Portal:Música clásica/Biografía destacada/arquivo
Aquí están todas as biografías destacadas no portal Música clásica:
1
editarJohann Sebastian Bach (en alemán /joˈhan/ ou /ˈjoːhan zeˈbastjan ˈbax/), nado en Eisenach (actualmente en Turinxia, Alemaña; daquela pertencente ao Sacro Imperio Romano Xermánico) o 31 de marzo de 1685 e finado en Leipzig o 28 de xullo de 1750, foi un músico e compositor do período Barroco da música clásica. Considérase un dos compositores máis grandes e influíntes da historia da música. Moitas das súas obras reflicten unha gran profundidade intelectual, expresión emocional e, sobre todo, altísimo dominio técnico. Bach considerábase a si mesmo un artesán consciente de que realizaba unha tarefa o mellor que a súa capacidade lle permitía, para a satisfacción dos seus superiores, para pracer e edificación dos seus semellantes, e para a gloria de Deus.
Bach encabezou unha gran familia numerosa. Tivo 7 fillos do seu primeiro matrimonio e 13 do segundo. Tres dos fillos que tivo coa súa segunda esposa convertéronse en compositores respectados por dereito propio. Entre eles cóntanse Wilhelm Friedemann Bach (1710-1784), Carl Philipp Emanuel Bach (1714-1788, de quen Mozart tiña unha moi boa opinión) e Johann Christian Bach (1735-1782). Porén, a confianza que Bach puxo nun dos seus fillos maiores tivo tristes consecuencias despois do seu falecemento. O fillo perdeu para sempre varias Paixóns compostas polo seu pai (que quizais agora serían tan apreciadas como a Matthäus-Passion e a Johannes-Passion). Se non fose polo coidado que tivo Carl Philipp Emanuel en conservar os manuscritos do seu pai, poderían terse perdido unha boa parte das obras mestras de Bach.
Na época da súa vellez, cando a xente se refería a Bach facíao pensando no seu famoso fillo Carl Philipp. Nas xeracións que seguiron a Bach, soamente os compositores e músicos coñecían a súa obra. Así, por exemplo, Haydn, Mozart e Beethoven tiveron un grande aprecio pola obra de Bach.
2
editarRebecca Clarke, nada o 27 de agosto de 1886 en Londres (Inglaterra) e finada o 27 de agosto de 1979 na cidade de Nova York (Estados Unidos) foi unha compositora e violista coñecida especialmente pola súa produción camerística para viola. Nada no borough londiniense de Harrow, estudou na Royal Academy of Music e no Royal College of Music de Londres, posteriormente converteuse nunha das primeiras mulleres en tocar en orquestras profesionais. Sorprendida polo inicio da Segunda Guerra Mundial nos Estados Unidos, estableceuse de xeito permanente na cidade de Nova York e casou co compositor e pianista James Friskin en 1944. Clarke morreu na súa casa de Nova York aos 93 anos de idade.
Aínda que Clarke escribiu pouco, en parte polas súas ideas sobre o rol da muller compositora, a súa obra foi recoñecida pola súa mestría. A maioría das súas obras aínda non foron publicadas (ou foron publicadas recentemente), e foron esquecidas durante moito tempo despois de que deixara de compoñer. O estudo e o interese nas súas composicións reviviu en 1976. A Rebecca Clarke Society creouse no ano 2000 para promover o estudo e a interpretación da súa música.
3
editarManuel Quiroga Losada, nado en Pontevedra o 15 de abril de 1892 e finado na mesma vila o 19 de abril de 1961, foi un reputado violinista, compositor e debuxante galego, posiblemente o músico galego que acadou maior renome internacional, sendo considerado un dos violinistas máis importantes do seu tempo. Foi anunciado en numerosas ocasión por parte dos críticos como "o mellor sucesor de Pablo Sarasate", e ás veces é referido como "o herdeiro espiritual de Sarasate".
Os grandes violinistas da súa época - Eugène Ysaÿe, Fritz Kreisler, George Enescu, Mischa Elman e Jascha Heifetz - así como compositores como Igor Stravinskii e Jean Sibelius, tiñan a arte de Quiroga en gran consideración. Guilhermina Suggia, a violonchelista portuguesa (e unha vez compañeira de Pau Casals), describiu a súa interpretación de Il trillo del diavolo de Giuseppe Tartini como "marabillosa e impecable".
Como compositor, Manuel Quiroga realizou numerosas pezas breves para violín, así como estudios e caprichos, transcricións e cadencias para algúns dos concertos máis destacables para violín, como o de Beethoven, Brahms ou Mozart (entre eles os números 3, 4, 5)
4
editarKathleen Mary Ferrier, CBE, nada en Blackburn (Inglaterra) o 22 de abril de 1912 e finada en Londres o 8 de outubro de 1953, foi unha contralto británica. Acadou reputación internacional como cantante escénica, de concerto, así como polas súas gravacións, cun repertorio que se estendía dende a canción tradicional e as baladas populares ata as obras clásicas de Bach, Brahms, Mahler e Elgar. A súa morte por cancro, no momento álxido da súa carreira, causou un forte impacto no mundo musical e especialmente no público, que non coñeceu a natureza da súa enfermidade ata despois da súa morte. Foi especialmente coñecida no Reino Unido pola súa gravación da canción tradicional de Northumbria Blow the Wind Southerly, que foi emitida frecuentemente na BBC Radio durante moitos anos despois da súa morte.
Filla dun mestre de escola dunha pequena vila de Lancashire, Ferrier amosou axiña talento como pianista e gañou numerosos concursos de piano a nivel afeccionado mentres traballaba como telefonista na General Post Office. Non comezou a adicarse en serio á canción ata 1937, cando despois de gañar un concurso de canto no Festival de Carlisle comezou a recibir ofertas para cantar profesionalmente. En 1942 a súa carreira colleu pulo logo de coñecer ao director Malcolm Sargent, quen a recomendou á influínte axencia de representación Ibbs and Tillett. Converteuse nunha intérprete habitual nas principais salas de Londres e das provincias, e realizou numerosas emisións radiofónicas coa BBC. Deuse a coñecer internacionalmente polas súas tres xiras polos Estados Unidos de América entre 1948 e 1950 e polas súas numerosas visitas á Europa continental.
5
editarWilhelm Richard Wagner, coñecido simplemente como Richard Wagner, nado en Leipzig o 22 de maio de 1813 e finado en Venecia o 13 de febreiro de 1883, foi un compositor, director de orquestra, poeta, ensaísta, dramaturgo e teórico musical alemán do Romanticismo. Wagner é coñecido principalmente polas súas óperas (se ben as súas derradeiras composicións escénicas foron denominadas por el mesmo polo nome "drama musical"), asumindo, á diferenza da meirande parte dos compositores de ópera, a elaboración da música, do libreto e da escenografía das mesmas.
Transformou o pensamento musical coa idea da «obra de arte total» (en alemán Gesamtkunstwerk), a síntese de todas as artes poéticas, visuais, musicais e escénicas, que desenvolveu nunha serie de ensaios entre 1849 e 1852, e que plasmou na primeira metade da súa monumental tetraloxía Der Ring des Nibelungen. Con todo, as súas ideas sobre a relación entre a música e o teatro mudaron de novo e reintroduciu algunhas formas operísticas tradicionais nas obras da súa última etapa, como en Die Meistersinger von Nürnberg.
A súa ópera Tristan und Isolde é ás veces descrita como punto de inicio da música contemporánea. A influencia de Wagner estendeuse tamén á filosofía, á literatura, ás artes visuais e o teatro. Os puntos de vista de Wagner sobre a dirección orquestral tamén foron moi influentes. Escribiu amplamente sobre música, teatro e política, obras que teñen sido obxecto de debate nas últimas décadas, especialmente algunhas de contido antisemita e pola súa suposta influencia sobre Adolf Hitler e o nazismo.
6
editarJane Marian Joseph, nada o 31 de maio de 1894 en Londres (Inglaterra) e finada na mesma cidade o 9 de marzo de 1929, foi unha compositora, arranxadora e profesora de música inglesa. Foi alumna e posteriormente compositora asociada de Gustav Holst, e estivo estreitamente implicada na organización e a xestión de varios festivais de música que Holst patrocinou. Moitas das súas obras foron compostas para ser interpretadas nestes festivais e en ocasións similares. A súa morte prematura, que impediu a plena realización do seu talento, foi considerada polos seus contemporáneos como unha perda considerable para a música inglesa.
Holst foi o primeiro en observar o potencial de Joseph cando estaba a ensinarlle composición na St Paul's Girls' School. Comezou a actuar como a súa copista en 1914, cando estaba a compoñer The Planets, a súa especial responsabilidade era a preparación da partitura do movemento "Neptune". Continuou a asistir a Holst con transcricións, arranxos e traducións, e foi a súa libretista para o ballet coral The Golden Goose.
A maioría da obra musical de Joseph nunca foi publicada e perdeuse. Das súas obras publicadas, dúas das súas primeiras pequenas pezas para orquestra, Morris Dance e Bergamask conseguiron eloxios considerables por parte da crítica, aínda que nunca chegaron a formar parte do repertorio orquestral habitual. Dúas obras corais, A Festival Venite e A Hymn for Whitsuntide foron admiradas durante a súa vida, mais raras veces foron interpretadas dende aquela. A súa panxoliña "A Little Childe There is Ibore" foi considerada por Holst como unha das mellores no seu xénero. Nas oito décadas posteriores á súa morte non se realizaron gravacións comerciais da música de Joseph, mais houbo interpretacións radiofónicas ocasionais.
7
editarClaudio Abbado, nado en Milán o 26 de xuño de 1933 e finado en Boloña o 20 de xaneiro de 2014, foi un director de orquestra italiano. En 2013 foi nomeado senador vitalicio no Senado de Italia. Abbado estivo á fronte de catro das institucións máis importantes da música europea, o Teatro alla Scala de Milán, a London Symphony Orchestra, a Wiener Staatsoper, e a Berliner Philharmoniker. O seu interese por formar e achegar a música clásica á xente nova materializouse en proxectos como a European Union Youth Orchestra en 1978 ou a Gustav Mahler Jugendorchester en 1986. Abbado destacou tamén pola difusión da música contemporánea, especialmente do compositor italiano Luigi Nono, de quen estreou varias obras.
O seu traballo discográfico abrangue todo o gran repertorio, tanto sinfónico como operístico, dos séculos XIX e XX. Realizou gravacións dos ciclos sinfónicos máis importantes: sinfonías e música coral de Johannes Brahms, sinfonías de Gustav Mahler, Petr Ilich Chaikovskii, Sergei Prokofiev, Modest Musorgskii, Antonín Dvořák e Wolfgang Amadeus Mozart. No que respecta ao repertorio operístico, Abbado realizou gravacións de grande éxito, especialmente das óperas de Rossini La Cenerentola e Le nozze di Figaro, e sobre todo a súa gravación de Carmen protagonizada por Teresa Berganza e Plácido Domingo.
Abbado foi considerado por moitos, xunto con Riccardo Muti, un dos sucesores da tradición italiana encarnada por Arturo Toscanini e Victor de Sabata.
8
editarPrudencia Eugenia Juana Osterberger Luard, coñecida simplemente como Eugenia Osterberger, nada en Santiago de Compostela o 20 de decembro de 1852 e finada en Niza o 8 de febreiro de 1932, foi unha compositora galega do romanticismo. Filla dunha coruñesa e un gravador e litógrafo alsaciano, Eugenia Osterberger pronto amosou interese pola música, aprendendo dende nena a tocar o piano. Anos despois do seu regreso de formarse en Francia casou co enxeñeiro francés Francisco Saunier e instalouse na cidade da Coruña. Na cidade herculina Osterberger mantivo relación non só con destacadas personalidades da música galega do seu tempo, senón tamén da literatura, como Emilia Pardo Bazán, integrándose na sociedade El Folk-Lore Gallego, que presidía a propia Emilia. Polas súas achegas no campo da música foi nomeada membro correspondente da Real Academia Galega cando esta se fundou en 1906. En 1908 trasladouse coa súa familia á cidade de Niza, onde residiu ata a súa morte.
A súa obra, en boa parte descoñecida, foi publicada pola editorial de Canuto Berea na Coruña (editando obras puramente instrumentais), F. Laurens en París e as editoriais de Benito Zozaya e Casa Dotesio en Madrid. As poucas obras coñecidas da compositora compostelá inclúen obras para piano só e cancións de salón para voz e piano. Ademais de destacar a súa produción musical, Eugenia Osterberger participou en diversas iniciativas de dignificación da cultura galega.
Canto menos durante os anos que residiu na Coruña cómpre salientar tamén a súa actividade pedagóxica, contándose entre as súas alumnas Pilar Castillo, quen logo sería unha pianista recoñecida internacionalmente e que posiblemente ocupou a cátedra de piano en Madrid.
9
editarGustav Mahler, nado en Kaliště, Bohemia (actualmente República Checa) o 7 de xullo de 1860 e finado en Viena o 18 de maio de 1911, foi un compositor e director de orquestra bohemio-austríaco. As súas composicións atópanse entre as obras máis importantes do Posromanticismo.
Nas primeiras décadas do século XX, Gustav Mahler era considerado un dos máis importantes directores de orquestra e de ópera do seu momento. Logo de graduarse no Conservatorio de Viena en 1878, foi sucesivamente director de varias orquestras cada vez máis importantes en diversos teatros de ópera europeos, chegando en 1897 á que daquela era considerada a máis notable, a dirección da Ópera da Corte de Viena (Hofoper). Durante os seus 10 anos na capital austríaca, Mahler —xudeu converso ao catolicismo para asegurarse o seu posto— sufriu a oposición e hostilidade da prensa antisemita. Porén, grazas ás súas innovadoras producións e á insistencia nos máis altos niveis de representación gañou o recoñecemento como un dos máis grandes directores de ópera. Posteriormente, foi director da Metropolitan Opera e da New York Philharmonic Orchestra.
Como compositor centrou os seus esforzos na forma sinfónica e no lied. A Segunda, Terceira, Cuarta e Oitava sinfonías e Das Lied von der Erde (A canción da Terra) conxugaron nas súas partituras ambos xéneros. Introduciu elementos de diferente procedencia como melodías folclóricas, marchas, fanfarras militares, mediante un uso persoal do acorde, entrecortando ou alongando inusitadamente as liñas melódicas, acoplados ou xustapostos no interior do marco formal que absorbeu da tradición clásica vienesa. As súas obras sinfónicas adquiriron excesivas proporcións e incluíu harmonías disonantes que superan o cromatismo empregado por Wagner na súa ópera Tristan und Isolde.
10
editarCarolina Casanova Rodríguez, máis coñecida como Carolina Casanova de Cepeda ou simplemente como «La Cepeda», nada o 10 de xaneiro de 1847 no ferrolán barrio de Esteiro e finada en Madrid o 8 de febreiro de 1910, foi unha soprano galega, considerada como unha das mellores sopranos da segunda metade do século XIX. Foi unha das primeiras sopranos españolas en acadar renome en Europa.
Ao longo da súa carreira Carolina Casanova actuou nalgúns dos teatros de ópera máis prestixiosos do mundo, como o Teatro alla Scala de Milán, o Teatro San Carlo de Nápoles, ou a Royal Opera House de Londres, tendo realizado estreas mundiais como a de Il mercadante di Venezia de Ciro Pinsuti. Logo de deixar a súa carreira concertística exerceu como profesora na Escola Nacional de Música e Declamación (actualmente denominado Real Conservatorio Superior de Música de Madrid), onde formaría a futuras personalidades importantes do mundo da ópera española.
No momento da súa morte, durante as festividades do Entroido, o Conservatorio abriu as súas portas para que alumnado e profesorado do centro puideran darlle a última homenaxe, e algúns xornais cualificaron a súa como «unha perda irreparable» para a arte española.
11
editarJohan Julius Christian Sibelius, máis coñecido como Jean Sibelius, nado en Hämeenlinna o 8 de decembro de 1865 e finado en Järvenpää o 20 de setembro de 1957, foi un compositor finlandés do Romanticismo tardío, sendo o compositor máis famoso do país.
Trátase dun dos máis populares compositores de finais do século XIX e principios do século XX. A súa música, como o poema sinfónico Finlandia, a Suite Karelia, o Concerto para violín en Re menor ou a Suite Lemminkäinen, xunto co seu xenio xogaron un importante papel na formación da identidade nacional finlandesa, sendo xunto con Johan Ludvig Runeberg, un dos finlandeses que simbolizan este nacemento a pesar de seren suecofalantes. Sibelius converteuse non só no símbolo da música finlandesa, senón tamén de todo o país, e a súa música acadou un nivel de universalidade equiparable ao dos máis grandes espíritos da música occidental.
12
editarImogen Clare Holst CBE, nada o 12 de abril de 1907 en Richmond, Surrey (Reino Unido) e finada o 9 de marzo de 1984 en Aldeburgh, Suffolk (Reino Unido), foi unha compositora, arranxista, directora de orquestra, profesora e administradora de festivais británica. Única filla do compositor británico Gustav Holst, é especialmente coñecida polo seu traballo educativo no Dartington Hall na década de 1940, e polos seus 20 anos como directora artística adxunta do Festival de Aldeburgh. Amais de compoñer música, escribiu biografías de compositores, elaborou numeroso material didáctico, e varios libros sobre a vida e a obra de seu pai.
Dende moi nova, Imogen Holst mostrou un talento precoz na composición e a interpretación. Logo de asistir á Eothen School e á St Paul's Girls' School, ingresou no Royal College of Music, onde desenvolveu as súas habilidades como directora de orquestra e gañou varios premios de composición. Incapaz por motivos de saúde de seguir as súas ambicións iniciais de ser pianista ou bailarina, Imogen pasou a maior parte da década de 1930 ensinando, e como organizadora a tempo completo da English Folk Dance and Song Society. Estes deberes reduciron as súas actividades compositivas, aínda que fixo moitos arranxos de pezas populares. Logo de exercer como organizadora do Consello para o Fomento da Música e as Artes ao inicio da segunda guerra mundial, en 1942 comezou traballar en Dartington. Nos seus nove anos alí fixo de Dartington un centro importante de educación e actividade musical.
A principios da década de 1950 Imogen converteuse na asistente musical de Benjamin Britten, trasladouse a Aldeburgh, e comezou a axudar coa organización do festival anual de Aldeburgh. En 1956 converteuse na directora artística do festival, e durante os seguintes 20 anos axudouno a acadar unha posición preeminente na vida musical británica. En 1964 renunciou como asistente de Britten para retomar a súa propia carreira como compositora e concentrarse na preservación do legado musical de seu pai.
13
editarJosé Ventura Eduardo Gregorio Valdomir (sic) ou Xosé Baldomir Rodríguez, máis coñecido como Xosé Baldomir, nado na Coruña o 26 de novembro de 1865 e finado na mesma cidade o 1 de febreiro de 1947, foi un compositor, pianista, director coral e profesor que desenvolveu case todo o seu labor na súa cidade natal. Entre a súa obra, cunha importante influencia da música popular, salientan as súas melodías galegas, xénero iniciado por un dos seus mestres, Marcial del Adalid, e que Baldomir levou ao máximo nivel artístico, acadando no seu tempo difusión universal con obras que permaneceron na memoria colectiva.
Ademais de como compositor, Baldomir destacou tamén como director de corais, estando á fronte de agrupacións como o Orfeón Brigantino ou a Coral Polifónica El Eco, tendo realizado con esta última numerosas e exitosas xiras por España e o resto do mundo.
Foi nomeado académico da Real Academia Provincial Coruñesa de Belas Artes (1905), da Real Academia de Belas Artes de San Fernando en Madrid (1922) e numerario da Real Academia Galega (1941), na que permaneceu ata a súa morte en 1947. Tamén participou en institucións galeguistas como as Irmandades da Fala, nas que ingresou no seu inicio en 1916. Baldomir colaborou tamén na recompilación dos Cantos y Bailes Populares de España e de El Cancionero Musical Popular Español de José Inzenga e Felip Pedrell, respectivamente.
Interveu en varios tribunais de oposicións e presidiu o xurado de certames musicais para orfeóns, bandas e coros galegos. Foi director das orquestras do "Liceo del Brigantino", da orquestra da sociedade "Bretón de los Herreros" e dos coros e orquestra das Fillas de María. En 1906 foi invitado a dar un recital no Ateneo de Madrid e tamén realizou unha xira por España, Francia e Portugal.