Unha mastaba era un edificio rectangular de muros inclinados que marcaba a tumba de altos dignatarios do Imperio Antigo da civilización exipcia.

Restos dunha mastaba en Gizeh.

A palabra mastaba provén do árabe مَصْطَبَة (maṣṭabaʰ ou maṣṭabat), denominación dun "banco de pedra" ou "parladoiro". A denominación, escoitada aos operarios exipcios, foi adoptada polo exiptólogo Auguste Mariette. A palabra árabe pode ser un empréstimo do arameo miṣṭubbā, á súa vez un empŕestimo do grego antigo στιϐάς stibás, "leito de herba" ou στύπος stúpos, "tronco".

As tumbas anteriores, recobertas cun túmulo de area, non conservaban os corpos durante moitos tempo. Desde as primeiras dinastías, os faraóns e os nobres recobríronnas con túmulos de adobe. O edificio resultante medía entre 3 e 50 metros de longo e até seis de alto e orientábase aproximadamente en sentido norte-sul.

Nas menos importantes utilizábanse o ladrillo e a pedra e nas máis a calcaria silícea, recoberta de cal. Nas construcións máis primitivas os ladrillos elaborábanse con arxila, area e pedras e eran amarelos; no Imperio Antigo a arxila substituíuse por limo do río Nilo, polo que eran de cor negra. A calcaria normal era tamén amarela e extraíase das primeiras camadas do subsolo, en canto que a calcaria silícea proviña de maior profundidade.

As mastabas continuaron a erguerse cando os faraóns se decantaron polo enterramento en pirámides.

Estrutura

editar
 

As mastabas consisten dun pozo que desemboca nunha cámara funeraria e nas estruturas da superficie.

A capela

editar

Na capela celebrábanse os ritos funerarios. Contaba con outras salas acaroadas. A entrada mira para o leste e é a evolución dunha porta falsa en forma de nicho. Este nicho foise convertendo nunha sala independente en forma de L ou T invertidos ou nun conxunto de salas. As paredes decorábanse con escenas de sacrificio ou da vida cotiá do defunto.

O serdab era unha cámara aberta no muro da mastaba na que se colocaba unha estatua de pedra ou madeira do finado. Non tiña máis aberturas que un furado que daba á capela.

O pozo

editar

O pozo abríase no teito da mastaba e furábase verticalmente na rocha cun ancho de entre 2,5 e 3 metros até unha profundidade de entre 18 e 20 metros. No fondo construíase un corredor horizontal que conducía á cámara funeraria. Outro tipo non era vertical senón que tiña certa inclinación e nacía baixo o enlousado do patio oriental da mastaba ou baixo o patio.

Unha vez enterrado o finado, tapiábase o corredor horizontal e cegábase o pozo con entullos.

A cámara funeraria

editar

A cámara funeraria escavábase na rocha e era ampla. O sarcófago, que se colocaba nun recuncho, era rectangular e estaba traballado nun bloque de pedra calcaria, granito rosado ou mesmo basalto; ás veces escavábase na rocha. Nesta época non sempre se momificaban os cadáveres e, de facérenno, non se retiraban os órganos internos: submerxíanse simplemente en natrón,

Da mastaba á pirámide

editar

As mastabas foron medrando en tamaño e altura e nalgúns casos creouse un segundo andar. A comezos da III dinastía (arredor do 2650 a.C.) introduciuse a pedra tallada na arquitectura e as tumbas dos faraóns aumentaron notoriamente de tamaño. Atribúese a Imhotep, arquitecto, médico e visir de Zoser, a idea de amorear varias mastabas unha por riba doutra na que sería a pirámide en chanzos de Zoser, en Saqqara. Un século máis tarde, na pirámide de Maidum, do faraón Snofru, as fiadas de pedras enchéronse de pedra puída, no que se designa como "pirámide romboidal", xa que a inclinación da pendente variaba. A comezos da IV dinastía apareceron as pirámides propiamente ditas.