Igrexa católica bizantina rusa
A Igrexa católica bizantina rusa (en ruso: Российская греко-католическая церковь, Rossiiskaia greko-katolicheskaia tserkov) é unha igrexa particular autónoma católica de tradición bizantina. Ten a súa orixe na volta á comuñón coa Igrexa católica de grupos de ortodoxos rusos, e está suxeita á autoridade papal segundo o disposto no dereito canónico oriental.
Igrexa católica bizantina rusa Российская греко-католическая церковь | |
---|---|
Igrexa de Santo Antón en Roma | |
Historia | |
Fundación | 1917 en Rusia |
Motivo | Creación do exarcado apostólico de Rusia por Andrei Sheptytskyi |
Separada de | Igrexa ortodoxa rusa Vellos crentes |
Parte de | Igrexa católica |
Goberno | |
Tipo de goberno | Episcopal |
Papa | Francisco |
Ordinario | Joseph Werth |
Estrutura | Estruturada en dous exarcados apostólicos |
Agrupacións | Congregación para as Igrexas orientais |
Clasificación | |
Grupo | Catolicismo |
Orientación | Cristianismo oriental |
Demografía e cultura | |
Países | Rusia e diáspora |
Ritos litúrxicos | Bizantino |
Historia
editarO Gran Cisma e a Igrexa rusa
editarO actual territorio de Rusia e o resto de territorios que formaban a Rus de Kíiv foron evanxelizados no século IX por misioneiros da Igrexa de Constantinopla. A mediados de século os santos Cirilo e Metodio traduciron partes da Biblia ao antigo eslavo, abrindo camiño para a cristianización dos eslavos. No Gran Cisma os territorios da Rus de Kíiv ficaron baixo influencia da Igrexa oriental, mais o cisma non causou unha ruptura inmediata entre a Igrexa rusa e Roma, senón que os contactos se mantiveron en maior ou menor medida ao longo dos anos:[1] por exemplo, o metropolita Efrén II instituíu a festa do traslado das reliquias de san Nicolao a Bari seguindo a bula de Urbano II;[2][3] o metropolita de Kíiv Petro Akerovych participou no Primeiro Concilio de Lión (1245), onde tería aceptado a unión;[4][5] os bispos das eparquías máis meridionais en ocasións foran consagrados por arcebispos latinos; e os residentes latinos de Novgorod mantiñan a comuñón cos ortodoxos.[6]
O Concilio de Florencia
editarA Igrexa rusa estivo representada no Concilio de Florencia polo metropolita Isidoro e por outros xerarcas rusos, e os bispos da Igrexa rusa asinaron a Acta de Unión o 5 de xullo de 1439.[7][8] Á súa chegada a Moscova o 19 de marzo de 1441, Isidoro celebrou a divina liturxia na igrexa da Dormición de Moscova e promulgou a unión ante o tsar Basilio II e a súa corte.[7][9] Catro días máis tarde foi arrestado e encerrado por orde do tsar,[9] mais ao tempo conseguiu escapar e finou en Roma anos despois;[8] a unión foi rexeitada polas autoridades moscovitas por motivos políticos, xa que desexaban ter controlada á Igrexa para a súa política expansionista.[10] En 1448 foi elixido metropolita Xonás, contrario á unión, sen aprobación patriarcal, co que se consumou na práctica a autocefalia da Igrexa ortodoxa rusa.[11][12][13] En 1458 o patriarca Gregorio III consagrou a Gregorio II metropolita en Kíiv, en comuñón coa Igrexa católica, separando os territorios baixo dominio ruso dos do Gran Ducado de Lituania.[11][14] Poucos anos máis tarde, en 1470, o bispo de Novgorod apoiou a unión coa Igrexa católica, mais a súa iniciativa foi frustrada polo metropolita Filipe I.[15][16]
Malia o rexeitamento oficial da unión polos tsares e polo sínodo, a partir deste momento houbo ao longo do tempo rusos en comuñón coa Igrexa católica, aínda que poucos e non organizados. Algúns exemplos deles foron o patriarca de Moscova Ignacio, converso ao catolicismo c. 1610;[17] o diácono Petr Artemev, quen finou en 1700 encerrado no mosteiro das Solovki;[18][19] o nobre Aleksei Ladyzhenskii, xesuíta finado en 1756;[20] ou o príncipe Mikhail Alekseevich Golitsyn, finado en 1775, e obrigado a exercer de bufón na corte.[21]
Os greco-católicos no Imperio ruso
editar- Artigo principal: A Igrexa greco-católica no Imperio Ruso.
As diferentes particións de Polonia-Lituania supuxeron a incorporación de varios territorios nos que se estendera a Unión de Brest ao Imperio Ruso: no século XVII os territorios arredor de Smolensk, Riga e Kíiv foran incorporados ao Imperio, e coa primeira partición o territorio da actual Belarús oriental, arredor das cidades de Mscislaŭ, Viciebsk e Polack, así como arredor da actual Daugavpils, foron tamén anexionados por Rusia. Na segunda e terceira particións sucedeu o mesmo cos territorios arredor de Minsk, Sluck, Zhitómir e Bratslav, e de Vilnius, Navahrudak, Brest e Lutsk, respectivamente.[22]
A incorporación destes territorios supuxo a incorporación de numerosa poboación greco-católica ao dominio imperial, estimada en arredor de 2,5 millóns de persoas (ademais de 1,6 millóns de católicos latinos);[23] logo das sucesivas particións quedaron baixo dominio ruso as eparquías de Smolensk, Polack, Kíiv, Lutsk-Ostroh, Volodymyr-Brest e Pinsk-Turaŭ. En conxunto, máis do 60% dos edificios greco-católicos pasaron a estar en territorio ruso logo das particións.[24]
A primeira eparquía en desaparecer foi a de Smolensk, cidade incorporada ao Tsarato de Rusia co tratado de Andrusovo de 1667. Logo da captura do territorio polas tropas rusas en 1654, o arcebispo Andrzej Kwaśniński-Złoty se trasladou a territorio polaco-lituano, e foi nomeado administrador de Pinsk-Turaŭ polo metropolita Antin Seliava. O arcebispo ortodoxo de Smolensk Filaret suprimiu a xurisdición greco-católica, que pasou a ser entón unha sé titular. Kwaśniński-Złoty tentou negociar coa Igrexa ortodoxa rusa, mais sen éxito.[25]
Con Catarina II a presión contra os greco-católicos aumentou, de tal xeito que ao finalizar o seu reinado máis dun millón de greco-católicos foran forzados a se converter á ortodoxia.[26] Durante o seu reinado foron suprimidas en 1795 as eparquías de Lutsk-Ostroh, Volodymyr-Brest, Pinsk-Turaŭ e Kíiv (con sé en Vilnius).[27][28][29] Coa chegada ao trono do seu fillo Paulo a situación mellorou, e foron restabelecidas as eparquías de Lutsk e Brest.[29] A melloría durou só até o reinado de Nicolao I: en 1827 Iosif Semashko preparou un memorial con propostas para integrar de xeito gradual aos greco-católicos na Igrexa ortodoxa, e ditas medidas foron aprobadas polo emperador.[30] O 23 de agosto de 1827 finou o bispo de Lutsk-Ostroh Ivan Krasovskyi, e o 22 de abril de 1828 o tsar Nicolao I emitiu un decreto de supresión da eparquía e da unión do seu territorio ao da arquieparquía de Polack.[31]
En 1833, logo do pasamento de Yakiv Martushevych, o 17 de abril Jazafat Bulhak foi nomeado arcebispo de Polack,[30] de xeito que a xerarquía greco-católica pasou a estar formada tan só por dous bispos, Semashko e Bulhak. O 25 de maio de 1835 foi estabelecido o Comité Segredo para os Asuntos Uniatas polo ministro de interior Dmitrii Bludov, composto por políticos, bispos ortodoxos, e os propios Bulhak e Semashko, aínda que o primeiro non tivo participación nel.[30] O Comité aprobou medidas adicionais para a integración forzosa dos greco-católicos na Igrexa ortodoxa, como o ensino do catecismo ortodoxo nos seminarios greco-católicos e a subordinación dos seminarios á Comisión de Escolas Teolóxicas do Sínodo da Igrexa ortodoxa rusa.[30] Logo do pasamento de Bulhak o 23 de febreiro de 1838,[30] Semashko asumiu o goberno dos greco-católicos, que foron finalmente integrados na ortodoxia no sínodo de Polack de 1839.[32][33]
Vladimir Soloviev e os novos intentos de unión
editarA meirande influencia no nacemento da Igrexa católica rusa actual foi a do poeta e filósofo Vladimir Soloviev.[34] Soloviev pensaba que o cisma se podía solventar sen ter que renunciar á fe ortodoxa, e explicou as súas ideas en L'Idée russe ("A idea rusa"), publicado en París en 1888.[35] Soloviev apoiou a necesidade do papado para a Igrexa como centro xerárquico da mesma.[36][37]
Seguindo as súas ensinanzas, o sacerdote Nikolai Tolstoi entrou en comuñón coa Igrexa católica a través do patriarcado de Antioquía dos melquitas;[38][39] anos despois, Tolstoi sería executado en 1938.[40]
As persecucións no século XX
editarEn Rusia
editarO catolicismo de rito bizantino seguiu a ser ilegal nos territorios do Imperio ruso até que en 1905 o tsar Nicolao II aprobou a tolerancia relixiosa.[41] Coa chegada desta liberdade, comezaron a aparecer e organizarse comunidades de greco-católicos, entre eles unha proporción moi elevada de vellos crentes, aínda que inicialmente tiñan que formar parte da Igrexa latina.[42] En 1907 o Metropolita de Lviv Andrei Sheptytskyi obtivo do papa Pío X permiso para organizar a estrutura e a xerarquía da Igrexa grecocatólica nos territorios de Rusia.[43]
En 1917, co goberno provisional ruso, Sheptytskyi foi liberado da cadea, e convocou un sínodo dos sacerdotes greco-católicos rusos en Petrogrado.[44] O sínodo elixiu e o metropolita nomeou o primeiro exarca apostólico de Rusia, Leonid Fedorov,[44] un antigo seminarista ortodoxo converso, con xurisdición sobre todos os territorios agás os de Belarús e a actual Ucraína, que foron organizados noutros exarcados.[43] As accións de Sheptytskyi para organizar a vida da Igrexa grecocatólica rusa foron confirmadas polo papa Bieito XV o 24 de febreiro de 1921.[45]
Porén, a chegada da revolución de outubro veu seguida dunha persecución especialmente forte contra os greco-católicos, e moitos deles acabaron no gulag. Moitos fuxiron e estabeleceron comunidades na diáspora. O 12 de maio de 1922 foron pechadas todas as igrexas católicas, con independencia o seu rito, e na primavera de 1923 o mesmo Fedorov foi procesado acusado de contrarrevolucionario e sentenciado a dez anos de traballos no campo de concentración das Solovki.[46] Tamén foi arrestado o 16 de febreiro de 1931 o vice exarca que nomeara Neveu en 1926, e encerrado nun hospital psiquiátrico en Kazan. En 1932 o bispo ortodoxo Varfolomei Remov entrou en comuñón coa Igrexa católica, e nomeado bispo vigairo para os fieis greco-católicos, mais foi arrestado e fusilado en 1935.[47] Ao mesmo tempo, en 1932 fora liberado Fedorov, mais finou en Kirov o 7 de marzo de 1935.[48]
O 10 de setembro de 1939 Sheptytskyi nomeou o seu irmán Klymentii como exarca, mais tamén foi arrestado en 1947 e finou na cadea en 1951. Tamén Sheptytskyi aprobara o traballo do vice-exarca Viktor Novikov, quen foi arrestado o 23 de xuño de 1941.
Na diáspora
editarA vida dos católicos rusos continuou na diáspora rusa. En 1928 foi erixido un segundo exarcado apostólico para os rusos de Manchuria, con sé na cidade chinesa de Harbin, dirixido por Fabijan Abrantovič, quen finou na prisión de Butyrka anos máis tarde. Porén, o triunfo da revolución chinesa significou tamén o final deste exarcado, cando as novas autoridades chinesas entregaron ao NKVD ao exarca Andrej Cikota, quen finou no gulag.[49]
Ao longo dos anos, foron nomeadas varias persoas que exerceron o seu ministerio entre os rusos da diáspora, como Pranciškus Būčys, quen foi nomeado en 1930 visitador apostólico para os greco-católicos rusos de Europa occidental e central.[50] En 1936 foi consagrado bispo o ruso Aleksandr Evreinov, quen celebrou por primeira vez na basílica de San Pedro a divina liturxia. En 1946 o bispo ortodoxo Pavel Meletev entrou en comuñón coa Igrexa católica, e ocupouse do coidado pastoral dos greco-católicos en Europa até o seu pasamento en 1962.
O 12 de setembro de 1952 o arcebispo Boļeslavs Sloskāns foi nomeado visitador apostólico para os católicos rusos e belarusos de Europa occidental. Foi substituído en 1960, cando a Santa Sé nomeou o bispo Andrei Katkov visitador para os greco-católicos rusos no exterior. Foi substituído en 1978 por Georgii Roshko.
Dende a caída da URSS
editarLogo da caída da Unión Soviética houbo un movemento entre os católicos rusos para o nomeamento dun exarca, algo ao que a Igrexa ortodoxa rusa opúñase fortemente. A delicada situación ecuménica fixo que a Santa Sé paralizara a decisión até que en 2004 os sacerdotes do exarcado elixiron un administrador apostólico temporal. Foi entón cando Xoán Paulo II nomeou o 20 de decembro de 2004 ao bispo latino de Novosibirsk, Joseph Werth, ordinario para os católicos de rito oriental en Rusia.[51]
En xuño de 2017 os greco-católicos rusos celebraron un congreso en San Felice del Benaco, primeiro congreso dende 1970.[52] No congreso o clero ruso pediu á Santa Sé un bispo propio para os arredor de 30.000 fieis, e consagrou a Igrexa católica rusa á Virxe de Fátima.[52][53]
Estrutura
editarOs católicos rusos tiveron a súa xerarquía diferenciada cos exarcados de Rusia e de Harbin, mais estas sés están vacantes dende o pasamento dos últimos exarcas a mediados do século XX. A maioría das parroquias greco-católicas rusas están atendidas por sacerdotes doutras igrexas católicas orientais, sacerdotes ortodoxos conversos, e sacerdotes latinos con facultades birrituais.
En Rusia
editarA sé do ordinario é a cidade de Novosibirsk, a terceira en poboación do país.[54] O territorio da Federación está dividido en distritos coincidentes coas dioceses da Igrexa latina, a arquidiocese da Nai de Deus en Moscova, e as dioceses de San Xosé en Irkutsk, A Transfiguración en Novosibirsk, e San Clemente en Saratov:
- No territorio da Nai de Deus en Moscova: parroquias en Moscova (tres, un centro pastoral, e dúas comunidades ucraínas), Kaliningrado, Obninsk e San Petersburgo.[54]
- No territorio da Transfiguración en Novosibirsk: parroquias en Cheliabinsk, Kopeisk, Langepas, Megion, Nizhnevartovsk, Novokuznetsk, Novosibirsk, Omsk, Prokopevsk, Raduzhnyi, Sargatskoe, Surgut e Tomsk.[54]
Na diáspora
editarDependendo da localización, os greco-católicos rusos dependen dos ordinarios das dioceses locais, normalmente latinos, aínda que a miúdo teñen sosteñemento espiritual dalgunha circunscrición oriental.[55] Hai parroquias e comunidades católicas rusas en Bélxica (abadía de Chevetogne e Bruxelas[56]), Francia (París e Lión[57]), Alemaña (Berlín, Múnic,[58] Mannheim,[59] Niederalteich e Datteln), os Países Baixos (Ámsterdam, Haarlem, Eindhoven, A Haia, Maastricht, Nijmegen, Roosendaal, Rotterdam, Delft e Utrecht), Italia (Roma), Finlandia (Espoo), Polonia (Kostomłoty, Drelów e Horodło), Letonia (Riga e Daugavpils), o Canadá (Montreal, Combermere), os Estados Unidos (Nova York,[60] El Segundo, San Francisco e Denver), a Arxentina (Bos Aires), e Australia (Melbourne[61]).
Notas
editar- ↑ Zugger 2001, pp. 13-14.
- ↑ England, John (2009). The Works of the Right Reverend John England 4. Applewood Books. p. 363. ISBN 9781429019101.
[..] Ephrem, Metropolitan of Kiow, executed the bull of Urban II. for the feast of the translation of the relics of St. Nicholas, of Bari, on the 9th of may [Efrén, o metropolita de Kíiv, executou a bula de Urbano II para a festa da traslación das reliquias de san Nicolao, de Bari, o 9 de maio].
- ↑ Mann, Horace K. (1910). The Lives of the Popes in the Early Middle Ages. Kegan Paul. p. 164.
One of the most convincing proofs of this union between Russia and the Holy See is the establishment by Ephrem, the metropolitan of Kiev († c. 1102), of the feast of the translation of the relics of St. Nicholas of Bari. This feast was established in Russia in conformity with a bull of Urban II. As this feast is not observed in the Greek Church of Constantinople, its papal origin in Russia is obvious [Unha das probas máis convincentes desta unión entre Rusia e a Santa Sé é o establecemento por parte de Efrén, o metropolita de Kíiv († c. 1102), da festa da traslación das reliquias de san Nicolao de Bari. Esta festa foi estabelecida en Rusia en conformidade coa bula de Urbano II. Esta festa non é celebrada na Igrexa grega de Constantinopla, polo que a orixe papal en Rusia é obvia].
- ↑ Basilevsky, Alexander (2016). Early Ukraine: A Military and Social History to the Mid–19th Century. McFarland. p. 173. ISBN 9781476620220.
In spite of their differences, however, when the Mongols began to invade the Metropolitan of Kyiv and Rus, Petro Akerovich followed Pope Innocent IX (sic) to the Ecclesiastical Council of the Roman Church held in Lyons (France), where he accepted union with the Latin Church [Malia as súas diferencias, porén, cando os mongois comezaron a invadir o metropolita de Kíiv e da Rus, Petro Akerovich seguiu ao papa Inocencio IX (sic) ao concilio eclesiástico da Igrexa romana celebrado en Lión (Francia), onde aceptou a unión coa Igrexa latina].
- ↑ Sussex, Roland; Eade, John Christopher (1985). Culture and nationalism in nineteenth-century Eastern Europe. Slavica Publishers. p. 98. ISBN 9780893571467.
Some prelates, indeed, officially professed support for union with Rome. The first such was Peter Akerovych during the First Council of Lyons in 1245 [Algúns prelados, de feito, oficialmente apoiaron a unión con Roma. O primeiro deles foi Peter Akerovych durante o Primeiro Concilio de Lión 1245].
- ↑ Attwater, Donald (1961). The Christian Churches of the East 2. Thomas More Books. p. 46.
Moreover, bishops of the south-western eparchies on occasion went to the nearest Latin archbishop to be consecrated, and from the thirteenth to the fifteenth century Latin monks and others in the Novgorod province seem to have regarded themselves as in communion with their Orthodox neighbours [Ademais, os bispos das eparquías do suroeste en ocasións acudiron ao arcebispo máis próximo para ser consagrados, e dende o século XIII ao XV os monxes e outros latinos na provincia de Novgorod semellaban considerarse en comuñón cos seus veciños ortodoxos].
- ↑ 7,0 7,1 Shvidkovskii, Dmitrii (2007). Russian Architecture and the West. Yale University Press. p. 83. ISBN 9780300109122.
- ↑ 8,0 8,1 Flinn, Frank K. (2007). "Isidore of Kiev". Encyclopedia of Catholicism. Infobase Publishing. p. 374. ISBN 9780816075652.
- ↑ 9,0 9,1 Gill 2011, p. 360.
- ↑ Gill 2011, p. 361 "The reasons for Vasili's rejection of Isidore and his mission were probably political. It was part of his lifelong endeavour to achieve the hegemony of all the Russian States, and of his expansionist policy. Success in that would be possible only if Moscow was also the spiritual centre of all Ruthenians [...] [As razóns do rexeitamento de Isidoro e da súa misión por parte de Basilio foron probablemente políticas. Foi parte dos seus esforzos ao longo da vida conseguir a hexemonía de todos os estados rusos, e da súa política expansionista. O éxito só sería posible si Moscova era tamén o centro espiritual de todos os rutenos [...]]"
- ↑ 11,0 11,1 Parry, Ken, ed. (2010). The Blackwell Companion to Eastern Christianity. John Wiley & Sons. p. 209. ISBN 9781444333619.
- ↑ Langer, Lawrence N. (2001). Historical Dictionary of Medieval Russia. Scarecrow Press. p. 71. ISBN 9780810866188.
- ↑ Webb, Eugene (2014). In Search of the Triune God: The Christian Paths of East and West. University of Missouri Press. p. 289. ISBN 9780826273079.
- ↑ Melton, J. Gordon (2014). Faiths Across Time: 5,000 Years of Religious History. ABC-CLIO. p. 993. ISBN 9781610690263.
- ↑ Shipman, Andrew (1911). "Moscow". The Catholic Encyclopedia 10. Robert Appleton Company. p. 594.
When the Bishop of Novgorod declared in 1470 for union with Rome, Philip I, Metropolitan of Moscow, frustrated it, declaring that, for signing the union with Rome at Florence, Constantinople had been punished by the Turks [Cando o bispo de Novgorod declarou en 1470 a unión con Roma, Filipe I, metropolita de Moscova, frustrouna, declarando que por asinar a unión con Roma en Florencia, Constantinopla fora castigada polos turcos].
- ↑ Theiner 1843, pp. 87-88 "Il metropolitano Filippo dimostrò del pari contro i fedeli di Nowgorod, che in aquel tempo volevano passare col loro arcivescovo all'unità [...] [O metropolita Filipe tamén se manifestou contra os fieis de Nowgorod, que daquela querían pasar co seu arcebispo á unidade]."
- ↑ Medlin, William K.; Patrinelis, Christos G. (1971). Renaissance Influences and Religious Reforms in Russia: Western and Post-Byzantine Impacts on Culture and Education (16th-17th Centuries). Librairie Droz. pp. 45-46. ISBN 9782600038942.
- ↑ Florovsky, Georges (2001). Les voies de la théologie russe. L'AGE D'HOMME. p. 102. ISBN 9782825115701.
- ↑ Steeves, Paul D., ed. (1988). The Modern Encyclopedia of Religions in Russia and the Soviet 6. Academic International Press. p. 118. ISBN 9780875691060.
- ↑ Козлов-Струтинский, Станислав; Парфентьев, Павел (2014). "Алексей Ладыженский и русские католики XVIII века". История Католической Церкви в России. Белый камень. pp. 236–237. ISBN 9785989740147.
- ↑ Moss, Walter (1997). A History of Russia 1. McGraw-Hill. p. 253.
- ↑ Unha descrición detallada da cronoloxía dos feitos pode atoparse en Davies, Norman (2005). God's Playground A History of Poland: Volume II: 1795 to the Present. OUP Oxford. pp. 60–61. ISBN 9780199253401.
- ↑ Dunn 2016, p. 21.
- ↑ Radwan, M. (2004). Carat wobec Kościoła greckokatolickiego w zaborze rosyjskim 1796-1839. Lublin: Instytut Europy Środkowo-Wschodniej. p. 23. ISBN 839176155X.
- ↑ Kempa, Tomasz (2013). "Smoleńska archidiecezja greckokatolicka". Encyklopedia Katolicka 18. Lublin. p. 449. ISBN 9788373066144.
- ↑ Dunn 2016, p. 22.
- ↑ Zugger 2001, p. 25 "The Metropolia of Kiev was suppressed in 1795, along with the eparchies in Pinks, Brest, and Lutsk. Only the archeparchy of Polotsk survived, but its archbishop was jailed [A metrópole de Kíiv foi suprimida en 1795, xunto coas eparquías de Pinks, Brest, e Lutsk. Só sobreviviu a arquieparquía de Polotsk, pero o seu arcebispo foi encerrado]."
- ↑ Katchanovski, Ivan; Kohut, Zenon E.; Nebesio, Bohdan Y.; Yurkevich, Myroslav (2013). "Ukrainian Catholic Church". Historical Dictionary of Ukraine. Scarecrow Press. p. 655. ISBN 9780810878471.
- ↑ 29,0 29,1 Zinkevych, Osyp; Sorokowski, Andrew, eds. (1988). A Thousand Years of Christianity in Ukraine: An Encyclopedic Chronology. National Committee to Commemorate the Millenium of Christianity in Ukraine. pp. 181-182. ISBN 9780914834588.
- ↑ 30,0 30,1 30,2 30,3 30,4 Петрушко, В. И. (2002). "БУЛГАК, Игнатий [в монашестве Иосафат]". Православная энциклопедия 6. Moscova: Церковно-научный центр «Православная энциклопедия». pp. 336–337. ISBN 9785895720103.
- ↑ Theiner 1843, pp. 399-400.
- ↑ Just, Mary (1954). Rome and Russia: a tragedy of errors. Newman Press. p. 121.
- ↑ Racheotes, Nicholas S. (2018). The Life and Thought of Filaret Drozdov, 1782–1867: The Thorny Path to Sainthood. Rowman & Littlefield. p. 192. ISBN 9781498577601.
- ↑ Witte, John; Bourdeaux, Michael, eds. (2009). Proselytism and Orthodoxy in Russia: The New War for Souls. Wipf and Stock Publishers. p. 101. ISBN 9781606086728.
- ↑ "L’Idée russe" (PDF). Bibliothèque Russe et Slave (en francés).
- ↑ Jedin, Hubert; Dolan, John Patrick, eds. (1981). History of the Church: The Church in the Industrial age. Burns & Oates. pp. 340–341.
[...] Vladimir Soloviev (1853-1900), who, as an Orthodox Christian, recognized the Pope and supported unification with Rome, the traditional center of the Christian world. For Soloviev, the papacy was a mysterium unitatis, the center of apostolicity, universality and ecumenicity [...] [[...] Vladimir Soloviev (1853-1900), quen, como cristián ortodoxo, recoñeceu ao papa e apoiou a unificación con Roma, o centro tradicional do mundo cristián. Para Soloviev, o papado era un mysterium unitatis , o centro da apostolicidade, universalidade e ecumenicidade [...]]
- ↑ Gaut, Gregory Arthur (1992). A Christian Westernizer: Vladimir Solovyov and Russian Conservative Nationalism. University of Minnesota. p. 64.
- ↑ Elli, Alberto. Breve storia delle Chiese cattoliche orientali. Edizioni Terra Santa. ISBN 9788862405324.
Influenzato dalle idee di Solovjev, Nicholas Tolstoy (1867-1938) fu il primo sacerdote russo ortodosso che, nel 1893, fece pressioni per l'unione con la Chiesa cattolica, alla quale aderì formalmente nel novembre 1894.
- ↑ Korolevskij, Cyrille (2007). Croce, Giuseppe M., ed. Cyrille Korolevskij, Kniga Bytija Moego (Le livre de ma vie). Mémoires autobiographiques. Tomo 1. p. 405. ISBN 9788885042544.
- ↑ Osipova, Irina (1998). "TOLSTOI, Nikolai Alekseevich". Si el mundo os odia...: Mártires por la fe en el régimen soviético. Encuentro. pp. 312–313. ISBN 9788474905007.
- ↑ Coleman, Heather J. (2005). Russian Baptists and Spiritual Revolution, 1905-1929. Indiana University Press. p. 25. ISBN 9780253111371.
- ↑ Lami, Giulia (2007). "The Greek-Catholic Church in Ukraine During the First Half of the 20th Century". En Carvalho, Joaquim. Religion and Power in Europe: Conflict and Convergence. Edizioni Plus. p. 240. ISBN 9788884924643.
- ↑ 43,0 43,1 Zugger 2001, p. 296.
- ↑ 44,0 44,1 Dunn 2016, pp. 27-28.
- ↑ Zugger 2001, p. 157.
- ↑ Zugger 2001, p. 162.
- ↑ Zugger 2001, p. 168.
- ↑ Zugger 2001, p. 167.
- ↑ Fede e martirio. Le Chiese orientali cattoliche nell’Europa del Novecento. Libreria Editrice Vaticana. 2004. pp. 59–61. ISBN 9788820927837.
- ↑ Annuario pontificio per l'anno 1933. 1933. p. 350.
- ↑ Annuario pontificio per l'anno 2009. Libreria Editrice Vaticana. p. 760.
- ↑ 52,0 52,1 "La pequeña Iglesia Grecocatólica Rusa se consagra a la Virgen de Fátima". Infocatólica.com. 17 de xuño de 2017.
- ↑ Marsh, Natasha (3 de marzo de 2017). "World meeting of Russian Catholics hailed as ‘last hurrah’ for movement". Catholic Herald. Arquivado dende o orixinal o 10 de decembro de 2018. Consultado o 10 de decembro de 2018.
- ↑ 54,0 54,1 54,2 "Справочник". Byzantine Rite Catholics in Russia (en ruso).
- ↑ Por exemplo, no caso dos Estados Unidos de América, as parroquias de Santo André o Primeiro Chamado (El Segundo), Nosa Señora de Fátima (San Francisco) e San Miguel Arcanxo (Nova York) están baixo o omoforion espiritual da eparquía de Newton dos melquitas. Ver en "Byzantine Catholic and other Eastern Catholic Churches". Byzcath.org.
- ↑ "Communauté du Bienheureux Léonide Féodoroff".
- ↑ "Paroisse Saint Irénée de Lyon".
- ↑ "Русский приход святителя Николая Мирликийского и блаженного Леонида" (en ruso).
- ↑ "Ökumenisches Zentrum Kyrill und Methodius" (en alemán).
- ↑ "Saint Michael's Chapel - A Russian Catholic Community of Byzantine Rite".
- ↑ "Holy Trinity-St. Nicholas Church: Russian Greek Catholic Church".
Véxase tamén
editarA Galipedia ten un portal sobre: Rusia |
Bibliografía
editar- Dunn, Dennis J. (2016). The Catholic Church and Soviet Russia, 1917-39. Taylor & Francis. ISBN 9781315408859.
- Gill, Joseph (2011). The Council of Florence. Cambridge University Press. ISBN 9780521176279.
- Theiner, Augustin (1843). Vicende della chiesa cattolica di amendue i riti nella Polonia e nella Russia da Caterina II sino a' nostri di. Lugano.
- Zugger, Christopher Lawrence (2001). The Forgotten: Catholics of the Soviet Empire from Lenin Through Stalin. Syracuse University Press. ISBN 9780815606796.