Benjamin Maximillian Mehl (coñecido habitualmente como B. Max Mehl), nado en Łódź, Polonia, o 5 de novembro de 1884 e finado en Fort Worth, Texas, o 28 de setembro de 1957, foi o comerciante de moedas estadounidense máis activo nese país durante gran parte da primeira metade do século XX.

Infotaula de personaB. Max Mehl
Biografía
Nacemento5 de novembro de 1884
Łódź.
Reino de Polonia.
Morte28 de setembro de 1957 (72 anos)
Fort Worth.
Texas.
Lugar de sepulturaCemiterio de Greenwood. 
Datos persoais
País de nacionalidade Estadounidense
Actividade
OcupaciónComerciante numismático.

Nas súas poxas vendéronse varias das moedas máis escasas e míticas da historia numismática estadounidense. Ao mesmo tempo, a Mehl atribúeselle o mérito de ter contribuído a que o coleccionismo numismático deixase de ser un pasatempo para ricos e se convertese nunha afección para todos os públicos.

Primeiros anos e formación editar

Benjamin Maximillian Mehl naceu o 5 de novembro de 1884 en Łódź, no que daquela era a Polonia do Congreso, dentro do Imperio Ruso. Os seus pais, Rachel Goldstick e Solomon Isaac Mehl, vivían no barrio xudeu da cidade, coñecido como Altstadt.[1][2]

En 1885, a familia trasladouse a Vilkomu, na provincia de Kovno —actual Kaunas, Lituania—.[3] Alí había unha comunidade xudía en expansión, e Benjamin recibiu a súa primeira educación na súa escola.[1] Segundo un esbozo biográfico de 1906, coleccionaba moedas desde a súa infancia, e era incapaz de lembrar un momento no que se esquecese delas.[3]

Na procura de maiores oportunidades, en abril de 1895 a familia emigrou aos Estados Unidos, cando el tiña dez anos.[3][4] Inicialmente viviron en Nova York,[5] e logo establecéronse durante un tempo en Denton, Texas,[4] antes de se trasladar a Fort Worth, probablemente porque a súa nai tiña familia alí.[5] Benjamin continuou a súa educación nas escolas públicas de Fort Worth.[3] En 1895 construíuse unha sinagoga en Fort Worth, á que se uniu a familia, e arredor de 1897 Benjamin foi chamado á Torá como bar mitzvah. Ao mesmo tempo que acudía á escola, Benjamin e os seus tres irmáns máis vellos e unha irmá máis vella traballaban na tenda de roupa que Solomon Mehl abrira en Fort Worth.[1] Deixou a escola aos 16 anos e empregouse a tempo completo como dependente na tenda familiar.[2]

Desde os 10 anos, Benjamin coleccionaba bitolas de puros, logo selos e despois moedas.[6] Os seus comezos como vendedor sitúanse en 1900,[4] probablemente con moedas pouco habituais sacadas da caixa rexistradora coa aprobación do seu pai, como parte da súa paga. En xuño de 1903 solicitou ser membro da American Numismatic Society (ANA),[1] utilizando xa o nome "B. Max Mehl" —non se coñece que utilizase nunca o seu nome de pía en letra impresa—.[4] O secretario da ANA, George F. Heath, sinalou na revista da asociación, The Numismatist, que os trece solicitantes dese mes tiñan idades abranguidas entre os 18 anos —os que tiña Mehl— e os 65 anos. Ao enumerar os intereses como coleccionistas dos solicitantes, Heath afirmou que Mehl "colecciona unicamente ouro e papel moeda colonial e territorial dos EEUU". Cada solicitude estaba suxeita a que non se presentase ningunha obxección contra o posible membro,[7] e Mehl foi aprobado, converténdose no membro número 522 da ANA o 1 de xullo de 1903.[1]

Traxectoria profesional editar

Primeira etapa (1903-1920) editar

 
Primeiro anuncio de Mehl, aparecido non número de decembro de 1903 da revista The Numismatist.[8]

A primeira publicación de Mehl en The Numismatist pareceu en agosto de 1903. [1] No mesmo ano afiliouse tamén á British Numismatic Society.[1]

O seu primeiro anuncio de venda por correo apareceu no número de decembro de 1903 de The Numismatist, e anunciaba a venda de 33 moedas estadounidenses ao mellor ofertante. Q. David Bowers, nun artigo sobre Mehl publicado en 1999, considera lóxico que Mehl se centrase no negocio da venda por correo, dado o afastamento de Fort Worth con respecto aos centros numismáticos como Nova York e Filadelfia, xa que habería poucos coleccionistas locais que frecuentasen unha tenda de moedas en Fort Worth.[4] É probable que a venda non fose un éxito, xa que a maioría das moedas seguían a figurar nunha circular que Mehl enviou por correo en xaneiro de 1904, mais ao mes seguinte publicou o seu primeiro anuncio a toda páxina en The Numismatist. Segundo o autor numismático John N. Lupia III, "ao parecer, acadou un grande éxito a partir de 1904".[1] Mehl contou coa axuda de C. W. Cowell, de Colorado, que estaba a vender a súa colección numismática e que lle enviou moitas pezas raras en depósito, o que lle permitiu ofrecer rarezas que, doutro xeito, estarían fóra do seu alcance.[9]

O anuncio de febreiro de 1904 ofrecía á venda The Hub Coin Book por 24 centavos de dólar, un libro con moita difusión no ámbito numismático, publicado por Alexander & Co., de Boston, do que os comerciantes de moedas podían encargar copias co seu nome e enderezo impresos para posteriormente distribuílas a un prezo moi popular.[1] Iso é o que fixo Mehl, e enviou copias con publicidade propia, co ánimo de facer promoción do seu negocio. En 1906 publicou a primeira edición de The Star Coin Book. An Encyclopedia of Rare American and Foreign Coins, que se vendía por 10 centavos e copiaba en gran medida o The Hub Coin Book.[10] O secretario da ANA, George Heath, describiu The Star Coin Book como un "folleto ben ilustrado de sesenta e catro páxinas no que se dan os prezos que el paga polas moedas, en particular polas series estadounidenses, e outra moita información valiosa".[11] A partir de 1908, Mehl publicou a Star Rare Coin Encyclopedia, máis completa, que en 1924 tiña unha tiraxe de 70.000 exemplares ao ano,[2] vendidos inicialmente ao prezo dun dólar, co mesmo propósito principal de anunciar as moedas que a Mehl lle interesaba comprar.[12]

 
Anuncio de Mehl en Collier's, 1908.[13]

Mehl non se limitou a publicar anuncios na prensa numismática. A partir de 1904, publicou tamén anuncios clasificados no Fort Worth Telegram e en 1906 converteuse no primeiro comerciante de moedas en anunciarse na prensa nacional non numismática, con cinco liñas na revista Collier's,[5] cun custo de 12,50 dólares. Esta estratexia publicitaria tivo éxito e axudou a transformar o coleccionismo de moedas, que antes era unha afección exclusiva dos ricos e dos estudantes de arte e de arqueoloxía, nun entretemento para un público máis amplo.[10]

En 1906, Mehl acudiu por primeira vez ao Leste. Visitou Nova York e alí o negocio de moedas de Lyman H. Low, onde participou moi activamente na súa primeira poxa de moedas. O numismático Farran Zerbe fixo comentarios acerca da xuventude de Mehl, que naquel momento tiña só 22 anos. Posteriormente viaxou tamén a Boston e a Filadelfia.[14] En xullo dese mesmo ano, escribiu aos seus clientes para os informar de que pasaba a dedicarse exclusivamente ao comercio numismático, algo que probablemente sorprendese a moitos deles, que supuñan que xa o era desde había tempo.[12] Segundo Bowers, "en 1910, a súa publicidade anovadora e a súa colorida personalidade proxectárono á primeira liña dos comerciantes".[15]

 
Mehl en 1906.[16]

En 1907, Mehl abriu a súa propia oficina en Main Street, en Fort Worth.[1] En xaneiro de 1908, comezou a publicar Mehl's Numismatic Monthly, con colaboradores invitados, entre os que se achaban algúns dos principais numismáticos do momento. Publicada ata 1919, cunha paréntese en 1911-1912, segundo Bowers "fíxolle a competencia a The Numismatist e, en moitos aspectos, a súa edición era máis interesante".[9] Cando Heath, que tamén era o editor de The Numismatist, morreu inesperadamente en 1908, Mehl ofreceu a súa Numismatic Monthly como revista substituta da American Numismatic Association, pero Zerbe fíxose cargo de The Numismatist e esta revista continuou.[17]

En 1912, Mehl trasladouse a Nova York para se asociar co seu colega Wayte Raymond.[1] Mehl estaba preocupado polo seu relativo illamento en Texas do resto do mundo numismático. No entanto, despois de só unhas semanas, regresou a Fort Worth e explicou en The Numismatist que unha grave doenza na súa familia fixera necesario o seu regreso e que asuntos persoais o obrigaran a ficar alí.[9]

En 1916 contratou o arquitecto local Wiley G. Clarkson para deseñar un edificio de oficinas de tres plantas e case 1.500 metros cadrados, de ladrillo e ornamentado con baixorrelevos de moedas antigas en pedra. Situado na avenida W. Magnolia, o edificio foi o lugar de traballo de Mehl e dos seus 40 empregados —un grande aumento con respecto aos 10 de 1912—, que se ocupaban da correspondencia e dos pedidos dunha lista de subscrición de 70.000 clientes. Nos anos seguintes, entre eles estarían Franklin D. Roosevelt, Winston Churchill e o rei Faruk de Exipto.[5]

Mehl converteuse nun dos maiores comerciantes das primeiras moedas conmemorativas emitidas pola Casa da Moeda dos Estados Unidos, entre elas o medio dólar colombino, e foi o único que fixo delas unha parte importante do seu negocio na etapa de 1916 a 1920.[18] Cando os promotores do dólar de ouro conmemorativo do lugar de nacemento de McKinley (1916-1917), non conseguiron vender moitas moedas ao público ao prezo orixinal de emisión de 3 dólares, Mehl adquiriu uns 10.000 exemplares —a metade da tiraxe existente— a pouco máis do seu valor nominal, para logo llas vender aos seus clientes a un prezo inferior ao oficial da emisión, ata ben entrada a década de 1920.[19] Do mesmo xeito, Mehl comproulle a Zerbe —o promotor da moeda— milleiros de exemplares do dólar de ouro da Exposición da Compra de Luisiana, e logo vendeullos aos seus clientes.[20] A finais de 1919, Mehl declarou que tiña un orzamento para publicidade de 5.000 dólares ao ano, e continuou anunciándose en publicacións non numismáticas, gastando ata 200 dólares da época nunha soa inserción dun anuncio en The American Boy.[9]

Segunda etapa editar

Durante a Gran Depresión, o comerciante de Fort Worth, Texas, B. Max Mehl levou a cabo unha campaña publicitaria nos xornais durante anos (que máis tarde admitiu que le custara máis dun millón de dólares da década de 1930!), ofrecendo comprar por 50 dólares cada unha das moedas de cinco centavos Cabeza de Liberdade de 1913 que se ofrecesen. Esta oferta non era de boa fe, xa que non era máis que un reclamo para promover as vendas da súa "Star Rare Coin Encyclopedia", da que se fixeron máis de 30 edicións malia non ter ningún valor numismático. O principal efecto da publicidade de Mehl foi triplo: fíxoo moi rico vendendo o seu libro sen valor; converteu a moeda de cinco centavos Cabeza da Liberdade de 1913 nunha das moedas estadounidenses máis famosas; e estimulou os impíos a fabricar milleiros de datas alteradas (a maioría de 1903, 1910 ou 1912) simulando ser as de 1913.
Walter H. Breen [21]

En 1921, Mehl vendeu o seu primeiro espécime do dólar de 1804, unha das grandes rarezas da numismática estadounidense. Deu boa conta da venda na súa publicidade, sinalando que pagara máis de 2.000 dólares por un antigo dólar de prata e preguntándose que rarezas podería ter o lector por descubrir na súa posesión. O Departamento Postal dos Estados Unidos considerouno enganoso. A partir de entón, Mehl cambiou de campaña, ofrecendo comprar calquera dólar Barber de 1894-S —tamén extremadamente escaso— que o lector puidese ter, nunha época en que os dólares Barber de data común eran unha moeda moi cotiá.[22] Durante a súa carreira, Mehl vendeu seis exemplares do dólar de 1804, dous deles en dúas ocasións.[23] Así mesmo, xactouse de ter gastado en balde un millón de dólares en publicidade para mercar unha moeda cinco centavos Cabeza da Liberdade de 1913, sabedor de que ningunha destas moedas extremadamente raras se achaba en circulación.[10] Aínda que comprou moitas outras moedas, o seu obxectivo principal era promover a venda do seu catálogo,[24] e comentábase que a súa campaña chegara a provocar atrasos no tránsito nalgunhas cidades, xa que os condutores de tranvías paraban a revisar o seu cambio. Tamén se publicitou a compra dun raro centavo por 200 dólares.[2]

Nos seus anuncios, Mehl instaba os coleccionistas a inscribírense na súa Mehl-ing list" ("Listaxe de Mehl").[25] Segundo un artigo de 1929 sobre Mehl, estaba entre os cinco principais receptores de correo de Fort Worth e, durante a época de maior actividade do ano, ocupaba o segundo ou o terceiro lugar,[26] aínda que outra fonte afirma que representaba máis da metade do correo entrante na cidade,[1] o que levou a oficina de correos a pór camións adicionais na ruta da avenida Magnolia.[5] Malia os seus extensos negocios con moedas, o artigo de 1929 revelaba que el mesmo non as coleccionaba, xa que consideraba que non podía coleccionalas e comerciar con elas a un tempo; no canto diso, coleccionaba autógrafos.[26] Tanto as súas poxas como as súas vendas de moedas a prezo fixo realizábanse unicamente por correo; se un posible comprador se presentaba en Fort Worth, Mehl falaba con el sobre a compra e mesmo o invitaba a cear, pero insistía en que volvese á súa casa e lle escribise para completar a compra, xa que non quería que ninguén se sentise con presión para comprar.[27]

De 1924 a 1926, Mehl formou parte da xunta directiva da ANA.[28]

 
Mehl en 1931.[29]

A principios da década de 1930, en medio da Gran Depresión, prosperaron as afeccións e, entre elas, o coleccionismo de moedas.[30] Mehl ampliou enormemente a súa campaña de venda de libros de moedas ao público estadounidense, que se amosou receptivo, xa que lle gustaba a idea de achar unha moeda rara naqueles tempos difíciles que puidese resolver as propias preocupacións económicas. Mehl encargou anuncios a toda páxina nos xornais dominicais e tiña o seu propio programa de radio de ámbito nacional,[31] e declarou en 1933 que gastara máis de 50.000 dólares para se anunciar en máis de 50 emisoras de radio.[32] Un anuncio de 1931 en The American Weekly, o suplemento dominical dun xornal, custoulle 18.500 dólares,[33] en tanto que un anuncio de 2.000 dólares en The Saturday Evening Post conseguiu 9.800 pedidos de libros durante a primeira semana.[23] Mehl, que se dirixía tanto a coleccionistas principiantes como aos avanzados, traballou durante anos para conseguir que o famoso numismático E. H. R. Green, que realizaba grandes compras de moedas, fose o seu cliente; finalmente conseguiuno,[34] e vendeulle moedas por un valor estimado de 500.000 dólares.[35] O seu correo alcanzou un máximo de 1,25 millóns de cartas entrantes en 1935.[5] Mehl proclamou, en 1938, que tiña 250.000 dólares de capital, 500.000 dólares de recursos e "o maior establecemento numismático dos Estados Unidos".[25] En 1939, empregaba 50 persoas e presumía de ter máis xente en nómina que todos os demais comerciantes de moedas dos Estados Unidos xuntos.[2]

Durante o auxe das moedas conmemorativas na década de 1930, Mehl continuou coa súa promoción, e sinalou que subiran de valor durante os anos da Depresión, mesmo cando as accións se fundiran.[36] Cando os representantes da Comisión do Centenario de Arcansas acudiron a el a finais de 1935 despois de ter esgotado a edición anual do medio dólar do Centenario de Arkansas, Mehl aconselloulles que conseguisen que a Casa da Moeda aceptase acuñar variantes de edición limitada da moeda que puidesen revenderse ao público a prezos elevados. A Casa da Moeda negouse, mais accedeu a cuñar máis moedas do orixinal, das que poucas se puxeron ao dispor do público, pero que Mehl vendeu cunha prima superior ao prezo de emisión.[37] En xaneiro de 1936, cando os prezos das moedas conmemorativas seguían a subir —a burbulla estoupou a finais de ano—, Mehl publicou un anuncio no que instaba os coleccionistas a "comprar agora: moedas de 10 e 20 dólares por unha fracción do seu valor futuro".[25] En 1937, Mehl publicou un folleto sobre moedas conmemorativas.[30]

Derradeiros anos editar

 
Mehl, Ca. 1953.[38]

Segundo Bowers, "na década dos 40, Mehl acadou a súa gloria".[30] Realizou 116 vendas en poxa, todas elas por correo, entre 1903 e 1955.[10] Entre as posteriores a 1940 achábanse algunhas que Bowers describiu como "asombrosas e incribles".[30] Mehl, que nunca foi un investigador, cometía esaxeracións e erros nos seus catálogos que provocaron algunhas críticas cara a el na comunidade numismática.[39]

Entre as vendas posteriores a 1940 estaban as das coleccións de William Forrester Dunham (1941) e de Fred E. Olsen (1944) —esta última contiña o primeiro exemplar de moeda de 5 centavos Cabeza da Liberdade de 1913 que Mehl tivera nas súas mans, malia os seus anuncios—, así como os duplicados da colección do rei Faruk (1947).[30] A colección Dunham incluía un dólar de 1804 e outra gran rareza, unha moeda de 5 dólares de ouro de 1822, e Mehl vendeu outro dólar de 1804 na venda de William Cutler Atwater de 1946, por un prezo récord de 10.500 dólares.[25] Mehl bautizou a venda das moedas do rei Faruk como a "venda real", aínda que só arredor do seis por cento dos lotes da venda foran propiedade de Faruk. Ao non obter permiso para ilustrar a portada do catálogo da poxa cun retrato de Faruk, Mehl utilizou no seu lugar unha moeda exipcia na que aparecía Faruk, e cuxa exhibición non requiría permiso.[35] Mehl tamén se encargou da poxa da colección de moedas do compositor Jerome Kern (1950).[40] Na necrolóxica de Mehl publicada en 1957 nas páxinas de The Numismatist, o comerciante de moedas Abe Kosoff escribiu: "Max era un mestre da delicadeza da catalogación".[41]

Durante a segunda guerra mundial, Mehl foi presidente da Xunta de Recrutamento número 2 de Fort Worth. Outras das súas actividades civís foron a presidencia do Rotary Club e do Exchange Club. Foi potentado do Moslah Shrine Temple e formou parte do consello da Cámara de Comercio de Fort Worth. Tamén pertenceu ao Fort Worth Club, ao Colonial Country Club e ao templo Beth-El.[41] En 1956 recibiu un premio humanitario da Conferencia Nacional de Cristiáns e Xudeus, na sección de Fort Worth.[5]

Na década de 1950, as actividades numismáticas de Mehl foron diminuíndo.[30] Despois da colección Kern de 1950, só realizou tres poxas máis, a derradeira o 25 de outubro de 1955. B. Max Mehl faleceu o 28 de setembro de 1957, logo de sufrir unha grave afección cardíaca durante algún tempo,[1][2] e foi soterrado dous días despois, con Abe Kosoff como un dos portadores do seu cadaleito,[42] no cemiterio Greenwood de Fort Worth.[2]

Vida persoal editar

O 18 de agosto de 1907, Mehl e Ethel Rosen casaron no salón do tío de Ethel, Sam Rosen, promotor inmobiliario de Northside Fort Worth. A familia de Ethel Mehl tamén tiña raíces lituanas.[5] Tiveron dúas fillas: Lorraine e Danna.[9]

Relevancia da súa figura editar

Logo do pasamento de Mehl, a súa secretaria executiva durante máis de 40 anos, Mary Ellen Ferguson, mantivo a empresa ata a súa propia morte en 1961.[10] A partir de entón, Kosoff, que xestionaba o patrimonio numismático de Mehl, puxo á venda o nome comercial por 25.000 dólares. O comprador da marca foi Kenneth Nichols, de Costa Mesa, California, quen logo fundou a B. Max Mehl Co. e máis tarde vendeulla a George Nichols, de Beverly Hills.[40] Nichols seguiu publicando anuncios en The Numismatist ata xullo de 1966, data a partir da cal a marca deixou de estar activa.[10]

 
Mehl puxo anuncios para comprar a rara moeda de 5 centavos Cabeza da Liberdade de 1913 (na imaxe, exemplar da Colección Numismática Nacional dos EEUU).[43]

Bowers describiu a Mehl como "o comerciante de moedas raras máis famoso dos Estados Unidos da primeira metade do século XX [...] Foi promotor das moedas e é probable que fixese máis polo avance da afección que calquera outra persoa da súa época.[15] Segundo o numismático Pete Smith, "lémbrase a Mehl como un dos grandes comerciantes e promotores da afección".[10] Daniel C. Parker referiuse a el como "o pai da numismática moderna [...] popularizou a nosa afección máis que ninguén antes e despois. Sacouna do dominio do home podente e converteuna nunha afección para todas as idades e estratos económicos".[44]

Moitos dos seus contemporáneos alcumaron a Mehl "o P. T. Barnum da numismática".[24] Tom LaMarre escribiu: "Mehl vendía máis que moedas, vendía unha imaxe. Os anuncios amosaban o edificio de Mehl, a Mehl de pé diante da súa luxosa casa ou outras escenas que pretendían presentar o comerciante como un magnate da numismática".[34] Charles D. Horning escribiu en 1995: "realmente, Mehl era autopromocionador fenomenal".[45] Parker afirmou: "Mehl tiña un fantástico coñecemento da natureza humana. Se aparecese 40 ou 50 anos máis tarde, faría unha fortuna na avenida Madison".[35] Jay Guren, nun artigo de 1979 en Coin World, coincidía: "Mehl era un numismático e moito máis; era un superpromotor e comprendía á perfección a psicoloxía humana".[46] Pola súa banda, Kosoff lembraba: "todo o que facía, facíao con estilo e un toque de clase. Sempre era o máis grande e o mellor, ou algún outro superlativo".[24]

Walt Southward, membro vitalicio da ANA, escribiu nun artigo de 2004 sobre Mehl que o comerciante "alcanzou o status de icona da afección durante as décadas de 1920 e 1930; recibiu numerosos eloxios, da ANA e outros, xa que gastou moitos milleiros de dólares na promoción da afección. Atribuíaselle o mérito de ter sido un gran defensor da numismática, utilizando anuncios en xornais e revistas, e en programas de radio, para a difundir".[47]

A figura de Mehl foi incluída no Salón da Fama Numismática da ANA en 1974 e,[1][48] en 2010, formou parte do grupo inaugural de seis membros do Salón da Fama dos Numismáticos CoinFacts, creado polo Professional Coin Grading Service.[2]

Notas editar

  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 1,12 1,13 Lupia, J. N. III (2016).
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 Weiner, H. A. (2021-a-).
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 "B. Max Mehl". En The Numismatist. Vol. 19. Nº 3. Marzo de 1906. Páxina 89.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 Bowers, Q. D. (1999-b-). Páxina 65.
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 5,6 5,7 Weiner, H. A. (2021-b-).
  6. Kosoff, A. (1957). Páxina 1.304.
  7. Heath, G. F. (1903). Páxinas 182-183.
  8. The Numismatist. Vol. 16. Nº 12. Decembro de 1903. Páxina 382.
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 9,4 Bowers, Q. D. (1999-b-). Páxina 67.
  10. 10,0 10,1 10,2 10,3 10,4 10,5 10,6 Smith, P. (2016).
  11. Heath, G. F. (1906). Páxina 302.
  12. 12,0 12,1 Bowers, Q. D. (1999-b-). Páxina 66.
  13. Collier's. Vol. 40. Nº 16. 11 de xaneiro de 1908. Páxina 19.
  14. Zerbe, F. (1906). Páxina 262.
  15. 15,0 15,1 Bowers, Q. D. (1999-a-). Páxina 81.
  16. The Numismatist. Vol. 19. Nº 3. Marzo de 1906. Páxina 89.
  17. Smith, P. (1997). Páxina 408.
  18. Bowers, Q. D. (1992). Páxinas 57-58.
  19. Bowers, Q. D. (1992). Páxinas 634-635.
  20. Swiatek, A. (2012). Páxina 72.
  21. Breen, W. H. (1988). Walter Breen's Complete Encyclopedia of U.S. and Colonial Coins. Páxina 254. ISBN 978-0385142076
  22. Bowers, Q. D. (1999-b-). Páxinas 67-68.
  23. 23,0 23,1 Smith, P. (1997). Páxina 407.
  24. 24,0 24,1 24,2 Deisher, B. (2003). Páxina 37.
  25. 25,0 25,1 25,2 25,3 Bowers, Q. D. (2016).
  26. 26,0 26,1 Molyneaux, P. J. (1929). Páxina 177.
  27. Parker, D. C. (1978). Páxinas 9-10.
  28. "Officers of the A.N.A. for Fifty Years". En The Numismatist. Vol. 54. Nº 10. Outubro de 1941. Páxinas 754-759.
  29. The Numismatist. Abril de 1931. Páxina 271.
  30. 30,0 30,1 30,2 30,3 30,4 30,5 Bowers, Q. D. (1999-b-). Páxina 69.
  31. Bowers, Q. D. (1992). Páxina 60.
  32. LaMarre, T. (1987). Páxina 46.
  33. Bowers, Q. D. (1983). Páxina 12.
  34. 34,0 34,1 LaMarre, T. (1987). Páxina 47.
  35. 35,0 35,1 35,2 Parker, D. C. (1978). Páxina 11.
  36. Bowers, Q. D. (1992). Páxina 62.
  37. Swiatek, A. (2012). Páxina 270.
  38. The Numismatist. Vol. 66. Nº 3. Marzo de 1953. Páxina 281.
  39. Horning, C. D. (1995). Páxina 47.
  40. 40,0 40,1 Bowers, Q. D. (1999-b-). Páxina 70.
  41. 41,0 41,1 Kosoff, A. (1957). Páxina 1.305.
  42. Kosoff, A. (1957). Páxina 1.306.
  43. "5 Cents, United States, 1913". National Numismatic Collection. National Museum of American History.
  44. Parker, D. C. (1978). Páxina 9.
  45. Horning, C. D. (1995). Páxina 46.
  46. Guren, J. (1979). Páxina 54.
  47. Southward, W. (2004). Páxina 59.
  48. "Numismatic Hall of Fame". American Numismatic Association.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar