Contrarrevolucionario

persoa ou movemento que se opón a unha revolución
(Redirección desde «Contrarrevolución»)

Un contrarrevolucionario é calquera que se opón a unha revolución, sobre todo o que tenta reverter os seus resultados, parcial ou totalmente.

A guerra da Vendée foi un levantamento monárquico producido durante a Revolución francesa, que foi reprimido polas forzas revolucionarias en 1796

O adxectivo contrarrevolucionario refírese ao movemento que desexa restaurar a situación ou os principios que prevalecían na época prerrevolucionaria.

Unha contrarrevolución pode ter consecuencias positivas ou negativas, dependendo en parte do carácter beneficioso ou pernicioso da revolución que se reverte. Por exemplo, Plutarco consideraba que o éxito transitorio de Axis e Cleómenes en Esparta, ao restablecer a constitución de Licurgo, foi contrarrevolucionario en sentido positivo. E durante a Revolución Francesa, os xacobinos viron a revolta da Vendée como claramente negativa.

Contrarrevolucionarios en diferentes países

editar

En certo xeito, os xacobitas pertencen a esta categoría. Os xacobitas apoiaban a reclamación do trono de Inglaterra pola dinastía Estuardo. Os xacobitas aínda existen hoxe en día e continúan defendendo o dereito dos Estuardo ao trono británico.

A palabra "contrarrevolucionario" referíase orixinalmente a pensadores que se opuxeron á Revolución Francesa de 1789, como Joseph de Maistre, Louis de Bonald ou despois, Charles Maurras, fundador do movemento monárquico de Action française. A partir de entón, emprégase en Francia para describir movementos políticos que rexeitan o legado da Revolución de 1789, o que o historiador René Rémond denominou lexitimistas . Así, os monárquicos que apoiaron o antigo réxime despois da Revolución eran contrarrevolucionarios. Por exemplo, os participantes na sublevación da Vendée e as monarquías que puxeron fin ás distintas revolucións de 1848. O movemento monárquico contrarrevolucionario francés dos lexitimistas aínda existe, aínda que ten un número moi pequeno de seguidores. Estivo activo durante a suposta Revolución Nacional encarnada polo réxime de Vichy, que René Rémond non considera un réxime fascista, senón un réxime contrarrevolucionario, cuxo lema era " Travail, Famille, Patrie " (traballo, familia, patria), substituíndo o lema republicano "Liberté, égalité, fraternité" (liberdade, igualdade, fraternidade).

Despois da Revolución Francesa, as políticas anticlericais e a execución do rei Lois XVI provocaron a sublevación da Vendée. Esta contrarrevolución provocou o que moitos hoxe consideran o primeiro xenocidio moderno. En 1793, monárquicos e católicos tomaron as armas contra a República dos revolucionarios franceses despois de que o exército republicano recrutase forzosamente a 300.000 vendeanos. Os vendeanos tamén se rebelaron contra o intento de leva forzosa de Napoleón en 1815.

En Italia, despois da conquista napoleónica a finais do século XVIII, houbo contrarrevolucións en todas as repúblicas irmás de Francia. O máis coñecido foi o sanfedismo, movemento reaccionario liderado polo cardeal Fabrizio Ruffo, que revogou a República Partenopea e permitiu que a dinastía dos Dúas Sicilias recuperase o trono do reino de Nápoles. Houbo un rexurdimento do fenómeno durante a segunda campaña italiana de Napoleón a principios do século XIX. Outro exemplo de contrarrevolución foi a sublevación campesiña no sur de Italia despois da unificación do país, promovida polo goberno dos Borbóns no exilio e os Estados Pontificios. A rebelión, tachada de bandoleirismo, acabou converténdose nunha cruenta guerra civil que durou polo menos dez anos.

Os partidarios do carlismo dende o século XIX ata a actualidade son quizais o grupo máis antigo sobrevivente da contrarrevolución en España. Os carlistas defenden a aplicación estrita da lei sálica na sucesión ao trono, polo que apoian a rama borbónica do infante Carlos María Isidro, irmán do rei Fernando VII, ademais da autonomía rexional baixo a monarquía, a tradición e o catolicismo A causa carlista comezou coa primeira guerra carlista en 1840 e aínda existe hoxe en día.

 
Tropas do Exército Vermello atacan aos mariñeiros de Kronstadt en marzo de 1921.

Tamén foron contrarrevolucionarios o Exército Branco e os seus partidarios, que loitaron contra os bolxeviques despois da Revolución de Outubro, así como os políticos alemáns, policías, soldados e freikorps que esmagaron a revolución alemá. O xeneral Victoriano Huerta e máis tarde os felicitistas posteriores trataron de frustrar a Revolución Mexicana na década de 1910.

A finais dos anos vinte, numerosos católicos mexicanos alzaron armas contra o goberno federal, no que se coñeceu como a Guerra Cristeira. O presidente do país, Plutarco Elías Calles, foi elixido en 1924. Calles iniciou unha serie de políticas anticatólicas que induciron en 1926 aos católicos a presentar unha resistencia pacífica, comezando así unha contrarrevolución contra as leis anticlericais. No verán de 1926 estalaron os altercados. Os loitadores, coñecidos como cristeiros, loitaron contra o goberno pola supresión da igrexa, o encarceramento e execución de sacerdotes, a creación dunha igrexa cismática nacionalista, o ateísmo estatal, o socialismo, a masonería e outras duras políticas anticatólicas.

A guerra civil española foi, en certos aspectos, unha contrarrevolución. Os carlistas, os monárquicos e os nacionalistas da Falange, uníronse en 1936 contra a Segunda República. Os contrarrevolucionarios viron a Constitución española de 1931 como un documento revolucionario que desafiaba a relixión, a tradición e a cultura españolas. No lado republicano, os actos do Partido Comunista de España contra colectividades rurais tamén poden considerarse contrarrevolucionarios.

Máis recentemente, os contrarrevolucionarios protagonizaron en 1961 a invasión de Baía de Cochinos en Cuba coa intención de derrubar o goberno revolucionario de Fidel Castro. Na década dos 80, a contra loitou por derrocar ao goberno sandinista de Nicaragua. De feito, o nome de contra deriva de "contrarrevolucionario".

As Aguias Negras, as Autodefensas Unidas de Colombia e outros movementos paramilitares colombianos tamén poden verse como contrarrevolucionarios. Estes grupos de dereita opóñense ás FARC e outros movementos guerrilleiros de esquerdas.

Algúns contrarrevolucionarios son antigos revolucionarios que inicialmente apoiaron o derrocamento do réxime anterior, pero acabaron tendo ideas diferentes ás dos que tomaron o poder despois da revolución. Por exemplo, algúns dos contras que orixinalmente loitaron cos sandinistas para destituír a Anastasio Somoza, e algúns dos que se opoñen a Castro tamén se opuxeron a Batista.

O Kuomintang ou Partido Nacionalista Chinés usou o termo "contrarrevolucionario" para denigrar aos comunistas e outros opositores do seu réxime. Chiang Kai-shek, líder do Kuomintang, foi o que máis o empregou.

A ideoloxía do Kuomintang estaba influenciada polo pensamento revolucionario. O Kuomintang e Chiang Kai-shek usaban as palabras "feudal" e "contrarrevolucionario" como sinónimos de malo e atrasado, e proclamábanse orgullosamente revolucionarios.[1] Chiang chamou feudais aos señores da guerra e pediu que o Kuomintang aniquilase aos señores feudais e aos contrarrevolucionarios.[2] [3] [4] [5] Chiang encolerizábase cando o chamaban señor da guerra, debido ás súas connotacións feudais.[6]

En 1927, Chiang tamén reprimiu e someteu aos comerciantes de Shanghai, sacándolles préstamos baixo ameaza de morte ou exilio. Mandou arrestar a ricos comerciantes, magnates e homes de negocios, acusándoos de "contrarrevolucionarios" e retívoos ata que lle entreagron diñeiro ao Kuomintang. As detencións de Chiang tamén foron dirixidas contra os millonarios, acusándoos de actividades comunistas e contrarrevolucionarios. Tamén solicitou un boicot contra o Xapón, enviando aos seus axentes a saquear tendas onde se vendían produtos deste país e impoñendo multas aos seus propietarios. Chiang tamén ignorou a protección internacional do Asentamento Internacional, puxo gaiolas nos seus límites e ameazou con meter nelas aos comerciantes, unha comunidade á que aterrorizou sistematicamente. A alianza do Kuomintang coa banda verde permitiulle ignorar os límites das concesións estranxeiras.[7]

Tamén existe un termo similar na República Popular da China, que abarcaba acusacións como colaborar con forzas estranxeiras e incitar a sublevacións contra o goberno. Segundo o artigo 28 da constitución chinesa, “o estado mantén a orde pública, asfixia a traizón e outras actividades contrarrevolucionarias e castiga e reforma aos delincuentes.[8]

O termo foi moi empregado durante a Revolución Cultural, na que a garda vermella denunciou a miles de intelectuais e funcionarios por "contrarrevolucionarios". Despois da Revolución Cultural, o termo foi usado de novo para cualificar a Lin Biao e á Banda de Catro.

Uso da palabra

editar

A palabra contrarrevolucionario úsase a miúdo como sinónimo de reaccionario. Non obstante, algúns reaccionarios úsano para describir aos seus opositores, aínda que estes opositores defendan unha revolución. En xeral, a palabra "reaccionario" describe a aqueles que se opoñen a unha tendencia de cambio social a longo prazo, mentres que os "contrarrevolucionarios" son os que se opoñen a cambios repentinos e recentes.

Os clérigos que tomaron o poder despois da Revolución Iraniana convertéronse en contrarrevolucionarios: despois da revolución, os mullas botaron aos marxistas do poder. Miles de presos políticos que se opuxeron ao réxime islámico foron asasinados, especialmente durante as execucións de 1988.

Ás veces non está claro quen representa a revolución e quen representa a contrarrevolución. En Hungría, a revolución de 1956 foi definida como contrarrevolución polas autoridades comunistas no poder (que afirmaban encarnar a auténtica revolución). Non obstante, trinta anos despois, os acontecementos de 1956 eran coñecidos en todo o mundo como "revolución".

  • "A contrarrevolución non será unha revolución contraria, senón o contrario da revolución" (La Contre-Révolution ne sera pas une révolution contraire, mais le contraire de la Révolution), Joseph de Maistre.
  1. Jieru Chen, Lloyd E. Eastman. Chiang Kai-shek's secret past: the memoir of his second wife, Chʻen Chieh-ju. Westview Press. ISBN 0-8133-1825-4. Arquivado dende o orixinal o 17 de maio de 2016. Consultado o 21 de outubro de 2019. 
  2. Kai-shek Chiang. Philip Jacob Jaffe, ed. China's destiny & Chinese economic theory. Roy Publishers. 
  3. Simei Qing. From allies to enemies: visions of modernity, identity, and U.S.-China diplomacy, 1945-1960. Harvard University Press. ISBN 0-674-02344-7. 
  4. Kai Shew Chiang Kai Shew. China's Destiny and Chinese Economic Theory. READ BOOKS. ISBN 1-4067-5838-8. 
  5. Hongshan Li, Zhaohui Hong. Image, perception, and the making of U.S.-China relations. University Press of America. ISBN 0-7618-1158-3. 
  6. Jieru Chen, Lloyd E. Eastman. Chiang Kai-shek's secret past: the memoir of his second wife, Chʻen Chieh-ju. Westview Press. ISBN 0-8133-1825-4. Arquivado dende o orixinal o 26 de abril de 2016. Consultado o 21 de outubro de 2019. 
  7. Hannah Pakula. The last empress: Madame Chiang Kai-Shek and the birth of modern China. Simon and Schuster. ISBN 1-4391-4893-7. 
  8. "Consitución de la República Popular China (Adoptada el 4 de diciembre de 1982)". www.people.com.cn. Consultado o 9 de maio de 2009.  (en inglés)

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar