Medalla do Centenario Nórdico-Americano

medalla conmemorativa estadounidense de 1925

Medalla do Centenario Nórdico-Americano

Ouro [1]







A/: Guerreiro viquingo, con casco con cornos, espada e escudo, avanza desde o seu barco.

Lendas: NORSE AMERICAN CENTENNIAL / 1825 1925

R/: Barco viquingo navegando cara á dereita, con remeiros e vela estendida.

Lendas: AUTHORIZED BY CONGRESS OF THE UNITED STATES OF AMERICA / OPUS FRASER / A·D 1000

A medalla do Centenario Nórdico-Americano é unha medalla emitida oficialmente pola Casa da Moeda dos Estados Unidos e cuñada en 1925 na Ceca de Filadelfia, en virtude dunha lei do Congreso estadounidense. Emitiuse en conmemoración do centenario da viaxe do barco Restauration, que levou os primeiros migrantes noruegueses aos Estados Unidos, e conta con tres versións con idéntico deseño, en ouro, en prata e en bronce, cada unha cun tamaño diferente.

O representante estadounidense por Minnesota Ole Juulson Kvale, de orixe escandinava, desexaba que existise unha moeda conmemorativa para as celebracións do centenario da viaxe do Restauration, mais ao ser rexeitada a súa solicitude da moeda polo Tesouro dos Estados Unidos, finalmente decidiuse por solicitar a emisión dunha medalla con carácter oficial. O deseño encargóuselle ao escultor James Earle Fraser, coñecido por ser o creador das moedas de cinco centavos Buffalo, e os motivos de ambas as faces recoñecen a herdanza viquinga daqueles inmigrantes, mediante a representación dun guerreiro desa cultura no anverso e do seu barco no reverso. As medallas lembran tamén as primeiras exploracións viquingas de Norteamérica.

Logo de seren autorizadas polo Congreso, a súa produción levouse a cabo na súa maior parte antes das celebracións que tiveron lugar preto de Minneapolis, Minnesota, en xuño de 1925. Só se emitiron 53 en ouro, polo que hoxe son as máis raras e valiosas, en tanto que as cuñadas en prata e en bronce se revalorizaron moito menos. É habitual que se coleccionen como parte das series de moedas conmemorativas dos Estados Unidos.

Antecedentes editar

 
O selo de 2 centavos emitido en 1925 con motivo do aniversario presenta unha imaxe do buque Restauration.[2]

O 4 ou o 5 de xullo de 1825, o buque Restauration partiu de Stavanger, en Noruega, rumbo aos Estados Unidos con 45 emigrantes a bordo.[3] Logo do que The New York Times cualificou de lendas «bacanais» sobre a súa travesía, a expedición ancorou fronte a unha localidade costeira inglesa e alí comerciaron con parte do seu ron, para despois partir precipitadamente cando os funcionarios locais se interesaron polo asunto. Dise que o xefe da expedición, Lars Larsen, pescou en Madeira un barril que contiña un viño pouco común, do que gozaron moito os pasaxeiros.[4]

Á súa chegada a Nova York o 9 de outubro, o barco foi incautado por orde xudicial, xa que o número de pasaxeiros superaba en 21, o permitido para un buque do seu tamaño, contando unha cativa nada en ruta, filla dos Larsen. Ademais, íaselles impor unha multa, mais como os inmigrantes non falaban inglés nin coñecían as leis estadounidenses, o presidente John Quincy Adams ditou un indulto, polo que se liberou o barco e se condonou a multa.[5] Os pasaxeiros asentáronse inicialmente nunhas terras que mercaron preto da beira do lago Ontario, a uns 56 quilómetros de Rochester, Nova York, e foron os primeiros de moitos grupos organizados de emigrantes noruegueses que cruzaron o Atlántico, especialmente cara ao norte e o oeste dos Estados Unidos.[4][6]

Inicio editar

Medalla do Centenario Nórdico-Americano

Prata [1][7]


 


 

  • Aliaxe: prata (90,0 %) e cobre (10 %).
  • Diámetro: 29,00 mm.
  • Espesor: Fino: 1,60 mm / Groso: 2,00 mm.
  • Canto: liso.
  • Tiraxe: Fino: 6.000 ex. / Groso: 33.750 ex.

Ole Juulson Kvale era un congresista de Minnesota do Partido Agrario-Laborista, e un orgulloso estadounidense de orixe nórdica.[8] Kvale foi membro da Comisión do Centenario Nórdico-Americano, que debía organizar a celebración do centenario da viaxe do Restauration.[9] Esta celebración era importante para unha comunidade que fora percibida tradicionalmente como antibelicista durante a primeira guerra mundial, e que intentaba amorar tanto o seu orgullo étnico como a súa capacidade de asimilación.[10] Kvale, ministro luterano, era tamén membro da Comisión de Moeda, Pesos e Medidas da Cámara de Representantes,[11] e en xaneiro de 1925 dirixiuse ao Departamento do Tesouro na procura do seu apoio para lograr a emisión dunha moeda conmemorativa do aniversario, mais a resposta do Tesouro foi negativa.[12] Naquela época era pouco probable que o Congreso aprobase moedas conmemorativas de grupos étnicos, por mor da polémica suscitada polo medio dólar do tricentenario hugonote-valón de 1924, considerado por algúns como propaganda protestante.[13]

O 30 de xaneiro de 1925, Kvale asistiu a unha reunión do Comité de Moeda, na que se tomaba en considerou a proposta de creación do que logo sería o medio dólar do Sesquicentenario de Vermont. Aínda que esta foi aprobada, os responsables do Tesouro amosaron a súa oposición e suxeriron que se emitise unha medalla no canto dela; nesa reunión Kvale fixo varias preguntas sobre a emisión de medallas por parte da Casa da Moeda, xa que se viu interesado por esta cuestión.[14]

O 3 de febreiro, Kvale e o seu fillo Paul reuníronse con funcionarios do Tesouro para lles presentar un proxecto de lei que autorizaría a Casa da Moeda dos Estados Unidos a cuñar medallas conmemorativas oficiais para o aniversario da chegada do Restauration. A daquela directora en funcións da US Mint, Mary Margaret O'Reilly, e o subsecretario do Tesouro, Garrard Winston, amosáronse escépticos ante a idea de cuñar medallas de prata dun tamaño abranguido entre o do cuarto de dólar e o medio dólar pola confusión que puidesen crear na cidadanía. Para contrarrestar esta preocupación, Paul Kvale suxeriu cuñar a medalla cunha forma octogonal ou hexagonal. O'Reilly e Winston foron favorables a esta idea, e despois de que o congresista Kvale se reunise co asesor xurídico do Tesouro e con outros funcionarios, aseguróuselle o pleno apoio do departamento.[9]

Kvale tamén fixo presión, con éxito, no Departamento de Correos para a emisión dunha serie de selos conmemorativos. Díxolle ao terceiro asistente do director xeral de Correos, Warren I. Glover, que nun sentido máis amplo a medalla recoñecía as exploracións norteamericanas dos viquingos en torno ao ano 1000 da nosa era.[15] Kvale declarou que, ao solicitar ao mesmo tempo a medalla e os selos, estaba a contribuír ao "crecemento da herdanza norueguesa, ao tela «preservada en metal» e en «cápsulas do tempo» de papel".[13]

Proceso lexislativo editar

 
Ole J. Kvale, promotor da emisión da medalla.

O 4 de febreiro de 1925, Kvale presentou na Cámara de Representantes un proxecto de lei para unha medalla nórdico-americana, que o día 10 foi remitido á Comisión de Moeda, Pesos e Medidas.[16][17] En nome da devandita comisión, Kvale informou favorablemente o pleno da Cámara o 10 de febreiro. No informe, Kvale declarou que as 40 000 medallas propostas se cuñarían sen gastos para o Goberno, e que os funcionarios do Tesouro apoiaban o proxecto de lei:[18]

En vista da importancia desta celebración para os moitos descendentes dos inmigrantes nórdicos neste país, e a través deles para o estado de Minnesota, que patrocina oficialmente o evento, e para o gran Noroeste, en cuxo desenvolvemento foron un factor tan importante, o comité cre que unha medalla de tipo é acaída e axeitada, e que este proxecto debe converterse en lei.

O 5 de febreiro de 1925, o senador de Dakota do Sur Peter Norbeck tamén presentou un proxecto de lei para unha medalla nórdico-americana, que foi remitido á Comisión da Biblioteca do Senado. O día 6, esta comisión foi eximida da responsabilidade do proxecto de lei, que finalmente se remitiu á Comisión de Banca e Moeda. Norbeck, en nome desta segunda comisión, informou favorablemente e sen emendas o 13 de febreiro,[19] e o Senado aprobouno sen obxeccións nin emendas o 18 de febreiro.[20]

O proxecto de lei aprobado polo Senado retornou inmediatamente á Cámara de Representantes, onde se remitiu á Comisión de Moeda o 20 de febreiro.[21] Cando o presidente da Cámara, Frederick H. Gillett, preguntou se había algunha obxección á toma en consideración do proxecto de lei, James T. Begg, de Ohio, quixo saber se había alguén presente que lle puidese dar información ao respecto, e se non a había, oporíase. Kvale afirmou que si que era posible, e cando Begg preguntou se o secretario do Tesouro, Andrew W. Mellon, estaba a favor do proxecto de lei, este aseguroulle ao de Ohio que así era. Kvale fixo que o proxecto de lei aprobado polo Senado substituíse o que el presentara, e recibiu o apoio da Cámara sen obxeccións nin emendas,[22] polo que acabou por converterse en lei logo da sinatura do presidente Calvin Coolidge, o 2 de marzo de 1925.[23]

Esta lei establecía un máximo de 40.000 exemplares da medalla, que se cuñarían na Ceca de Filadelfia, a partir de modelos de deseño preparados pola Comisión do Centenario Nórdico-Americano. As medallas entregaríanselle a un axente designado pola comisión, despois de satisfacer o pagamento do custe de produción, e debían someterse ás disposicións do artigo 52 da Lei da Moeda de 1873.[23] Este artigo permitía cuñar medallas de carácter nacional na Ceca de Filadelfia, aínda prohibía ao persoal da ceca facer cuños para medallas privadas,[24] e promulgouse despois de se saber que o cuñador xefe da Casa da Moeda de Filadelfia, Franklin Peale, dirixira durante algúns anos un negocio privado de medallas nas instalacións da Casa da Moeda, antes do seu despedimento en 1854.[25]

Preparación editar

Kvale esperaba que o seu amigo e compatriota de Minnesota, o senador Henrik Shipsteade, puidese convencer o escultor Gutzon Borglum para que deseñase a medalla sen cobrar honorarios ou por unha cantidade simbólica. Borglum —que deseñara tamén o medio dólar Stone Mountain Memorial e máis tarde esculpiría o Monte Rushmore— estaba ocupado coa construción do Stone Mountain Memorial en Xeorxia e non tiña tempo para aceptar o traballo. Xa que logo, contratouse o escultor James Earle Fraser, membro da Comisión de Belas Artes dos Estados Unidos, por uns honorarios de 1.500 dólares, máis ou menos o habitual para unha moeda conmemorativa.[26]

Fraser preparou os deseños e presentounos á Casa da Moeda, e a directora en funcións O'Reilly enviounos o 14 de abril de 1925 á Comisión de Belas Artes, que os aprobou, coa única suxestión de que se eliminase a primeira aparición da palabra «THE»da inscrición do reverso, «AUTHORIZED BY THE CONGRESS OF THE UNITED STATES OF AMERICA», e así se fixo.[27]

O Minneapolis Journal publicara esbozos o 29 de marzo, o que provocou certa reacción daqueles que consideraban que o deseño daba a entender que os noruegueses seguían a vestir como viquingos en 1825, e que a data 1000 debía trasladarse do reverso ao anverso, para eliminar a confusión. As obxeccións do público non influíron nos acontecementos.[26]

Deseño editar

 
O selo conmemorativo de 5 centavos de 1925 amosa un navío viquingo similar ao do reverso da medalla.[2]

O anverso da medalla amosa a un xefe viquingo noruegués que acaba de desembarcar do seu barco, que se ve tras el, e vai armado para a guerra, con casco con cornos, escudo, espada e daga. Suponse que desembarca en Vinland, as terras de América exploradas e ata certo punto colonizadas polos viquingos cara ao ano 1000. O máis probable é que o casco sexa un anacronismo, xa que non se cre que se utilizasen nos dous milenios anteriores ao desembarco en Vinland, e probablemente fosen cerimoniais, máis que destinados á batalla. O centenario e os anos recoñécense no anverso. O reverso amosa un barco viquingo, xunto coa mención á autorización do Congreso e o ano aproximado en que se colonizou Vinland. Á esquerda do barco aparece a marca do gravador, coa inscrición OPUS FRASER («obra de Fraser»).[6]

O numismático Anthony Swiatek, no seu volume sobre as moedas conmemorativas estadounidenses, cuestiónase se Leif Erikson, o famoso explorador da época, non tería sido unha escolla máis afortunada como motivo principal da medalla, e conclúe que Kvale non apoiaría tal representación, porque «lle interesaba a pura romantización: vía un barco viquingo e o seu xefe con todas as honras».[6]

Julie Shultz, no seu artigo sobre a celebración de 1925, considera significativo que a medalla non teña nada que ver coa chegada do buque Restauration a uns Estados Unidos xa formados, senón que simbolice o orgullo étnico polos primeiros exploradores. Observando que un dos selos postais emitidos para a ocasión representa un barco viquingo e o outro o Restauration, conclúe o seguinte sobre estas tres emisións gobernamentais para a celebración:[28]

Aínda que exteriormente estes recordos debían simbolizar a herdanza inmigrante norueguesa que comezou en 1825, en realidade inverten a narrativa dominante ao utilizar unha forma estadounidense para proclamar que os noruegueses foron os primeiros europeos en desembarcar no chan estadounidense.

Produción, distribución e coleccionismo editar

Medalla do Centenario Nórdico-Americano

Bronce [1]


 


 

  • Aliaxe: cobre (90,0 %); cinc (10 %), con baño de prata.
  • Diámetro: 69,50 mm.
  • Espesor: 4,50 mm.
  • Canto: liso.
  • Tiraxe: ca. 60-70 exemplares.

Entre o 21 e o 23 de maio de 1925 cuñáronse na Ceca de Filadelfia seis mil exemplares da medalla en prata, nunha lámina delgada, de 1,6 mm de espesor. A produción foi igual á das moedas conmemorativas: cuñáronse, contáronse, embolsáronse e transportáronse ao Fourth Street National Bank de Filadelfia, que actuaba como depositario, para o uso posterior da Comisión do Centenario. Entre o 29 de maio e o 13 de xuño, cuñáronse outras 33 750 pezas de prata, esta vez cun grosor superior, de 2 mm. A razón da existencia das dúas variedades na emisión de prata é incerta; Swiatek teoriza que a Comisión do Centenario Nórdico-Americano podería ter amosado a súa desconformidade co aspecto das primeiras pezas delgadas, ou podería tamén pretender que os coleccionistas se visen inducidos a adquirir os dous exemplares para completaren as súas coleccións.[29]

En ouro cuñáronse cen exemplares entre o 3 e o 4 de xuño, e a Kvale entregóuselle a segunda das cuñadas. Os prezos que a comisión tivo que aboar por estas medallas foron os seguintes: 30 centavos as delgadas de prata, 45 céntimos as grosas e 10,14 dólares as de ouro. Canto aos prezos de venda ao público, o das delgadas de prata é incerto —Swiatek calcula que 1,75 dólares—; as grosas vendíanse por 1,25 dólares e as de ouro por uns 20 dólares. A súa comercialización foi exclusivamente por correo; ningunha se vendeu nin nas celebracións nin no comercio ou no banco depositario. Había un límite de venda dunha medalla por persoa, aínda que os compradores podían comprar en nome de tantos membros da familia como quixesen. As medallas finas non se puxeron á venda ata novembro ou decembro de 1925, e vendéronse sobre todo a numismáticos: o secretario da comisión, J. A. Horvik, sentíase frustrado polo feito de que non houbese máis "nórdicos" comprando as medallas.[29]

Logo das celebracións, Kvale levou 5.000 exemplares das medallas a Nova York, coa esperanza de vendelas alí, mais non tivo éxito.[30] Das 100 pezas de ouro cuñadas, 47 foron finalmente devoltas ao Tesouro ao non poder venderse e acabaron sendo refundidas na casa da moeda, e algunhas das pezas de prata —moi probablemente as grosas— seguiron o mesmo destino.[29]

A celebración do centenario da inmigración nórdica nos Estados Unidos tivo lugar no recinto feiral do estado de Minnesota, preto de Minneapolis, do 6 ao 9 de xuño de 1925. Organizáronse caravanas de automóbiles para traer as persoas asistentes desde o val do río Vermello, co lema «Veñen os nórdicos!».[4] O presidente dos Estados Unidos, Coolidge, estivo presente; no seu discurso denominou os exploradores viquingos «estes fillos de Thor e Odín» —apelando á mitoloxía nórdica— e dixo ás persoas asistentes:[31]

A promesa do pobo noruegués nunca quedou sen cumprir. Teño plena confianza en que, mediante o vigoroso cumprimento dos vosos deberes, engadiredes novo brillo ás vosas glorias nos días vindeiros.

The New York Times fíxose eco da emisión dos selos conmemorativos e das medallas autorizadas polo Congreso para a celebración:[31]

Poucas veces antes a celebración dun evento similar fora tan honrada polo Goberno como o foi este centenario.

Neste xornal describíase erroneamente a medalla como "a primeira medalla conmemorativa que se emite na historia da Casa da Moeda".[4] Os publicistas da celebración presentárana como a primeira medalla que se emitía en virtude dunha lei do Congreso, pero en outubro de 1925, o director da Casa da Moeda, Robert J. Grant, coñeceu que o Congreso autorizara unha medalla para o centenario da independencia estadounidense xa en 1876, e que esta se emitira en diferentes tamaños. Ao coñecer este dato, informou a Kvale, quen se amosou intrigado polo feito de que a medalla da independencia se emitise nun tamaño de 3 polgadas (76 mm). O congresista consideraba que o tamaño meirande permitiría amosar mellor os detalles da súa medalla, o que resultaría de gran axuda cando se expuxese nunha vitrina de museo. Aínda que non todos os membros da súa xunta estaban entusiasmados coa idea, cuñáronse entre 60 e 75 exemplares en bronce da medalla cun tamaño maior, probablemente en decembro, na Ceca de Filadelfia, e Kvale comprometeuse a comprar as que non se vendesen. Logo de cuñadas, encargou que se bañasen en prata unha empresa privada de Washington, e unhas 30 se entregaron ou foron enviadas por correo a autoridades, entre elas unha ao presidente Coolidge.[32]

A medalla nórdico-americana non é unha moeda nin estivo dotada de curso legal. No entanto, debido á súa similitude co proceso de emisión das moedas e ao feito de que ser autorizada polo Congreso, é habitual que se coleccione como parte da serie de moedas conmemorativas dos Estados Unidos. As medallas de prata pódense adquirir no comercio numismático desde menos de 100 dólares ata uns 500 dólares, dependendo do seu estado de conservación, aínda que en 2017 un espécime excepcional de prata da variante fina acadou nunha poxa celebrada en Florida o prezo de 9 106 dólares.[33] As de bronce prateadas teñen uns prezos de entre 500 e 3.500 dólares, e os exemplares de ouro chegaron a venderse ata por 40 000 dólares.[34]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 Swiatek, A. (2012). Páxinas 168-169.
  2. 2,0 2,1 "Norse-American Issue". National Postal Museum. Smithsonian Institution.
  3. Blegen, T. C. (1969) [1940]. Páxinas 599-601.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 "First Norse Settlers Arrived 100 Years Ago: Centenary at Minneapolis in June Win Commemorate Landing of Pioneer Norwegian Immigrants and Their Work in Building the Northwest". En The New York Times. 12 de abril de 1925.
  5. Blegen, T. C. (1969) [1940]. Páxinas 601, 613-618.
  6. 6,0 6,1 6,2 Swiatek, A. (2012). Páxina 168.
  7. "Medal - Norse-American Centennial". Numista.com
  8. "Kvale, O. J.". Nordic. Norwegian-American Digital Catalog (Nordic.luther.edu).
  9. 9,0 9,1 Swiatek, A. (2012). Páxina 165.
  10. Shultz, A. (1991). Páxinas 1.265, 1.267.
  11. "Kvale, Ole Juulson". Biographical Directory of the United States Congress (Bioguide.congress.gov).
  12. USHRCCWM (23 de xaneiro de 1928). Páxinas 3-4.
  13. 13,0 13,1 Shultz, A. (1991). Páxina 1.287.
  14. USHRCCWM (30 de xaneiro de 1925). Páxinas 7-8.
  15. Swiatek, A. (2012). Páxina 173.
  16. "Coinage, Weights, and Measures Committee". En Monthly Catalogue. United States Public Documents. Nº 362. Febreiro de 1925Páxina 536.
  17. "Public Bills, Resolutions, and Memorials". En Cogressional Record - House. 4 de febreiro de 1925. Páxina 3.030.
  18. USHRCCWM (10 de febreiro de 1925).
  19. "Reports of Committees". En Cogressional Record - Senate. 13 de febreiro de 1925. Páxina 3.599.
  20. "Medal Commemorating Norse-American Centennial". En Cogressional Record - Senate. 18 de febreiro de 1925. Páxina 4.061.
  21. "Senate Bills Referred". En Cogressional Record - House. 20 de febreiro de 1925. Páxina 4.277.
  22. "Medal Commemorative of the Norse-American Centennial". En Cogressional Record - House. 27 de febreiro de 1925. Páxinas 4.873-4.874.
  23. 23,0 23,1 "An Act To authorize the Secretary of the Treasury to prepare a medal with appropriate emblems and inscriptions commemorative of the Norse-American Centennial". En The Statutes at Large of the United States of America. Vol. XLIII. Part I. Government Printing Office, 1925. Páxina 1.096.
  24. Lei pública 42-131. 12 de febreiro de 1873.
  25. Taxay, D. (1983) [1966]. Páxinas 188-190.
  26. 26,0 26,1 Swiatek, A. (2012). Páxina 166.
  27. Swiatek, A. (2012). Páxina 167.
  28. Shultz, A. (1991). Páxina 1.288.
  29. 29,0 29,1 29,2 Swiatek, A. (2012). Páxinas 166-171.
  30. Schmidt, D. (2012).
  31. 31,0 31,1 "City to Celebrate Norse Centennial". En The New York Times. 13 de setembro de 1925.
  32. Swiatek, A. (2012). Páxinas 169-170.
  33. Roach, S. (2017). "This Norse American Centennial medal is thin". En Coin World. 3 de agosto.
  34. Swiatek, A. (2012). Páxina 171.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar