Dadín, O Irixo
San Pedro de Dadín é unha parroquia do concello do Irixo na comarca do Carballiño, na provincia de Ourense. Segundo o IGE en 2011 tiña 114 habitantes, deles 52 eran homes e 62 eran mulleres, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 152 habitantes.
Dadín | |
---|---|
Igrexa de San Pedro de Dadín | |
Concello | O Irixo[1] |
Provincia | Ourense |
Coordenadas | 42°30′05″N 8°06′58″O / 42.50129223, -8.11598174 |
Poboación | 114 hab. (2011) |
Entidades de poboación | 7[1] |
[ editar datos en Wikidata ] |
Patrimonio
editarA igrexa parroquial é do século XVIII, e ten nave dun corpo con tribuna. O altar e a sancristía foron construídos en 1833, así como o arco de acceso. A fachada está adornada con pináculos nas esquinas, e ten espadana rematada en frontón.
O retablo maior é historicista (pseudo gótico), tamén de 1833, coas imaxes de San Pedro, San Ramón Nonato, Santo Antón e Santa Bárbara, todas elas do século XVIII e restauradas estas tres últimas en 1844. Hai tamén unha imaxe de San Roque de 1855. O retablo lateral esquerdo, con columnas salomónicas, é do século XVIII, cunha imaxe de San Xosé. O retablo lateral dereito, no mesmo estilo e data, ten unha imaxe da Virxe do século XIX.
Na igrexa hai un peto de ánimas de talla popular. Entre o mobiliario litúrxico destaca unha cruz procesional de prata do século XVIII e unha custodia da mesma data, varios cálices dos séculos XVIII e XIX e dúas coroas de prata. Preto do templo hai un cruceiro do século XIX.
En Pena da Sela hai unha ermida do século XVI, na que se celebra unha romaría. Ten capela maior, sancristía a man dereita e nave con tribuna sostida por dúas columnas de pedra. A capela maior, á que se accede por arco de medio punto, está cuberta por artesoado de madeira, a nave á súa vez por madeira a dúas augas. Na fachada hai unha inscrición nun fornelo cunha imaxe da Virxe. O retablo maior é neoclásico, de finais do século XVIII, coa imaxe da patroa. Preto da ermida hai un cruceiro do século XX, e nas proximidades hai un peto de ánimas.
No lugar de Saavedra hai unha eira con varios hórreos.
Galería de imaxes
editar-
Igrexa de San Pedro de Dadín.
-
Cruceiro en Dadín.
-
Área de lecer O Reguiño.
Lugares e parroquias
editarLugares de Dadín
editarLugares da parroquia de Dadín no concello do Irixo (Ourense) | |
---|---|
A Bugalleira de Abaixo | A Bugalleira de Arriba | A Condomiña | Dadín | O Enfreado | Saavedra | A Seara |