Trasno

ser mitolóxico
(Redirección desde «Trasgo»)
Para o artigo sobre o proxecto de tradución de software libre, véxase Proxecto Trasno.

Un trasno ou trasgo (do latín "trans gradi" ou "transgredi", ir máis alá, cometer infraccións) é unha criatura imaxinaria, unha especie de demo invisíbel, propia da tradición popular galega e do norte de Portugal. Denomínase tamén diaño, entendido como ente distinto do demo e nunca tan maligno coma este.

Ilustración representando un trasno argallando nunha cociña, segundo unha intelixencia artificial.

Adoita ser de hábitos nocturnos e serve para explicar sucesos de causa aparente descoñecida, sobre todo sucesos accidentais que comportan un dano non grave. Así, o trasno argalla para facer que rompa a louza, que se perdan as chaves, que caia un valado, que se leen os nobelos que estea fiando unha moza etc. Pero o trasno tamén pode andar detrás dunha persoa e seguila a todas partes. Ás veces toma forma animal (coma un cabalo, un can abandonado etc.).

editar

De acordo coa cultura popular, existe un truco moi eficaz para librarse do trasno. Consiste en deixarlle nun prato ou, mellor, ciscado no chan, unha boa présa de lentellas, feixóns, graos de millo ou cousa semellante. Como o trasno non sabe contar máis de cen, cando chega a esta cifra ten que empezar de novo, e así manténselle ocupado sen que siga facendo das súas.

Fraseoloxía

editar
  • Andar feito un trasno: dise de quen anda só por camiños solitarios.
  • Facer trasnadas: facer maldades ás agachadas.
  • Ser do coiro do trasno: ser da pel do demo, aplicado a rapaces que adoitan facer trasnadas.
  • Ser un trasno: cualifícase así ó que parece compracerse facendo trasnadas. Tamén o rapaz revoltoso e inquedo.
  • Seica anda o trasno comigo: saírlle a un todo mal, ó revés do que quería.

Refráns

editar
  • Nunca se farta o trasno de facer trasnadas.
  • Que ha facer o trasno se non son trasnadas?

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar