Gnatoloxía: rama especializada no estudo da función do aparato mastigador, anatomía, fisioloxía, alteracións patolóxicas do mesmo e o seu tratamento. Unha das afeccións tratadas pola gnatoloxía é o bruxismo ou renxer de dentes.
  • Odontoloxía ocupacional: é a rama da odontoloxía que se ocupa da saúde dental dos traballadores en relación co seu ambiente laboral.[13]
  • Odontoloxía deportiva: rama da odontoloxía que estuda a influencia de cada deporte na saúde bucodental.

Notas editar

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para odontoloxía.
  2. [Día Mundial de la Salud Bucodental "Día Mundial de la Salud Bucodental"] |url= incorrecto (Axuda) (en castelán). Consultado o 2022-11-22. 
  3. Owen, Lorrie K., ed. Dictionary of Ohio Historic Places. Vol. 2. St. Clair Shores: Somerset, 1999, 1217–1218.
  4. "History". Pennsylvania School of Dental Medicine. Consultado o 13 de xaneiro de 2016. 
  5. Yehuda, Zadik; Liran, Levin (xaneiro de 2008). "Clinical decision making in restorative dentistry, endodontics, and antibiotic prescription". J Dent Educ 72 (1): 81–6. PMID 18172239. 
  6. Yehuda, Zadik; Liran, Levin (abril de 2006). "Decision making of Hebrew University and Tel Aviv University Dental Schools graduates in every day dentistry—is there a difference?". J Isr Dent Assoc 23 (2): 19–23. PMID 16886872. 
  7. Yehuda, Zadik; Liran, Levin (abril de 2007). "Decision making of Israeli, East European, and South American dental school graduates in third molar surgery: is there a difference?". J Oral Maxillofac Surg 65 (4): 658–62. PMID 17368360. doi:10.1016/j.joms.2006.09.002. Arquivado dende o orixinal o 15 de setembro de 2008. Consultado o 16 de xullo de 2008. 
  8. 8,0 8,1 Gelbier, Stanley. 125 Years of Developments in Dentistry. British Dental Journal (2005); 199, 470–473. Consultado o 11 de decembro de 2007.
  9. The story of dentistry: Dental History Timeline Arquivado 09 de marzo de 2012 en Wayback Machine., aloxada na páxina da British Dental Association. Consultado o 2 de marzo de 2010.
  10. Campbell, J Menzies (8 de febreiro de 1955). "Banning Clerks, Colliers and other Charlatans". The Glasgow Herald. p. 3. Consultado o 5 de abril de 2017. 
  11. History of Dental Surgery in Edinburgh (PDF) Arquivado 11 de abril de 2019 en Wayback Machine., aloxada na páxina do Royal College of Surgeons of Edinburgh. Consultado o 11 de decembro de 2007.
  12. Zerón Agustín: Visión profesional de las competencias en la Odontología del siglo XXI. Revista de la Asociación Dental Mexicana Rev. ADM marzo-abril 2011, 68 (2) 60-66.
  13. MOSBY: Diccionario de odontoloxía, VV.AA., S.A. Elsevier, España, 2009, ISBN 9788480864626

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar