Ladrillo

material de construción

Un ladrillo é unha peza cerámica, xeralmente ortoédrica, obtida por moldeo, secado e cocedura a altas temperaturas dunha pasta arxilosa, as dimensións da cal adoitan roldar 24 x 11,5 x 6 cm. Emprégase en albanelaría para a execución de fábricas de ladrillo, xa sexa muros, tabiques etc. Estímase que os primeiros ladrillos foron creados arredor do -6000 a. C.

Fabricación de ladrillos no antigo Exipto.

Características

editar

As caras son cada un dos planos que definen o paralelepípedo xeométrico que contén o ladrillo. Son a táboa, o canto e a testa ou testeira. As arestas son as rectas comúns a dúas caras, de maior a menor: soga, tizón e groso.

 
Muro de ladrillos.

Hai tres tipos de ladrillos cerámicos:

  • Macizo. Ladrillo totalmente macizo ou con trados na táboa de volume non superior ao 10% e menores, cada un, de 2'5 cm².
  • Oco ou furado. Cos trados en canto ou testeira e menores a 16 cm².
  • Furado. Ladrillo con máis de tres trados na táboa, de volume superior ao 10% e cada un deles menores de 16 cm².

Clases

editar
  • Visto, para destinar a fábricas sen revestimento
  • Non visto, é o ladrillo común, empregado normalmente para logo revestir.

Fabricación

editar
 
ladrillo macizo saíndo da extrusora.
 
Fábrica chinesa de ladrillos.

As fábricas de ladrillos están situadas en lugares con abundante materia prima xa que o transporte encarece moito o produto. Pola mesma razón as empresas teñen as fábricas preto dos centros de consumo non resultando rendible a exportación.

A arxila obtense en canteiras a ceo aberto. Este material non se emprega sacado directamente da canteira. Algunhas fábricas chegan a ter ata un ano o arxila amoreada baixo cuberta. A arxila bótase en grandes moegas de onde pasa por cintas transportadoras ao muíño. Grandes rodas metálicas esnaquizan o material e mestúrano con outros tipos de arxila para mellorar a cocción (nalgúns tipos de ladrillos decorativos engádense colorantes), acadar maior estabilidade dimensional da mestura, evitar fisuras nos ladrillos cocidos etc.

Do muíño pasa o material a amorearse para ser de novo botado noutra moega que o achegará ata a maquinaria de extrusión. Un parafuso sen fin comprime a mestura para deixar a masa compacta e sen aire, se ten calquera burbulla de aire o ladrillo rachará ao cocer. A arxila así comprimida pasa por un molde cas formas que terá o ladrillo. A mestura sae da extrusora compacta en longas tiras. É un ladrillo continuo que é cortado á medida que terá o ladrillo final. Da máquina de corte pasa a outra zona onde é amoreado. Segundo o tipo de fábrica os ladrillos entran no secadoiro en bandexas (se teñen moita humidade) ou xa amoreados en forma de palé se teñen a suficiente consistencia para formar xa o palé.

Cando os ladrillos saen do secadoiro, o tempo de secado depende da humidade da mestura, son amoreados sobre vagonetas que se moven sobre vías de ferrocarril. Neste amoreado xa están postos como palés. Nun forno sen fin cócense sobre as vagonetas. Van entrando no forno segundo o nivel de cocción e a velocidade do proceso. Ao final saen os ladrillos xa cocidos e pasan á zona de empaquetado para a venda. Alí segundo o proceso que empregue a fábrica cóbrense con plástico termoretráctil ou con cintas de flexe[1].

O ladrillo na construción de Galicia

editar

O ladrillo non forma en xeral parte da construción vernácula galega, xa que a abundancia de pedra e madeira en todo o territorio fixo innecesario o seu uso e a súa fabricación.

Popularízase o uso do ladrillo macizo a principios do século XX. Emprégase en divisións, cubrimentos, chemineas, fornos e incluso na construción do sobrado das novas casas, nunca á vista.

Xa a partir dos anos 60 comeza a usarse o ladrillo oco en todo tipo de construcións: hórreos, muros, cerramentos, divisións, edificios etc.

Hoxe practicamente o cerramento de todas as novas construcións faise en ladrillo, e algunhas veces con bloques de formigón. O ladrillo cara a vista aparece na fachada dalgúns edificios nas cidades e vilas, como decoración interior ou na construción de fornos e lareiras.

Galería de imaxes

editar

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar