José Inzenga
José Inzenga y Castellanos, nado en Madrid o 3 de xuño de 1828 e finado na mesma cidade o 28 de xuño de 1891, foi un compositor musical español de zarzuela, considerado como un dos pioneiros da zarzuela moderna.
Nome orixinal | (es) José Inzenga y Castellanos |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 3 de xuño de 1828 Madrid, España |
Morte | 28 de xuño de 1891 (63 anos) Madrid, España |
Educación | Real Conservatorio Superior de Música de Madrid |
Actividade | |
Ocupación | compositor, pianista |
Xénero artístico | Zarzuela |
Alumnos | Matilde Franco (pt) |
Descrito pola fonte | Riemann's Music Dictionary (en) |
Traxectoria
editarFoi fillo de Ángel Ynzenga, mestre e compositor de orixe siciliana, e de Felicia Castellanos. As primeiras leccións de solfexo as recibe do seu pai. Posteriormente estudou piano e composición con Pedro Albéniz. Posto que destacaba polo seu talento musical, recibe unha bolsa do Duque de Osuna, Mariano Téllez Girón, para continuar os seus estudos en París, onde se trasladou no ano 1842. Ingresou no Conservatorio de París como interno, por recomendación do entón embaixador español Francisco Martínez de la Rosa. Na capital de Francia fixo amizade con Daniel Auber, que influiría no estilo da primeira vaga de compositores de zarzuela decimonónica, todos cun estilo e pretensións moi próximas a opera cómica francesa, da que Auber era un dos máximos expoñentes. Xustamente, grazas a Auber, conseguiu o posto de mestre acompañante da Opéra Comique de xeito interino durante un ano. No ano 1846 obtivo dúas medallas de prata (piano e harmonía) no conservatorio. Tamén gañouse a vida facendo de pianista nalgunha famosa tertulia.
A Revolución de 1848 precipitou a súa volta a España. Nada máis volver, presentou algunhas pezas de salón, marchas militares e obras orquestrais, entre as que destaca unha sinfonía, que foi estreada por Baltasar Saldoni coa orquestra do Teatro Español. A primeira zarzuela que esteou, con grande éxito, foi El campamento (1851) no Teatro del Circo de Madrid. Participou como socio, xunto cos compositores Barbieri, Oudrid, Hernando, Gaztconide, o libretista Luis de Olona e o actor Francisco Salas na construción da Societat Artística creada para exportar comercialmente o novo xénero. Anos despois, Inzenga vai abandonar a sociedade por non poder achegar os fondos requiridos.
A carreira de Inzenga foi menos brillante que a dos seus colegas da refundición da zarzuela. A pesar de ser un músico con talento e boa preparación, non posuía o carácter necesario para triunfar no teatro. A súa música non vai ter o vigor e o sabor popular que caracterizaría as obras que transcenderon a época e que se transformarían en clásicos do xénero.
Foi considerado un excelente profesor de canto, materia que impartiu no Conservatorio de Madrid. Tamén foi académico de número da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando e cofundador da Gazeta Musical (1855)
Publicacións
editarNo ano 1857 recibiu a encomenda do Ministerio de Gobernación de realizar unha escolma de cantos e bailes de España. Os materiais apareceron en 1873 na publicación El Telegrama co título de Ecos de España, da que anos máis tarde Nikolai Rimskii-Korsakov escolmou materiais para a composición do seu Capricho español. Tamén recolleu en catro entregas cantos folclóricos de Galicia, Valencia, Murcia e Cataluña, quedando esta última parte inconclusa. Escribiu un manual co título Algunos apuntes sobre el arte de tocar piano (1870), un estudo sobre a música relixiosa católica e o libro autobiográfico Impresiones de un artista en Italia. En 1888 publicou Cantos y bailes populares de España.[1]
Obras
editar(Lista non exhaustiva)
- 1851 El campamento - zarzuela en 1 acto - libreto: Luis de Olona
- 1851 El castillo encantado - zarzuela en 3 actos - en colaboración con Cristóbal Oudrid - libreto: Emilio Bravo
- 1852 El secreto de la Reina - zarzuela en 3 actos - en colaboración con Joaquín Gaztconide e Rafael Hernando - libreto: Luis de Olona
- 1852 El amor por los balcones- zarzuela en 1 acto - libreto: Ramón de Navarrete
- 1852 Don Simplicio Bobadilla - en colaboración con Joaquín Gaztconide, Francisco Asenjo Barbieri e Rafael Hernando - libreto: Manuel e Victoriano Tamayo y Baus
- 1852 La flor del Zurguén - zarzuela en 1 acto - libreto: Luis Montes
- 1854 El alma de Cecilia - zarzuela en 3 actos - libreto: Antonio Arnao
- 1857 La roca negra - zarzuela en 3 actos - en colaboración con Mariano Vázquez
- 1862 ¡Si yo fuera rey! - zarzuela en 3 actos - libreto: Mariano Pina e Miguel Pastorfido
- 1862 Un trono y un desengaño - en colaboración con Emilio Arrieta e Antonio Reparaz - libreto: Mariano Pina
- 1863 Galán de noche - zarzuela en 2 actos - libreto: Antonio García Gutiérrez
- 1864 Batalla de amor
- 1866 Cubiertos a cuatro reales - libreto: Manuel Ossorio y Bernad
- 1877 A casarse tocan
Notas
editarVéxase tamén
editarBibliografía
editar- Inzenga, José (2004). do Pico Orjais, José Luis, ed. Cantos e Bailes da Galiza. Ourense: Difusora de Letras, Artes e Ideas. ISBN 84-933890-1-3.
- Gómez Amat, Carlos (1984). Historia de la Música Española. Siglo XIX. Alianza Música (en castelán). Madrid: Alianza Editorial. ISBN 84-206-8505-4.
- Cotarelo y Mori, Emilio (2003). Historia de la Zarzuela (en castelán). Madrid: Instituto Complutense de Ciencias Musicales.
- Alier i Aixalà, Roger (2002). La zarzuela (en castelán). Barcelona: Robinbook. ISBN 84-95601-54-0.