Hipopótamo

especie de mamifero

O hipopótamo[2] (nome científico: Hippopotamus amphibius) é un gran mamífero artiodáctilo que é fundamentalmente herbívoro e se atopa na África subsahariana. É, xunto ao hipopótamo anano (Choeropsis liberiensis), un dos dous únicos membros actuais da familia Hippopotamidae.

Hipopótamo
Estado de conservación
Vulnerable
Vulnerable[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Mammalia
Orde: Artiodactyla
Familia: Hippopotamidae
Xénero: Hippopotamus
Especie: H. amphibius
Nome binomial
'Hippopotamus amphibius'
(Linné, 1758)
Mapa distribución actual e pasada.[1]
Mapa distribución actual e pasada.[1]

Mapa distribución actual e pasada.[1]

É un animal semiacuático que mora en ríos e lagos, e onde os machos adultos territoriais con grupos de cinco a trinta femias e hipopótamos novos controlan unha zona do río. Durante o día repousan na auga ou na lama, e tanto a cópula coma o parto deste animal suceden na auga. Ao anoitecer vólvense máis activos e saen comer herbas terrestres. Aínda que os hipopótamos descansan xuntos na auga, o pasto é unha actividade solitaria, e non son moi territoriais na terra. Son máis perigosos e territoriais cando están na auga.

Malia o seu parecido físico cos porcos e outros ungulados terrestres, os seus parentes vivos máis próximos son os cetáceos (Balaenidae, Phocoenidae, etc.) dos que diverxeron hai aproximadamente cincuenta e cinco millóns de anos.[3] O devanceiro común de baleas e hipopótamos separouse doutros ungulados hai aproximadamente sesenta millóns de anos.[4] Os fósiles de hipopótamo máis antigos que se coñecen pertencen ao xénero Kenyapotamus, atopados en África e datados coma de hai aproximadamente dezaséis millóns de anos.

O hipopótamo é doadamente recoñecíbel polo seu torso en forma de barril, enorme boca e dentes, cabeza grande truncada nun fociño ancho e arredondado, corpo coa pel grosa, lisa e case sen pelo, patas curtas e o seu grande tamaño. É o terceiro animal terrestre polo seu peso (entre 1½ e 3 toneladas), detrás do rinoceronte branco (1½ a 3½ toneladas) e os dous xéneros de elefantes (3 a 9 toneladas).

Atópanse ameazados por mor da perda do seu hábitat e pola caza furtiva para conseguir a súa carne e o almafí dos seus dentes caninos.

Etimoloxía editar

A palabra hipopótamo deriva do latín hippopotămus, que á súa vez provén do grego hippopótamos (ἱπποπόταμος), composto por híppos (ίππος), cabalo, e potamós (ποταμος), río, «cabalo de río».[5] Se os gregos da época clásica designaban a este animal como «cabalo de río», os árabes chamábanno «búfalo de auga», e os antigos exipcios «porco de río».[6]

Descrición editar

 
Detalle da súa enorme boca, un dos trazos máis característicos deste animal, onde se aprecian os grandes dentes caninos.
 
Debuxo do seu esqueleto.

O hipopótamo é o quinto animal terrestre máis grande do mundo na actualidade (despois das tres especies de elefantes e o rinoceronte branco). Poden vivir na auga ou desprazarse por terra, e a súa densidade relativa permítelles afundirse e andar ou correr baixo a auga polo fondo dos ríos. Están considerados como megafauna actual, pero a diferenza do resto da megafauna africana, adaptáronse a unha vida semiacuática en ríos e lagos de auga doce.[7]

Debido ao seu gran tamaño, os hipopótamos son difíciles de pesar na natureza e a maior parte das estimacións do seu peso en estado silvestre proveñen de operacións realizadas nos anos 1960. O peso medio para os machos adultos oscila entre 1500 e 1800 kg. As femias son máis pequenas ca os machos, cuns pesos medios de entre 1300 e 1500 kg.[7] Os machos máis vellos chegan a pesos moito maiores, acadando canto menos 3200 kg e en ocasións até 4500 kg.[8][9] Os machos parece que medran durante toda a súa vida, namentres que as femias acadan o seu peso máximo ao redor dos vinte e cinco anos de idade.[10] Miden entre 3,3 e 5,2 metros de longo incluída a cola, duns 56 cm, e aproximadamente 1,5 m de altura até os ombreiros.[8][11] O rango de medidas do hipopótamo superponse coas do rinoceronte branco; a utilización de métricas diferentes fai que resulte difícil estabelecer cal destes dous animais é o maior animal terrestre tras os elefantes.

Malia ser uns animais de aspecto bochudo, co seu gran torso en forma de barril e patas curtas, en terra poden correr máis rápido ca un ser humano medio. As estimacións da súa velocidade en carreira varían de 30, 40, 45 ou ata 50 km/h; só pode manter estas altas velocidades en distancias curtas.[12][13][7]

 
Hipopótamos no parque nacional de Chobe, Botsuana.

A súa boca é enorme e as súas mandíbulas poden abrirse nun ángulo de 150 graos; o pescozo é curto e robusto e o corpo é alongado e enormemente groso, co dorso máis elevado na grupa que na cruz e afundido na parte central; o ventre, amplo e arredondado, é colgante e chega a rozar o chan cando o animal camiña por un terreo pantanoso. Os ollos, as orellas e as fosas nasais están situados na parte superior da cabeza, o que lles permite permanecer na auga coa maior parte do corpo mergullado na auga e a lama dos ríos tropicais para manterse frescos e evitar as queimaduras solares. Cada unha das súas patas ten catro dedos ben desenvoltos con terminacións en pezuño e a súa estrutura esquelética é graviportal, adaptada para soster o gran peso destes animais. Como outros mamíferos acuáticos, o hipopótamo ten moi pouco pelo. Aínda que non é un ruminante posúe un estómago complexo composto por tres divisións ou cámaras.[9][7][14]

 
Hipopótamo semimergullado no zoo de Memphis.

A pel é lisa con pregaduras no peito e no pescozo e case sen pelo con excepción dunhas curtas cerdas na cabeza e no rabo. É de cor cinsenta morada, coa parte inferior do corpo e ao redor dos ollos e orellas de cor marrón rosácea; son comúns os casos de albinismo. A epiderme (capa externa) é uniformemente delgada, e a endodermis varía duns 5-6 cm no lombo e grupa a menos de 1 cm na cabeza e ventre. A súa pel secreta un protector solar natural de cor avermellada, que fai que en ocasións se diga que «súa sangue», pero nin é suor nin é sangue; esta secreción é inicialmente incolora, para aos poucos minutos volverse de cor vermella alaranxada e eventualmente de cor marrón. Identificáronse dous pigmentos distintos nas secrecións, un vermello (ácido hiposudárico) e un laranxa (ácido norhiposudórico). Ambos son compostos moi ácidos, e inhiben o crecemento de bacterias causantes de enfermidades; por outra banda, a absorción da luz destes pigmentos acada o rango ultravioleta conseguindo un efecto de pantalla solar. Todos os hipopótamos, mesmo con diferentes dietas, segregan estes pigmentos, polo que non parece que os produzan en función da súa alimentación. En cambio, os animais poden sintetizar os pigmentos de precursores proteicos, coma o aminoácido tirosina.[15][14]

Contan con 2-3 pares de incisivos e os caninos da mandíbula inferior teñen a aparencia de dous enormes cabeiros, que poden superar no caso dos machos os 50 cm de lonxitude (a metade no caso das femias) e acadar un peso de 4 kg; son triangulares, curvados en forma de media lúa, romos no seu extremo e provistos de surcos lonxitudinais. Os cabeiros da mandíbula superior son moito máis curtos e febles, e tamén curvados e romos no seu extremo. Mediuse a forza da mordida dun hipopótamo femia adulto en 8100 N.[16][14]

Ecoloxía e comportamento editar

 
Grupo de hipopótamos no val de Luangwa, Zambia.
 
Hipopótamo mergullado no zoo de San Diego. Os adultos emerxen para respirar cada 3-5 minutos.
 
Hipopótamos loitando no zoo de Barcelona.

Aínda que non é un animal estritamente nocturno, son activos durante a noite. Pasan a meirande parte do día durmindo ou revolcándose na auga ou na lama xunto aos demais membros do seu grupo. A auga sérvelles para manter a temperatura do seu corpo baixa e para impedir que a súa pel se reseque. Agás para comer, a maior parte das súas vidas (cortexo, loitas entre eles, parto) ocorren na auga.

Deixan a auga ao anoitecer e desprázanse terra dentro, ás veces ata oito quilómetros, para pastar en zonas de herba curta, a súa fonte principal de alimento, que extraen enteira axudándose dos beizos. Pasan de catro a cinco horas pastando e poden consumir preto de setenta quilogramos de herba cada noite (aproximadamente un 5% do seu peso).[17][9] Como a maioría dos herbívoros, consumirán outro tipo de plantas se se dá a ocasión, pero a súa dieta en estado silvestre consiste case completamente en herba, cun consumo mínimo de plantas acuáticas.[18] Víuselles nalgunhas ocasións comendo prea, pero moi raramente e sempre preto da auga, e mesmo hai informes de casos de canibalismo e depredación.[19] A anatomía do estómago dos hipopótamos non é axeitada para unha dieta carnívora, polo que a inxesta de carne débese probabelmente a comportamentos aberrantes ou tensión nutricional.[7]

Aínda que a súa dieta é sobre todo a base de herbas terrestres, dado que pasan a meirande parte do tempo na auga a maior parte das súas dexeccións prodúcense na auga, creando depósitos alóctonos de materia orgánica nos leitos dos ríos. Estes depósitos non teñen unha función ecolóxica clara.[18] Por mor do seu tamaño e o seu hábito de utilizar xeralmente os mesmos camiños para alimentarse, os hipopótamos poden ter un impacto significativo na terra que atravesan, tanto porque esas zonas fican ceibes de vexetación como polas depresións na terra. Se isto se produce durante períodos prolongados poden desviar os leitos de pantanos e canais.[20]

Os hipopótamos adultos non aboian e non poden nadar. Cando se atopan en augas profundas, propúlsanse xeralmente dando pequenos pulos polo fondo; móvense a velocidades superiores a oito quilómetros por hora na auga. Porén, os hipopótamos novos si aboian e desprázanse xeralmente nadando con impulsos das súas patas traseiras. Os adultos emerxen a respirar cada tres ou cinco minutos, e os xoves teñen que respirar cada dous ou tres minutos.[7] O proceso da saída á superficie e de respiración é automático, e mesmo un hipopótamo que durma baixo a auga subirá e respirará sen espertar. Cando se mergullan pechan as narinas.

Estudar a interacción entre machos e femias foi durante moito tempo complicado. Ao non existir un dimorfismo sexual nesta especie, é moi difícil distinguilos en estado silvestre.[21] Aínda que lles guste estar en proximidade uns doutros, non parece que formen unións sociais agás entre nais e fillos, e non son animais sociais. A razón pola que se reúnen tan próximos uns a outros é descoñecida.[7]

 
Un exemplar introducíndose na auga.

Son principalmente territoriais na auga, onde un macho controla unha pequena extensión do río duns 250 m de lonxitude de media para estabelecer dereitos de apareamento e que contén unhas dez femias. Os grupos máis numerosos poden conter até cen individuos. Permiten a presenza doutros machos na súa zona, pero sempre que se sometan á autoridade do macho dominante. Dentro dos grupos téndese a segregar por xénero. Os machos novos permanecen con outros machos solteiros, as femias permanecen xunto a outras femias e o macho dominante permanece só. Cando deixan a auga para ir comer, fano individualmente.[7]

Os hipopótamos parece que se comunican verbalmente, por griñidos e bramidos, e crese que poden ter certa capacidade de ecolocación, pero o obxecto destas vocalizacións descoñécese. Poden manter a cabeza parcialmente por enriba da auga e emitir un berro que viaxa tanto pola auga como polo ar, e responden a el os hipopótamos que están tanto dentro como fóra da auga.[22]

Teñen moi poucos depredadores, pero os crocodilos do Nilo, leóns e hienas poden cazar hipopótamos mozos.[23]

Ciclo vital editar

 
Familia de hipopótamos salvaxes bañándose no parque nacional Kruger, Suráfrica.

A súa lonxevidade media sitúase entre os corenta anos de idade en estado silvestre e cincuenta anos en catividade. Os hipopótamos de maior idade dos que existe constancia foron os seguintes: «Tanga», que viviu en Múnic (Alemaña) e morreu en 1995 á idade de 61 anos,[24] e «Bertha», que viviu en Filipinas e morreu en 2017 aos 65 anos.[25]

Os machos acadan a madurez ao redor dos sete anos de idade e as femias acadan a madurez sexual aos cinco ou seis anos de idade, e teñen un período de xestación de oito meses. As femias poden comezar a puberdade aos tres ou catro anos.[26]

Un estudo sobre o seu comportamento reprodutivo en Uganda amosou que o maior número de concepcións producíronse durante o final da tempada húmida no verán, e o maior número de nacementos ocorreu a principios da tempada húmida a finais do inverno. Isto é debido ao ciclo reprodutivo das femias; como na maioría dos grandes mamíferos, os espermatozoides dos machos permanecen activos durante todo o ano. Outros estudos realizados en Zambia e Suráfrica tamén amosaron que os nacementos ocorren ao principio da tempada húmida. Despois do embarazo, polo xeral unha femia non volverá a ovular durante dezasete meses.[26]

O apareamento prodúcese na auga, coa femia mergullada durante a maior parte do encontro e emerxendo a súa cabeza periodicamente para tomar o ar. Son un dos poucos mamíferos que dan a luz baixo a auga, coma os cetáceos e sirénidos. As crías nacen tamén baixo a auga, cun peso de entre 25 e 45 kg e unha lonxitude media de 127 cm, e debe nadar até a superficie para tomar o seu primeiro alento. Polo xeral paren unha única cría, aínda que se dan casos de dous. Os hipopótamos mozos a miúdo apóianse nas costas das súas nais cando a auga é demasiado profunda para eles. Nadan baixo a auga para aleitarse, aínda que tamén o fan en terra se a nai sae da auga. O destete prodúcese entre seis e oito meses despois do nacemento e a maior parte das crías son totalmente independentes cando acadan o ano de idade.

Como moitos outros grandes mamíferos, a estratexia reprodutiva dos hipopótamos cualifícase como selección K, cunha única cría grande e ben desenvolvida cada varios anos, a diferenza dos mamíferos pequenos, coma os roedores, que dan a luz varias crías pouco desenvoltas varias veces ao ano (selección r).[26][27]

Comportamento agresivo editar

 
Un sinal de aviso.

Os hipopótamos son animais agresivos; os adultos son hostís mesmo cos crocodilos, que a miúdo viven nos mesmos ríos e lagoas, especialmente cando as súas crías están entre o grupo. Son moi agresivos cara aos humanos e a miúdo están considerados como un dos animais máis perigosos de África;​[28] hai constancia de ataques a persoas en barcas[29]​ e matan a centos de persoas ao ano.[30][31]

Para marcar o seu territorio, ou mesmo como un sistema de sinalización ou orientación, os machos (e, en moita menor medida, as femias) fan virar as súas colas mentres defecan, para distribuír o seu excremento por unha zona máis extensa,[1] e son retrominxentes (descargan os ouriños cara a atrás), probabelmente polo mesmo motivo.

É moi raro que se maten entre eles, mesmo durante loitas territoriais. Polo xeral un macho dominante e un hipopótamo xove e solteiro que o retara deixarán de loitar cando está claro que un dos dous é máis forte. Cando unha zona está densamente poboada, ou cando un hábitat comeza a facerse pequeno, os machos dominantes tentarán en ocasións matar as crías, aínda que as nais defenderanos de forma moi agresiva, chegando mesmo a matar o macho; este tipo de comportamento non se dá en condicións normais.[32]​ Hai documentados algúns incidentes de canibalismo, pero crese que é un comportamento de individuos angustiados ou enfermos, non de animais sans.[33]

Taxonomía e filoxenia editar

 
Cranio dun hipopótamo. Nótense os seus grandes cabeiros.

O hipopótamo é a única especie viva de Hippopotamus, o xénero tipo da familia dos Hippopotamidae. O hipopótamo anano (Choeropsis liberiensis) pertence a un xénero diferente dentro de Hippopotamidae, Choeropsis ou Hexaprotodon. En ocasións utilízase a subfamilia Hippotominae, e algúns taxonomistas agrupan as familias Hippopotamidae e Anthracotheriidae na superfamilia Anthracotheroidea ou Hippopotamoidea.

Os hipopotámos clasifícanse, xunto con outros ungulados, na orde Artiodactyla. Os artiodáctilos inclúen, entre outros, a camelos, vacas, cervos e porcos, aínda que os hipopótamos non están estreitamente relacionados con estes grupos.

Describíronse cinco subespecies baseándose nas diferenzas xeográficas e a morfoloxía dos seus cranios (Lydekker, 1915):[34]

  • H. a. amphibius – (a subespecie nominal) que se estendía dende Exipto, onde actualmente está extinta, sur do río Nilo a Tanzania e Mozambique.
  • H. a. kiboko – no Corno de África, Kenya e Somalia. Kiboko é o nome en suahili dos hipopótamos. Tiña unhas amplas narinas e zona interorbital máis profunda.
  • H. a. capensis – dende Zambia a Suráfrica. O cranio máis aplanado de todas as subespecies.
  • H. a. tschadensis – ao longo da África occidental ata, como o seu nome indica, Chad. Lixeiramente máis curta e coa faciana máis ampla, con órbitas prominentes.
  • H. a. constrictus – en Angola, sur do Congo e Namibia. Recibe este nome polo seu profundo constrinximento preorbital.

As subespecies propostas nunca se utilizaron de forma extensiva nin foron validadas por biólogos de campo; as diferenzas morfolóxicas descritas eran pequenas dabondo como para que fosen unha simple variación en mostras non representativas. Análises xenéticas probaron a existencia de tres destas subespecies; un estudo do ano 2005 mediante o exame do xenoma mitocondrial de biopsias de mostras de pel tomadas de trece localizacións xeográficas, considerando a diversidade xenética e a estrutura entre as poboacións de hipopótamos a través do continente, amosou unha baixa pero significativa diferenciación xenética entre H. a. amphibius, H. a. capensis e H. a. kiboko. Nin a existencia de H. a. tschadensis nin a de H. a. constrictus foron probadas.[35][36]

Estado de conservación editar

 
A caza do hipopótamo (1617), de Peter Paul Rubens.

Probas xenéticas indican que o hipopótamo en África experimentou unha importante expansión demográfica durante ou despois do Plistoceno, atribuída a un aumento de zonas acuáticas a finais desa era. Estas conclusións teñen unha importante implicación na conservación das súas poboacións dado que actualmente atópanse ameazados por todo o continente debido á perda de zonas de auga doce.[35] O hipopótamo tamén é vítima da caza non regulada e a caza furtiva. En maio de 2006 foi identificado como especie vulnerábel na Lista Vermella confeccionada pola Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN), cunha poboación estimada de entre cento vinte e cinco mil e cento cincuenta mil individuos, cunha decadencia de entre o sete e o vinte por cento dende o estudo de 1996 da UICN.[1]

A súa poboación diminuíu de maneira dramática na República Democrática do Congo.[37] A poboación do Parque Nacional de Virunga caeu até os oitocentos ou novecentos exemplares dende os aproximadamente vinte e nove mil existentes a mediados dos anos 1970. Este declive atribúese ás alteracións causadas pola Segunda Guerra do Congo. Crese que os cazadores furtivos son os antigos rebeldes hutu, soldados congoleses mal pagos, e grupos de milicias locais. Entre as razóns da existencia da caza furtiva atópase a crenza de que son animais pouco intelixentes, daniños para a sociedade e tamén polo diñeiro. A venda de carne de hipopótamos é ilegal, pero as vendas do mercado negro son difíciles de controlar por parte dos vixiantes do Parque Nacional de Virunga.[38][39]

Distribución editar

O hipopótamo estendíase por Europa e África do Norte durante o Eemiense e o Plistoceno tardío até hai aproximadamente trinta mil anos.[40] Era común na rexión do Nilo en Exipto ata tempos históricos, mais foi extirpada dende entón desa rexión. Plinio o Vello escribiu que, no seu tempo, a mellor zona para cazar a este animal estaba no nomo de Sais;[41] o hipopótamo aínda podería atoparse en torno a Damieta despois da conquista árabe en 639. Ata o período glacial, os hipopótamos estaban presentes no sueste asiático e no sur de Europa. O Behemot da Biblia non é outra cousa que o hipopótamo que habitaba entón o val do río Xordán.

O hipopótamo distribúese irregularmente na actualidade nos ríos e lagos da África subsahariana: Uganda, Sudán, Somalia, Kenya, norte do Congo e Etiopía, no oeste dende Ghana a Gambia e en África austral (Botsuana, Suráfrica, Cimbabue, Zambia). Existe unha poboación illada en Tanzania e Mozambique. Hai aproximadamente de cento vinte e cinco mil a cento cincuenta mil hipopótamos en toda a África subsahariana; Zambia (40 000) e Tanzania (20 000-30 000) contan coas poboacións máis numerosas.[1] Gústalle vivir en zonas de augas permanentes e non demasiado profundas.

Especie invasora en Colombia editar

En 1981, o narcotraficante Pablo Escobar adquiriu con axuda do contrabando, catro exemplares (un macho e tres femias) e aloxounos xunto con outros animais nunha reserva privada na súa residencia na Facenda Nápoles, a 100 quilómetros ao leste de Medellín (Colombia).[42][43] Tras a morte de Escobar considerouse que eran demasiado difíciles de capturar e trasladar, polo que se deixaron na leira sen vixilancia. Anos despois outros animais que aloxaran na leira como elefantes, xirafas ou rinocerontes morreron, desapareceron ou foron trasladados a zoos, pero os hipopótamos reproducíronse e algúns escaparon da facenda. A poboación de hipopótamos introducidos pasou de 35 individuos en 2012 a entre 60 e 80 en 2020,[44] todos eles relacionados co cuarteto orixinal importado por Escobar. Segundo novos estudos, a poboación medrou a un ritmo anual do 14,5% e podería acadar unha poboación de 1.418 exemplares en 2039.[45] Aínda que existen iniciativas comunitarias locais que aproveitan a súa presenza para promover o turismo,[46] o hipopótamo está considerado como unha especie invasora fóra de África e pode representar riscos económicos e ecolóxicos ao competir polos mesmos recursos con especies da fauna silvestre nativa e afectar á flora local alterando o hábitat e perturbando os procesos ecosistémicos, ademais de ser potenciais diseminadores de doenzas exóticas, polo que se propuxeron diversas medidas para a súa erradicación, en vista do importante desequilibrio ecolóxico que está a ocasionar ao país.[47][48][49]

En marzo de 2021, a UICN enviou unha carta de intervención ao Goberno de Colombia, asegurou que seguiu de preto o debate ambiental e recomendou ás autoridades empezar urxentemente un programa enfocado en eliminar a poboación de hipopótamos. Tamén sinalou fronte á esterilización, que é moi pouco probábel que esta alternativa funcione no longo prazo, porque isto non evita os impactos causados polos animais por décadas, considerando que teñen unha esperanza de vida de máis de 40 anos.[50]

Relación cos humanos editar

 
Escultura do Imperio Novo de Exipto (ao redor de 1500–1300 a. e. c., cando o hipopótamo aínda se estendía ao longo do Nilo.

As evidencias máis antigas da relación entre humanos e hipopótamos son diversas marcas de cazarías en ósos destes mamíferos atopados na formación Bouri, datados como de hai aproximadamente cento sesenta mil anos.[51] Atopáronse gravados e pinturas rupestres posteriores que amosaban cazarías de hipopótamos nas montañas do Sáhara central, datados como de hai catro mil a cinco mil anos, preto de Djanet en Tassili n'Ajjer. Estes animais eran ben coñecidos entre os antigos exipcios, que os consideraban como feroces habitantes do Nilo.[7] Na mitoloxía exipcia, Tueris, deusa da fertilidade e protectora das embarazadas, tiña cabeza de hipopótamo, pois os antigos exipcios recoñecían o carácter protector das femias cara aos seus mozos.[52]

O hipopótamo era coñecido polos historiadores dende a Antigüidade clásica. O historiador grego Heródoto describiuno nas súas Historias (Circa 440 a. e. c.) e o historiador romano Plinio o Vello escribiu sobre o hipopótamo na súa enciclopedia Naturalis Historia (c. 77 e. c.).[41][53]

Nos zoolóxicos editar

 
Obaysch no Zoolóxico de Londres en 1852.

Os hipopótamos foron dende hai moito tempo animais populares nos zoolóxicos. O primeiro hipopótamo nun zoo na historia moderna foi Obaysch que chegou ao Zoo de Londres o 25 de maio de 1850, onde atraeu até dez mil visitantes diarios e inspirou unha canción popular, a Polca do hipopótamo.[54] Dende entón seguiron sendo animais populares dos zoos, tendo en conta ademais que xeralmente se reproducen ben en catividade, aínda que o seu índice de natalidade é máis baixo que na natureza, pero isto atribúese a que os zoolóxicos non intentan reproducir en maior medida a estes animais dado o seu gran tamaño e cun mantemento relativamente caro.[7][54]

A meirande parte dos hipopótamos dos zoos naceron en catividade. Hai exemplares dabondo no sistema internacional de zoolóxicos como para que resultase innecesaria a introdución de individuos na natureza se os zoos cooperasen no mantemento da diversidade xenética da reserva reprodutora.[7]

Como moitos animais dos zoos, estes grandes mamíferos foron tradicionalmente amosados en expositores dedicados, que polo xeral tiñan un estanque de auga e unha parcela de herba. Nos anos 1980, empezáronse a deseñar lugares de exposición que reflectían dunha forma máis precisa os hábitats naturais dos animais. Por exemplo, no hipoacuario do Zoo de Toledo (Ohio) construíron un estanque para hipopótamos con preto de 1 500 000 l de capacidade,[55] e en 1987 os investigadores puideron gravar por primeira vez un nacemento baixo a auga (como na natureza) neste zoo, e este animal fíxose tan popular que un hipopótamo converteuse no logotipo do zoolóxico.[56]

Na cultura editar

 
Cuberta da partitura da Polca do hipopótamo. A insólita representación de hipopótamos bailando foi utilizada na película de Disney Fantasia.

Este animal era coñecido polos gregos e romanos antigos como a «Besta do Nilo». Un hipopótamo vermello podería ser a representación do deus Seth na relixión do Antigo Exipto, e a súa consorte Tueris tamén parece ser a representación dun hipopótamo.[57] Tamén se pensa que o monstro Behemot do Libro de Xob (40:15–24) está baseado neste animal.[58]

Dende que Obaysch inspirou a Polca do hipopótamo, os hipopótamos foron animais populares na cultura occidental polo seu aspecto corpulento que moitos consideran cómico. Historias de hipopótamos como Huberta, que se converteu nunha celebridade en Suráfrica nos anos 1930 pola súa viaxe de 1600 km a través do país,[59] ou a historia de Owen e Mzee, un hipopótamo e unha tartaruga que desenvolveron unha amizade pouco común, divertiron á xente que comprou libros, obxectos promocionais e todo tipo de xoguetes de hipopótamos, coma o Tragabólas.[60][61][62] Tamén se lles menciona na canción I Want a Hippopotamus for Christmas (Quero un hipopótamo polo Nadal) que fixo popular Gayla Peevey en 1953.[63]

Tamén foron populares personaxes de historietas, onde o seu aspecto corpulento se usa como efecto divertido. A película de Disney Fantasia presentou a unha bailarina hipopótamo que baila na ópera La Gioconda. Outros personaxes de animación inclúen ao popular Peter Potamus dos estudios Hanna-Barbera, Flavio e Marita en Animaniacs, o dúo francés Pat e Stanley, Tasha en The Backyardigans ou Gloria e Moto-Moto das películas de DreamWorks Madagascar e Madagascar: Escape 2 Africa.

No xogo do xadrez, existe unha apertura denominada defensa hipopótamo, un pouco común aínda que sólido sistema de defensa.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 Oliver, W.R.T.; et al. (2017). "Hippopotamus amphibius". Red List of Threatened Species. Versión 2018-1 (en inglés). IUCN. Consultado o 15 de xullo de 2018. 
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para hipopótamo.
  3. "Query Taxa: Cetacea/Hippopotamidae". The TimeTree of Life (en inglés). Time Tree. Consultado o 27 de xuño de 2010. 
  4. "Query Taxa: Suidae/Hippopotamidae". The TimeTree of Life (en inglés). Time Tree. Consultado o 27 de xuño de 2010. 
  5. Diccionario enciclopédico Salvat Universal 11 (15ª ed.). Barcelona: Salvat Editores, S.A. 1981. p. 371. ISBN 84-345-3717-6. 
  6. José Luis Menéndez (10 de xaneiro de 1926). "En el Nilo Azul. Detalles, incidentes y peripecias de la caza del hipopótamo". Blanco y Negro - Revista Ilustrada (Editorial Blanco y Negro) 36 (1808): 18. 
  7. 7,00 7,01 7,02 7,03 7,04 7,05 7,06 7,07 7,08 7,09 7,10 Eltringham, S. K. (1999). The Hippos (en inglés). Poyser Natural History Series. Londres: Academic Press. ISBN 085661131X. 
  8. 8,0 8,1 Shefferly, N. (2001). "Hippopotamus amphibius: Information" (en inglés). Animal Diversity Web. University of Michigan Museum of Zoology. Consultado o 26 de abril de 2021. 
  9. 9,0 9,1 9,2 Álvarez Romero, J. e Medellín Legorreta, R. A. (7 de febreiro de 2005). "Hippopotamus amphibius Linnaeus, 1758" (PDF). Vertebrados superiores exóticos en México: diversidad, distribución y efectos potenciales. Instituto de Ecología, Universidad Nacional Autónoma de México. Consultado o 26 de abril de 2021. 
  10. Marshall, P. J. e Sayer, J. A. (1976). "Population ecology and response to cropping of a hippopotamus population in eastern Zambia". The Journal of Applied Ecology (en inglés) 13 (2): 391–403. doi:10.2307/2401788. 
  11. "Mammals: Hippopotamus" (en inglés). San Diego Zoo. Consultado o 26 de abril de 2021. 
  12. Hipopótamo común. www.parquedecabarceno.com. Consultado o 21 de maio de 2020.
  13. Por qué son peligrosos los hipopótamos. Misanimales.com. Consultado o 21 de maio de 2020.
  14. 14,0 14,1 14,2 "Hippopotamus Hippopotamus amphibius" (en inglés). Zoological Society of San Diego Library. 2001-2010. Arquivado dende o orixinal o 20 de xullo de 2018. Consultado o 26 de abril de 2021. 
  15. Saikawa, Y.; Hashimoto, K.; Nakata, M.; Yoshihara, M.; Nagai, K.; Ida, M. e Komiya, T. (2004). "Pigment chemistry: the red sweat of the hippopotamus". Nature (en inglés) 429 (6990): 363. PMID 15164051. doi:10.1038/429363a. 
  16. Barr, Brady. Undercover Hippo, Dangerous Encounters, National Geographic Channel, 20/1/2008. Consultado o 26 de abril de 2021.
  17. "Hippopotamus" (en inglés). Parque Nacional Kruger. Arquivado dende o orixinal o 17 de novembro de 2010. Consultado o 28 de abril de 2021. 
  18. 18,0 18,1 Grey, J. e Harper, D. M. (2002). "Using Stable Isotope Analyses To Identify Allochthonous Inputs to Lake Naivasha Mediated Via the Hippopotamus Gut". Isotopes in Environmental Health Studies (en inglés) 38 (4): 245–250. doi:10.1080/10256010208033269. 
  19. Dudley, J. P. (1998). "Reports of carnivory by the common hippo Hippopotamus Amphibius". South African Journal of Wildlife Research (en inglés) 28 (2): 58–59. 
  20. McCarthy, T. S., Ellery, W. N. e Bloem, a. (1998). "Some observations on the geomorphological impact of hippopotamus (Hippopotamus amphibius L.) in the Okavango Delta, Botswana". African Journal of Ecology (en inglés) 36 (1): 44–56. doi:10.1046/j.1365-2028.1998.89-89089.x. 
  21. Beckwitt, R.; Shea, J.; Osborne, D.; Krueger, S.; Barklow, W. (2002). "A PCR-based method for sex identification in Hippopotamus amphibius" (PDF). African Zoology Journal (en inglés): 127–130. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 17 de xuño de 2010. Consultado o 28 de abril de 2021. 
  22. Barklow, W. E. (2004). "Low-frequency sounds and amphibious communication in Hippopotamus amphibious". The Journal of the Acoustical Society of America 115 (5): 2555. 
  23. "Depredadores de los Hipopótamos". HippoWorlds. BioExpedition. Consultado o 28 de abril de 2021. 
  24. "Old mother hippo dies" (en inglés). Axencia France Press. 12 de xullo de 1995. 
  25. Bertha, hipopótamo mais velho do mundo, morre aos 65 anos Arquivado 24 de xullo de 2020 en Wayback Machine. (en portugués). Veja.abril.com.br. Consultado o 23 de xullo de 2020.
  26. 26,0 26,1 26,2 Graham, L. H.; Reid, K.; Webster, T.; Richards, M.; Joseph, S. (2002). "Endocrine patterns associated with reproduction in the Nile hippopotamus (Hippopotamus amphibius) as assessed by fecal progestagen analysis". General and Comparative Endocrinology (en inglés) 128 (1): 74–81. PMID 12270790. doi:10.1016/S0016-6480(02)00066-7. 
  27. Lewison, R. (1998). "Infanticide in the hippopotamus: evidence for polygynous ungulates". Ethology, Ecology & Evolution (en inglés) 10 (3): 277–286. Arquivado dende o orixinal o 06 de marzo de 2011. Consultado o 09 de novembro de 2020. 
  28. "Hippos In the News... June 2008" (en inglés). Hippo Specialist Group, World Conservation Union. Archived from the original on 30 de xaneiro de 2019. 
  29. "Are hippos the most dangerous animal?" (en inglés). The Straight Dope. 6 de decembro de 2000. Arquivado dende o orixinal o 15 de maio de 2008. Consultado o 11 de xullo de 2010. 
  30. "Estos son los 15 animales que más matan y están más cerca de lo que crees". El español (en castelán). 26 de abril de 2019. Consultado o 21 de maio de 2020. 
  31. "What are the world's deadliest animals?". BBC News. 15 de xuño de 2016. Consultado o 22 de maio de 2020. 
  32. Lewison, R. (1998). "Infanticide in the hippopotamus: evidence for polygynous ungulates". Ethology, Ecology & Evolution (en inglés) 10 (3): 277–286. Arquivado dende o orixinal o 06 de marzo de 2011. Consultado o 09 de novembro de 2020. 
  33. Eltringham, S. K. (1999). The Hippos (en inglés). Poyser Natural History Series. Londres: Academic Press. ISBN 085661131X.
  34. Lydekker, R. (1915). Catalogue of the Ungulate Mammals in the British Museum of Natural History (en inglés) 5. Londres: Museo Británico. 
  35. 35,0 35,1 Okello, J. B. A. Coautores: Nyakaana, S., Masembe, C., Siegismund, H. R. e Arctander, P. (2005). "Mitochondrial DNA variation of the common hippopotamus: evidence for a recent population expansion" (PDF). Heredity (en inglés) 95: 206–215. doi:10.1038/sj.hdy.6800711. 
  36. Meijaard, Erik (ed.) (setembro de 2005). "Suiform Soundings: The IUCN/SSC Pigs, Peccaries, and Hippos Specialist Group" (PDF). PPHSG Newsletter (en inglés) (UICN) 5 (1). ISSN 1446-991X. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 8 de marzo de 2008. 
  37. "Hippo Haven" (en inglés). Smithsonian Magazine. 1 de xaneiro de 2006. Consultado o 25 de abril de 2021. 
  38. "DR Congo's hippos face extinction." (en inglés). BBC. 13 de setembro de 2005. Consultado o 25 de abril de 2021. 
  39. "Congo's hippos fast disappearing" (en inglés). Toronto Star. 
  40. van Kolfschoten, Th. (2000). "The Eemian mammal fauna of central Europe" (PDF). Netherlands Journal of Geosciences (en inglés) 79 (2/3): 269–281. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 24 de xullo de 2011. Consultado o 09 de xullo de 2020. 
  41. 41,0 41,1 Plinio o Vello. "capítulo 15, libro VIII". Naturalis Historia (en latín). tradución ao inglés aquí 
  42. Kraul, Chris (20 de decembro de 2006). "A hippo critical situation". Los Angeles Times (en inglés). Consultado o 25 de abril de 2021. 
  43. Morales, Oscar (21 de xaneiro de 2021). "Hipopótamos de Pablo Escobar podrían ser sacrificados". Cambio16. Consultado o 25 de abril de 2021. 
  44. Monsalve, Santiago; Ramírez Guerra, Alejandro (2018). "Estado actual de los hipopótamos (Hippopotamus amphibius) en Colombia" (PDF). Revista CES Medicina Veterinaria y Zootecnia 13 (3): 338–346. ISSN 1900-9607. 
  45. "La otra herencia de Pablo Escobar: sus hipopótamos son una plaga en Colombia y planean matarlos". AS.com. 23 de xaneiro de 2021. Consultado o 25 de abril de 2021. 
  46. "Los 60 hipopótamos de Pablo Escobar ponen en jaque a Colombia". ABC. 8 de maio de 2018. Consultado o 25 de abril de 2021. 
  47. Ossa, Guillermo (22 de xaneiro de 2021). "¿Qué salida les queda a los hipopótamos que dejó Pablo Escobar?". El Tiempo. Consultado o 27 de abril de 2021. 
  48. Paz Cardona, Antonio J. (6 de xullo de 2020). "El manejo de los hipopótamos en Colombia debe ser con la razón y no con el corazón". Mongabay Latam. Consultado o 25 de abril de 2021. 
  49. Kaplan, Sarah (11 de xaneiro de 2021). "La invasión de los hipopótamos: Colombia se está quedando sin tiempo para acabar con el legado más salvaje de Pablo Escobar". The Washington Post. Consultado o 25 de abril de 2021 – vía infobae. 
  50. "La UICN envió carta al Minambiente sobre riesgos de los hipopótamos en Colombia". El Espectador. 13 de marzo de 2021. Consultado o 25 de abril de 2021. 
  51. Clark, J. D. et ál (2003). "Stratigraphic, chronological and behavioural contexts of Pleistocene Homo sapiens from Middle Awash, Ethiopia". Nature (en inglés) 423 (6941): 747–52. PMID 12802333. 
  52. Hart, G. (1986). A Dictionary of Egyptian Gods and Goddesses (en inglés). Routledge. ISBN 0415059097. 
  53. Herodoto. "capítulo 71, libro II". The Histories (en inglés). 
  54. 54,0 54,1 Root, N. J. (1993). "Victorian England’s Hippomania". Natural History (en inglés) 103: 34–39. 
  55. Greene, M. (decembro de 1987). "No rms, jungle vu: a new group of "landscape-immersion" zoo designers are trying to break down visitors' sense of security by reminding them that wild animals really are wild" (en inglés). The Atlantic Monthly. 
  56. "Hippoquarium" (en inglés). Toledo Zoo. Arquivado dende o orixinal o 15 de abril de 2008. Consultado o 26 de abril de 2021. 
  57. Cooper, J. C. (1992). Symbolic and Mythological Animals (en inglés). Londres: Aquarian Press. p. 129. ISBN 1-85538-118-4. 
  58. Metzeger, Bruce M. (ed). Coautor: Michael D. Coogan (ed) (1993). The Oxford Companion to the Bible (en inglés). Oxford, Reino Unido: Oxford University Press. p. 76. ISBN 0-19-504645-5. 
  59. Chilvers, H. A. (1931). Huberta Goes South, a Record of the Lone Trek of the Celebrated Zululand Hippopotamus (en inglés). Londres: Gordon & Gotch. 
  60. Ludden, J. (17 de xullo de 2005). "A hippo and tortoise tale" (en inglés). National Public Radio (NPR). Consultado o 26 de abril de 2021. 
  61. Hatkoff, I., Hatkoff, C. e Kahumbu, P. (2006). Owen & Mzee; The True Story of a Remarkable Friendship (en inglés). Nova York: Scholastic Press. 
  62. "Fred Kroll, of Trouble and Hungry Hungry Hippos games, dead at 82" (en inglés). Associated Press. 5 de agosto de 2003. 
  63. "I Want A Hippopotamus For Christmas Lyrics" (en inglés). Christmas-lyrics.org. Arquivado dende o orixinal o 18 de abril de 2010. Consultado o 26 de abril de 2021. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar