Melodía galega

xénero musical

A melodía galega é un xénero musical desenvolvido principalmente por compositores galegos entre a última década do século XIX e os primeiros anos do século XX. Adoita considerarse ao coruñés Marcial del Adalid como iniciador do xénero.

Denominación

editar

Segundo María Pilar Alén, a finais do século XIX e os principios do XX empregáronse termos como "Melodía", "Balada", "Cantiga", "Cántiga", "Romanza", entre outros para referirse a pezas cunhas características similares aínda que con pequenas diferenzas de matiz. Xoán M. Carreira con todo discorda deste punto de vista, xa que considera que cada unha das denominacións refírese a un xénero distinto e derivarían de distintos xéneros foráneos: a "melodía galega" derivaría da mélodie française, a "romanza galega" proviría da "romanza italiana", etc. O termo máis empregado na prensa galega da época foi, con todo, "melodías galegas".[1]

Características

editar

As melodías galegas eran pezas breves con textos en galego de destacados escritores do Rexurdimento como Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez ou Eduardo Pondal entre outros, que adoitan presentar temáticas relacionadas coa realidade galega.[2] Ricardo Carvalho Calero na súa Historia da literatura galega contemporánea 1808-1936 fala do xénero sen nomealo explicitamente, relacionando a importancia dos compositores galegos coa difusión da súa obra poética:

... as melodías dos mestres diste tempo deron nova vida ás rimas dos poetas e difundiron poderosamente a súa obra.

Ricardo Carvalho Calero[3]

Historia

editar
 
Marcial del Adalid é considerado o iniciador do xénero da balada galega.

Considérase a Marcial del Adalid (1826-1881) como o pai da melodía galega. Del Adalid, quen compuxera case un cento de mélodies françaises no estilo de Charles Gounod, concibiu un xeito para adaptar o sistema prosódico francés ao galego en 1875. Dous anos despois publicou o primeiro caderno da colección Cantares viejos y nuevos de Galicia, e que se publicaría ata a morte do compositor coruñés, completando un total de 26 cancións, entre as que figuraban 15 composicións orixinais ("cantares nuevos") e nove harmonizacións de melodías tradicionais ("cantares viejos").[4] Xoán M. Carreira sinala:[5]

Os cantares de Adalid tiveron unha enorme influencia sobre os compositores galegos mozos que os tomaron como modelos das súas cancións, ás que denominaron melodías gallegas, dando lugar a unha variante da mélodie française cuxa tradición se mantivo ata os nosos días nas cancións galegas de compositores tan populares como Amancio Prada, Juan Pardo ou Prudencio Romo.

Foi a Xosé Baldomir a quen se lle debe o maior desenvolvemento artístico das melodías galegas, que acadaron con el difusión universal, converténdose no máximo expoñente do xénero.[6]

Pola prensa da época sábese que foron composicións moi populares que non só se interpretaban en Galicia, senón tamén en lugares como Madrid, onde segundo sinalaba a Revista Gallega existía unha verdadeira "febre" por elas.[1]

Un labor importante na difusión e conservación do xénero correspondeu a Canuto Berea. O compositor coruñés, ademais de ter escrito unha serie de melodías galegas, era tamén editor musical e rexentaba unha tenda de música, o "Almacén de Música", situado na Rúa Real da cidade herculina. A el acudían compositores de toda a xeografía galega para que editara as súas composicións ou levábanlle as súas obras xa impresas para que el as vendera no "Almacén".[1]

  1. 1,0 1,1 1,2 Romaní Martínez & Novoa Gómez 2002, p. 377.
  2. Romaní Martínez & Novoa Gómez 2002, p. 376.
  3. Carvalho Calero, Ricardo (1981). Historia da literatura galega contemporánea 1808-1936 (3 ed.). Vigo: Galaxia. p. 142. ISBN 84-7154-391-5. 
  4. Carreira, Xoan M. (29 de abril de 2002). "La canción gallega de Ravel" (en castelán). mundoclasico.com. Consultado o 19 de abril de 2020. 
  5. Carreira, Xoan M. (1998). "Melodía galega na Belle Époque. Un proxecto en marcha: do sentimentalismo ó realismo". Grial (138): 423–426. 
  6. Viso Soto 2018, p. 153.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar