Antón Abade, nado en Come (actual Qiman al-Arus, na rexión de al-Wastah, Exipto) cara ao 260 e finado cara ao 365, foi un eremita exipcio, un dos precursores do monacato cristián.

Modelo:BiografíaAntón Abade

Editar o valor en Wikidata
Nome orixinal(el) Ἀντώνιος Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento251 (Gregoriano) Editar o valor en Wikidata
Coma, Exipto Editar o valor en Wikidata
Mortec. 357 Editar o valor en Wikidata (105/106 anos)
Tebas, Exipto Editar o valor en Wikidata
ResidenciaDayr al-Maymun (286–305) Editar o valor en Wikidata
RelixiónCristianismo Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónmonxe cristiano, Anacoreta, escritor Editar o valor en Wikidata
Período de tempoImperio Romano Editar o valor en Wikidata
Enaltecemento
Día de festividade relixiosa17 de xaneiro
17 de xaneiro
17 de xaneiro Editar o valor en Wikidata
Símbolo iconográficoCruz de Tau Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteDicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron
Pequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron
De viris illustribus Editar o valor en Wikidata
BNE: XX1725807
Santo Antón Abade, patrón dos animais, na igrexa de San Bieito de Fefiñáns (Cambados)

Traxectoria

editar

Fontes

editar

As principais fontes para trazar a súa vida son as súas cartas, a biografía mitificada e idealizada Vida de Antón de Atanasio de Alexandría, crónicas e lendas coptas, a Historia Eclesiástica de Sozomeno, a crónica de Xerome e un escrito do Serapión de Thmuis.

Vocación

editar

Nado no seo dunha familia rica, refugou unha educación letrada e, unha vez que lle morreron os pais, ocupouse do coidado da súa irmá. Cando oíu nunha igrexa a frase de Xesús de Nazaret no Evanxeo de Mateu: vende todo o que tes, repárteo entre os pobres, ven e sígueme, entendeu que ese dito se dirixía a el e así o fixo, deixando só unha parte para a súa irmá.

Con posterioridade, impactoulle o consello de Xesús: non vos preocupedes polo mañá, polo que deixando a súa irmá a coidado dunhas amigas cristiás, comezou unha vida de ascese e abandono. Convertido da súa condición de nobre, empezou a traballar coas súas mans seguindo o mandato de Paulo de Tarso quen non traballe, que non coma. Co froito do seu traballo compraba algo de pan para el e o resto entregábao entre os necesitados.

Comezou a visitar a homes con sona de santidade:

...de cada un aprendía o celo e a ascese na que sobresaía. Dun contemplaba a amabilidade, doutro a perseveranza na oración, doutro meditaba a paz, doutro o amor aos homes. Observaba ao que velaba e ao que amaba o estudo; admiraba ao austero e ao que xaxuaba e ao que durmía sobre a terra; percibía a dozura dun e a xenerosidade do outro. Pero de todos advertiu a piedade a Cristo e o amor duns para con outros
Vida de Antón

Ascese

editar

Primeiro viviu dentro dunha tumba ás aforas da cidade ata os 35 anos. Máis tarde foise a habitar a unha fortaleza abandonada no deserto, levando a ela pan para seis meses e encerrándose alí para non ser amolado. Viviu unhas duras batallas espirituais; segundo as crónicas míticas, o demo facíalle aparecer moedas de ouro para provocarlle cobiza, mulleres sensuais para excitar a súa luxuria, feras monstruosas para facerlle caer no pecado do medo. A súa sona de santidade foise espallando e moitos tentaron forzar a entrada do seu refuxio:

Cando o viron ficaron abraiados ao ver que o seu corpo tiña a mesma fasquía que antes. Nin engordara por mor da falla de exercicio físico, nin enfraquecera debido á ascese e as loitas contra o demo... mantiña o equilibrio como guiado polo Verbo e encontrábase en harmonía coa súa natureza
Vida de Antón

Carisma

editar

Comezou a ter sona de taumaturgo e tamén de mestre:

O Señor concedeu a Antón o don da palabra, e así consolaba a moitos que estaban apouvigados, reconciliaba a outros que estaban en litixio, e a todos dicía que nada tiña que anteporse ao amor de Cristo
Vida de Antón

Predicaba que non había que temer os demos e consideraba os eremitas como un escudo contra eles:

Dos ascetas temen os xaxúns, as súas vixilias, a súa oración, a súa dozura, a súa mansedume, o seu desinterese polo diñeiro e pola vangloria, a súa humildade e o seu amor aos pobres, as súas esmolas, a súa paz e especialmente a súa veneración por Cristo
Vida de Antón

Contra os demos había, segundo el, que estar vixilantes pero non temorosos e teimaba na necesidade de discernir entre espíritos bos e os diaños:

A visión dos santos non perturba... a súa presenza é tan serena e tranquila que axiña agroman na alma o gozo, a ledicia e a confianza, pois con eles está o Señor que é o noso gozo e a forza de Deus Pai
Vida de Antón

Pola contra, os espíritos malignos distínguense porque

Ao momento se produce o temor da alma, a axitación, os pensamentos desordenados, o abatemento, o odio, a desgana e a tristura, os apegos aos familiares e o temor á morte
Vida de Antón

O carisma de Antón provocou que moitos imitasen á súa vida e se retirasen ao deserto, creando as primeiras comunidades monásticas do cristianismo dun xeito significativo, se ben estas non tiñan unha regra como a que posteriormente redactaron Basilio o Grande en Oriente ou Bieito de Nursia en Occidente. Atanasio describe estas comunidades de xeito idealizado:

As moradas dos monxes nos montes eran como tendas cheas de coros divinos, onde cantaban salmos, lían a Escritura, xaxuaban, oraban, se alegraban coa esperanza dos bens futuros, traballaban para axudar os necesitados, vivían en amor e concordia recíprocos, podíase ver verdadeiramente unha rexión consagrada a Deus e á xustiza. Ninguén alí sufría inxustiza
Vida de Antón

Vida pública

editar
 
Antón Ábade nunha representación no lago Bled, outubro de 2024

No ano 311, coa persecución dos cristiáns polo Emperador Maximino, volveu a Alexandría para confortar os prisioneiros nos cárceres e as minas e, en moitos casos, para acompañalos na morte. Moitos monxes seguiron o seu exemplo ata o punto que o perfecto ordenou que non se achegasen á cidade. Antón desafiou a orde.

Pasado este episodio, intensificou a súa ascese e afastouse máis no corazón do deserto, no que chamou a súa montaña interior. Alí, segundo as crónicas, as feras do campo vivían en paz con el e mesmo o protexían.

Regularmente, acudía ao monte Pispir, a súa montaña exterior, para atender aos que a el acudían, xentes de toda clase e condición, incluídos xuíces cos seus condenados. Aos xuíces lembráballes que co mesmo xuízo que eles aplicasen serían xulgados.

Facía cestos para gañar o pan, curaba enfermos e repartía esmolas. O seu carisma ía en aumento, pero el procuraba ser exemplo de sinxeleza:

Preguntaba moito e pedía escoitar aos que estaban presentes. Se algún dicía algo útil, recoñecía obter un beneficio. O seu rostro irradiaba graza... aínda que estivese rodeado de monxes, cando alguén que non o coñecía desexaba velo, corría cara a Antón como atraído polos seus ollos... o gozo da súa alma agromaba no seu rostro... non tiña os modais bastos dun home que vivira só na montaña e que avellentara nela, senón que era afable e sociable e a súa palabra estaba sazonada co sal divino, de maneira que ninguén lle tiña envexa e todos os que o visitaban se alegraban
Vida de Antón

O emperador Constantino e os seus fillos Constancio e Constante mandáronlle cartas que el, ao principio, refugou contestar. Ante a insistencia dos monxes, que lle lembraban que agora os emperadores eran cristiáns, acordou responder, lembrándolles que o único Rei de reis era Cristo, e pedíalles que amasen os homes, e que se preocupasen pola xustiza e polos pobres.

No ano 337 volveu á cidade a predicar contra o arianismo na defensa da fe definida no Concilio de Nicea, nun momento en que aquela corrente tiña o apoio das autoridades. Púxose de parte do bispo Atanasio que foi desterrado múltiples veces e acusado de varios delitos. Considerou que na Igrexa o altar estaba corrompido e o goberno en mans de bestas.

Mantivo polémicas con sabios pagáns e platónicos que se burlaban del por consideraren ridícula a crenza na encarnación e nun Deus crucificado. Atanasio reprochaba aos pagáns esquecérense do Creador e creren en fábulas e aos platónicos acusábaos de sosteren que a caída das almas fora provocada pola Mente Suprema ao tempo que consideraban aquelas imaxes desta. Con isto incorrían en blasfemia contra o Pai da Mente Suprema que era Deus.

Final e reliquias

editar

Finalmente, adiviñando a súa morte, pediu aos discípulos que non o enterrasen como os exipcios, que gardaban os cadáveres nas casas, senón que o soterrasen nun lugar secreto para que o seu corpo non fose venerado. Porén no ano 561 afirmouse que o seu corpo fora atopado e trasladouse a Alexandría. No ano 635 levouse a Constantinopla. Dende 1491 atópase na Igrexa de St. Julien en Arlés (Francia).

Significación

editar

A Vida de Antón foi un dos libros máis lidos na Cristiandade tardorromana, provocou unha explosión de eremitismo e a súa influencia permaneceu ao longo da Idade Media. Antón Abade é moi venerado na Igrexa Ortodoxa Copta. A Igrexa Católica celebra a súa festa o 17 de xaneiro. Está considerado patrón dos porcos e en xeral dos animais domésticos, así como dos cesteiros, os pasteleiros e os teceláns.

Para o monacato do cristianismo oriental foi case un paradigma e un prototipo, os ditos dos chamados pais do deserto din beber da súa ensinanza. Representaba un ideal de monxe que todos os ascetas arelaban imitar:

Quen se achegou a el aflixido e non retornou alegre? Quen non se achegou chorando polos seus mortos e non se esvaíu axiña o loito? Quen se achegou con carraxe e non se converteu en amigo? Quen non se achegou atormentado polos seus pensamentos e non saíu coa mente serena?
Vida de Antón
editar
 
O Porco de Santo Antón, en Espasante (Ortigueira).

Santo Antón é invocado polos pastores como protector do gando contra os ataques do lobo e das aves rapaces. Contan por terras de Monforte que unha vez andaba un pastor coas cabras no monte pero veu o lobo e colleulle a mellor cabra do rabaño. Axiña caeu de xeonllos e púxose a rezar o responso a Santo Antón sen que a cabra regresase. Entón quitou a saca que levaba na cabeza para protexerse da choiva e seguiu rezando e, desta vez, o lobo ceibou a cabra. Ó ver que agora eran atendidos os seus rezos exclamou: Válgate Dios o Santo, qu'eres ben caprichoso. E nese instante, o lobo deu volta e volveu coller a cabra.

En Maderne recolleuse un ensalmo para protexer o gando das aves rapaces: Aigue maldita, que en el cielo estás escrita con papel y agua bendita, abre as pernas, cerra a cancela, déixame eso que levas que hei rezar a San Antoñín meu que non comas tu nin eu.

Na obra Terra de Melide do Seminario de Estudos Galegos (Editorial Nós, 1933)[1] sinálase que o santo Antón era avogoso dos obxectos perdidos. Tamén existía o costume en Galicia de manter un porco da parroquia en ofrenda ao santo que non se sacrificaba nin consumía.

O Santo Antonio, abogoso das cousas perdidas, que s'atopan rezándolle o responso. Com'en toda Galiza e Portugal, o responso do Santo Antonio é o remédeo pra unha chea de cousas, e ó Santo pódeselle pedir calquera, por difícil que sexa. Tamén eisiste o costume d'atar a imaxe do Santo, e telo atado ata que se consiga o qu'un pide. Noutro tempo, na vila e nalgunha parroquia, San Antonio tiña un porco que lle mantiñan os veciños, asegún o costume tan esteso en Galiza.[2]

O porco de santo Antón

editar

Espasante conserva a tradición do porquiño de san Antón,[3], tradición centenaria ligada á orde Antoniana (Irmáns Hospitalarios de Santo Antonio). Consiste en que a parroquia cría un porquiño que anda ceibe polas rúas e é alimentado polos veciños, sen que ninguén o moleste. Posteriormente é poxado.

De aquí naceron expresións como "Andar coma o porco de San Antonio", co significado de vivir das esmolas que se poidan conseguir, ou "Andar/ser coma o porquiño de Santo Antón", co significado de comer nas casas alleas (de gorra) ou comer de todo, que todo lle senta ben a un.

Relacionado con este costume, Benito Losada escribiu o conto O porco de San Antón [4]:

Criou dous cochos Ramón,
Cando casou con Tomasa
Un pra comeren na casa
E o outro pra San Antón.
Morreu un, gordo coma un bocho,
E Simón sinteuno tanto
Que dixo: "O burro do Santo
Deixou morrel-o seu cocho"

Refraneiro

editar
  • Cando era pobriño, todos chamábanme Toniño, agora que teño abondo, pra todos son don Antonio.
  • Dazasete de xaneiro, santo Antón lacoeiro.
  • Dezasete de xaneiro é o santo Antón verdadeiro, que o do trece de san Xoán é o santo Antón mentirán.
  • Santo Antón verdadeiro, dezasete de xaneiro, aínda que a festa lla fan o día trece do san Xoán.
  • O porco que é pra o lobo, non hai santo Antón que o garde.
  • Polo santo Antón toda galiña pon. Pola Candelaria, a boa e a mala.
  • Porco que se está cebando, non hai santo Antón que poida gardalo.
  • Santo Antón a san Roque meteulle preito porque o seu porquiño traboullo o cadelo.
  • Se o deixasen, vendía o porco de santo Antón.

Cantigueiro

editar
  • San Antón, gárdame o gado/e mais o meu becerriño,/que está na corte bruando/pola nai: que é pequeniño.
  • San Antón o de Padua,/en Portugal leterado,/do perdido fai achado,/ampárame o meu gado,/até que o sol sexa nado.
  • San Antoniño garda o gando,/San Xoán garda as ovellas,/Santa Lucía as costureiriñas/que andan polas casas alleas [5].
  • San Antoniño pequeno/anda no monte co gado,/descalciño pola neve,/chovendo e sarabiando.
  • San Antoniño pequeno/no monte gardou o gado/todo cuberto de neve,/vestido de colorado.
  • San Antonio e o seu porco/iban por un caminiño/íballe o porco dicindo:/dáme unha pinga de viño.
  • San Antonio garde o gando/e mais a vaca marela,/e mais a filla máis nova/se non quer gardar a vella.
  • San Antonio garde o gando/e mais o meu becerriño/que está na corte bruando/pola nai que é pequeniño.
  • San Antonio garde o gando/e máis o meu tesouriño,/que está na corte coa nai/porque é moi pequeniño.
  • San Antonio garde o gando e san Xoán as ovellas, e mais as costureiriñas que andan polas casas alleas.
  • San Antoño garde as cabras/e san Ramón as ovellas,/tamén garde as costureiras/que andan por portas alleas.
  • San Antoño garde os porcos,/san Ramón garde as ovellas,/san Roque os cas de palleiro, santa Rita as costureiras
  1. Ficha en Galiciana
  2. Terra de Melide. p. 431. 
  3. Durán Penabad, Ana (2021). "A tradición do porquiño de San Antón no Porto de Espasante". Terras do Ortegal, nº 8. Dossier Espasante: 297–324. 
  4. "Contiños de Benito Losada, en Nós, suplemento nº 12, Santos 1929, px. 5. No texto escribe Ramón no primeiro verso pero Simón no sexto, erro evidente que non corriximos.
  5. Santa Rita é avogosa dos imposibles.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar