Estrella Castrillón

copiloto galega de rally

Estrella Castrillón Vidal, nada en Irixoa, é unha empresaria, política e excopiloto galega de rally.

Estrella Castrillón
Nacementoséculo XX
 Irixoa
NacionalidadeEspaña
Ocupacióncopiloto
editar datos en Wikidata ]

Gañou xunto a Germán Castrillón seis títulos do Campionato de Galicia de Rally entre 1990 e 2000. Ademais competiu no Campionato de España e en 1990 gañou o campionato de copilotos da Copa de España de Rally.

É a copiloto máis laureada do Campionato de Galicia de Rally (6 títulos), do Rally de Ferrol (10 vitorias), do Rally de Noia (7 vitorias), do Rally San Froilán (empatada a 6 vitorias con Marcos Burgo), do Rally de Narón (empatada a 5 vitorias con Faustino Suárez) e do Rally da Coruña (3 vitorias).

TraxectoriaEditar

Inicios e primeiro subcampionatoEditar

Debutou nos rallys en 1984 no Rally Villa de Tineo como copiloto de Germán Castrillón (ao que non une ningún parentesco a pesar do apelido).[1] En 1986 remataron terceiros no Campionato de Galicia de Rally, a bordo dun Renault 5 GT Turbo, só por detrás de José Mora e Alfonso Pavón.[2] Comezaron a tempada 1987 con dous podios nas dúas primeiras probas, cos que se colocaron líderes, posición que perderon nas seguintes carreiras. En setembro lograron a súa primeira vitoria, no Rally de Ferrol, e chegaron líderes do campionato á última proba, o Rally das Pontes. Con todo, tiveron que conformarse co subcampionato despois de quedar segundos no rally por detrás de Carlos Piñeiro, que conseguía así o seu quinto título galego.[3]

En 1988 disputaron o Campionato de España de Rallys, encadrados na Copa Renault, da que remataron subcampións.[4] Ademais quedaron segundos no Rally de Ferrol.[5] Na seguinte tempada os problemas económicos e mecánicos provocaron a súa ausencia de varios rallys e o abandono noutros. Con todo, conseguiron o cuarto posto no Rally Rías Baixas e subiron ao podio en segunda posición no San Froilán,[6][7][8] chegando ao último rally do campionato galego (Ferrol) con opcións, aínda que escasas, de ser campións, pero o abandono en dita proba deulle finalmente o título a Arturo Rial e Wenceslao Blanco. Nun primeiro momento a Federación Galega de Automobilismo declarou como subcampión do campionato a Carlos Piñeiro, o que provocou duras críticas de Estrella Castrillón ao presidente da federación, Iván Corral, que finalmente rectificou a clasificación.[9] Tamén ese ano Estrella competiu como piloto no 2º Rally de Narón, que naqueles anos era un rally de terra, a bordo dun Seat 124 e con Germán como copiloto.[10] Abandonou tras sufrir unha rotura no vehículo.[11]

Primeiro título e accidente no Rally Rías BaixasEditar

Na tempada 1990 non participaron nos primeiros rallys por falta de patrocinadores. Reapareceron na quinta proba, o 26º Rally Rías Baixas, a bordo dun Ford Sierra Cosworth que pertencera anteriormente a Carlos Piñeiro. Con este vehículo superaron ao BMW M3 de "Culebra" e lograron a vitoria. A partir de entón gañaron todos os restantes rallys (Cidade de Cristal, San Froilán, Coruña e Ferrol) e proclamáronse campións galegos con máis de 300 puntos de vantaxe sobre o berciano Antonio Garrido e o ourensán Peitos.[12] Ademais, dado que algúns dos rallys galegos puntuaban tamén para a Copa de España, Estrella sumou os puntos suficientes para proclamarse campioa da Copa de España de copilotos.[13]

Na seguinte tempada gañaron o Rally de Noia e o do Lacón, e quedaron sextos no Rally de Ourense, pero a súa boa xeira de resultados cortouse na quinta proba, o Rally Botafumeiro, onde abandonaron tras unha saída da estrada no último treito cando estaban líderes,[14] e estragouse completamente no seguinte rally, o Rías Baixas, no que sufriron un duro accidente, tras o cal o seu Ford Sierra Cosworth comezou a arder quedando totalmente calcinado. Estrella sufriu queimaduras de segundo e terceiro grao e foi trasladada ao hospital Povisa. Permaneceu ingresada varias semanas e non puido competir durante os seguintes meses, nos que foi substituída polo seu sobriño José Manuel López Castrillón.[15] Reapareceu no Rally de Ferrol, última cita do calendario, para lograr a súa terceira vitoria na proba.[16] O título foi para Arturo Rial e Mario Pazos.

Segundo título e novos subcampionatosEditar

En 1992, de novo cun Sierra Cosworth, gañaron o seu segundo título de campións galegos, despois dunha dura loita co Peugeot 309 GTI de Manuel Senra e José Maceiras, e de vencer en Noia,[17] Ferrol[18] e na Coruña[19] e quedar segundos no Albariño[20] e o Lacón.[21] O seu sobriño López Castrillón substituíuna no Rally Rías Baixas, lugar do accidente o ano anterior, e no que non volveu correr ata 1994.[22] En 1993, a pesar de lograr xunto a Germán Castrillón catro vitorias (Albariño, Noia, Ferrol e Mil Vistas, ademais da vitoria no Rías Baixas, onde a volveu substituír López Castrillón), só puideron ser subcampións, debido á maior regularidade dos vencedores: Arturo Rial e Juan Carlos Arias.

Comezaron 1994 cun 5º posto no Rali Internacional Sopete en Póvoa de Varzim e logo centráronse no Campionato de España, correndo cun Ford Escort RS Cosworth, ao igual que o ano anterior, e conseguindo subir ao podio nas tres probas celebradas en Galicia. Correron tamén os rallys asturianos e remataron o campionato como campións do grupo N e quintos na clasificación absoluta.[23] Ao ano seguinte quedaron cuartos no Rali Sopete e alternaron o campionato español co galego, gañando no autonómico os rallys Botafumeiro, Narón e por sexta vez o de Ferrol.[24] Germán venceu tamén no Rías Baixas, onde Estrella se volveu ausentar, ao igual que faría nos seguintes anos. A pesar destes triunfos e do podio no San Froilán, non sumaron os puntos suficientes para lograr o campionato, que foi parar ás mans de Miguel Dopico e Álvaro Louro, sendo os Castrillón segundos.[25]

Terceiro títuloEditar

Na tempada 1996 venceron en Noia, Narón e Ferrol e tras o terceiro posto na última proba, o Rally da Coruña, proclamáronse campións galegos por terceira vez. Ademais quedaron quintos no Rali Sopete en Portugal. Na proba portuguesa quedaron sextos en 1997, nun ano no que disputaron poucas carreiras, por problemas cos vehículos. No Rally de Narón pilotaron un Subaru Impreza e quedaron segundos por detrás do Renault Maxi Clio de Javier Piñeiro,[26] que acabou gañando ese ano o campionato galego.

Tres novos títulosEditar

En 1998 correron cun Mitsubishi Lancer Evo IV, co que se proclamaron de novo campións galegos tras gañar en Noia, no Botafumeiro e Narón. Non puideron gañar na súa proba predilecta, o Rally de Ferrol, onde quedaron segundos por detrás do Peugeot 306 Maxi de Manolo Senra e Faustino Suárez, mesma posición que obtiveron no Albariño. Revalidaron o título na tempada seguinte, na que se produciu un novo duelo con Senra e Suárez, que remataron en segunda posición. Os Castrillón venceron en cinco rallys (Cocido, Narón, San Froilán, Ferrol e Noia), mentres que o equipo de Dumbría venceu no Botafumeiro e no Albariño e quedou segundo noutras tres probas.

Na tempada 2000 foron Senra e Suárez os que comezaron liderando tras gañar a primeira proba, o Rally do Cocido, mentres que os Castrillón remataron segundos, cun novo Mitsubishi Lancer Evo VI. A segunda proba foi o 13º Rally de Narón, onde o Mitsubishi non tivo rivais despois do abandono por avaría de Manuel Senra. Foi a súa quinta vitoria na proba naronesa e a terceira consecutiva.[27] No Botafumeiro a vitoria foi de novo para Senra-Suárez, con máis dun minuto de vantaxe sobre Germán e Estrella.[28] Venceron na cuarta proba, o Albariño, mentres que Senra foi descualificado por exceso de penalizacións.[29] No Rally de Ferrol repetiron a súa particular loita, sendo Senra e Suárez os vencedores, con só 11 segundos de vantaxe sobre Germán e Estrella Castrillón.[30] Impuxéronse na penúltima proba, un chuvioso Rally San Froilán, por diante de Sergio e Diego Vallejo, segundos, e Senra e Suárez, terceiros. Con esta vitoria proclamáronse por sexta vez campións de Galicia.[31]

Abandono do campionatoEditar

A tempada 2001 comezou de novo no Rally do Cocido e de novo con Manuel Senra e Faustino Suárez superando na proba lalinesa a Germán e Estrella Castrillón. O segundo rally do campionato foi o Rally de Noia. Os Castrillón lograron a vitoria na pista, facilitada pola roda picada de Senra que o atrasou ata a cuarta posición. Con todo, tras a chegada foron descualificados polos comisarios da carreira, pola falta dunha folla no carné de ruta de Estrella Castrillón, mentres que o portugués Filipe Araújo foi declarado vencedor. Isto provocou o seu enfado e fixo que abandonasen o campionato. Posteriormente, en setembro dese mesmo ano, o tribunal de apelación da Federación Galega de Automobilismo fallou a favor deles, e en 2004 a Audiencia provincial declarou a Germán e a Estrella Castrillón como vencedores de dito rally.[32]

Tras deixar o campionato autonómico quedaron segundos no Rally Villa de Tineo e disputaron ese ano probas do Campionato de España, subindo ao podio en terceira posición no Rally da Coruña e gañando o Rally San Froilán. En novembro correron o Rally de Ferrol, gañándoo por novena vez, tras superar a Julio Doce e Manuel Senra.[33]

Non volveron disputar o campionato galego, aínda que si correron algunha proba solta durante os seguintes dous anos. En febreiro do 2002 quedaron terceiros no Rali Casino da Póvoa portugués e en abril quintos no Rally do Bierzo, do campionato de Castela e León, mentres que en xuño correron o Rally de Ourense, rematando cuartos. En setembro disputaron o Rally de Ferrol, mantendo un novo duelo con Manuel Senra e Faustino Suárez até o último treito, ao que os Castrillón chegaron con cinco segundos de vantaxe que non conseguiron manter, quedando finalmente en segunda posición.[34] En outubro gañaron o seu quinto Rally San Froilán, por diante de Roberto Blach e Toño Villar.[35]

O 2003 foi o seu último ano de competición e comezárono gañando o Rally do Bierzo. A continuación disputaron o Rally Rías Baixas, no que Estrella non corría dende 1994, pero tiveron que abandonar por avaría. En xuño quedaron décimos no Rally de Ourense e en outubro gañaron o Rally San Froilán por sexta vez, estando acompañados no podio por Bamarti e Manuel Campos (segundos) e os irmáns Sergio e Diego Vallejo (terceiros).[36] O seu último rally foi o Rally de Ferrol de 2003, no que lograron a vitoria por décima vez.[37]

Outras actividadesEditar

Tras deixar de competir foi directiva da Escudería Ferrol, responsable de seguridade do Rally de Ferrol,[38] e sacou a licencia de comisario deportiva da Real Federación Española de Automobilismo, sendo nomeada en 2015 presidenta nacional dos Comisarios Deportivos.[39] Foi comisario do Campionato de España de Rallys de Terra e do Campionato de España de Rallys.[40] É copropietaria xunto a Germán Castrillón dunha empresa de venda de automóbiles e dunha administración de lotaría en Narón.[38][41]

En 2019 presentouse ás eleccións municipais de Narón, como número 6 da lista do Partido Popular, sendo elixida concelleira.[42][43]

NotasEditar

  1. "Gestión para unos pocos". La Opinión A Coruña (en castelán). 28 de decembro de 2008. Consultado o 11 de xuño de 2020. 
  2. "CAMPEONATO DE GALICIA DE RALLYES". La Voz de Galicia (en castelán). 27 de decembro de 1986. p. 9. 
  3. "El coruñés Carlos Piñeiro se proclamó campeón gallego de rallies". La Voz de Galicia (en castelán). 14 de decembro de 1987. p. 39. 
  4. "Clasificacións 1988" (PDF). RFEDA (en castelán). Consultado o 9 de xuño de 2020. 
  5. "Emocionante final en el Rally de Ferrol, con triunfo de Cleherc-Brun". La Voz de Galicia (en castelán). 5 de setembro de 1988. p. 41. 
  6. "Clasificación final Rías Baixas 1989". ewrc-results.com (en inglés). Consultado o 10 de xuño de 2020. 
  7. "Clasificación final San Froilán 1989". ewrc-results.com (en castelán). Consultado o 10 de xuño de 2020. 
  8. "El asturiano Alonso ganó el Rally San Froilán, confirmando su superioridad en la Copa de España". La Voz de Galicia (en castelán). 9 de outubro de 1989. p. 44. 
  9. "La Federación Gallega reconoce finalmente al piloto ferrolano Germán Castrillón como subcampeón de rallies". La Voz de Galicia (en castelán). 5 de febreiro de 1990. p. 39. 
  10. "Clasificación Rally Narón 1989" (PDF). Consultado o 10 de xuño de 2020. 
  11. "En Narón, triunfo de Caamaño y desgracia para Magdaleno. que pasó de ser segundo a ver su coche reducido a cenizas". La Voz de Galicia (en castelán). 29 de maio de 1989. p. 47. 
  12. "Antonio Garrido recurre contra la adjudicación a Castrillón del campeonato gallego de rallies". La Voz de Galicia (en castelán). 5 de febreiro de 1991. p. 40. 
  13. "Clasificacións nacionais 1990" (PDF). RFEDA. Consultado o 10 de xuño de 2020. 
  14. "Rial aprovechó un error de Castrillón en el Rally de Ferrol". La Voz de Galicia (en castelán). 8 de xullo de 1991. p. 27. 
  15. "«Culebras» salió victorioso de su lucha contra Villanueva y de la amenaza de una penalización". La Voz de Galicia (en castelán). 29 de xullo de 1991. p. 27. 
  16. Arévalo, Fernando (2 de decembro de 1991). "Los Castrillón, inalcanzables en "su" rally". La Voz de Galicia (en castelán). p. 42. 
  17. Arévalo, Fernando (27 de abril de 1992). "Castrillón manda ya en el campeonato gallego". La Voz de Galicia (en castelán). p. 36. 
  18. "Castrillón venció en Ferrol y se afianza en el liderato del Campeonato Gallego". La Voz de Galicia (en castelán). 6 de xullo de 1992. p. 27. 
  19. "Castrillón apretó en la noche y ganó el Rally Ciudad de la Coruña". La Voz de Galicia (en castelán). 7 de setembro de 1992. p. 49. 
  20. Arévalo, Fernando (30 de marzo de 1992). "El triunfo de Senra en el Rally do Albariño hace prever un Campeonato Gallego muy disputado". La Voz de Galicia (en castelán). 
  21. "Una reclamación contra Castrillón otorga a Manuel Senra el triunfo en el Ralli do Lacón". La Voz de Galicia (en castelán). 15de xuño de 1992. p. 34. 
  22. "Castrillón, sin rival en el Rías Baixas". La Voz de Galicia (en castelán). 10 de agosto de 1992. p. 27. 
  23. "Clasificacións nacionais 1994" (PDF). RFEDA (en castelán). Consultado o 10 de xuño de 2020. 
  24. "Germán Castrillón, con el gallego ya decidido, sin rival en el Rally de Ferrol". La Voz de Galicia (en castelán). 3 de decembro de 1995. p. 56. 
  25. Arévalo, F. (19 de novembro de 1995). "Martínez Conde se quedó sin rivales". La Voz de Galicia (en castelán). p. 60. 
  26. "Clasificación Rally Narón 1997" (PDF). Consultado o 11 de xuño de 2020. 
  27. "Germán y Estrella Castrillón ganan el Rally de Narón". La Voz de Galicia (en castelán). 7 de maio de 2000. p. 63. 
  28. "Rali do Botafumeiro: Manuel Senra repitió el éxito de la pasada edición". La Voz de Galicia (en castelán). 28 de maio de 2000. p. 60. 
  29. "Germán Castrillón ganó el rallie del Albariño". La Voz de Galicia (en castelán). 27 de agosto de 2000. p. 47. 
  30. "Senra gana el Rally de Ferrol y apunta al título Gallego". La Voz de Galicia (en castelán). 24 de setembro de 2000. p. 48. 
  31. Abuín, Miguel (15 de outubro de 2000). "Castrillón repitió triunfo". La Voz de Galicia (en castelán). 
  32. Silva, Toni (10 de novembro de 2004). "El juez da a Castrillón el triunfo del Rally de Noia del 2001" (en castelán). Consultado o 11 de xuño de 2020. 
  33. "Germán y Estrella Castrillón dominan el Rally de Ferrol". La Voz de Galicia (en castelán). 11 de novembro de 2001. p. 43. 
  34. "El rally fue para Manolo Senra". La Voz de Galicia (en castelán). 21 de setembro de 2002. Consultado o 11 de xuño de 2020. 
  35. "Castrillón consigue su cuarto en el rally San Froilán". La Voz de Galicia (en castelán). 27 de outubro de 2002. p. 44. 
  36. Abuín, Miguel (19 de outubro de 2003). "castrillon impone por quinto año seguido su poder en Lugo". La Voz de Galicia (en castelán). p. 49. 
  37. "Germán Castrillón vuelve a ganar el Rally de Ferrol". La Voz de Galicia (en castelán). 3 de novembro de 2003. p. 43. 
  38. 38,0 38,1 "«En el coche te entiendes sin hablar»". La Voz de Galicia (en castelán). 12 de maio de 2014. Consultado o 11 de xuño de 2020. 
  39. "Estrella Castrillón fue nombrada Presidenta Nacional de los Comisarios Deportivos". La Voz de Galicia (en castelán). 19 de febreiro de 2015. Consultado o 11 de xuño de 2020. 
  40. "Estrella Castrillón: “Creo que si queremos igualdad debemos mantenerla, no hacer un trofeo masculino y otro femenino”". Diario de Ferrol (en castelán). 26 de xullo de 2019. Consultado o 11 de xuño de 2020. 
  41. "En Narón, la administración de loterías de Estrella Castrillón vendió varios décimos del primer premio de la Lotería Nacional" (en castelán). 12 de maio de 2018. Consultado o 11 de xuño de 2020. 
  42. "El PP naronés dio a conocer su candidatura a las municipales del mes de mayo" (en castelán). 24 de abril de 2019. Consultado o 11 de xuño de 2020. 
  43. "Concelleiros de Narón". www.naron.es. Consultado o 11 de xuño de 2020. 

Véxase taménEditar

Outros artigosEditar