Proxecto Trasno
O Proxecto Trasno é unha comunidade aberta dos proxectos de localización de software libre ao galego. Pretende ser o punto de encontro onde se reúnan e colaboren todos aqueles que traballan en calquera dos aspectos que abrangue a localización ao galego: tanto a tradución dos aplicativos e a súa documentación como o desenvolvemento de correctores ortográficos e o de ferramentas para a localización.
Proxecto Trasno | |
---|---|
Tipo | Proxecto de localización de software libre ao galego |
Datas | Dende 1999 |
Páxina oficial | http://www.trasno.gal |
Dende o comezo no 1999, os voluntarios do proxecto estiveron involucrados, así como noutros, na localización das principais distribucións de GNU/Linux, como SuSE e Mandrake, contornos de escritorios como GNOME e KDE, e aplicativos ofimáticos, como OpenOffice, e navegadores web como Mozilla Firefox. Actualmente segue sendo o principal grupo de localización de software libre ao galego e estase a focalizar na mellora da calidade das traducións, con desenvolvemento de ferramentas de consulta e discusión de terminoloxía e con eventos de debate terminolóxico, as trasnadas.
Dende o 2009 está amparada legalmente pola Asociación Cultural Proxecto Trasno.
Historia
editarFroito de xuntanzas previas, en xullo do 1999 iniciouse unha rolda de correo no GPUL (Grupo de Programadores e Usuarios de Linux da Universidade da Coruña) asentando un subproxecto denominado GPUL-tradución coa finalidade de localización de software libre. Comezaron coa tradución dos aplicativos de GNU e o contorno de escritorio GNOME, entre outros. O primeiro que se traduciu neste proxecto foi o X-Chat (Rubén, 6-7-1999).
Igualmente, na primavera de 1999 naceu unha comunidade en liña chamada GZLiNuX[1] adicada á tradución de documentación (guías e manuais). Foi fundada por Manuel A. Fernández Montecelo e Nuno André Novo (Woden). Inda que fundamentalmente este grupo naceu como e era unha comunidade en liña, parte da xente involucrada estaba ligada ao GLUG.
Dende case o arrinque dos proxecto GPUL-tradución estaban en contacto. En setembro dese ano GzLiNuX contactou pola lista do GPUL-tradución comentando:
«A outro membro de gzlinux ocorréuselle a idea de xuntar digamos nunha "plataforma" os dous proxectos de traducción. é dicir, algo así como ter o proxecto TGLUG (Traducción ao galego LUG) e que nas páxinas estea tanto documentación como programas. ben, isto é só unha idea, só quero saber que impresión tedes sobre isto»
En resposta e esta proposta os membros do GPUL-tradución responderon favorablemente, o que supuxo a creación do nacemento dunha comunidade en liña adicada a localizar ao galego que tería inicialmente por fin acadar unha distribución GNU/Linux totalmente en galego[2]. A este proxecto inicialmente chamóuselle LeGal[3] e pretendía orientarse a crear unha web e difundir o proxecto dun 'Linux en Galego'. En marzo do 2000 votaron para a escolla do nome e gañou proxecto Trasno[4]:
«Estes son os resultados finais da votación do nome do grupo de traducción:
trasno 7 legal 2 (gzlinux) 2 glinux 1 tragalinux 1
Polo tanto, mesmo tendo en conta os votos para gzlinux (non válidos), trasno gaña por 7-6, levando un 54% dos votos, e facendo innecesaria unha segunda rolda de votación.[5]»
O nome non tiña significado ningún inda que posteriormente se lle buscaron propostas, tal como se cita aquí:
«Ao principio, e a falta dun nome mellor, empregabamo-lo nome LeGal (Linux En Galego) para referírmonos ao grupo, pero en maio do 2000 decidimos que o nome proposto por Francisco X. Vazquez Grandal, Trasno, era mellor. Tamén seguimo-lo antigo costume de buscar un nome e logo adaptarlle un significado, pero non atopamos ningún, ou máis ben atopamos de máis, polo que algúns preferimos empregalo coma unha simple palabra, e outros prefiren dicir que significa cousas coma "TRAductores Solitarios do NOroeste", segundo a proposta orixinal, ou mesmo "TRAductores Sen NOme" ;-)» - Jacobo Tarrío Barreiro e Jesús Bravo Álvarez, 2001[6].
As intencións de conservación do galego no novo eido que fornece o software libre tamén está presente dende o comezo do proxecto:
Ademais, a informática é un eido importante de máis coma para ignoralo e permitir que sexa outro dos eidos nos que o galego non se introduce. Á fin e ao cabo, os que máis empregan os ordenadores son os mozos, que son tamén os que han falar galego no futuro, se todo vai ben :) - Jacobo Tarrío Barreiro e Jesús Bravo Álvarez, 2001[7]
Fundación da Asociación Cultural Proxecto Trasno
editarArredor do 2007 a comunidade do proxecto Trasno comeza de novo a encontrarse en foros e conferencias e por diferentes debates xorde o interese en fundar unha figura legal para protexer o 'Proxecto Trasno'. Ese interese conversetese na fundación da Asociación Cultural para a Galeguización de Software Libre Proxecto Trasno, organización sen ánimo de lucro e de ámbito autonómico galego, o 17 de outubro de 2009 en Santiago de Compostela[8] por xente involucrada directamente no 'Proxecto Trasno' e co fin de darlle amparo legal, dándolle recursos para os tradutores e promocionando e difundindo o labor destes. A primeira directiva da asociación estivo composta por Miguel Branco, Miguel Anxo Bouzada, Leandro Regueiro Iglesias e Xosé Calvo Rúa[9].
Os estatutos da asociación[10] determinan que só poden ser socios aqueles que contribúan a localización de software libre ao galego e ten como principal fin que continúe activo o Proxecto Trasno e a comunidade de localización ao galego. Con isto, pretende ser a figura legal que protexa a comunidade aberta de localización ao galego de software libre.
Proxectos e grupos de tradución
editarO proxecto leva ou levou no seu momento os proxectos de localización de:
- Free Translation Project
- Ambientes de escritorio e xestores de xanelas: GNOME, KDE, Xfce, LXDE, ROX Desktop, Razor-Qt
- Distribucións de GNU/Linux: Debian, Fedora, openSUSE, Mandriva Linux, GALPon MiniNo, Linux Mint, DoudouLinux
- Suites ofimáticas: OpenOffice, LibreOffice, AbiWord, Calligra (parte de KDE),
- Aplicacións de edición e reprodución multimedia: Inkscape, SMPlayer, VLC
- Navegadores web: Mozilla Firefox, Arora
- Xestores de correo: Mozilla Thunderbird
- FTP: FileZilla
- CMS: Drupal, Joomla!, CMS Spip
- Almacenamento na nube: ownCloud
- Web sociais: Libre.fm
- Xogos: A batalla polo Noroeste, Pingus, Secret Maryo Chronicles, SuperTuxKart, Enigma
- Documentación
Ferramentas desenvoltas
editar- Tiboxe: buscador en liña para a consulta de terminografía informática do inglés ao galego. Foi desenvolto fundamentalmente por Fran Diéguez e liberado con licenza GPLv.3 no 2009.[11]
- Trobador: servizo web para a xestión en liña de memorias de tradución. Permite a consulta de memorias de tradución en formato TMX para múltiples proxectos e especificar usuarios, grupos e privilexios por proxecto. Foi desenvolto no 2011 por Tomás Vega e liberado baixo licenza MIT. Contén un engadido a GTranslator que permite a visualización de cadeas relacionadas do proxecto que se estea a traducir.[12]
- Glósima: sistema de discusión de terminoloxía. Inicialmente desenvolto por José Manuel Castroagudín e liberado con licenza CC BY 2.5.[13]
- Terminator: ferramenta colaborativa e multilingüe para a xestión de terminoloxía centrada na creación de glosarios terminolóxicos para facilitar a localización de software libre e de código aberto. Inda sendo así, permite empregarlo para xestionar terminoloxía de calquera campo de coñecemento. Foi desenvolto por Leandro Regueiro Iglesias e liberado no 2012 baixo licenza GPL v3.[14]
As Trasnadas
editarAs trasnadas xurdiron no 2010 como reunións presenciais para axilizar e asentar o debate de traducións ao galego, fixando terminoloxía. Así mesmo como un espazo para formar a novos voluntarios do proxecto ensinándolle os conceptos básicos de localización e ferramentas de asistencia para a tradución (TAC).
- Trasnada 10': Celebrada en Ordes en colaboración coa asociación cultural Inestable[15][16]
- Trasnada 11.0: celebrada na cidade de Ourense [17]
- Trasnada 11.2: celebrada na cidade de Vigo [18][19]
- Trasnada 12.0: celebrada na cidade de A Coruña en dúas sesións [20][21]
- Trasnada 12.1: celebrada na cidade de Pontevedra. Consistiu na estrea e na proba da aplicación Terminator[22].
- Trasnada 13.0: celebrada na cidade de Santiago de Compostela[23]
Cos acordos chegados nos eventos das trasnadas chegouse a un consenso de traducións de nova terminoloxía en informática do inglés ao galego e liberouse formato terminográfico estándar TBX (Term Base eXchange), creación dunha páxina web dinámica para a consulta dos acordos terminolóxicos e engadir melloras á ferramenta de comprobación automática Pology [24]
Notas
editar- ↑ GZLiNuX en Vieiros.com
- ↑ GPUL-traduccion + GzLiNuX
- ↑ proxecto LEGAL
- ↑ Nome do grupo -> Resultados da votación
- ↑ Nome do grupo de traducción de Linux ó galego
- ↑ Presentación 'O Proxecto Trasno'na Universidade da Coruña, 2001 (en formato ZIP)[Ligazón morta]
- ↑ Presentación 'O Proxecto Trasno' na Universidade da Coruña, 2001 (en formato ZIP)[Ligazón morta]
- ↑ Convocatoria da Fundación da AC Proxecto Trasno
- ↑ "Aprobación da primeira Directiva da AC Proxecto Trasno". Arquivado dende o orixinal o 14 de maio de 2013. Consultado o 09 de maio de 2019.
- ↑ "Estatutos da AC Proxecto Trasno" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 29 de agosto de 2016. Consultado o 01 de novembro de 2012.
- ↑ "Tiboxe". Arquivado dende o orixinal o 28 de outubro de 2012. Consultado o 20 de outubro de 2012.
- ↑ "Trobador". Arquivado dende o orixinal o 26 de outubro de 2012. Consultado o 20 de outubro de 2012.
- ↑ "Glósima". Arquivado dende o orixinal o 26 de outubro de 2012. Consultado o 20 de outubro de 2012.
- ↑ "Terminator". Arquivado dende o orixinal o 26 de outubro de 2012. Consultado o 20 de outubro de 2012.
- ↑ "Convocatoria da Trasnada 10'". Arquivado dende o orixinal o 08 de maio de 2012. Consultado o 02 de novembro de 2012.
- ↑ "Acordos da Trasnada 10'". Arquivado dende o orixinal o 01 de maio de 2011. Consultado o 02 de novembro de 2012.
- ↑ "Convocatoria da Trasnada 11.0". Arquivado dende o orixinal o 01 de xullo de 2012. Consultado o 02 de novembro de 2012.
- ↑ "Convocatoria da Trasnada 11.1". Arquivado dende o orixinal o 06 de xaneiro de 2012. Consultado o 02 de novembro de 2012.
- ↑ "Acordos da Trasnada 11.1". Arquivado dende o orixinal o 18 de abril de 2012. Consultado o 02 de novembro de 2012.
- ↑ "Convocatoria da Trasnada 12.0". Arquivado dende o orixinal o 02 de setembro de 2012. Consultado o 02 de novembro de 2012.
- ↑ Acordos da Trasnada 12.0[Ligazón morta]
- ↑ "Convocatoria da Trasnada 12.1". Arquivado dende o orixinal o 27 de setembro de 2020. Consultado o 02 de novembro de 2012.
- ↑ "Convocatoria da Trasnada 13.0". Arquivado dende o orixinal o 03 de decembro de 2013. Consultado o 26 de novembro de 2013.
- ↑ "Resultados das Trasnadas". Arquivado dende o orixinal o 26 de outubro de 2012. Consultado o 02 de novembro de 2012.