Litro
Un litro é unha unidade de volume equivalente a un espazo de 1 dm³ (1000 cm³). O seu símbolo é l, se ben en moitas ocasións se usa L para distinguir entre 'l' e '1' nalgunhas grafías, sendo aceptado o seu uso.
Porén, a unidade de volume do Sistema Internacional de Unidades (SI) é o metro cúbico (m³), e o litro equivale a unha milésima de metro cúbico. O símbolo L foi adoptado en 1979 na 16a Conferencia Xeral de Pesos e Medidas. Aínda que non é unha unidade de medida do Sistema Internacional, o SI acepta o seu emprego, se ben recomenda a utilización das unidades do SI no campo da ciencia.[1]
Trátase dunha unidade moi empregada na vida diaria e adoita usarse xunto con unidades do SI, tal e como se fai actualmente coas unidades da hora e do día.[2]
Un litro de auga líquida ten unha masa de case exactamente un quilogramo, xa que o quilogramo foi definido orixinariamente en 1795 como a masa dun decímetro cúbico de auga á temperatura de fusión do xeo. Definicións posteriores do metro e do quilogramo fixeron que esta relación deixara de ser exacta.[3][4]
Historia
editarEtimoloxía
editarO nome da unidade deriva dunha antiga unidade de volume francesa, o litron, que evolucionou a través da unidade medieval litra (do latín). Este último termo provén á súa vez da litra como unidade grega de masa que equivale a 12 onzas (onkia). O sistema métrico francés tomou o litro como unidade básica na creación dun sistema propio de medidas.[5]
Invención e evolución da medida
editarA orixe do litro ten lugar trala unificación de medidas propulsada durante a Revolución Francesa pola Asemblea Constituínte de 1791. Esta unificación foi debida á gran diversidade de medidas que daquela había. O litro apareceu por vez primeira como medida de capacidade na lei do 18 germinal an 3[4] (7 de abril de 1795), definido en función do metro[6] como "a medida de volume, tanto para líquidos como para sólidos, dun cubo de aresta igual a unha décima parte dun metro" (art. 5).
No ano 1879, o Comité Internacional de Pesos e Medidas adoptou o litro e a súa abreviatura, a l minúscula[7] En 1901, a terceira Conferencia Xeral de Pesos e Medidas definiu o litro como "o volume ocupado pola masa dun quilogramo de auga pura na súa máxima densidade e baixo presión atmosférica normal", isto quería dicir: auga pura a 1 atm e a unha temperatura lixeiramente por enriba de 3,98 °C.[8] O litro era, segundo esta definición, equivalente a 1.000028 dm³ (inicialmente 1.000027 dm³), aceptando deste xeito a discrepancia detectada segundo a definición co centímetro cúbico.
Máis tarde, especificouse que 4 °C sería a temperatura que serviría como punto de referencia da densidade da auga, cunha densidade da auga pura lixeiramente inferior a 1,0000 kg/litro.
Un dos investigadores que comprobou as desviacións da medida do litro con estes cambios foi o físico Charles Edouard Guillaume,[9] que en 1904 probou experimentalmente que a densidade da auga a 4 °C era de 1.000028 dm³.[10]
Finalmente, a causa da complexa definición do litro, no ano 1964 vaise recuperar a definición de 1793, na 12a reunión do CGPM[11] tras constatarse en 1960 que había unha diferenza de 28 millonésimas con respecto ó decímetro cúbico[12], o litro pasou a ser só un nome especial para o decímetro cúbico.
Distintos símbolos usados para representar o litro
editarOrixinariamente o único símbolo para o litro era l (L minúsculo), seguindo a convención do Sistema Internacional de que só as unidades que abrevian un nome de persoa empregan como símbolo unha letra maiúscula. Porén, en moitos lugares, a forma máis común do díxito arábigo manuscrito 1 é unicamente un trazo vertical e polo tanto o algarismo "1" pode ser confundido coa letra "l". Ademais, nalgunhas máquinas de escribir antigas a tecla do L era empregada tamén para o numeral 1. Mesmo nalgunhas fontes informáticas os dous caracteres son apenas distinguibles. Isto causou problemas, especialmente na comunidade médica.
Antes de 1979, o símbolo ℓ (l pequeno manuscrito, U+2113), fíxose de uso común en varios países; por exemplo, era recomendado pola publicación M33 da South African Bureau of Standards en Suráfrica na década de 1970, e pode atoparse aínda nalgúns países de fala inglesa. O seu uso é ocasional nalgúns países europeos, e habitual no Xapón e Corea do Sur. Algunhas fontes non só empregan o carácter ℓ senón que tamén o usan en caracteres compostos: ㎕, ㎖, ㎗ e ㎘ (do U+3395 ao U+3398) para o microlitro, mililitro, decilitro e quilolitro. Noutros países como Canadá, recomendaban utilizar a minúscula ℓ sempre que fose posíbel, ou por defecto, cando non houbera confusión co número 1. Este uso entra en contradición coas principais organizacións internacionais (ISO, NIST, NPL, IAU, IUPAC e IUPAP), que establecen que os símbolos deben imprimirse en tipografía romana independentemente da fonte empregada no resto do texto.[13] Na actualidade, este símbolo non se emprega na maioría dos países e nunca foi recoñecido pola CGPM nin pola Organización Internacional para a Estandarización (ISO).[14]
Na 16a reunión do CGPM celebrada en 1979, decidiuse utilizar tanto a abreviatura en minúscula l como a L maiúscula para evitar confusións entre a letra e o número 1,[15] ou coa letra "i" maiúscula. Aínda que había a intención de restrinxir nun futuro a abreviatura a un dos dous símbolos, esta dualidade persiste na actualidade. O Instituto Nacional de Estándares e Tecnoloxía (NIST) dos Estados Unidos recomenda o emprego deste símbolo,[16] práctica estendida tamén no Canadá e Australia. Nestes países tamén se emprega o símbolo L con prefixos, como en mL e μL, en lugar dos tradicionais ml e μl. No Reino Unido e Irlanda, así como no resto de Europa, a letra minúscula l adoita empregarse con prefixos, mentres que os litros completos a miúdo aparecen coa palabra completa (é dicir, "750 ml" pero "1 litro" en recipientes de líquidos). A L maiúscula é a que se utiliza na práctica.
Hoxe en día non hai razón técnica algunha para esta excepción na nomenclatura dos sistemas de medidas, xa que nos sistemas de escritura informáticos é doada a utilización de sistemas de codificación máis distinguíbeis. Porén, en 1990, o CIPM considerou que aínda era demasiado pronto para elixir un único símbolo para o litro.[17]
Múltiplos e submúltiplos
editarÓs múltiplos e submúltiplos do litro aplícanselles os prefixos do Sistema Internacional de Unidades. O máis utilizado é o mililitro, que equivale a unha milésima parte dun litro. Na seguinte táboa atópanse os múltiplos e submúltiplos do litro coas súas respectivas equivalencias en volume. É destacábel que tanto os múltiplos como os submúltiplos aumentan e diminúen respectivamente nunha orde de magnitude en base dez. Os de uso máis frecuente están marcados en negra.
Múltiplo | Nome | Símbolos | Volume equivalente | Submúltiplo | Nome | Símbolos | Volume equivalente | |||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
100 L | litro | l | L | dm³ | decímetro cúbico | |||||||
101 L | decalitro | dal | daL | 10−1 L | decilitro | dl | dL | |||||
102 L | hectolitro | hl | hL | 10−2 L | centilitro | cl | cL | |||||
10³ L | quilolitro | kl | kL | m³ | metro cúbico | 10−3 L | mililitro | ml | mL | cm³ | centímetro cúbico (cc) | |
106 L | megalitro | Ml | ML | dam³ | decámetro cúbico | 10−6 L | microlitro | µl | µL | mm³ | milímetro cúbico | |
109 L | xigalitro | Gl | GL | hm³ | hectómetro cúbico | 10−9 L | nanolitro | nl | nL | 106 µm³ | 1 millón de micrómetros cúbicos | |
1012 L | teralitro | Tl | TL | km³ | quilómetro cúbico | 10−12 L | picolitro | pl | pL | 10³ µm³ | 1 millar de micrómetros cúbicos | |
1015 L | petalitro | Pl | PL | 10³ km³ | 1 millar de quilómetros cúbicos | 10−15 L | femtolitro | fl | fL | µm³ | micrómetro cúbico | |
1018 L | exalitro | El | EL | 106 km³ | 1 millón de quilómetros cúbicos | 10−18 L | attolitro | al | aL | 106 nm³ | 1 millón de nanómetros cúbicos | |
1021 L | zettalitro | Zl | ZL | Mm³ | megámetro cúbico | 10−21 L | zeptolitro | zl | zL | 10³ nm³ | 1 millar de nanómetros cúbicos | |
1024 L | yottalitro | Yl | YL | 10³ Mm³ | 1 millar de megámetros cúbicos | 10−24 L | yoctolitro | yl | yL | nm³ | nanómetro cúbico |
Mililitro
editarO mililitro, de símbolo ml, ou o que é o mesmo, un centímetro cúbico de símbolo cm³, é unha unidade de volume que equivale a unha millonésima parte dun metro cúbico. É o volume ocupado por un cubo que ten as arestas dun centímetro de lonxitude. Ás veces tamén se abrevia (incorrectamente) como cc (sobre todo no eido automobilístico) e como ccm.
Aínda que non é unha unidade de medida do Sistema Internacional, é unha unidade moi empregada na ciencia. A unidade de medida do volume no SI é o metro cúbico (m³). É a unidade base de volume no antigo sistema de medidas CGS.
- 1 mililitro = 1 centímetro cúbico = 0,1 cl
- 1 mililitro = 1 centímetro cúbico = 0,01 dl
- 1 mililitro = 1 centímetro cúbico = 0,001 litros
- 1 mililitro = 1 centímetro cúbico = 0,000 001 m³
Centilitro
editarO centilitro (abreviado cL) é o segundo submúltiplo do litro. Trátase dunha orde de magnitude que foi usada, nalgúns casos, para medir pequenos consumos, como os da auga en caso de perdas,[18] ou ben o consumo de combustíbel nalgúns vehículos.[19] Con todo, a súa utilización depende da orde de magnitude das cantidades volumétricas que se describen.
Decilitro
editarO decilitro (abreviado dL) é o primeiro submúltiplo do litro. Adóitase empregar para taxas de contido de substancias en análises médicos, dando os resultados en cantidades por decilitro de sangue.
Decalitro
editarO decalitro (abreviado daL) é unha unidade para líquidos que a súa medida equivale a dez litros. Non adoita utilizarse na vida cotiá.
Hectolitro
editarO hectolitro (abreviado hL) é unha unidade para líquidos cuxa medida equivale a cen litros. Utilízase habitualmente na industria de bebidas.
Quilolitro
editarO quilolitro (abreviado qL) é unha unidade de medida para líquidos cuxa medida equivale a mil litros. Emprégase para medir ou dar resultados de grandes cantidades de auga como a que se pode atopar en encoros, ríos, lagoas, lagos, mares ou océanos.
Equivalencias co litro das medidas tradicionais galegas de capacidade para líquidos
editarNa seguinte táboa amósanse os valores en litros das medidas tradicionais galegas de capacidade de líquidos. Tamén aparecen as variantes do nome principal, e os nomes de medidas homónimas en portugués e en castelán, se os houbese. Cando as medidas portuguesa e castelá non coincidan en valor coa galega, indícase entre paréntese o seu valor, exacto ou aproximado, en litros.
Nome da medida | Variante | Nome portugués | Nome castelán | Equivalencia en litros | Comentarios |
Moio | 128 | Uniforme en toda Galicia (1 moio = 8 olas) | |||
Canado | Cañado (37 l) | 32 | Bastante uniforme en toda Galicia (1 canado = 2 olas), porén pode variar nalgunhas zonas. | ||
Ola | 16 | Equivalente á cántara, á arroa e ao cabazo. Uniforme e maioritaria en toda Galicia. | |||
Cántara | Cántaro | Cántaro ( ) |
Cántara (16,13 l) |
16 | Equivalente á ola, á arroa e ao cabazo. Uniforme e maioritaria en toda Galicia, aínda que se poden achar pequenas variacións. |
Arroa | Arroba | Arroba | 16 | Equivalente á ola, á cántara e ao cabazo. Moi pouco usada, se cadra pola coincidencia no nome coa medida de peso. Usada fundamentalmente como medida para o viño. | |
Cabazo | Calabazo | 16 | Equivalente á ola, á cántara e á arroa. Moi antiga e aínda menos usada cá arroa. Constantino García identifícaa nun só lugar (Goián) e Eladio Rodríguez nalgunhas comarcas da provincia de Ourense. | ||
Carta | Cuarta | 8 | Valor variante, segundo as zonas, entre 8 e 10 litros. Defínese como a cuarta parte do canado, de aí o seu nome e polo cal se escolle o valor de 8 l. | ||
Canada | Canada (2 l) |
Cañada Colodra |
4 | Moi variable, segundo as zonas. Eladio Rodríguez dálle un valor de 2 litros equiparándoa á medida portuguesa homónima. Constantino García recolle medidas de 1, 2, 4 e ata 32 litros. Sarmiento documenta valores dos 4 ata os 24 litros. Dáselle o valor de 4 litros por ser este o maioritario (70%) nas enquisas do ALGa. | |
Cuartilla | Cuartilla | 4 | Definida como a cuarta parte da ola. É bastante uniforme en toda Galicia. | ||
Azume | Azumbre | 2 | É igual a catro netos. Está moi en desuso, aínda que é moi antigo, o pai Sarmiento documenta a súa existencia no século XIII. Eladio Rodríguez dálle un valor de 2,016 litros. | ||
Neto | 1/2 | Bastante uniforme en toda Galicia, aínda que nalgunhas zonas ten un valor dun litro. Contén dous carteiróns. | |||
Cuartillo | Quartilho | Cuartillo | 1/2 | Practicamente uniforme en toda Galicia, probablemente por derivar do cuartillo castelán. | |
Carteirón | Cuarteirón | 1/4 | Equivalente a medio neto. Practicamente uniforme en toda Galicia. As enquisas do ALGa só documentan dous lugares cun valor dun cuarto de neto, é dicir, 1/8 de litro. |
Conversións non métricas
editarA adopción do Sistema Internacional de medidas fixo que moitas das anteriores unidades de medida de volume ficasen obsoletas. Ó quedar nun status de aceptación por parte da CGPM tras considerarse a súa equivalencia co decímetro cúbico, á hora de trazar as antigas medidas tómase o litro como base. Nos seguintes apartados e táboas atópanse algunhas equivalencias de unidades.
Sistema Convencional Estadounidense
editarUnidade métrica |
Valor aproximado |
Unidade non métrica |
Sistema |
Unidade non métrica |
Equivalencia métrica |
---|---|---|---|---|---|
1 L | ≈ 0.87987699 | cuarto | Imperial | 1 quart | ≡ 1.1365225 L |
1 L | ≈ 1.056688 | cuarto (fluído) | U.S. | 1 cuarto (fluído) | ≡ 0.946352946 L |
1 L | ≈ 1.75975326 | pinta | Imperial | 1 pinta | ≡ 0.56826125 L |
1 L | ≈ 2.11337641 | pinta (fluído) | U.S. | 1 pinta (fluído) | ≡ 0.473176473 L |
1 L | ≈ 0.2641720523 | galón líquido | U.S. | 1 galón líquido | ≡ 3.785411784 L |
1 L | ≈ 0.21997 | galón | Imperial | 1 galón | ≡ 4.54609 L |
1 L | ≈ 0.0353146667 | pé cúbico | pé cúbico | ≡ 28.316846592 L | |
1 L | ≈ 61.0237441 | polgada cúbica | 1 polgada cúbica | ≡ 0.01638706 L | |
1 L | ≈ 33.8140 | onza líquida convencional | U.S. | 1 onza líquida convencional | ≡ 29.5735295625 mL |
1 L | ≈ 35.1950 | onza líquida | Imperial | 1 onza líquida | ≡ 28.4130625 mL |
Relación co litron
editarO litron é unha antiga unidade francesa de volume que se empregaba para medir áridos de construción. Desta unidade deriva etimoloxicamente o nome do litro. O volume dun litron é equivalente a 0,813 l.[21][22]
Relación co cuartillo
editarUn litro é equivalente a 1,984 cuartillos de líquido, unidade de medida castelá tamén coñecida como neto, pola que se estendeu o emprego do cuartillo en Castela como equivalencia do medio litro. Na medida de áridos, o litro equivale a 0,865 partes de cuartillo, ou ben á cantidade de áridos ou líquidos que collen nesta medida.[23]
Notas
editar- ↑ "The International System of Units" (PDF). Oficina Internacional de Pesos e Medidas, 2006. Consultado o 6 de agosto de 2013.
- ↑ ""Days" and "hours" are examples of other non-SI units that SI accepts." (PDF). Bureau International des Poids et Mesures.
- ↑ Association Métrodiff, ed. (7 de abril de 1795). "Décret relatif aux poids et aux mesures du 18 germinal an 3 (7 avril 1795)" [Decreto relativo aos pesos e medidas do 18 de xerminal do ano 3 (7 de abril de 1795)] (en francés). Arquivado dende o orixinal o 17 de agosto de 2016. Consultado o 19 de setembro de 2018.
Gramme, le poids absolu d'un volume d'eau pure égal au cube de la centième partie du mètre , et à la température de la glace fondante (art. 5).
Tradución ao galego: Gramo, o peso absoluto dun volume de auga pura igual ao cubo da centésima parte do metro, e á temperatura de fusión do xeo (art. 5). - ↑ 4,0 4,1 "Décret relatif aux poids et aux mesures" (en francés). Consultado o 20 de setembro de 2018.
- ↑ Schwarzman, Steven (1994). The words of mathematics: an etymological dictionary of mathematical terms used in English. MAA. pp. 128. ISBN 0883855119.
- ↑ O texto orixinal era: Litre, la mesure de capacité, tant pour les liquides que pour les matières sèches, dont la contenance sera celle du cube de la dixièrne partie du mètre (art. 5). (en francés)
- ↑ BIPM:Unidades que non son do SI, mais son aceptadas para o seu emprego polo SI Arquivado 01 de outubro de 2009 en Wayback Machine..
- ↑ Definición do litro na Resolución número 1 da 3ª reunión da CGPM en 1901.
- ↑ Enciclopedia Universal Ilustrada (en castelán). Espasa-Calpe, S.A. 1920.
- ↑ Heilbron, J. L.; Bynum, W. F. (13). "1904 and all that". Nature, International weekly journal of science (en inglés): 761–764. Consultado o 8 de agosto de 2013.
- ↑ Resolución número 6 da 12a reunión da CGPM de 1964 derrogando a definición do litro, establecendo que o litro é un nome especial para o decímetro cúbico e recomendando non empregar esta unidade en medidas de precisión.
- ↑ Resolución número 13 da 11a reunión da CGPM de 1960 constatando a diferenza entre o litro e o decímetro cúbico.
- ↑ Bureau International des Poids et Mesures (ed.). "Criteria for membership of a Consultative Committee" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 17 de abril de 2012. Consultado o 20 de setembro de 2018.
- ↑ Bureau International des Poids et Mesures (ed.). "Criteria for membership of a Consultative Committee" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 17 de abril de 2012. Consultado o 8 de agosto de 2013.
- ↑ Resolución número 6 da 16a reunión do CGPM de 1979
- ↑ Non-SI units accepted for use with the SI by the CIPM – NIST
- ↑ Bureau International des Poids et Mesures, ed. (2006). "The International System of Units (SI)" (PDF) (en inglés). p. 67. Consultado o 20 de setembro de 2018.
The CIPM, in 1990, considered that it was still too early to choose a single symbol for the litre.
- ↑ VIK - EAD Bourgas (ed.). "Water Usage at home". Arquivado dende o orixinal o 11 de outubro de 2012. Consultado o 6 de agosto de 2013.
- ↑ Rowlett, Russ. University of North Carolina at Chapel Hill, ed. "Units: L". Liter per 100 kilometers (L/100 km). Arquivado dende o orixinal o 16 de outubro de 2013. Consultado o 6 de agosto de 2013.
- ↑ Xosé Antón López Dobao (1988). Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, ed. Vocabulario das pesas e medidas. pp. 19–24.
- ↑ Gran Enciclopedia Larousse. Planeta. 1967. p. 638. ISBN 84-320-2036-2.
- ↑ pixiland.info (ed.). "Antigas Unidades: Volume". Consultado o 6 de agosto de 2013.
- ↑ Diccionario enciclopédico EDAF. LAM-NAT. 1972.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Litro |