Dólar de ouro conmemorativo do lugar de nacemento de McKinley

antiga moeda de ouro conmemorativa estadounidense
Dólar de ouro conmemorativo do
lugar de nacemento de McKinley [1][2]
A/: Busto de William McKinley cara á esquerda.

Lenda · UNITED · STATES · OF · AMERICA · / McKINLEY · DOLLAR

R/: Edificio memorial do lugar de nacemento de McKinley en Niles, Ohio.

Lendas: McKINLEY BIRTHPLACE / NILES OHIO / 1916 / MEMORIAL

O dólar de ouro conmemorativo do lugar de nacemento de McKinley é unha moeda conmemorativa cuñada en 1916 e en 1917 pola Casa da Moeda dos Estados Unidos, coa imaxe do vixésimo quinto presidente do país, William McKinley, no seu anverso, e o monumento memorial do lugar do seu nacemento en Niles, Ohio, no seu reverso.

O deseño do anverso débeselle ao daquela gravador xefe da US Mint, Charles E. Barber, e o reverso ao seu gravador asistente, George T. Morgan.

Este novo dólar de ouro creouse coa intención de vendelo cunha prima sobre o seu valor facial para financiar a construción do monumento nacional ao nacemento de McKinley en Niles, Ohio, e foi comercializada pola entidade que levou a cabo a construción. Inicinialmente concibírase como unha emisión en prata, mais cambiouse de opinión ao considerar que non sería axeitado honrar cunha peza deste metal a un presidente quen se caracterizara por apoiar o padrón ouro.

A promoción destas moedas foi deficiente e non se comercializaron co éxito que se prevía. Malia a tiraxe autorizada de 100.000 moedas, finalmente só se cuñaron arredor de 30.000; delas vendéronselle unhas 20.000, moitas delas a prezo reducido ao comerciante numismático de Texas B. Max Mehl, e as 10.000 restantes foron devoltas á Ceca de Filadelfia para a súa fundición.

Antecedentes editar

Artigo principal: William McKinley.
 
William McKinley, 25º presidente dos EEUU.

William McKinley naceu en Niles, Ohio, en 1843.[3] Deixou a universidade para traballar como profesor e alistouse no Exército da Unión cando estoupou a guerra civil estadounidense en 1861, na que acabou co grao de comandante. Posteriormente cursou estudos de Dereito e ingresou no Colexio de Avogados. Estableceuse en Canton, Ohio, e logo de exercer alí a súa profesión foi elixido para o Congreso en 1876 e como gobernador dese Estado en 1891.[4]

En 1896 conseguiu ser candidato republicano á presidencia, en medio dunha fonda depresión económica, e derrotou o seu rival demócrata, William J. Bryan, nunha campaña na que avogou por unha "moeda sólida", baseada no padrón ouro, a non ser que este se modificase por un acordo internacional, o cal contrastaba co lema de "prata libre" defendido por Bryan na súa campaña.[3][5][6]

McKinley foi o presidente do país durante a guerra entre os EEUU e España de 1898, na que acadou unha rápida vitoria. Como parte do acordo de paz, España entregou aos EEUU as súas derradeiras colonias de ultramar de Porto Rico, Guam e as Filipinas. Coa nación próspera, McKinley derrotou novamente a Bryan nas eleccións presidenciais de 1900, e en setembro de 1901 foi asasinado polo anarquista Leon Czolgosz, e foi sucedido polo vicepresidente Theodore Roosevelt.[3][5]

Nos anos posteriores ao seu falecemento construíronse varios monumentos na súa honra, entre eles unha grande estrutura que alberga os seus restos mortais en Canton. Tamén se erixiu outro monumento no seu lugar de nacemento, en Niles, baixo os auspicios da National McKinley Birthplace Memorial Association (Asociación Nacional do Memorial do Lugar de Nacemento de McKinley). O monumento foi deseñado pola compañía McKim, Mead, and White, nun estilo grego clásico, con mármore de Xeorxia, e foi culminado en 1917; alberga un museo nacional, unha biblioteca e un auditorio, e está aberto ao público de maneira gratuíta.[3][5][7]

Inicio e preparación editar

A proposta de emisión dunha moeda dun dólar conmemorativa do lugar de nacemento de McKinley perseguía a recadación de fondos para a construción do memorial en Niles, Ohio.[8] En febreiro de 1915, o director da asociación promotora do memorial, Joseph G. Butler, reuniuse co congresista por Ohio William A. Ashbrook, presidente da Comisión de Moeda, Pesos e Medidas da Cámara de Representantes, para lle propor a creación dun dólar de prata con ese fin. Ashbrook amosouse receptivo e ambos reuníronse co secretario do Tesouro, William G. McAdoo, e co director en funcións da Casa da Moeda dos Estados Unidos, Frederic Dewey, que non viron dificultades para executar o proxecto. Xa que logo, Ashbrook presentou un proxecto de lei nos derradeiros días do 63º Congreso, que non chegou a tomar medida ningunha ao respecto. Cando se abriu o 64º Congreso en decembro de 1915, Ashbrook presentou novamente o seu proxecto de lei.[9]

O 13 de xaneiro celebrouse unha sesión ante o comité de Ashbrook. Inicialmente, o proxecto de lei prevía a cuñaxe de 100.000 dólares de prata en conmemoración de McKinley pero na sesión Butler solicitou que se cuñasen en ouro, alegando: "se lembran o feito, McKinley foi elixido en 1896 principalmente pola cuestión do padrón ouro".[10] O dólar de ouro non se cuñara como moeda ordinaria na circulación desde 1889.[11] En proposta ao congresista de Nova York James W. Husted sobre se un dólar de ouro resultaría demasiado pequeno para unha emisión conmemorativa, Butler respondeu: "Non; non o creo; en cambio creo que o dólar de prata podería ser demasiado grande. Creo que podemos dispor dos dólares de ouro con moita máis facilidade, señor Husted, e vostede sabe que os dólares de ouro son bastante escasos neste momento".[12] Ashbrook estivo de acordo e declarou:[13]

Teño entendido que eses dólares se venderán a non menos de dous dólares cada un, o que suporía un beneficio de polo menos 100.000 dólares. Creo que non haberá problema para os vender a ese prezo. Teño coñecemento de que estarán á venda nese establecemento e os visitantes que o vaian ver, en gran medida, non abandonarán o edificio sen comprar un, e estarán dispostos a pagar os dous dólares. Podería dicir a este respecto que calquera dólar de ouro cuñado polos Estados Unidos vale como mínimo dous euros neste momento. Todos teñen un prezo superior e non hai ningunha razón para que este dólar se venda como mínimo por dous dólares e probablemente máis.

O senador por Ohio Warren G. Harding estivo presente na reunión do comité da Cámara de Representantes e pronunciouse a favor do proxecto de lei, argumentando que "esta axuda por parte do Goberno Federal non custará máis que a fabricación dos cuños". Cando foi informado de que os cuños, consonte a lexislación, correrían a cargo da Asociación, Harding contestou: "non me decatara diso; daquela... ao Goberno non lle custa nada render esta homenaxe".[14]

O 18 de xaneiro, o comité informou favorablemente acerca do proxecto de lei e modificouno para permitir que os 100.000 dólares de ouro fosen comprados pola Asociación ao seu valor nominal e vendidos cunha prima para financiar a construción do monumento. O informe indicaba que os membros do comité "cren que é merecido testemuño da valía e do servizo dun gran home que perdeu a súa vida mentres servía a nosa nación como xefe do executivo". O proxecto de lei foi aprobado pola Cámara de Representantes o 7 de febreiro de 1916 e polo Senado o 15 de febreiro,[15] e foi promulgado como lei logo da sinatura polo presidente Woodrow Wilson o 23 de febreiro de 1916.[10]

A lei establecía que non se cuñasen máis de 100.000 pezas e que o ouro necesario para a súa produción se adquirise no mercado libre. A Asociación podería comprar os dólares ao seu valor facial.[16] Ao mesmo tempo, esixía que as moedas se cuñasen na Casa da Moeda de Filadelfia e que os cuños se destruísen logo da cuñaxe, algo que os numismáticos Anthony Swiatek e Walter Breen cuestionaron, por supor unha duplicidade das disposicións da Lei da Moeda de 1873.[17]

Deseño editar

Os deseños foron preparados na Casa da Moeda de Filadelfia polo seu gravador xefe, Charles E. Barber, que se encargou do anverso da moeda, e polo seu axudante, George T. Morgan, que se ocupou do reverso.[18] Cando se presentaron á Comisión de Belas Artes os deseños do dólar de McKinley o 31 de marzo de 1916, esta recomendou algúns cambios, aínda que se descoñece cales foron; en calquera caso, non se fixo alteración ningunha e os deseños foron aprobados.[19]

 
O busto de McKinley no dólar de ouro da Exposición da Compra de Luisiana.[20]

O anverso está caracterizado polo busto de McKinley carente de calquera tipo de adobío, ollando cara á esquerda, co nome do país por riba, UNITED STATES OF AMERICA, e a expresión McKINLEY DOLLAR por baixo. McKinley aparecera xa nunha das dúas versións do dólar de ouro da Exposición da Compra de Luisiana, emitido en 1903, e converteuse deste xeito na primeira persoa en aparecer dúas veces en senllas emisións diferentes de moeda estadounidense.[21] Aquel dólar tamén fora deseñado por Barber e as novas moedas, segundo Q. D. Bowers, "presentan unha imaxe tan diferente que o observador mal informado non sabería se está representando o mesmo home".[22] Bowers suxeriu que Barber podería estar tratando de crear "unha nova versión distintiva".[23] Don Taxay amosouse conforme con esta opinión e engadiu que "a principal preocupación de Barber parece que foi facer o retrato de McKinley o máis diferente posible do dos dólares da compra de Luisiana".[19]

O reverso, deseñado por Morgan, é unha vista frontal do monumento memorial ao lugar de nacemento de McKinley en Niles, e para Swiatek e Breen "a opinión máis caritativa debe cualificalo de inexacto e incompetente".[17] Por riba do edificio inscríbese a lenda McKINLEY BIRTHPLACE / NILES OHIO / 1916 / MEMORIAL.[24]

O historiador da arte Cornelius Vermeule, no seu traballo sobre a moeda estadounidense, tampouco se amosa satisfeito polos dólares do memorial de McKinley: "cando Barber e Morgan colaboraban, os resultados eran case sempre opresivos. Os dólares conmemorativos de McKinley de 1916 e de 1917 dan testemuño destes xuízos estilísticos; o busto sen roupa do anverso semella insipidamente romano, e o clásico edificio memorial con columnas colocado nun seu reverso está aínda máis constrinxido por unha letra demasiado grande".[25]

Distribución e coleccionismo editar

 
Edificio da biblioteca e museo nacional que compoñen o memorial do lugar de nacemento de McKinley en Niles, Ohio.

A Casa da Moeda de Filadelfia cuñou 20.000 dólares entre agosto e outubro de 1916, e outros 26 exemplares a maiores reservados para a súa inspección pola Comisión de Ensaios dos Estados Unidos na súa reunión de 1917. En febreiro de 1917 cuñáronse outras 10.000 moedas (mais outras 14 para inspección), tamén en Filadelfia.[26] A Asociación púxoas á venda ao público por tres euros cada exemplar, o mesmo ao que se venderan tamén os dólares de ouro da Exposición da Compra de Luisiana.[27] A promoción dos dólares do memorial de McKinley foi defectuosa e as súas vendas non foron as desexadas. O comerciante numismático de Texas B. Max Mehl adquiriu 10.000 pezas a un prezo reducido descoñecido e estivo vendéndoas durante varios anos a dous dólares e medio cada unha.[28]

The Washington Post informou o 30 de xullo de 1916 da saída á venda dos dólares de ouro de McKinley e diciía que estaban a ser "devorados" como recordos".[29] No entanto, segundo B. Max Mehl no seu traballo de 1937 acerca das moedas conmemorativas estadounidenses:[30]

Parece que o comité a cargo se decatou de que o número de coleccionistas do país non podía absorber unha emisión de 100.000 moedas a tres dólares cada unha, e unhas 10.000 moedas vendéronse a un prezo reducido ao comerciante de Texas [é dicir, a el mesmo], que pola súa vez as distribuíu amplamente entre os coleccionistas do país a un prezo reducido.

Por outra banda, 10.023 pezas foron reenviadas á Casa da Moeda de Filadelfia para seren fundidas.[28] Non se sabe con certeza cantas moedas de cada ano se fundiron, xa que a Casa da Moeda non levou un rexistro.[31] Mehl estima que se venderon arredor de 15.000 da moeda de 1916 e unhas 5.000 da de 1917, incluíndo as adquiridas por el mesmo, o que implicaría que se fundiron uns 5.000 exemplares de cada data.[30] Bowers outorgoulles credibilidade a estes cálculos de Mehl, tendo en conta as estreitas relacións deste co comité que comercializaba as moedas. Bowers calcula que se venderon unhas 8.000 pezas de 1916 a coleccionistas e ao público en xeral, mais outras 7.000 a Mehl, así como arredor de 2.000 datadas en 1917 a prezo completo, mais outras 3.000 a Mehl a prezo reducido.[23] Swiatek, no seu traballo de 2012 sobre a moeda conmemorativa do seu país, estimou que entre un terzo e a metade das pezas fundidas estaban datadas en 1917.[32]

Consonte R. S. Yeoman na edición de 2015 de A Guide Book of United States Coins, o prezo no mercado numismático do dólar do memorial de McKinley de 1916 varía entre os 500 e os 1.850 dólares en función do seu estado de conservación, en tanto que a datada en 1917 oscila entre os 550 e os 3.250.[33] Porén en casos de exemplares cunha presenza e un estado extraordinarios, os prezos poden chegar a ser moi superiores; un destes espécimes, datado en 1916, foi vendido por Heritage Auctions en 2009 por 16.100 dólares.[34]

Notas editar

  1. "1 Dollar McKinley Birthplace Memorial". Numista.com
  2. "McKinley Memorial Gold Dollar". United States Mint.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 National McKinley Memorial Association (2014).
  4. Slabaugh, A. R. (1975). Páxina 36.
  5. 5,0 5,1 5,2 Slabaugh, A. R. (1975). Páxinas 36-37.
  6. Harpine, W. D. (2005). Páxina 97.
  7. McElroy, Richard L. (1996). Páxina 189.
  8. Bowers, Q. D. (1992). Páxina 633.
  9. Committee on Coinage, Weights and Measures. (1916). Páxina 4.
  10. 10,0 10,1 Swiatek, A.; Breen, W. (1981). Páxina 158.
  11. Yeoman, R. S. (2014). Páxina 244.
  12. Committee on Coinage, Weights and Measures. (1916). Páxina 9.
  13. Committee on Coinage, Weights and Measures. (1916). Páxinas 11-12.
  14. Committee on Coinage, Weights and Measures. (1916). Páxina 12.
  15. "News Notes of Congress". En The Washington Post. 16 de febreiro de 1916. Páxina 6.
  16. Flynn, K. (2008). Páxina 348.
  17. 17,0 17,1 Swiatek, A.; Breen, W. (1981). Páxina 157.
  18. Bowers, Q. D. (1992). Páxinas 615-633.
  19. 19,0 19,1 Taxay, D. (1967). Páxina 34.
  20. "1 Dollar William McKinley". Numista.com
  21. Slabaugh, A. R. (1975). Páxina 35.
  22. Bowers, Q. D. (1992). Páxinas 633-634.
  23. 23,0 23,1 Bowers, Q. D. (1992). Páxina 634.
  24. Flynn, K. (2008). Páxina 213.
  25. Vermeule, C. (1971). Páxina 105.
  26. Swiatek, A. (2012). Páxina 100.
  27. Swiatek, A.; Breen, W. (1981). Páxina 158.
  28. 28,0 28,1 Bowers, Q. D. (1992). Páxina 635.
  29. "McKinley Gold Dollars Out: Hundred Thousand Authorized by Congress Going Fast". En The Washington Post. 30 de xullo de 1916. Páxina A2.
  30. 30,0 30,1 Mehl, B. M. (1937). Páxina 53.
  31. Flynn, K. (2008). Páxina 214.
  32. Swiatek, A. (2012). Páxina 101.
  33. Yeoman, R. S. (2014). Páxina 290.
  34. "1916 G$1 McKinley". Heritage Auctions. Lote 1194. 23 de outubro dee 2009.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar