Textos das Pirámides
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
Os Textos das Pirámides son un repertorio de esconxuros, encantamentos e súplicas, gravados nas pasaxes, antecámaras e cámaras sepulcrais nas pirámides do Imperio Antigo co propósito de axudar ao faraón na Duat e asegurar a súa resurrección e a vida eterna. Son unha recompilación de textos, sen orde aparente, de crenzas relixiosas e cosmolóxicas moi antigas, que deberon empregarse durante a cerimonia funeraria. Algúns textos xa aparecen en estelas e mastabas das dúas primeiras dinastías.
Os textos xa debían existir en papiros polo menos nos tempos de Unis, o último faraón da dinastía V, e desde aquí copiáronse aos muros e teitos da súa pirámide, denominada polos exipcios: "Perfectos son os lugares de Unis". Por tanto, a súa pirámide é o primeiro lugar no que se escribiron os Textos das Pirámides nun soporte duradeiro, polo menos que se conservou. Os textos están compostos por 228 declaracións. Posteriormente converteuse en práctica habitual inscribilos no interior das pirámides dos faraóns do Imperio Antigo, chegando a 759 esconxuros (compilados por Raymond O. Faulkner).
Contido
editarNon é un relato ou narración ordenada, senón extractos de teorías da creación, fragmentos das loitas entre Horus e Seth, de lendas e, fundamentalmente, fórmulas para permitir ao faraón a resurrección, ascensión e identificación do faraón cos deuses.
Nestes textos aprécianse dúas teorías cosmolóxicas: a primeira con mitos solares, contemporáneos dos faraóns que ordenaron gravalos, onde o rei é conducido cara ao deus solar Ra, e a segunda cunha mitoloxía estelar moito máis antiga, onde o camiño se dirixe ás estrelas circumpolares, aquelas que eran consideradas inmortais por permanecer sempre visíbeis no ceo nocturno.
Contén, xunto con rituais de incensación, ofrendas de comida, bebida e vestiario, as fórmulas para que o faraón puidese transformarse no aj máis importante de todos os aj que residían na Duat, sortilexios para conseguir eludir os animais malignos e os perigos topográficos. Tamén para que puidese ascender ao "Alén", como unha estrela, e transfigurarse nun ser divino.
Evolución de crenzas e textos
editarA súa evolución dará lugar aos Textos dos Sarcófagos, que durante o Primeiro período intermedio de Exipto comezaron a escribirse nos sarcófagos dos nobres e potentados. No Imperio Medio son de dous tipos: biográficos, narrando tamén a vida do defunto, ou xurídicos, describindo o legado dos seus bens. A partir desta época a inmortalidade deixou de ser un privilexio exclusivo do faraón, sendo xa posíbel para as clases máis altas.
Durante o Imperio Novo, empezaron a escribilos en papiros que se depositaban dentro do sarcófago, alcanzando gran difusión e dando orixe ao denominado Libro dos Mortos, no que se describe que deberá facer o espírito do defunto para obter a inmortalidade. Este texto experimentará posteriores evolucións até a dinastía XXVI. A inmortalidade xa alcanzan a gozala aqueles "exipcios xustos" que puidesen recitar na Duat as fórmulas do Libro dos Mortos e custearse os rituais de embalsamamiento e enterro, para preservar o seu ba.
Programa decorativo do rei Unas
editarO rei Unas, da 5ª dinastía, foi o primeiro soberano exipcio que fixo decorasr as paredes dos subterráneos da súa pirámide con textos en escrita xeroglífica. No corredor, a continuación das grades, na antecámara e na cámara funeraria aparecen gravadas, sobre un recebo de pedra calcárea, os exemplos máis antigos dos Textos das pirámides. Os xeróglifos, dispostos en sucesións de columnas verticais, foron realizados con moita delicadeza e realzados en azul: 227 fórmulas arrodean os restos reais como un recitado silencioso mais permanente.
A cámara funeraria e a antecámara están recobertas por unha bóveda decorada cun ceo nocturno sementado de estrelas. O sarcófago, en grauvaque, carece de inscricións e está colocado diante da parede occidental da cámara funeraria. Os muros do fondo da cámara evocan a fachada dun pelacio. Están esentos de inscricións, a excepción do alto do gablete, no que aparecen fórmulas para repeler as serpes. A parede norte está recoberta dunha serie moi longa de fórmulas destinadas ao poder do rei en diversas ofrendas de viño, aves, leite ou de cereais (capítulos 23 a 212 sobre tres rexistros de cincuenta e cinco columnas de textos cada unha. Esta serie continúa sobre a parede norte da pasaxe que leva á antecámara. Sobre a parede sur aparecen fórmulas de glorificación para integrar eternamente o rei na marcha do cosmos co sol e as estrelas (capítulos 213 a 219 de cuarenta e tres columnas). Esta serie de fórmulas continúa (capítulos 219 a 224) sobre a parede oriental, onde se sitúa a entrada da cámara funeraria, así como sobre a parede sur da pasaxe.
Os textos gravados sobre todas as paredes da antecámara están consagradas á ascensión do rei e á súa viaxe a través do ceo (capítulos 247 a 312). Após ter sido presentado aos deuses, é colocado á súa fronte porque é máis poderoso que eles. Contrariamente ás outras dúas cámaras, a peza cos tres nichos carece absolutamente de inscricións e o seu teito é plano.
O programa decorativo de Unas foi retomado a seguir polos seus sucesores da 6ª dinastía. Algúns chegarían ás 759 fórmulas. As pirámides de Pepi I e de Pepi II son as que dispoñen das superficies textuais máis grandes.
Historia arqueolóxica
editarEscavacións
editarAuguste Mariette foi sempre da opinión de que, o mesmo que as pirámides de Giza, as pirámedes estiveron sempre desprovistas de inscricións. Pola contra, Gaston Maspero estaba convencido da súa presenza e, en 1881, descubriu textos na pirámide de Unas.
As escavacións e traballos exiptolóxics sobre a pirámide de Pepi I realizadas pola misión arqueolóxica francesa de Saqqara permitiron traer á luz versións novas dos textos xa coñecidos, así como capítulos novos. O mesmo aconteceu coas pirámides de Teti e de Merenré.
Desde 2002, o estudo da pirámide de Ankhesenpepi II permitiu actualizar uns 1100 fragmentos que conformaban as cerca de 300 fórmulas, algunhas delas descoñecidas.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Textos das Pirámides |
Bibliografía
editar- Wolfgang Kosack: "Die altägyptischen Pyramidentexte." In neuer deutscher Uebersetzung; vollständig bearbeitet und herausgegeben von Wolfgang Kosack Christoph Brunner, Berlin 2012, ISBN 978-3-9524018-1-1.
- Kurt Sethe: "Die Altaegyptischen Pyramidentexte." 4 Bde. (1908-1922).