No camiño de San-Yago

obra literaria de Xavier Pardo

No camiño de San-Yago é un relato de Xavier Pardo, publicado por entregas na revista A Nosa Terra entre xullo de 1926 e abril de 1927. O libro conta a viaxe realizada polo propio Xavier Pardo canda Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco, Lois Feixoo e Antón Sánchez en xullo de 1926 (Ano Xacobeo) desde Ourense até Santiago de Compostela.

No camiño de San-Yago
Autor/aXavier Pardo
OrixeGalicia
Linguagalego
Tema(s)Camiño de Santiago
Xénero(s)Libro de viaxes
EditorialRevista A Nosa Terra
Data de pub.xullo 1926 - abril 1927
editar datos en Wikidata ]

A primeira entrega, publicada o 25 de xullo de 1926, inclúe un breve texto introdutorio da redacción da revista -posiblemente do seu director, Víctor Casas-, no que se explica o camiño. Despois, Xavier Pardo explica que foron a pé en peregrinación até o Sepulcro do Apóstolo para sentir a emoción da ruta.

Antes de saíren, o grupo reuniuse o mércores 7 de xullo na casa de Vicente Risco, onde había un exemplar da Carta xeométrica de Galicia de Domingo Fontán. Nela trazaron o camiño a seguir. Ían equipados con cámaras de fotos e barómetro.

 
Unha das inscricións na ponte Ceballos.

Saíron ben cedo na mañá do 8 de xullo, desde a ponte Nova. Foron pola estrada de Villacastín até Bobadela, onde colleron cara a Canedo -que entón era aínda concello de seu- polo camiño real, que mandara construír o arcebispo Sebastián Malvar Pinto. Cruzaron o rego do Porto pola ponte Ceballos, da que copia unha inscrición, e nela detivéronse a almorzar pan con chocolate. Proseguiron pola costa de Canedo até O Castro de Beiro, desde onde ven os montes de Oseira, e pasan pola abadía de Beiro, onde fora párroco Basilio Álvarez, a quen dedica uns parágrafos.

O relato continúa coa terceira entrega, publicada en outubro. Seguen por Liñares, As Quintás e Afonsín, e pouco despois descansan nunha carballeira. Están xa nos Chaos de Amoeiro, zona que coñece ben Otero Pedrayo, sobre a cal escribiu anos despois o poemario Bocarribeira. Atravesan a estrada que vai de Tamallancos ao Viñao, e entran na vila de Amoeiro, onde xantan nunha taberna-estanco. Logo de dar conta de ovos fritidos e rabanadas de xamón fritido e mais con carne guisada con patacas, seguido de queixo e acompañado de viño bravo e augardente, o grupo botou unha sesta.

A cuarta entrega foi publicada en novembro. Cruzan o río Barbantiño pola ponte San Fiz. Detéñense a descansar baixo uns salgueiros, e a Garda Civil pregúntalles quen son e que fan. Logo pasan pola aldea de San Fiz, onde está a capela de San Pedro, e logo pola Touza. A xente tómaos por enxeñeiros da liña de ferrocarril de Ourense a Santiago de Compostela, que pasa por alí mais que non foi inaugurada até 1958. Na aldea unha veciña explícalles que precisan unha estrada nova. Seguen cara a Maside, onde contemplan a igrexa parroquial románica. Proseguen cara a Dacón até O Carballiño. Instálanse no hotel Carlos, onde os interroga de novo a Garda Civil, e reciben a visita de Jaime Solá e outro xornalista.

A quinta entrega apareceu en decembro de 1926. Pola mañá cruzan o río Arenteiro cara ao Irixo. Pasan por Madarnás, onde fan fotos do interior do pazo, e pola Eirexa. Seguen cara a Dadín, onde visitan a igrexa e estudan as sepulturas, e no Irixo cruzan o río Viñao. A carón da ponte paran nun zapateiro para arranxar as botas de Feixóo, e xantan e descansan na propia casa do home. Despois seguen con certo apuro, pois teñen previsto chegar a durmir a Silleda.

A sexta entrega saíu publicada en xaneiro de 1927, co relato do paso do terreo montañoso, con fermosas vistas e a carón de mámoas e un poboado castrexo. Pasan pola aldea da Ermida, aínda que a capela que lle dá nome estaba pechada, e despois entran xa na provincia de Pontevedra, e pasan pola aldea da Ermida da parroquia de Lebozán, no concello de Lalín. Pasan o alto do Espiño e pola aldea do mesmo nome, O Espiño, e á esquerda ven a serra do Candán. Seguen cara á Castiñeira, A Saborida, Lodeirón e Vilatuxe, xunto ao río Deza. Vaise facendo de noite, e cústalles recoñecer o camiño e non atopan aldeas pola estrada. Seguen camiñando, e detéñense a falar de trasgos e meigas. Pouco despois crúzanse cun fogueteiro, e seguen un longo anaco sen pasar por aldeas. Finalmente chegan a Silleda, e logo de buscaren aloxamento, un camioneiro déixaos na pensión de Trabazo.

En febreiro de 1927 publicouse a sétima entrega. Espertan a media mañá, un sábado (10 de xullo) de calor, e aproveitan para escribir até a hora do xantar. No comedor coñecen unha mestra de Toural dos Vaos, defensora da Unión Patriótica e que dá clase preto de Silleda. Pola tarde únense ao grupo Florentino López Cuevillas e Alfonso Vázquez Monjardín, que chegaron desde Ourense no Castromil. A media tarde saen cara á Ponte Ulla. En Chapa coinciden co médico José Valenzuela Ulloa, e na Bandeira paran a tomar gasosas. Pasan por Orazo, onde hai unha fábrica de campás, e por Valboa, cantando polo camiño cantigas, himnos e alalás. Na Ponte Ulla fan noite nunha pousada preto da igrexa, pois no parador de antes da Ponte non hai oco para os sete.[1]

A oitava e derradeira entrega apareceu en abril de 1927. Logo de almorzaren visitan a igrexa parroquial, e seguen cara a Sol, en Santa Cruz de Ribadulla. Desde aí collen un camiño a carón da casa de Antonio López Ferreiro cara ao Pico Sacro, onde agardan por eles un grupo de mozos, entre eles Lois Tobío Fernández, Ramón Martínez López, Wenceslao Requejo Buet e Noya. Xantan xuntos, e contemplan Santiago de Compostela. Retoman o camiño por Sergude e A Susana, onde enganchan de novo coa estrada de Ourense. Paran nunha taberna no Castiñeiriño e cruzan o río Sar pola Ponte Pedriña.

Escoitan as dez da noite nas badaladas da Catedral de Santiago de Compostela, e van recoller as Compostelas que os acreditan como peregrinos.

Narración

editar

A segunda entrega, publicado o 1 de setembro, comeza cun texto introdutorio do propio autor no que explica que en principio tiña previsto facer non un relato narrativo, senón só unha crónica sinxela con pegadas da viaxe, e que algunhas das notas e observacións foron sacadas do Diario da Viaxe que fixo Risco. Segundo explica na terceira entrega, tiña previsto facer unha reportaxe para o Seminario de Estudos Galegos, acompañada de debuxos e fotos.

O relato, amais de ir contando por onde pasan, inclúe descricións da arquitectura, a paisaxe e as xentes coas que se van cruzando.

  1. O texto orixinal di realmente "no pasador de Antes do Ponte", con maiúsculas, que corriximos por supoñer que non se refira a un topónimo senón a un parador que houbera antes de chagar a Ponte Ulla, que era o destino final desta etapa. Cómpre advertir que o autor sempre utilizou a forma feminina (a Ponte Ulla) menos nesta ocasión que o escibe en masaculino (Antes do Ponte).

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar