Abidos era unha cidade do Antigo Exipto pertencente ao VIII nomo do Alto Exipto. O seu nome exipcio era Abdjw, o outeiro do relicario, xa que nel se conservaba a cabeza sagrada de Osiris.

Vista parcial da Lista de Reis de Abidos

Aquí se atoparon as táboas dos reis coa lista dos primeiros 77 reis e os restos das tumbas reais das primeiras dinastías e dos templos de Osiris, de Seti I, de Ramsés II.

Historia editar

En xeróglifo:
AbbDw
O49

Os primeiros restos arqueolóxicos datan do 4.000 a.C. Posteriormente foi o lugar máis importante de enterramento das primeiras dinastías de reis exipcios. Tras o traslado da capital a Menfis, os reis continuaron a construír tumbas ficticias. A fins da V dinastía xurdiu o culto a Osiris, e o rei local Jenti-Amentiu foi asimilado a el. O mito de Osiris asentouse fortemente na cidade, xa que segundo a tradición na cidade estaba a cabeza de Osiris, e os ritos do soterramento ficticio do rei transformáronse nos misterios de Osiris, nos que se representaba a morte e a resurrección do deus. Isto comportou que Abidos se convertese na cidade santa de Osiris, á que acudían milleiros de peregrinos.

O último edificio construído foi o novo templo de Nectanebo I, na 30 dinastía. Na época ptolomea a cidade decaeu e acabou deshabitada.

Arquitectura editar

Un dos principais edificios é o Templo de Seti I que foi construído en memoria de Osiris, é o máis grande de todos os edificios construídos en Abidos. O templo, construído sobre un terreo en pendente, ten unha planta en forma de L. O edificio compúñase de dous mastros, dous patios, dúas salas hipóstilas e un conxunto de edificios auxiliares: almacéns ou pequenas capelas dedicadas a Nefertum e Ptah-Sokar. Aínda que mantén unha distrubución clásica, destaca polo feito de conter sete santuarios que o converten en único dentro da arquitectura exipcia, os santuarios estaban dedicados a Seti I, Ptah, Ra-Horajty, Amón-Ra, Osiris, Isis e Horus. Todo o conxunto está rodeado por un muro.

O Templo de Ramsés II (1298 a.C), é un pequeno edificio ao noroeste do templo de Osiris, para lle dar ao espírito de Ramsés unha relación estreita con Osiris.