Campo, O Irixo
Santa María de Campo é unha parroquia do concello do Irixo na comarca do Carballiño, na provincia de Ourense. Segundo o IGE en 2011 tiña 544 habitantes (277 homes e 267 mulleres), 52 menos ca en 1999.
Campo | |
---|---|
Igrexa de Santa María de Campo. | |
Concello | O Irixo[1] |
Provincia | Ourense |
Coordenadas | 42°31′19″N 8°06′36″O / 42.52196009, -8.11010212 |
Poboación | 544 hab. (2011) |
Entidades de poboación | 20[1] |
[ editar datos en Wikidata ] |
Patrimonio
editarA igrexa parroquial foi construída entre 1776 e 1790, sendo abade Juan Bernardo Bello, segundo se le en dúas inscricións na capela maior e na nave, se ben a sancristía é anterior, de 1676. Conserva a base, a pantalla e as escaleiras de acceso dun púlpito de pedra construído en 1688. O templo, de estilo barroco, é dunha soa nave, con bóveda de arestas na capela maior e de canón no resto. Na fachada hai un reloxo engadido en 1903 e restaurado en 1943.
O retablo maior é de estilo rococó, deseñado na segunda metade do século XVIII e dourado en 1957. Ten imaxes da patroa, da Nosa Señora da Asunción e dúas de San Xosé. Consérvase tamén un retablo barroco de 1688 obra de Jerónimo de Castro Losada coa imaxe de San Domingos, dourada e pintada por Juan Antonio Prexigueiro.
Na igrexa gárdase unha cruz procesional de prata feita en 1637 polo ourensán Isidro de Montanos, cun viril de prata sobredourada e un cáliz da mesma época. Hai tamén un relicario de San Ignacio do século XIX, e varios cálices e copóns dos séculos XVIII e XIX. Ata finais de 1833 enterrábase no interior da igrexa. En 1962 engadiuse ao templo un pararraios e un harmonio.
Na igrexa hai un peto de ánimas, coas ánimas no purgatorio, Santo Antón á esquerda e San Roque á dereita.
A ermida de Menaz estaba na casa grande dos Taboada. En 1750 a veciñanza dos lugares de Menaz, Casares, Marnotes, O Cardedo e Filgueira procuraron construír unha capela, pola lonxanía da igrexa parroquial. En 1767 Manuel Taboada e mais o seu fillo Juan, que era presbítero, construíron unha capela anexa á súa casa a título privativo, para dicir misa os domingos e días festivos. Para a súa dotación Juan Antonio Taboada, irmán de Manuel e abade de Arcos, doou ao seu sobriño o monte da Xesteira, na freguesía de Arcos. A capela foi bendicida polo cura de Loureiro, o abade Marentes. En 1826 era patrón desta capela o abade de Morgade, Juan Taboada e o seu irmán Andrés.
A capela de San Roque está situada no lugar da Esfarrapa. Construída posiblemente no século XVIII, ten espadana e pórtico, cuberta con bóveda de canón. Ten un retablo da segunda metade do século XVIII, con imaxes do patrón San Roque, San Pedro e Santo Antón, coa inscrición no ático en letras capitais SAN ROQUE ROGAD POR NOSOTROS.
A capela da Ermida está consagrada á Nosa Señora da Purificación, San Brais e San Marcos. Ten pórtico, e está cuberta con bóveda de canón. O retablo, do século XIX, ten as imaxes de San Marcos, A Nosa Señora da Luz ou da Candelaria e Nosa Señora da Asunción.
A capela da Nosa Señora de Fátima está no lugar de Ponte Irixo, e foi construída a mediados do século XX. Ten un peto de ánimas na parede dereita.
Na parroquia hai seis cruceiros: Na Esfarrapa diante da ermida de San Roque; Na Ermida xunto á da capela de Nosa Señora da Purificación, San Brais e San Marcos; en Menaz xunto á Casa Grande dos Taboada; en Porto da Veiga; en Campo do Estibadón xunto á antiga casa escola e outro con pousa e fuste, cun pequeno habitáculo para as ofrendas ás ánimas do purgatorio.
Galería de imaxes
editar- Artigo principal: Galería de imaxes de Campo, O Irixo.
-
Igrexa de Santa María de Campo.
-
Cruceiro na Lama.
-
O Tellado do Campo.
Lugares e parroquias
editarLugares de Campo
editarLugares da parroquia de Campo no concello do Irixo (Ourense) | |
---|---|
Baxín | As Campinas | O Cardedo | Casares | A Condomiña | A Ermida | A Esfarrapa | A Estación | Filgueira | Irixo de Arriba | O Irixo | Laíña | A Lama | Marnotes | Menaz | Orosa | Porto da Veiga | Reguega | O Tellado do Campo | Vila |