Dólar de 1804

antiga moeda de prata dos EEUU

O dólar de 1804 é unha moeda de prata dese valor facial cuñada pola Casa da Moeda dos Estados Unidos, da que se coñecen soamente quince exemplares. Malia o seu nome, e aínda que a data de 1804 aparece nos exergos dos seus anversos, ningún deses exemplares foi cuñado no devandito ano, senón na década de 1830 ou, mesmo, máis tarde.[1]

Anverso
Reverso

Caracterización editar

Artigo principal: Dólar do busto drapeado.

O coñecido como "dólar de 1804" corresponde á serie de moedas dun dólar coñecida como draped bust ("busto drapeado"), emitida desde 1798 ata 1803.[2]

Estas son as características que o definen:[3]

Historia editar

Orixe e finalidade editar

O motivo da súa creación foi a súa inclusión en xogos especiais de moedas utilizados como obsequio a altos representantes doutros países durante as viaxes do comerciante e diplomático estadounidense Edmund Roberts (1784-1836) a Siam e ao sultanato de Mascate, na Península de Arabia.

Edmund Roberts distribuíu as moedas en 1834 e 1835. Ademais, encargouse a cuñaxe de dous exemplares máis destinados a altos representantes dos gobernos do Xapón e a Cochinchina, aínda que Roberts faleceu en Macau antes de os poder entregar.

Alén da súa finalidade inicial, a United States Mint produciu posteriormente algúns exemplares máis deste prestixioso dólar coa data inmobilizada de 1804 para comerciar con elas e, sobre todo, intercambiar con coleccionistas por algunhas outras pezas escasísimas desexadas para a Colección Numismática Nacional dos Estados Unidos.

Os numismáticos non tiveron constancia da existencia do dólar de 1804 ata 1842, cando apareceu por primeira vez unha ilustración del nunha publicación feita por dous empregados da ceca, e un coleccionista adquiriu un exemplar en 1843 na propia Casa da Moeda. A partir dese momento, o coleccionismo comezou a interesarse por estas pezas e tense coñecemento de que algúns empregados da ceca cuñaron uns poucos exemplares clandestinamente para atender tal demanda. Porén, hai algunha leves diferenzas nos cantos entre estas emisións irregulares e as aprobadas oficialmente.

No ámbito numismático, os 15 exemplares coñecidos do dólar de 1804 clasifícanse do seguinte xeito:[8]

  • Clase I: os oito exemplares orixinais que se entregaron a gobernantes orientais antes de 1835. Con lenda no canto.
  • Clase II: recuñaxes realizadas na ceca estadounidense entre 1858 e 1859 (coñécese un único exemplar, cuñado sobre un tálero de tiro suízo). Con canto liso.
  • Clase III: seis exemplares cuñados irregularmente para o coleccionismo entre 1858 e 1859. Inicialmente cuñados con cantos lisos, aos que posteriormente se lles engadiu a lenda propia dos de clase I.

Cuñaxes para a misión diplomática de Edmund Roberts editar

 
Said ibn Sultan, o sultán de Mascate e Omán, receptor do primeiro estoxo que contiña o dólar de 1804.
 
Rama III, rei de Siam, receptor do segundo estoxo

En 1832, o diplomático e navegante comercial Edmund Roberts empezou a exercer como enviado do Goberno dos Estados Unidos en Asia, coa misión de negociar acordos de comercio internacional con esa rexión.[9][10] Oficialmente, Roberts era un "axente especial", pero máis tarde un documento do Departamento de Estado describíao como un "enviado especial". O historiador numismático Q. David Bowers suxire que o cargo orixinal de Roberts puido ser creado para evitar a intervención do Congreso, xa que os embaixadores e os enviados especiais requirían a aprobación do Senado.[11] Durante a súa misión asinou acordos con Said ibn Sultan, o sultán de Mascate e Omán, e co ministro de Asuntos Exteriores de Siam (a actual Tailandia).[12] Roberts recibiu inicialmente diversos artigos para presentar a modo de obsequio para as persoas coas que negociaba, aínda que el os describiu como "de moi mala calidade e de moi pouco valor".[10][13] Despois da ratificación nos Estados Unidos dos acordos que el asinara, Roberts tivo que regresar a Siam e a Mascate para recibir a aprobación dos representantes daquelas nacións.[12] Nunha carta ao Departamento de Estado dos EEUU do 8 de outubro de 1834, Roberts insistía nas críticas aos agasallos anteriores, por inadecuados, e solicitaba un conxunto de moedas como un obsequio acaído para o sultán:[14]

Áchome bastante perdido para saber que artigos serán máis aceptables para o sultán, mais supoño un conxunto completo de moedas novas de cobre, prata e ouro dos EE.UU. coidadosamente disposto nun estoxo de pel sería axeitado para llo enviar non só ao sultán, senón tamén a outros asiáticos.

Noutra carta, enviada o 11 de novembro do mesmo ano ao director da Casa da Moeda dos Estados Unidos, o Secretario de Estado apoiaba e asumía as suxestións feitas por Roberts:[14]

O Presidente Andrew Jackson ordenou que se envíe un xogo completo das moedas dos Estados Unidos ao Rei de Siam e outro ao Sultán de Mascate. Xa que logo, solicítaselle que lle envíe ao Departamento, con ese fin, espécimes duplicados de cada tipo en circulación, tanto de ouro, como de prata e de cobre.

O Secretario de Estado ordenou tamén ao director da ceca que fixese dúas caixas de coiro para albergar as moedas, unha de cor amarela e outra carmesí, e que os custos das caixas e das moedas se collesen do Tesouro do país. Máis tarde, nunha carta do 2 de decembro de 1834, engadiu ás súas ordes que se incluísen os emblemas nacionais (entre eles a aguia e as estrelas) na parte exterior das caixas.[14]

No seu libro The Fantastic 1804 Dollar, os historiadores numismáticos Eric P. Newman e Kenneth E. Bressett afirman que xurdiu un problema na Casa da Moeda respecto a como interpretar as ordes do Secretario de Estado.[15] Como na súa correspondencia inicial se indicaba que os xogos debían incluír moedas de cada tipo en circulación, os funcionarios da ceca incluíron tanto o dólar de prata como a moeda de 10 dólares de ouro (os dólares cuñados en 1804 amosaban a data de 1803, e non así os 10 dólares).[16] Aínda que a moratoria da emisión de dólares de prata xa se levantara en 1831, desde marzo de 1804 non volvera emitirse ningunha moeda con este valor.[17] Cuñáronse entón dous xogos de moedas, cun acabamento especial (proof), que lle foron entregados nas súas respectivas caixas a Roberts pouco antes da súa partida no buque USS Peacock, o 27 de abril de 1835.[18] As moedas de dólar amosaban no anverso un busto drapeado como representación alegórica da Liberdade, e nos reversos unha aguia heráldica.[19] Entre a listaxe doutros obsequios que Roberts levaba para as misións no Xapón e na Cochinchina (hoxe parte de Vietnam), figuraban outros dous xogos de moedas.[20]

Roberts entregoulle o primeiro xogo de modas a Said ibn Sultan o 1 de outubro de 1835, e o segundo ao rei Rama III de Siam o 6 de abril do ano seguinte.[21][22] Roberts morreu en Macau o 12 de xuño de 1836, polo que non puido completar a rolda de contactos con outras nacións. O 30 de xuño, Edmund P. Kennedy, comandante en xefe da frota diplomática estadounidense no Extremo Oriente, comunicoulle por escrito ao Departamento de Estado que ordenara que os agasallos que ficaran sen entregar á morte de Roberts se enviasen novamente aos Estados Unidos, e entre eles debían estar os xogos destinados a Cochinchina e ao Xapón.[20]

O máis probable é que todos os dólares cuñados para a inclusión nestes xogos de agasallo diplomático levasen a data de 1804.[23] Non se coñece a ciencia certa o porqué da escolla desa data, aínda que o historiador numismático R. W. Julian suxire que se puido deber á intención de non anoxar os coleccionistas, que non terían podido adquirir estas moedas coa data de 1834 para completaren as súas series anuais, se se tivesen cuñado coa data real do ano de cuñaxe. O xefe de cuñaxe da ceca, Adam Eckfeldt, despois de consultar co director da institución, indicou equivocamente que a produción de dólares datados en 1804 fora de 19.570. O equícoco radicaba en que os datos consultados por el se correspondían coas moedas de dólar cuñadas durante aquel ano, aínda que realmente se utilizaran cuños vellos e aquelas moedas seguían amosando a data de 1803.[24]

Todos estes dólares cuñados para os conxuntos de agasallo diplomático, así como outros espécimes cuñados cos mesmos cuños, coñécense colectivamente co nome de "dólares de 1804 clase I".[25] En total, na actualidade coñécense oito exemplares.[26][27]

Recuñaxes posteriores editar

 
Exemplar exposto do dólar de 1804 de clase III coñecido como "exemplar Idler Bebee".

Durante o século XIX, os empregados da ceca produciron en diversas ocasións copias non autorizadas de moedas estadounidenses que xa non estaban en circulación.[28] Aínda que esta práctica de recuñaxes se fixo con transparencia na ceca de Filadelfia a partir da década de 1830, a finais da de 1850 as recuñaxes seguiron producíndose dun xeito irregular e clandestino.[29]

Nas décadas posteriores á cuñaxe dos primeiros dólares de 1804, os coleccionistas decatáronse da súa existencia e comezaron a devecer por obteren algún exemplar, o que levou algúns funcionarios da ceca a cuñaren un pequeno número de exemplares en 1858.[30] Esas recuñaxes, que hoxe se coñecen como "dólares de 1804 clase II", tiñan os cantos lisos e desprovistos de lendas, en oposición aos dólares de circulación regular do tipo draped bust e tamén aos cuñados para a misión diplomática, que si que levaban inscrición.[31]

En 1859, o director da US Mint, James Ross Snowden, solicitou sen éxito permiso ao Secretario de Estado para emitir probas e recuñaxes de moedas raras para a súa venda a coleccionistas e, naquel ano, algúns comerciantes empezaron a ofrecer para a súa venda exemplares do dólar de 1804. Sábese que varios comerciantes ofreceron polo menos tres exemplares, e o comerciante de moedas Ebenezer Locke Mason afirmou que Theodore Eckfeldt, un empregado da ceca e sobriño do antigo xefe de cuñaxe Adam Eckfeldt (que morrera en 1852) lle ofrecera tres exemplares.[32] En canto o público se decatou de que algúns funcionarios da ceca fixeran diversas recuñaxes da peza, organizouse un escándalo que acabou cunha investigación por parte do Congreso dos Estados Unidos e coa destrución dos cuños cos que se realizaran as moedas orixinais. A controversia levou a William E. DuBois, ensaiador da ceca, a intentar reclamar, en 1860, os exemplares de dólares de 1804 en mans privadas.[31][33] DuBois coñecía cinco espécimes propiedade de particulares, dos cales puideron ser recuperados catro e, destes, dixo que tres foran destruídos na súa presenza e un quedara en poder do Gabinete Numismático da Casa da Moeda, do que el era conservador, e que se reconverteu na Colección Numismática Nacional, que segue a albergar a peza.[34] Esta moeda, a única da clase II cuxa existencia se coñece, foi cuñada sobre un "tálero de tiro" de 1857 conmemorativo do festival de Berna.[28] Do quinto dos exemplares aos que DuBois aludiu non se tivo constancia posterior, aínda que é posible que se lle engadira posteriormente a lenda do canto para o facer pasar por pertencente á emisión orixinal.[35] Estas moedas con lenda engadida son as que se coñecen como "dólar de 1804 de clase III.[36]

O cuño do anverso utilizado para cuñar os dólares de 1804 de clase II e de clase III foi depositado en custodia en 1860 e finalmente desfigurado en 1869, en tanto que o dos reversos se destruíu xa en 1860.[37]

 
Ilustración das lendas do canto (en dous segmentos) propias do dólar de 1804 de clase I e de clase III.

Os dólares das clases II e III son, xa que logo, exactos nos seus anversos e nos seus reversos, e difiren na existencia ou non de lenda nos seus reversos.[25] O feito de se lles engadir a lenda aos de clase III con posterioridade á súa cuñaxe provocou unha aparencia lixeiramente cóncava nestas moedas. Cómpre ter en conta, a este respecto, que a cuñaxe da lenda no canto nas pezas orixinais se producía na prensa de cuñaxe simultaneamente á cuñaxe do anverso e do reverso.[38]

Newman e Bressett afirman que as pezas de clase III foron cuñadas case ao mesmo tempo que as de clase II, e que os empregados da ceca lles engadiron as lendas dos cantos e ocultaron as moedas ata 1869, cando se lle ofreceu un exemplar a un coleccionista, quen o rexeitou por tratarse dunha recuñaxe.[39] Pola contra, o numismático S. Hudson Chapman cre que algúns dólares da clase III foron cuñados en 1876.[40] En 1875, varios foron vendidos polo comerciante numismático da Filadelfia John W. Haseltine.[41] Hoxe coñécense seis espécimes do dólar da clase III.[26]

Interese numismático editar

Coñecemento da súa existencia editar

 
A moeda de ouro coñecida como Immune Columbia, cedida por Stickney a cambio dun dólar de 1804.[42]

Os mundo do coleccionismo tivo coñecemento da existencia do dólar de 1804 en 1842, cando apareceu unha reprodución pantográfica dun exemplar publicada nun manual de moedas de ouro e prata de todos os países, da autoría de dous empregados da ceca estadounidense: Jacob R. Eckfeldt e William DuBois.[43][44]

O primeiro coleccionista privado que obtivo un exemplar desta moeda foi Matthew A. Stickney, quen a adquiriu na Casa da Moeda o 9 de maio de 1843, como parte dun intercambio de moedas raras da súa colección, entre as que se incluía unha moeda de ouro única dos primeiros tempos dos Estados Unidos, coñecida como Immune Columbia.[42] O interese dos grandes coleccionistas por facérense cun exemplar do dólar de 1804 comezou a aumentar, e a súa existencia xa era amplamente coñecida por todos os numismáticos en 1860.[45] En 1885, o organizador de poxas numismáticas W. E. Woodward falo do dólar de 1804 dólar como "o rei de moedas estadounidense", un alcume que se mantén na actualidade no ámbito numismático.[46] O estudoso Q. David Bowers afirmou que esta moeda atraeu máis atención que ningunha outra.[47] Isto é así ata o punto de que cada un dos quince exemplares coñecidos na actualidade teñen a súa propia denominación, normalmente baseada nos seus propietarios máis senlleiros ou nos primeiros individuos que as posuíron.[48]

Na convención de 1962 da American Numismatic Association, o numismático británico David B. Spink anunciou que estaba en posesión dun espécime do dólar de 1804 descoñecido ata o momento. A moeda estaba aloxada nun estoxo de coiro amarelo cunha aguia e outros adobíos, consonte se describira a correspondente ao Rei de Siam, formando parte dunha serie de medio centavo, un e dez centavos, cuarto dólar, medio dólar e un dólar e, xa en ouro, dous e medio, cinco e dez dólares.[49] Como todas as moedas do conxunto tiñan a data de 1834, coa excepción do dólar e os dez dólares, constituíu a proba fidedigna do que se supuña ata entón: que se incluíra o dólar de 1804 nos estoxos destinados a agasallo diplomático.[50] Segundo Spink, o conxunto fóralle ofrecido por dúas mulleres que el cría que eran descendentes de Anna Leonowens, titora dos fillos de Rama IV, medio irmán e herdeiro do destinatario do agasallo diplomático, Rama III.[51]

Teorías sobre os anos de produción editar

O feito que ningún destes dólares fora cuñado realmente en 1804 non foi acadou a aceptación xeral ata os principios do século XX.[52] Antes desa época o ano real de cuñaxe seguía a ser motivo de controversia entre os estudosos. Cando se cría que estas moedas foran cuñadas en 1804 xustificábase a súa gran rareza con diferentes argumentos, entre eles o de que a maior parte da produción servira como pagamento a piratas bérberes como rescate ou que se perdera no mar camiño da China, ou que as moedas foran refundidas antes de saíren da Casa de Moeda de Filadelfia.[53][54]

En 1867, o numismático W. Elliot Woodward recoñeceu que algúns dólares de 1804 foran cuñados como agasallos diplomáticos en 1834, aínda que mantiña que outros foran emitidos realmente en 1804.[55] Lyman H. Low e William T. R. Marvin, escribindo para o American Journal of Numismatics en 1899, expuxeron que se podía afirmar "con confianza que non había ningún dólar con data de 1804 cuñado nese ano na Casa da Moeda dos Estados Unidos".[56] En 1891, o numismático John A. Nexsen escribiu que os dólares de clase I foran cuñados "sen dúbida en 1804".[57] Porén, en 1905 retractouse expondo: "ninguén cre agora que foran cuñados en 1804".[58]

Segundo Newman e Bressett, o xeito en que se produciron os dólares de 1804 é proba de que ningún se cuñou nese ano.[59] Sinalan no seu traballo que a pesar de que os cuños dos cantos da prensa de cuñaxe utilizaron na lenda un "H" que era demasiado pequeno en relación coas demais letras, do mesmo xeito que ocorría nas emisións regulares para a circulación dos draped dollars feitas ata 1803, as inscricións dos cantos de todos os dólares de 1804 de clase I están algo deformadas e parcialmente borradas, o que implica que non foron cuñadas con colar aberto (como o que se usaba en 1804), senón cun de aceiro, que non foi introducido na casa da moeda ata 1833. A devandita deformación das letras do canto foi causada pola presión que empuxaba o metal contra o colar no proceso de cuñaxe.[60] Ademais diso, varios dólares de 1804 foron cuñados cun acabamento especial coñecido como "cuñaxe de proba" (proof), unha técnica que se empezou a utilizar na US Mint en 1817.[61]

Prezos no mercado numismático editar

 
"Exemplar Watters" do dólar de 1804, que foi propiedade do sultán de Mascate. En 2016 acadou o prezo de 10.575.000 dólares.

Desde que se coñeceu no ámbito numismático a existencias do dólar de 1804, os prezos dos escasos exemplares que chegaron ao mercado foron moi elevados.[62] Xa en 1859, algúns comerciantes empezaron a ofrecer dólares da clase II por 75 dólares, en tanto que Theodore Eckfeldt, segundo os arquivos conservados, lle ofreceu a un comerciante de moeda da Filadelfia tres moedas por 70 dólares cada unha.[32]

Polo que se coñece, Edward Cohen, un banqueiro de Richmond, Virxinia, comprou un dólar de 1804 de venda libre cara a 1865. Segundo David Bowers, Cohen vendeulle posteriormente a súa moeda ao seu tío, Mendes I. Cohen, de Baltimore, Maryland, un coleccionista de arte, moedas e obxectos antigos.[63] Este conservou a moeda ata 1875, cando a súa colección foi vendida por Edward Cogan. A descrición que Cogan fixo do estado de conservación do dólar de 1804 no catálogo da venda do 25 ao 29 de outubro de 1875 foi a seguinte:[64]

Circulou máis que calquera dos outros dous vendidos anteriormente nunha poxa, e parece que foi golpeado na data, e garántese a súa autenticidade.

Con todo, a primeira oferta pública dun dólar de 1804 foi a de W. E. Woodward do 28 de outubro de 1867, como parte da colección de Joseph J. Mickley. Woodward describía a moeda (o lote 1.696) deste xeito:[64]

Todos os coleccionistas estadounidenses consideran esta peza como a xoia da colección Mickley. Estivo en circulación, mais aínda se acha nas mellores condicións, conserva o brillo da súa superficie e non sufriu daño ningún. Obtívose hai moitos anos no Banco de Pensilvania e non hai dúbidas de que é xenuína e orixinal. Dos dous espécimes coñecidos, dous, é certo, foron cuñados nun momento posterior a 1804, e ata que o Coronel Cohen, de Richmond, obtivo un recentemente, supúñase que este era o único orixinal; escaso.

En 1883, un exemplar da clase III foi vendido en Viena por 740 dólares, e outro exemplar da clase I foi adxudicado en 1.000 dólares nunha poxa de 1885 por Henry e Samuel H. Chapman.[65][66]

Xa entrado século XX, en 1903, unha destas moedas alcanzou o valor de 1.800 dólares, e o mesmo exemplar foi revendido en 1941 por 4.250 dólares.[67] En 1960, un espécime da clase III chegou aos 28.000 dólares nunha poxa dirixida pola compañía de comercio numismático Stack, e o mesmo exemplar alcanzou os 36.000 dólares nunha segunda venda levada a cabo pola mesma casa en 1963.[68] Nunha poxa de 1970, novamente Stack pechou en 77.500 dólares un dólar de 1804 de clase I, e en 1980, nunha época de aumento xeral dos prezos das moedas escasas, a compañía Bowers and Ruddy Galleries vendeu un exemplar da clase III por 400.000 dólares.[69][70]

Os prezos continuaron en ascenso na década seguinte: un novo exemplar da clase I alcanzou os 990.000 dólares nunha poxa de Superior Galleries en 1990, e un espécime que anteriormente fora propiedade do coleccionista Louis E. Eliasberg converteuse no primeiro dólar de 1804 en superar o prezo dun millón de dólares, nunha poxa organizada por Bowers and Merena en 1997, cun prezo de remate de 1.815.000.[70]

En maio de 2016 rompeuse o teito do prezo máis alto alcanzado por un dólar de 1804, cos 10.575.000 dólares por un exemplar que se cre que foi o presentado como agasallo a Said ibn Sultan, poxado por Stack's Bowers Co.[1][71] Ata entón o récord tíñano os 4.140.000 dólares dese mesmo exemplar sacado a poxa por Bowers and Merena en 1999.[72] En 2008 Heritage Auctions adxudicou tamén outro exemplar de clase I por 3.737.500 de dólares, e o ano seguinte a mesma compañía vendeu outro da clase III por 2.300.000 dólares.[70][73]

Falsificacións e reproducións editar

 
Comparación entre un dólar de 1804 xenuíno e un exemplar coa data alterada, extraída dun libro sobre moedas raras publicado en 1910

Desde que os numismáticos se decataron do alto valor destas moedas comezaron a xurdir as falsificacións e as alteracións para se facer pasar por xenuínas. James A. Bolen, un medallista e coleccionista de moedas que creou copias de moedas valiosas entre 1862 e 1869, fabricou un dólar de 1804 alterando o derradeiro díxito da data dun exemplar bo de 1803.[74] A pesar de que Bolen engadiu o seu nome no bordo da moeda, para evitar as confusións, o certo é que outros medallistas fixeron a mesma operación con ánimo de engano.[75] O actor teatral do século XIX John T. Raymond adquiriu un exemplar do dólar de 1804 que logo se demostrou que era falso por 300 dólares.[76] Aínda que hai pezas con datas alteradas sobre orixinais correspondentes a todos os anos de emisión dos dólares do tipo draped bust entre 1800 e 1803, a data de 1801 é a máis aproveitada polos falsificadores para este propósito, dado que o "1" e o "4" son os números que máis se aproximan na súa forma.[77][78]

Ademais das alteracións das datas de moedas xenuínas, elaboráronse tamén copias do dólar de 1804 mediante técnicas galvanoplásticas, non sempre con ánimo de fraude senón tamén, en ocasións de estudo.[79][80] Na colección da ceca de San Francisco figuraba un dólar de 1804 que foi considerado verdadeiro desde 1887 a 1927, aínda que logo se demostrou que se trataba dunha destas copias.[81] Os propios empregados da ceca tamén crearon electrotipos, e un deles foi utilizado como base para as reproducións en pantógrafo que se publicaron na obra de Eckeldt e DuBois, de 1842, A Manual of Gold and Silver Coins of All Nations.[82]

Á parte destas réplicas "clásicas" hai outras máis recentes coñecidas como "copias de Saigón", que os nativos lles ofrecían como xenuínas a prezos baixos aos soldados estadounidenses durante a Guerra de Vietnam, asegurando que se trataba de reliquias familiares.[83][84]

En 2012, David Hall, fundador do Professional Coin Grading Service, asegurou que a falsificación de dólares de 1804 en Hong Kong fora habitual durante décadas.[85]

Exemplares coñecidos editar

Clase I editar

Espécimes de clase I [86][87]
Imaxe Denominación Comentario
  Exemplar da US Mint Albergada inicialmente na Casa da Moeda dos EEUU e transferida logo ao Instituto Smithsoniano como parte da Colección Numismática Nacional.
Exemplar Stickney
  Exemplar Cohen Roubado en 1967 á familia DuPont e recuperado en 1993. Actualmente no museo da ANA en Colorado Springs.
  Exemplar Mickley Obtido por Joseph J. Mickley. Vendido en poxa por 3.725.000 dólares por Heritage Auction Galleries, en 2008, como parte da colección da familia Queller.[88]
  Exemplar Parmalee-Reed Inicialmente propiedade de Byron Reed e logo nos fondos do Durham Western Heritage Museum de Omaha.
  Exemplar Dexter A primeira vez que entrou no mercado foi nunha poxa de Chapman Brothers en maio de 1885, na que foi adquirido por J.W. Scott (fundador de Scott Stamp and Coin Co.) para o seu cliente V. Dexter.[89]
  Exemplar Watters ou do sultán de Mascate Crese que é a entregada ao sultán de Mascate. Vendida o 20 de agosto de 1999 por 4.140.000 dólares
  Exemplar do rei de Siam Parte do xogo entregado ao rei de Siam.[49]

Clase II editar

Espécime da clase II [86][87]
Imaxe Denominación Comentario
  Exemplar da US Mint Mantívose na colección da Casa da Moeda dos EEUU e logo pasou á Colección Numismática Nacional

Clase III editar

Espécimes da clase III [86][87]
Imaxe Denominación Comentario
Exemplar Berg-Garret
  Exemplar Adams-Carter Vendido en abril de 2009 por 2,3 millóns de dólares por Heritage Auction Galleries
Exemplar Davis-Wolfson
  Exemplar Linderman-Dupont Forma parte da Colección Numismática Nacional dos EEUU
Exemplar Rosenthal Exhíbese na sede da American Numismatic Association
Exemplar Idler-Bebee Exhíbese na sede da American Numismatic Association

Notas editar

  1. 1,0 1,1 Brothers, E. (2016).
  2. "Draped Bust Dollar Arquivado 03 de decembro de 2019 en Wayback Machine.". Professional Coin Grading Services.
  3. "1 Dollar "Draped Bust Dollar" Heraldic eagle". Numista.
  4. Newman, E. P.; Bressett, K. E. (2009). Páxinas 120-122.
  5. Newman, E. P.; Bressett, K. E. (2009). Páxina 128.
  6. Newman, E. P.; Bressett, K. E. (2009). Páxinas 129-130.
  7. 7,0 7,1 "Draped Bust / Eagle and Shield Silver Dollars (1798-1804). Scot's Heraldic Design (1798-1803)". Bust Dollars.
  8. "1804 Dollar. The King of U.S. Coins. A Dollar in Three Classes Arquivado 04 de decembro de 2019 en Wayback Machine.". Money.org. American Numismatic Association.
  9. Bowers, Q. D. (1999). Páxina 142.
  10. 10,0 10,1 Borckardt, M.; Stone, D. (2013). Páxina 23.
  11. Bowers, Q. D. (1999). Páxina 191.
  12. 12,0 12,1 Newman, E. P.; Bressett, K. E. (2009). Páxina 63.
  13. Roberts, E. (1837). Páxina 319.
  14. 14,0 14,1 14,2 Bowers, Q. D. (1999). Páxina 195.
  15. Newman, E. P.; Bressett, K. E. (2009). Páxina 64.
  16. Yeoman, R. S. (2008). Páxina 255.
  17. Julian, R. W. (1993). Páxina 432.
  18. Newman, E. P.; Bressett, K. E. (2009). Páxinas 64-65.
  19. Yeoman, R. S. (2008). Páxina 210.
  20. 20,0 20,1 Newman, E. P.; Bressett, K. E. (2009). Páxina 65.
  21. Bowers, Q. D. (1999). Páxina 235.
  22. Bowers, Q. D. (1999). Páxina 264.
  23. Bowers, Q. D. (1999). Páxina 28.
  24. Julian, R. W. (1993). Páxina 433.
  25. 25,0 25,1 Newman, E. P.; Bressett, K. E. (2009). Páxina 35.
  26. 26,0 26,1 Newman, E. P.; Bressett, K. E. (2009). Páxina 203.
  27. Borckardt, M.; Stone, D. (2013).
  28. 28,0 28,1 Newman, E. P.; Bressett, K. E. (2009). Páxina 75.
  29. Bowers, Q. D. (1999). Páxinas 17-19.
  30. Newman, E. P.; Bressett, K. E. (2009). Páxina 78-80.
  31. 31,0 31,1 Newman, E. P.; Bressett, K. E. (2009). Páxina 80.
  32. 32,0 32,1 Newman, E. P.; Bressett, K. E. (2009). Páxinas 80-81.
  33. Frossard, E. (1891). Páxina 231.
  34. Newman, E. P.; Bressett, K. E. (2009). Páxinas 75-81.
  35. Newman, E. P.; Bressett, K. E. (2009). Páxina 81.
  36. Newman, E. P.; Bressett, K. E. (2009). Páxina 112.
  37. Newman, E. P.; Bressett, K. E. (2009). Páxinas 88, 112.
  38. Newman, E. P.; Bressett, K. E. (2009). Páxinas 60-61.
  39. Newman, E. P.; Bressett, K. E. (2009). Páxina 114.
  40. Bowers, Q. D. (1999). Páxina 356.
  41. Newman, E. P.; Bressett, K. E. (2009). Páxina 88.
  42. 42,0 42,1 Newman, E. P.; Bressett, K. E. (2009). Páxinas 71-73.
  43. Newman, E. P.; Bressett, K. E. (2009). Páxina 19.
  44. Eckfeldt, J. R.; DuBois, W. E. (1842). Páxina 189. Imaxe 3.
  45. Bowers, Q. D. (1999). Páxina 348.
  46. Bowers, Q. D. (1999). Páxina 350.
  47. Bowers, Q. D. (1999). Páxina 347.
  48. Bowers, Q. D. (1999). Páxina 357.
  49. 49,0 49,1 "King of Siam Proof Set Gallery". Coin Resource.
  50. Newman, E. P.; Bressett, K. E. (2009). Páxina 66.
  51. Bowers, Q. D. (1999). Páxina 359.
  52. Albanese, D. (2009). Páxina 111.
  53. Newman, E. P.; Bressett, K. E. (2009). Páxinas 24-25.
  54. Huber, G. (2013).
  55. Bowers, Q. D. (1999). Páxina 351.
  56. Newman, E. P.; Bressett, K. E. (2009). Páxina 94.
  57. Nexsen, J. A. (1891). Páxina 98.
  58. Nexsen, J. A. (1905). Páxina 102.
  59. Newman, E. P.; Bressett, K. E. (2009). Páxina 58.
  60. Newman, E. P.; Bressett, K. E. (2009). Páxina 58.
  61. Newman, E. P.; Bressett, K. E. (2009). Páxina 61.
  62. Newman, E. P.; Bressett, K. E. (2009). Páxina 13.
  63. Bowers, Q. D. (1999).
  64. 64,0 64,1 Amato, J. (2013). Páxina 36.
  65. Newman, E. P.; Bressett, K. E. (2009). Páxina 129.
  66. Marvin, W. T.; Low, L. H. (1904). Páxina 92.
  67. McIlvaine, A. D. (1941). Páxina 29.
  68. Newman, E. P.; Bressett, K. E. (2009). Páxina 194.
  69. Newman, E. P.; Bressett, K. E. (2009). Páxina 189.
  70. 70,0 70,1 70,2 Beety, J. D. (2013). Páxina 9.
  71. "Bidders fail to reach minimums for two rare U.S. coins at auction". Reuters.
  72. Newman, E. P.; Bressett, K. E. (2009). 175-178.
  73. Van Winkle, M. (2013).
  74. Newman, E. P.; Bressett, K. E. (2009). Páxina 103.
  75. Newman, E. P.; Bressett, K. E. (2009). Páxinas 103-104.
  76. Trumble, A. (1892). Páxina 90.
  77. Newman, E. P.; Bressett, K. E. (2009). Páxina 105.
  78. Alexander & Co. (1904). Páxina 8.
  79. Amato, J. (2013). Páxina 37.
  80. Newman, E. P.; Bressett, K. E. (2009). Páxinas 106-107.
  81. Newman, E. P.; Bressett, K. E. (2009). Páxina 106.
  82. Newman, E. P.; Bressett, K. E. (2009). Páxina 107.
  83. Rochette, E. (1997).
  84. Ganz, David L. (2010). Páxina 99.
  85. Numismatic News (2012).
  86. 86,0 86,1 86,2 Bowers, Q. D. (1999). Páxinas 357-369.
  87. 87,0 87,1 87,2 Stone, D. (2013 -b-).
  88. "LOT #2089. Coin Auction. 2008. April Arquivado 13 de abril de 2020 en Wayback Machine.". Heritage Auctions.
  89. "The Dexter Specimen of the 1804 Silver Dollar". En Professional Coin Grading Service.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar