Mitoloxía exipcia

A mitoloxía exipcia comprende o estudo de crenzas sustentadas na relixión do Antigo Exipto desde a época predinástica ata a imposición do cristianismo, cando as súas prácticas foron prohibidas en tempos de Xustiniano I, no ano 535.

Maat representada como unha divindade.

O seu desenvolvemento e influencia perduraron máis de tres mil anos, variando loxicamente a través do tempo; polo tanto, un artigo ou mesmo un libro, só pode resumir a multitude de entidades e temas deste sistema complexo de crenzas. A variada iconografía exipcia é moi diferente da grega ou romana: na mitoloxía exipcia moitas deidades son representadas con corpo humano, e cabezas doutros animais.

Historia editar

As ideas relixiosas dos antigos exipcios tiveron dúas fases:

  • Durante a época predinástica, divinizaron aqueles fenómenos naturais que os desconcertaban, ou infundían temor, dos que non coñecían a razón da súa proceder; asociaron estas divindades coas características de certos animais, e representáronas con forma humana aínda que conservando trazos zoomorfos: o falcón no deus Horus, "o elevado", deus do ceo; o chacal do deserto, "o gardián das necrópoles", convértese nun deus protector, Anubis; o crocodilo do Nilo, un perigo constante, nun deus temido, venerado na rexión de Fayum etc. Ademais atribuíronlles conceptos humanos, como a relación familiar, polo que se formaron tríadas compostas por un deus, a súa esposa e o seu fillo, e tamén paixóns humanas polo que se lles rendía culto dando ofrendas nos templos a cambio de favores solicitados ou recibidos.
  • A pesar da agrupación dos pobos exipcios nas "Dúas Terras": o Alto e o Baixo Exipto, cada un dos nomos mantivo as súas deidades protectoras, o que significaba a veneración a decenas de deuses, que adquirían maior ou menor relevancia segundo a importancia que tivese cada cidade: en Heliópolis adorábase a Ra, en Tebas a Amón e en Menfis a Ptah e Hator.

Os sacerdotes dos templos principais comezaron a organizar esta multitude de deuses e a explicar as súas relacións, a creación do mundo, as crecidas do Nilo etc., ideando e sistematizando as crenzas na denominadas teoloxía heliopolitana, tebana etc., que se reflicten nos Textos das Pirámides ou no Libro dos Mortos, aos que seguiu a redacción doutros similares.

 
Geb, na zona inferior, con Shu e Nut.

A súa visión está baseada no seu propio país, terra fértil xunto a un río e cun deserto arredor. Polo tanto, o mundo para eles dividíase en tres rexións:

  • O Ceo, Nun, morada dos deuses, cunha deusa celeste Nut, "a grande que pariu os deuses", era representada como unha muller co corpo arqueado que cubría toda a Terra.
  • A Terra, morada dos homes, a Casa de Geb, o deus creador, representado como un home deitado baixo Nut.
  • O Alén, ou Duat, o reino dos mortos, onde gobernou Osiris, e posteriormente Horus, espazo percorrido na súa barca solar por Ra durante a noite, e por onde transitaban os espíritos dos defuntos sorteando os perigos; o seu deus é Socar.

Xénese editar

 
Imaxe de Amón, en Karnak.

As principais divindades estaban organizadas en cinco grupos diferentes:

Mentres os líderes dos diversos grupos gañaban e perdían influencia, as crenzas dominantes transformábanse, combinábanse e sincretizaban. Ra e Atón convertéronse en Atón-Ra, coas características de Ra como dominantes, e posteriormente Ra foi asimilado á súa vez por Horus, como Ra-Horajti. Despois de que Ptah se convertese en Ptah-Seker, foi asimilado por Osiris, converténdose en Ptah-Seker-Osiris.

Coas deusas sucedeu o mesmo: Hathor asimilou inicialmente as características doutras deusas, mais en última instancia foi asimilada con Isis. Os deuses maléficos foron amalgamados da mesma forma, como Seth, que orixinalmente era un heroe, asimilou todas as características dos deuses malvados, ao cal condenaron posteriormente porque foi escollido como deus protector dos gobernantes hicsos.

Durante a época de influencia helénica sobre Exipto, o que perdurou con máis vigor foi a tríada: Osiris, Isis e Horus; e o seu inimigo Seth, tal como se ejemplifica na "Lenda de Osiris e Isis". A tríada asimilara moitos dos cultos e deidades anteriores, e cada deus era adorado no seu preferente lugar de veneración: Osiris en Abidos, Isis en Dendera e Horus en Edfu. Mesmo nesta etapa, continuaba a fusión, con Osiris como un aspecto de Horus (e viceversa), dirixíndose paulatinamente cara ao monoteísmo. Con todo, o monoteísmo, ou henoteísmo, xurdira con anterioridade, fugazmente, no século XIV a.C., cando Akhenatón tentara dar prioridade ao culto de Atón, na forma de disco solar, aínda que foi violentamente rexeitado posteriormente polo clero e o pobo exipcio.

Segundo o Canon Real de Turín, varios deuses gobernaron Exipto: Ptah, Ra, Shu, Geb, Osiris, Seth, Thot, Maat e Horus, cada un durante períodos de tempo inmensos. Despois, reinaron os Shemsu Hor durante 13 420 anos, antes de que xurdise a primeira dinastía de faraóns. Así, os predecesores de Menes ocuparon o trono exipcio durante 36 620 anos.

Principais divindades exipcias

Vida despois da morte editar

A crenza inicial na inmortalidade dos deuses e dos faraóns, posteriormente estendida ao resto dos exipcios, significou que se practicase o embalsamamento e a momificación, para poder conservar a integridade do individuo na vida futura. Ademais crían que se á persoa lle faltaba algunha parte do seu corpo non iría á outra vida.

O espírito dos exipcios editar

Os antigos exipcios consideraban que o espírito humano estaba conformado polo Ba, o Ka e o Aj.

Os exipcios crían que Anubis conducía o espírito dos defuntos cara ao lugar do xuízo, a "sala das dúas verdades". Alí, o corazón do morto, que era o símbolo da moralidade do defunto, se pesaba nunha balanza, comparándoo cunha pluma que representaba o Maat, o concepto de verdade, harmonía e orde universal. Se o resultado era favorable, o defunto era levado ante Osiris en Aaru. Porén, Ammit, "o devorador de corazóns", que era representado como un ser mestura de crocodilo, león e hipopótamo, destruía os corazóns que recibisen unha sentenza negativa, impedindo a súa inmortalidade.

As palabras xustas editar

O Libro dos mortos era unha serie de 190 fórmulas máxicas adaptadas ás circunstancias particulares de cada individuo, que se depositaban xunto ao defunto ou se gravaban nos muros da tumba para facilitar a súa viaxe pola Duat. Ademais, contiña as palabras axeitadas para utilizar no xuízo: as "palabras xustas". Un dos mellores exemplos do Libro dos Mortos é o Papiro de Ani, creado ao redor de 1240 a.C., que ademais de textos contén moitas imaxes de Ani e da súa esposa na súa viaxe a través do mundo dos mortos.

Os Xuíces da Duat editar

Os 42 xuíces da Duat son: Ahí, Am Khaibit, An Af, An Hetep ef, Arfi Em Khet, Ari Em Abef, Basty, Desem Besek, Desem Snef, Fenti, Hept Khet, Heref Haf, Her Uru, Hetch Abhu, Kenemti, Khemiu, Maa Antuf, Neb Abui, Neb Heru, Neb Maat, Neba, Nefertum, Neha Her, Nehebkau, Neheb Nefert, Nekhenu, Qerrti, Ruruti, Sekhriu, Sera Kheru, Sertiu, Set Qesu, Shet Kheru, Ta Retiu, Tcheser Tep, Tem Sepu, Tenemiu, Tutu, Uamenti, Uatch Rekhit, Usekh Nemmt e Utu Nesert.

O período monoteísta editar

 
Akhenatón e a súa familia venerando a Atón, en Akhetatón (Amarna).

Un intervalo curto de monoteísmo (Atonismo) tivo lugar baixo o reinado de Akhenatón, enfocado na deidade exipcia do sol, Atón. Akhenatón proscribiu a veneración doutros deuses e construíu unha nova capital, Akhetatón (Amarna), arredor do templo de Atón.

O cambio relixioso perdurou unicamente ata a época de Tutankamón, fillo de Akhenatón e dunha esposa secundaria. Por ser este cambio moi impopular foi rapidamente proscrito. De feito, relaciónase con este cambio o borrado dos nomes de Akhenatón e Tutankamón dos muros e das listaxes reais.

Despois da caída do faraón de Amarna, o panteón exipcio orixinal perdurou como fe dominante ata a chegada do cristianismo copto e, posteriormente, á imposición do islam, aínda que os exipcios continuaron a ter relacións con outras culturas monoteístas como cos hebreos. Sorprendentemente, o pobo exipcio apenas opuxo resistencia á difusión do cristianismo, explicado en ocasións pola afirmación de que Xesús de Nazaret, era orixinalmente un sincretismo vinculado principalmente a Horus, e a Virxe María representaba a Isis.

Henoteísmo e outras teorías editar

Algúns exiptólogos consideran este culto máis próximo ao henoteísmo. Varios eruditos, sobre todo aqueles con tendencias relixiosas xudeocristiás, opinan que é incorrecto ver este período como monoteísta, e indican que os exipcios non adoraba a Atón, senón á familia real como parte do panteón dos deuses, quen recibirían a súa enerxía divina de Atón.[1] Outros consideran que Moisés e Akhenatón eran a mesma personaxe.[2]

Influencias externas editar

Exipto mantivo relacións comerciais ou bélicas cos pobos fronteirizos de Nubia, Libia e Canaán en diversos períodos. Tamén foi influído polos gobernantes gregos tolemaicos, que reinaron en Exipto durante 300 anos. Finalmente foi incorporado ao Imperio Romano, gobernado inicialmente por Roma e posteriormente desde Constantinopla, ata a conquista árabe.

Período hicso: dinastía XV e dinastía XVI editar

Tralo derrubamento do Imperio Medio comezou o denominado Segundo Período Intermedio. Durante esa época, no delta do Nilo xurdiron os gobernantes hicsos (inmigrantes asiáticos), que dominaron Exipto persoalmente, ou mediante mandatarios vasalos (dinastía XV e dinastía XVI). Foi o auxe do deus Seth, posteriormente deostado trala expulsión dos hicsos.

Período libio: dinastía XXII a dinastía XXIV editar

Exipto tivo durante moito tempo lazos con Libia. Despois da morte de Ramsés XI, o sumo sacerdote de Amón Herihor, tomou o control de Exipto ata que foi substituído sen signos evidentes de loita evidente polos reis libios da dinastía XXII. O primeiro rei desta dinastía, Sheshonq I, serviu como xeral baixo os mandatarios da dinastía XXI. Sábese que designou o seu propio fillo para ser sumo sacerdote de Amón, unha ocupación que previamente era un cargo hereditario.

Período tolemaico (304 a 30 a.C.) editar

Comezou con Tolomeo I Sóter e rematou con Cleopatra VII. Tolomeo I Sóter "Salvador", fundou a dinastía tolemaica, que gobernou Exipto uns 300 anos. Os tolomeos promoveron o culto a Serapis, deidade sincrética de Osiris e Apis. Varios reis tolemaicos adoptaron o costume exipcio de casar coas súas irmás, e moitos gobernaron conxuntamente coas súas esposas.

Período romano (30 a.C. a 639 d.C.) editar

Exipto foi incorporado ao Imperio Romano e gobernado primeiro desde Roma e posteriormente desde Constantinopla ata a conquista árabe. O cristianismo introduciuse nas comunidades xudías do Exipto romano no século II. Ao principio foi perseguido vigorosamente polas autoridades romanas, que, máis que calquera outra cousa, temían a discordia relixiosa nun país onde a relixión fora sempre suprema. Porén, rapidamente gañou adeptos entre os xudeus de Alexandría. Destes, pasou aos gregos, e posteriormente a grupos de exipcios, que atoparon satisfactorias as súas promesas de salvación persoal e as súas ensinanzas sobre igualdade social.

Teodosio ordenou pechar todos os templos pagáns no século IV. Só se mantivo aberto o afastado templo de Isis en Filae ata o ano 535, en que o mandou pechar Xustiniano I e ordenou encarcerar todos os seus sacerdotes. Este foi o final de máis de tres mil anos de relixión exipcia.[3]

Notas editar

  1. "El henoteísmo de Ajenaton". Consultado o 2009. 
  2. Unha controvertida teoría alternativa, proposta por Ahmed Osman, como resultado da interpretación de elementos referentes á historia bíblica e exipcia, propón que Moisés e Akhenatón eran a mesma persoa. Copia arquivada en Wayback Machine
  3. "Breve historia de la religión egipcia: egiptologia.org". Arquivado dende o orixinal o 4 de marzo de 2016. Consultado o 6 de abril de 2016. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar