Medio dólar do tricentenario hugonote-valón
Medio dólar do tricentenario hugonote-valón [1][2][3] | |
---|---|
A/: Bustos acaroados do almirante Coligny e Guillerme I de Orange-Nassau.
Lendas: UNITED · STATES · OF · AMERICA / IN GOD WE TRUST / COLIGNY · WILLIAM · THE · SILENT / HUGUENOT · HALF · DOLLAR |
R/: O veleiro Nieuw Netherlandt navegando no río Hudson.
Lendas: HUGUENOT-WALLON · TERCENTENARY / 1624 1924 / FOUNDING · OF · NEW-NETHERLAND |
|
O medio dólar do tricentenario hugonote-valón é unha moeda de prata dese valor facial emitida pola Casa da Moeda dos Estados Unidos e cuñada na Ceca de Filadelfia en 1924, en conmemoración do 300º aniversario da viaxe do buque Nieuw Nederlandt, que chegou á zona do actual Nova York en 1624. Moitos dos pasaxeiros eran hugonotes franceses e cidadáns valóns, e convertéronse nos primeiros colonos do actual estado de Nova York e os seus arredores.
Unha comisión dirixida polo Consello Federal de Igrexas de América solicitou a emisión dunha moeda de medio dólar conmemorativas dese aniversario, coa intención de comercializala logo por un dólar e obter así uns ingresos que se destinarían aos actos conmemorativos. O proxecto de lei foi aprobado polo Congreso sen oposición en 1923 e foi asinado polo presidente Warren G. Harding. O presidente desa comisión, o reverendo John Baer Stoudt, preparou os esbozos, que foron transformados en modelos de xeso polo gravador xefe da Casa da Moeda, George T. Morgan. Os modelos foron rexeitados inicialmente pola Comisión de Belas Artes dos Estados Unidos, que exixiu revisións baixo a supervisión James Earle Fraser, afamado deseñador da moeda de 5 centavos Buffalo.
Das 300.000 moedas autorizadas polo Congreso, cuñáronse menos da metade, e destas a comisión acabou devolvendo 55.000 á casa da moeda, ao non ser quen de vendelas, e foron postas en circulación. A moeda suscitou certa controversia por mor do seu patrocinio por parte dun grupo relixioso. Tamén se cuestionou a elección de Guillerme o Silencioso e de Gaspard de Coligny para figurar no anverso, xa que os hugonotes os consideraban mártires e morreran décadas antes da viaxe do Nieuw Nederlandt.
Antecedentes
editarOs hugonotes eran protestantes franceses que adoito entraban en conflito coa maioría católica. Moitos hugonotes fuxiron de Francia nos séculos XVI e XVII, cando houbo unha intensa persecución contra eles, sobre todo no masacre do día de San Bartolomeu de 1572. Entre os que caeron no baño de sangue daquel día achábase o líder militar e político hugonote, o almirante Gaspard de Coligny.[4]
Moitos hugonotes que fuxiron de Francia establecéronse nos Países Baixos. Guillerme o Silencioso foi un dos líderes da revolta holandesa contra España,[4] e foi asasinado en 1584 por Balthasar Gérard, un fanático proespañol. Na actual Bélxica había valóns protestantes. Algúns hugonotes e valóns fóronse a outros lugares: o 29 de marzo de 1624, o barco Nieuw Nederlandt partiu cara aos Novos Países Baixos —as posesións holandesas centradas no que posteriormente foi o estado de Nova York—, e seguírono máis barcos. Representaban unha gran proporción dos primeiros colonos da zona. En 1626, Peter Minuit, director xeral da Compañía Holandesa das Indias Occidentais, comproulles aos nativos americanos a illa de Manhattan por uns 60 floríns.[5]
A Comisión Hugonote-Valoa dos Novos Países Baixos estableceuse en 1922 baixo os auspicios do Consello Federal de Igrexas de Cristo en América, coas vistas postas no aniversario que se aproximaba. O presidente dos Estados Unidos, Warren G. Harding, e o rei Alberte I de Bélxica aceptaron a presidencia honoraria da comisión,[7] en tanto que o seu presidente efectivo era o reverendo Dr. John Baer Stoudt, que planificou unha conmemoración do tricentenario da viaxe do Nieuw Nederlandt, e procurou a emisión de selos e moedas conmemorativas.[8]
Naquela época, as moedas conmemorativas non eran comercializadas polo Goberno, senón que o Congreso, ao aprobar a lei que autorizaba as emisións, designaba unha entidade á que lle outorgaba o dereito exclusivo de comprar as moedas ao seu valor nominal e vendelas logo ao público cunha prima, para así se financiar.[9]
Proceso lexislativo
editarO 15 de xaneiro de 1923, o congresista de Pensilvania Fred Gernerd, de ascendencia hugonote, presentou na Cámara de Representantes un proxecto de lei para a cuñaxe do medio dólar hugonote.[10] O 7 de febreiro tivo lugar unha comparecencia ante a Comisión de Moeda, Pesos e Medidas da Cámara, presidida polo representante republicano de Indiana Albert Henry Vestal. O congresista Gernerd explicou á comisión que en 1924 estaba previsto realizar celebracións locais para conmemorar o tricentenario da viaxe dos hugonotes nas cidades onde vivían persoas desa ascendencia. Gernerd explicou que, aínda que a venda das moedas de medio dólar serviría para recadar fondos, o seu obxectivo primordial non era ese, senón máis ben constituír un símbolo da efeméride. Tamén lle lembrou á comisión que no 300 aniversario da viaxe do Mayflower se emitira igualmente unha moeda de medio dólar conmemorativa —o medio dólar do Tricentenario dos Peregrinos—.[11]
O presidente da comisión, Vestal, declarou que non podía apoiar o proxecto de lei tal e como se presentara, porque non designaba quen debía encargar as moedas, pero Gernerd indicou que o Fifth National Bank de Nova York aceptara facer ese labor. O reverendo Stoudt compareceu ante a comisión e explicou que a súa comisión planeara un deseño coa chegada do Nieuw Nederlandt nunha das faces, e na outra unha escena de Peter Minuit comprándolles Manhattan aos nativos americanos. O congresista de Nova Jersey Ernest R. Ackerman dirixiuse brevemente á comisión no seu apoio, sinalando que era moi probable que as moedas acabasen gardándose como recordo, en beneficio do Goberno. Wells Goodykoontz, de Virxinia Occidental, tamén falou a favor. Os testemuños, todos eles proclives á aprobación do proxecto de lei, concluíron con varios pastores locais, encabezados por E. O. Watson, secretario do Consello Federal de Igrexas.[12] O 10 de febreiro de 1923, Vestal emitiu un informe no que recomendaba a aprobación do proxecto de lei, cunha emenda que engadía o banco como organización depositaria.[13]
O 29 de xaneiro de 1923, David A. Reed, de Pensilvania, presentou un proxecto de lei paralelo no Senado, que foi remitido á Comisión de Banca e Moeda.[14] O 9 de febreiro, George Pepper, tamén de Pensilvania, informou favorablemente e o Senado aprobou o proxecto sen obxeccións.[15] O día seguinte, a Cámara de Representantes recibiu o texto aprobado polo Senado e remitiullo á comisión de Vestal.[16] O 19 de febreiro, a Cámara de Representantes considerou o seu proxecto de lei no calendario de consentimento unánime. Gernerd pediu que o proxecto aprobado polo Senado substituíse o da Cámara de Representantes —ambos eran idénticos— e, cando se aceptou, propuxo unha emenda para engadir o banco como depositario das moedas. O congresista de Texas Thomas L. Blanton fixo varias preguntas sobre o interese do banco, e amosou satisfacción cando lle dixeron que non percibiría compensación ningunha, e que o presidente Harding estaba relacionado coa comisión. O proxecto de lei emendado foi aprobado pola Cámara sen obxeccións.[17] O día seguinte, o Senado aceptou a emenda da Cámara de Representantes e,[18] finalmente, o proxecto foi promulgado coa sinatura de Harding o 26 de febreiro de 1923, para se converter na Lei pública 440, que autorizaba a emisión da moeda. A lei establecía unha tiraxe máxima de 300.000 exemplares do medio dólar.[19]
Preparación
editarStoudt explicou o seu concepto para a moeda e achegou uns esbozos realizados por el. No canto de procurar un deseñador privado para que producise os correspondentes modelos de xeso, a encarga do medio dólar Hugonote-Valón recaeu no daquela gravador xefe da Casa da Moeda dos Estados Unidos, George T. Morgan, que cumprira 78 anos en 1923. Morgan, célebre polo seu deseño do coñecido como dólar Morgan en 1878, levaba como gravador xefe desde 1917, logo de corenta anos como axudante, principalmente ás ordes de Charles E. Barber. Tanto Barber como Morgan consideraban que as moedas debían ser deseñadas polos gravadores da Casa da Moeda, e ás veces amosábanse hostís cando se contrataban escultores privados para realizar o traballo.[20][21]
Os modelos de Morgan foron entregados o 26 de outubro de 1923 á Comisión de Belas Artes dos Estados Unidos,[22] entidade encargada de emitir ditames consultivos sobre as moedas por unha orde executiva de 1921 do presidente Harding.[23] O traballo de Morgan foi examinado polo membro escultor da comisión James Earle Fraser, deseñador da moeda de 5 centavos Buffalo. O 19 de novembro, o presidente do comité, Charles Moore, escribiulle ao director da Casa da Moeda, Robert J. Grant, nestes termos:[22]
“ | Malia seren excelentes as ideas que se queren expresar, a execución é mala. A letra é pobre, as cabezas non están ben modeladas e o barco está mal deseñado. A man de obra está por baixo do nivel de excelencia alcanzado en moedas anteriores. Xa que logo, non se aproban os modelos. | ” |
Logo dun debate, decidiuse permitir que Morgan revisase o seu modelo baixo a supervisión de Fraser. Os numismáticos Anthony Swiatek e Walter Breen sinalaron, a este respecto: "[Isto] debe ter sido o dobre ou o triplo de humillante, xa que a inicial de Fraser adornaba daquela a moeda de 5 centavos, mentres que nin a de Barber nin a de Morgan estaban en ningunha moeda de emisión regular en produción".[21]
O 3 de xaneiro de 1924, Fraser escribiulle a Moore e comentoulle que os novos modelos se melloraran considerablemente, e queixouse de que Vestal aconsellara á Comisión Hogonote-Valoa que os modelos se fixesen na Casa da Moeda, xa que os seus funcionarios lle dixeran que os artistas privados facían modelos nun relevo demasiado alto para seren cuñados doadamente. "Paréceme perfectamente repugnante que esta crítica inane e mentireira continúe constantemente", dixo. A Comisión de Belas Artes aprobou finalmente os deseños revisados.[22]
Deseño
editarNo anverso figuran os bustos acaroados do almirante francés Gaspard de Coligny (1519-1572) e do líder holandés Guillerme o Silencioso (1533-1584). Ningún dos dous tivo relación directa coa viaxe do Nieuw Nederlandt, xa que os dous morreran corenta anos ou máis antes.[24] Ambos foron líderes protestantes da Reforma e, consonte Swiatek, "a súa relación coa fundación de 1624 foi de natureza estritamente espiritual",[25]] xa que os hugonotes os consideran mártires.[26] No informe do director da Casa da Moeda de 1924 explicábase que ambos foran "líderes na loita pola liberdade civil e relixiosa".[5][27] Pola súa banda, Arlie R. Slabaugh, sinalando que a moeda causou unha certa controversia ao pouco de se facer pública a súa emisión, suxeriu que se o anverso amosase alguén relacionado coa colonización dos Novos Países Baixos, "o máis probable é que a moeda non tivese ningún significado relixioso e a súa promoción por parte das Igrexas de Cristo en América se tería pouco en conta".[28]
A edición do 29 de marzo de 1924 da revista xesuíta America contiña un artigo asinado por F. J. Zwierlein, quen afirmaba sobre a nova moeda: "é máis protestante do que as descricións dos despachos xornalísticos nos facían crer".[29] Afirmaba que os dous homes que aparecen na moeda non foran asasinados pola súa relixión e eran anticatólicos: "o Goberno dos Estados Unidos foi enganado para emitir este medio dólar hugonote co fin de facer unha demostración protestante do tricentenario da colonización do Estado de Nova York".[30][31] O presidente da Sociedade Hugonote de Carolina do Norte respondeu nunha carta ao director de The New York Times: "que Coligny e Guillerme o Silencioso foron 'mártires na loita pola liberdade relixiosa' testemúñao a verdade da historia".[32]
Os homes teñen os seus nomes debaixo dos bustos no anverso e levan chapeus da súa época. Ollan cara á a lenda IN GOD WE TRUST (“En Deus confiamos”), o único dos lemas nacionais presentes habitualmente nas moedas estadounidenses que aparece. O nome do país amósase sobre as súas cabezas, en tanto que debaixo figura HUGUENOT HALF DOLLAR. A inicial "M" de Morgan aparece sobre o ombreiro de Coligny.[33]
O reverso representa o barco Nieuw Nederlandt e as palabras HUGUENOT-WALLON · TERCENTENARY / FOUNDING · OF · NEW-NETHERLAND, cos anos 1624 e 1924 a ambos os lados do barco.[5] O esbozo de Stoudt para o reverso tamén se utilizou para o selo dun centavo emitido con motivo do tricentenario.[21]
O historiador da arte Cornelius Vermeule sinalou que é probable que o medio dólar fose un dos derradeiros traballos de Morgan —xa que morreu en xaneiro de 1925— e que a moeda:[34]
“ | É unha digna conclusión da longa carreira de Morgan de produción distinguida e rica, marcada pola imaxinación dentro do marco conservador e por un nivel de atractivo xeralmente alto". [...] Amosa que os gravadores de cuños formados en e arredor da Casa da Moeda tiñan a capacidade de combinaren deseños claros con detalles considerables. | ” |
Produción, distribución e coleccionismo
editarArlie R. Slabaugh, no seu volume de 1975 sobre as moedas conmemorativas estadounidenses, sinalou que se realizou unha proba de cuños uniface do reverso en latón.[4] Swiatek, en 2012, afirmou ademais que se coñecen probas de cuños tanto do anverso como do reverso.[25]
Superada a fase de probas, na Ceca de Filadelfia cuñouse un total de 142.080 exemplares do medio dólar do tricentenario Hugonote-valón en febreiro e abril de 1924, e 80 desas pezas foron retidas para a súa inspección e proba pola Comisión de Ensaios dos Estados Unidos na súa xuntanza de 1925. A comisión Hugonote-Valoa, para impulsar as vendas, contratou como distribuidor a quen consideraban o numismático máis salientable do país naquel momento, Moritz Wormser, presidente da American Numismatic Association (ANA).[35] A participación de Wormser e o feito de que Stoudt fose membro da ANA levou o numismático John F. Jones a considerar esta emisión "o primeiro caso, cremos, en que a fraternidade numismática foi consultada na emisión dun medio dólar conmemorativo".[36]
As moedas vendéronse ao público polo prezo dun dólar cada unha, a través do Fifth National Bank e noutros puntos de venda, e fixéronse tamén vendas por xunto para determinados colectivos.[35] As vendas non resultaron tan ben como se esperaba e houbo que devolver 55.000 exemplares, logo do cal se puxeron en circulación ao seu valor nominal. Coñécese unha cantidade relativamente escasa de espécimes que amosen sinais de teren circulado, o que levou o autor e comerciante numismático Q. David Bowers a concluír que o público as retirou da circulación para as conservar.[38]
Houbo certo debate nas páxinas de The Numismatist —a revista da ANA—, tanto sobre se Guillerme e Coligny deberían ter aparecido na moeda, ao non teren nada que ver co viaxe, como sobre se se lles debería permitir ás Igrexas de Cristo patrocinar unha moeda en vista da prohibición da primeira emenda da Constitución de establecer unha relixión.[38] Xerouse controversia na prensa, que criticou a inclusión de Guillerme e Coligny por irrelevante para a conmemoración e como propaganda relixiosa,[39] o que en 1925 fixo politicamente inviables os intentos do representante de Minnesota Ole Juulson Kvale, pastor luterano, de obter unha moeda para o Centenario Nórdico-Americano; no seu lugar tivo que se conformar cunha medalla conemmorativa desa efeméride autorizada polo Congreso.[40]
A edición de Guide Book of United States Coins, de Richard S. Yeoman, correspondente a 2018, outórgalle á moeda de medio dólar hugonote-valón un prezo no mercado numismático de entre 125 e 650 dólares, en función do seu estado de conservación. No entanto, en 2015 vendeuse un espécime nunha condición excepcional por 15.275 dólares.[41]
Notas
editar- ↑ "½ Dollar Huguenot-Walloon Tercentenary". Numista.com
- ↑ "Huguenot-Walloon Tercentenary Half Dollar". United States Mint (USMint.gov).
- ↑ "1924 Huguenot Walloon Tercentenary Half Dollar". Earlycommemorativecoins.com
- ↑ 4,0 4,1 4,2 Slabaugh, A. R. (1975). Páxina 59.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 Flynn, K. (2008). Páxina 103.
- ↑ Froendt, A. H. (1924). The Huguenot-Walloon Tercentenary. Huguenot-Walloon New Netherland Commission. Páxina 17.
- ↑ USHRCCWM (1923). Páxinas 6-7.
- ↑ Swiatek, A.; Breen, W. (1981). Páxinas 105-106.
- ↑ Slabaugh, A. R. (1975). Páxinas 3-5.
- ↑ "Public bills, resolutions, and memorials". En Cogressional Record - House. 15 de xaneiro de 1923. Páxina 1.777.
- ↑ USHRCCWM (1923). Páxinas 1-4.
- ↑ USHRCCWM (1923). Páxinas 4-7.
- ↑ "Reports of committees on public bills and resolutions". En Cogressional Record - House. 10 de febreiro de 1923. Páxina 3.444.
- ↑ "Bills introduced". En Cogressional Record - Senate. 2 de febreiro de 1923. Páxina 2.897.
- ↑ "Coinage of commemorative 50-cent pieces". En Cogressional Record - Senate. 9 de febreiro de 1923. Páxina 3.295.
- ↑ "Senate bills referred". En Cogressional Record - Senate. 10 de febreiro de 1923. Páxina 3.416.
- ↑ "Autorizing the coinage of 50-cent pieces in commemoration of the three hundredth anniversary of the settling of New Netherland". En Cogressional Record - House. 19 de febreiro de 1923. Páxina 4.034.
- ↑ "Coinage of commemorative 50-cent pieces". En Cogressional Record - Senate. 20 de febreiro de 1923. Páxina 4.061.
- ↑ "Huguenot-Walloon Tercentenary Commemorative Coin Legislation". United States Mint (USMint.gov).
- ↑ Taxay, D. (1967). Páxinas 69-70.
- ↑ 21,0 21,1 21,2 Swiatek, A.; Breen, W. (1981). Páxina 106.
- ↑ 22,0 22,1 22,2 Taxay, D. (1967). Páxina 70.
- ↑ Taxay, D. (1967). Páxinas v-vi.
- ↑ Swiatek, A.; Breen, W. (1981). Páxina 105.
- ↑ 25,0 25,1 Swiatek, A. (2012). Páxina 146.
- ↑ Flynn, K. (2008). Páxina 104.
- ↑ Office of Director of the Mint (1924). "Annual Report of the Director of the Mint for the Fiscal Year ended June 30 1924". Government Printing Office, Washington. Páxina 5.
- ↑ Slabaugh, A. R. (1975). Páxina 58.
- ↑ Zwierlein, F.J. (1924). Páxina 565.
- ↑ Zwierlein, F.J. (1924). Páxina 566.
- ↑ "Descendants of Dutch Commend Zwierlein View". En Democrat anf Chronicle. 28 de marzo de 1924. Páxina 31.
- ↑ "Huguenot half-dollars". En The New York Times. 6 de abril de 1924
- ↑ Swiatek, A. (2012). Páxinas 145-146.
- ↑ Vermeule, C. (1971). Páxinas 167-168.
- ↑ 35,0 35,1 Bowers, Q. D. (1991). Páxina 174.
- ↑ Jones, J. F. (1937). Páxina 394.
- ↑ "Group: J.J. Jusserand, left, Calvin Coolidge, 2nd from left; White House, Washington, D.C.". Library of the Congress (LOC.gov).
- ↑ 38,0 38,1 Bowers, Q. D. (1991). Páxinas 174-175.
- ↑ Jones, J. F. (1937). Páxinas 394-395.
- ↑ Shultz, A. (1991). Páxina 1.287.
- ↑ Yeoman, R. S. (2018). Páxina 1.063.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Medio dólar do tricentenario hugonote-valón |
Bibliografía
editar- Bowers, Q. D. (1991). Commemorative Coins of the United States. A Complete Encyclopedia. Bowers and Merena Galleries, Wolfeboro. ISBN 978-0-943161-35-8
- Flynn, K. (2008). The Authoritative Reference on Commemorative Coins 1892-1954. Kyle Vick, Roswell.
- Bowers, Q. D. (2008). A Guide Book of United States Commemorative Coins. Whitman Publishing, Atlanta. ISBN 978-0-7948-2256-9
- Jones, J. F. (1937). "The Series of United States Commemorative Coins". En The Numismatist. Vol. 50. Nº 5. Maio. Páxinas 393-396.
- Shultz, A. (1991). "'The Pride of the Race Had Been Touched': The 1925 Norse-American Immigration Centennial and Ethnic Identity". En Journal of American History. Vol. 77. Nº 4. Marzo. Páxinas 1.265-1.295.
- Slabaugh, A. R. (1975). United States Commemorative Coinage (2ª ed.). Whitman, Racine. ISBN 978-0-307-09377-6
- Swiatek, A. (2012). Encyclopedia of the Commemorative Coins of the United States. KWS Publishers, Chicago. ISBN 978-0-9817736-7-4.
- Swiatek, A.; Breen, W. (1981). The Encyclopedia of United States Silver & Gold Commemorative Coins, 1892 to 1954. Arco, Nova York. ISBN 978-0-668-04765-4
- Taxay, D. (1967). An Illustrated History of U.S. Commemorative Coinage. Arco, Nova York. ISBN 978-0-668-01536-3
- USHRCCWM (United States House of Representatives Committee on Coinage, Weights and Measures) (1923). Coinage of 50-Cent Pieces in Commemoration of the Three Hundredth Anniversary of the Founding of New Netherland, the Middle States, in 1624. 7 de febreiro. United States Government Printing Office.
- Vermeule, C. (1971). Numismatic Art in America. Harvard University Press. ISBN 978-0-674-62840-3
- Yeoman, R. S. (2018). A Guide Book of United States Coins (4ª mega ed.). Whitman, Atlanta. ISBN 978-0-7948-4580-3
- Zwierlein, F.J. (1924). "Huguenot Half-Dollar". En America. 29 de marzo. Páxinas 565-566.