Galicia (Europa Central)

rexión de Europa Central
(Redirección desde «Galitzia»)

Galicia[1][2] ou Galitzia[3][4] (en alemán: Galizien, en polaco: Galicja, en ucraíno: Галичина Halychyna, en checo e eslovaco: Halič; en húngaro: Galícia / Kaliz / Gácsország / Halics; en romanés: Galiția / Halici; en ruso: Галиция / Галичина, Galitsiya / Galichina; en ruteno: Галичина, Halychyna; en yiddish: גאַליציע Galitsie) é unha rexión histórica do leste de Europa,[5][6][7] que antigamente foi un pequeno principado e cuxo territorio na actualidade se divide entre Polonia e Ucraína.

Modelo:Xeografía políticaGalicia
Галичина (uk) Editar o valor en Wikidata
Imaxe

Localización
Editar o valor en Wikidata Mapa
 49°49′48″N 24°00′51″L / 49.83, 24.014167
Estado desaparecidoImperio Austríaco
ReinoReino de Galicia e Lodomeria Editar o valor en Wikidata

Escudo de Galicia.

Hai unha considerable superposición entre Galicia e o suroeste de Rutenia, especialmente referida a unha rexión transfronteiriza centrada no óblast de Zakarpattia, a rexión transcarpática da Ucraína actual, que está habitada por diversas nacionalidades, incluíndo a minoría rusina. Neste sentido moderno, Rutenia esténdese á Ucraína occidental, sueste de Polonia e Eslovaquia

Galicia foi, durante moitos séculos, unha rexión tapón, unha zona de paso e un cruzamento de culturas, entre o imperio dos Habsburgo e o Imperio ruso, entre a Igrexa católica e a Igrexa ortodoxa. Por iso, a rexión posúe unha rica historia multicultural, marcada durante séculos por, entre outros, os xudeus e os armenios.

O século XX foi o máis tráxico dos períodos da historia de Galicia, teatro dos enfrontamentos durante a primeira guerra mundial e vítima das atrocidades cometidas polos nazis na segunda.

 
A gralla cereixeira no escudo da rexión histórica de Galicia alude á cidade de Hálych.

O nome da rexión débese ao da antiga cidade medieval de Hálych, histórica cidade á beira do río Dniéster no oeste de Ucraína.

O nome Galicia foi mencionado por primeira vez en crónicas históricas húngaras do ano 1206, que se refería á rexión como Galiciæ.

O nome ucraíno de Галич, Hálych, en ruso Галич, Galich, en polaco Halicz, en alemán Halytsch, en lituano Halyčas e Galic en latín, provén dos Khwalis ou Kaliz que ocuparon a rexión desde a época dos maxiares, que tamén foron chamados Khalisioi en grego e Khvalis (Хваліс) en ucraíno.

Algúns historiadores especularon que o nome tiña que ver cun grupo de persoas de orixe celta que podían estar cerca e que se relacionan con moitos topónimos similares de Europa e Asia menor, como a antiga Gallia ou os galos (a Francia moderna, Bélxica e Italia do norte, e os seus habitantes, respectivamente), Galacia (na Turquía moderna), Galicia, na Península Ibérica e a romanesa Galați.[Cómpre referencia]

Outros afirman que o nome ten orixe eslava, de halytsa (galitsa), que significa "un outeiro espido (sen bosques)", ou de hálych (galyk), que significa "gralla cereixeira".[8] A gralla utilizouse no escudo da cidade e máis adiante tamén no escudo de Galicia.

Este nome, porén, é anterior ao uso dos escudos de armas, polo que pode ser unha etimoloxía popular.

Xeografía

editar
 
Mapa físico de Galicia.
 
Mapa do reino de Galicia en 1897.
 
A Galicia oriental na Ucraína actual.

Antes da primeira guerra mundial, a rexión tiña unha superficie duns 78 000 km2, e pertencía ao Imperio Austrohúngaro dos Habsburgo.

O territorio de Galicia abrangue as montañas máis setentrionais dos Cárpatos, entre eles o pico Hoverla, o cumio máis alto de Ucraína, con 2.060 m2 de altitude, e parte da cunca dos ríos Dnister, San e Bug Occidental.

Á Galicia polaca (Galicia occidental) pertencen:

Mentres que a Galicia oriental ucraína comprende:

Principais cidades

editar

Historia

editar

Antigüidade

editar

A rexión estaba habitada por tribos xermano-celtas como os Lugii (que comprendían tamén aos Arii, os Elveconi, os Naharvali, os Manimii e os Eisii), asociados á cultura de Przeworsk na época de Tolomeo que os menciona na súa Geographia, a rexión tamén foi poboada polos vándalos (dos que os silingos eran probablemente parentes dos Elisii) e os godos antes da caída do Imperio romano.

Idade Media

editar
 
Mapa do Principado de Hálych no século XIII, que formou o núcleo do que máis tarde sería Galicia.

A mediados do século VI, os eslavos substituíron as tribos xermánicas e celtas. Tratábase da tribo dos croatas brancos, aliados no século IX a Moravia e no século X a Bohemia. Os reis de Polonia e os príncipes da Rus de Kíiv disputaron Galicia no século XI.

En 1084 xurdiron principados independentes en Przemyśl, Terebovlia e Zvenyhorod, dirixidos polos fillos de Rostislav de Tmutarakan, Rúrik, Vasilko e Volodar, da dinastía Ruríkida. En 1141, Vladimirko de Galicia reuniunos no seo dun único principado e instalou a capital en Hálych.

Baixo Iaroslav I Osmomisl, Galicia coñeceu un período de desenvolvemento económico rápido, e estendeu o seu territorio até o delta do Danubio e o porto de Galați, establecendo un comercio florecente co Imperio bizantino e Bulgaria.

En 1199 Román de Volinia o Grande apoderouse de Galicia e formou o principado duplo de Galicia-Volinia do que Halych foi a capital.

Vencellada ao Rus de Kíiv desde o século IX converteuse, a partir do século XII, nun dos máis prósperos Estados do leste de Europa. Pero durante a invasión mongol de Rusia de 1241, Galicia-Volinia foi duramente castigada, e os seus gobernantes buscaron unha unión co oeste e solicitaron unha alianza coa Igrexa católica.

Halych-Volinia tranformouse nun poderoso principado baixo o reinado de Román o Grande en 11701205. Daniel I, que foi proclamado rei polo papa Inocencio IV en 1253, e o seu fillo León I minimizaron a influencia mongol sobre o seu reino. Durante o seu reinado Galicia-Volinia experimentou un período de crecemento económico rápido. Foron fundadas numerosas cidades, entre elas Lviv, atraendo a comerciantes e artesáns, alemáns, xudeus e armenios.

No século XIII, o rei André II de Hungría utilizou o nome Galicia e Lodomeria —unha versión latinizada das linguas eslavas Hálych e Volodymyr / Volyns'kyi / Volodymyr, as principais cidades do principado de Hálych-Volinia—, que os húngaros gobernaron desde 1214 a 1221.

Despois de 1346, parte da rexión foi ocupada polos polacos, e foi dividida en voivodatos. Nesta época comezou unha política de asentamentos polacos entre a poboación rutena. Tamén se produciu unha gran migración de armenios e xudeus. Durante este tempo construíronse numerosos castelos e foron fundadas algunhas novas cidades, como Stanisławów (Stanyslaviv en ucraíno), hoxe Ivano-Frankivsk e Krystynopol (hoxe Chervonohrad).

En 1349, Casimiro o Grande incorporou a parte occidental a Polonia (a coñecida como Galicia occidental), mentres que a Galicia oriental pasou ao poder do duque de Lituania.

Idade Moderna

editar

Galicia baixo a Mancomunidade Polaco-Lituana

editar

Logo de asinada en 1569 a Unión de Lublin, as dúas Galicias pasaron a formar parte da República das Dúas Nacións.

Galicia foi moitas veces obxecto de incursións por parte dos tártaros e dos turcos otománs nos séculos XVI e XVII, e devastada durante a rebelión de Bohdan Khmelnitski, atamán do Hetmanato cosaco (16481654), a guerra ruso-polaca (16541667), a vitoria pírrica ante as invasións suecas durante O Diluvio no curso da Segunda Guerra do Norte (1655-1660) e a Gran Guerra do Norte de principios do século XVIII.

Galicia baixo os Habsburgo

editar
Artigo principal: Reino de Galicia e Lodomeria.

Aínda que os húngaros foron expulsados de Hálych-Volinia en 1221, os reis húngaros continuaron engadindo Galicia e Lodomeria aos seus títulos oficiais. En 1527, os Habsburgos herdaron eses títulos, xunto coa coroa húngara.

 
Situación do reino de Galicia-Lodomeria no Imperio Austrohúngaro.
 
Cambios territoriais de Galicia, 1772-1918.
 
Territorio da Cidade Libre de Cracovia (ou República de Cracovia), en laranxa, entre os seus tres veciños (Reino de Prusia, Imperio austríaco e Imperio ruso.)
 
Escudo do Reino de Galicia e Lodomeria durante o Imperio Austrohúngaro (1772-1918).

En 1772, a emperatriz María Teresa, arquiduquesa de Austria e raíña de Hungría, decidiu utilizar esas reivindicacións históricas para xustificar a súa participación na primeira repartición de Polonia. En 1772, a Galicia era a parte máis importante anexionada por Austria na primeira repartición de Polonia. Gran parte da Polonia menorNowy Sącz e Przemyśl (1772–1918), Zamość (1772–1809), Lublin (1795–1809), Cracovia (1846–1918)— formou parte da Galicia austríaca.

A rexión austríaca de Polonia, que formaría parte máis tarde de Ucraína, era coñecida co nome de Galicia, mentres que a zona do norte de Hungría anexionada por Rusia coñecíase na época como Lodomeria. De feito, os territorios adquiridos por Austria non correspondían exactamente aos da antiga Hálych-Vlinia, o que non impediu que os territorios adquiridos foran chamados co nome de Reino de Galicia e Lodomeria (Königreich Galizien und Lodomerien), ao que até 1849 pertenceu tamén a Bucovina. Porque Volinia, incluída a cidade de Volodymyr-Volynsky (Włodzimierz Wołyński) da que Lodomeria tomara o seu nome, foi adxudicada a Rusia, non a Austria. Lodomeria, baixo o nome de Volinia, non foi gobernada por Austria, senón polo Imperio ruso.

A pesar do feito de que a reclamación derivaba da coroa húngara histórica, Galicia e Lodomeria non foi oficialmente asignada a Hungría e, despois do Ausgleich de 1867, formou parte da Cisleitania, a parte de Austra-Hungría administrada polos austríacos.

O nome oficial completo da nova provincia austríaca foi Reino de Galicia e Lodomeria cos Ducados de Auschwitz e Zator. Despois da incorporación da Cidade Libre de Cracovia en 1846, foi ampliado a Reino de Galicia e Lodomeria co Gran Ducado de Cracovia e os ducados de Auschwitz e Zator (en lingua alemá|alemán]], Königreich Galizien und Lodomerien mit dem Großherzogtum Krakau und den Herzogtümern Auschwitz und Zator).

Cada unha destas entidades era formalmente independente, e foron listadas como tales nos títulos do emperador austríaco, e cada unha tiña o seu escudo e a súa bandeira. Porén, para fins administrativos, formaron unha soa provincia. Os ducados de Auschwitz (Oświęcim) e Zator eran pequenos principados históricos ao oeste de Cracovia, na fronteira coa Silesia prusiana.

Por outra parte, despois da terceira repartición de Polonia, gran parte da terra polaca de occidente (a Nova Galicia) engadiuse á xa existente provincia de Galicia. Lemberg (Lviv) foi a capital da Galicia austríaca, que estaba dominada en gran parte pola aristocracia polaca, aínda que a poboación fose case toda ucraína ou rutena. Tamén era numerosa a poboación xudía na zona, concentrada na parte oriental da provincia.

Durante o primeiro decenio do goberno austríaco, Galicia foi gobernada directa e firmemente desde Viena, que fixo moitas e significativas reformas na burocracia local, levadas a cabo por alemáns e checos xermanizados. A aristocracia tiña garantidos os seus dereitos, aínda que estes foron considerabelmente limitados. A servidume, neste contexto da reforma, non foi eliminada, pero en cambio foi sometida a unha lei que garantía aos servintes algunhas liberdades individuais, como a liberdade de matrimonio. As súas obrigas de traballo foron definidas e limitadas, e non estaban excluídos da xustiza ordinaria.[10]

Culpando á nobreza polaca do atraso económico de Galicia, os gobernantes austríacos enviaron austríacos alemáns e checos xermanizados para reformar a provincia. Ata 1849 non foi nomeado gobernador un galiciano nativo.[11]

En 1786, as leis polacas foron abolidas, e introduciuse no seu lugar o código austríaco. Todos os niveis da administración foron atendidos por falantes de alemán, ao tempo que os grandes centros urbanos (Lviv, Cracovia, Przemyśl) estaban cheos de soldados austríacos.[12]

O rito oriental da igrexa uniata, cuxos fieis eran sobre todo os rutenos, foi redenominada como Igrexa greco-católica ucraína para tratala á par que á Igrexa católica, que foi construíndo seminarios e, finalmente, contou cun metropolitano. Aínda que impopular entre a aristocracia, a xente común, polacos e ucraínos, rutenos por igual, viu ben estas reformas, que xeraron unha boa vontade cara ao emperador que se prolongou case ata o final do goberno austríaco. Ao mesmo tempo, porén, Austria extraíu considerable riqueza de Galicia e recrutou a gran número de individuos da poboación campesiña para as súas forzas armadas.

Estrutura demográfica

editar

Ningunha outra provincias austríaca estaba habitada por tantos pobos como Galicia: rutenos (ucraínos), polacos, alemáns, armenios, xudeus, moldovos, húngaros, xitanos etc. Os polacos, rutenos e xudeus representaban a maioría da poboación. Os polacos vivían sobre todo no oeste da provincia, mentres que os ucraínos achábanse no leste. Os xudeus e os armenios dominaban o comercio. Os xudeus representaban o 8% da poboación da provincia.

 
Composición étnica de Austria-Hungría en 1910.

As estatísticas antigas dan cifras da poboación de polacos, ucraínos e xudeus. Porén, é difícil diferenciar a pertenza étnica, lingüística e nacional, porque daquela os censos baseábanse na lingua falada e non na nacionalidade. A relixión é entón un criterio de diferenciación fundamental: os polacos eran católicos romanos mentres que os rutenos pertencían á Igrexa greco-católica ucraína. Os seus membros son frecuentemente chamados uniatas porque recoñecían a autoridade do Papa. Esta igrexa estaba organizada de maneira sinodal, pouco xerarquizada, e a influencia dos laicos e do estado era importante, e non había celibato para os sacerdotes. A inimizade entre polacos e ucraínos non se debía só da opresión económica dos ucraínos por parte da nobreza polaca, senón tamén, mais polas diverxencias relixiosas a pesar da fidelidade común ao papa de Roma.

O terceiro gran grupo relixioso estaba constituído polos xudeus, que na súa maioría mantiñan moi forte a súa confesión. Os xudeus de Galicia pertencían maioritariamente aos asquenacís, inmigrados de Alemaña na Idade Media. Había tamén algúns membros de seitas xudías como caraís, segrares (sen rabinos), que se caracterizaban por un estrito respecto aos ritos e á palabra.

As dúas igrexas católicas, que pouco a pouco fóronse facendo iguais desde o punto de vista do seu status legal, tiñan aos seus respectivos xefes en Leópolis (Lviv): un arcebispo para os católicos romanos e un metropolita para os uniatas. Os xudeus sometíanse á autoridade do rabino da súa localidade, ou ao xefe da súa comunidade. Os protestantes da confesión de Augsburgo, chegados máis tarde como colonos, tiñan como xefe un superintendente instalado tamén en Lemberg.

Estrutura étnica de Galicia ao inicio do século XX

editar

Os principais grupos étnicos de Dalicia ó final da dominación austríaca eran os seguintes:[13]


Galicia oriental
55.300 km²
Galicia occidental
23.200 km²
Rutenos (Ucraínos) 64,5 % 13,2 %
Polacos 21,0 % 78,7 %
Xudeus 13,7 % 7,6 %
Alemáns 0,3 % 0,3 %
Outros 0,5 % 0,2 %

Administración

editar
 
O Sejm de Galicia, en Lemberg (actual Lviv).

Desde o punto de vista polaco, a anexión da provincia por Austria foi un acto arbitrario. O emperador en Viena converteuse no símbolo desta ocupación considerada ilegal. E isto máis que nada pola nobreza, principalmente de orixe polaca e só raramente rutena (pero moi polonizada) e o alto clero, que pouco a pouco foron perdendo os seus privilexios. Poque, por outro lado, os agricultores, na súa maioría rutenos, foron gañados pola monarquía austríaca trala abolición da servidume por Xosé II do Sacro Imperio en 1781-1785.

Todas as medidas establecidas polos Habsburgo tiveron como fin o establecememnto dunha burocracia eficiente que non existía en Galicia antes. E non se trataba só dos médicos, mestres, técnicos ou avogados alemáns enviados a Galicia, senón que tamén moitos dos funcionarios que foran rexeitados pola antiga elite polaca, eran considerados como ocupantes. En 1776, a provincia tiña 724 funcionarios. Esta cifra subiu a 17.135 no espazo de catro anos.

Foi en Lviv onde se instalou o cuartel xeral, chamado Gubernium, encabezado por un gobernador nomeado polo emperador. O establecemento dunha administración contribuíu a unha nova expansión das cidades que perdera importancia despois da súa época dourada no Renacemento. As cidades comerciais máis importantes ao principio do século XIX eran Lwów/Lemberg/Leópolis e Brody.

 
Mapa do sueste de Polonia coas fronteiras de 1921-1939, así como a parte oriental de Volinia.

Idade Contemporánea

editar

Antes da primeira guerra mundial

editar

En febreiro de 1846 foi escenario do Levantamento de Cracovia, de carácter democrático e nacional polaco, duramente reprimido polas autoridades austríacas.

Durante a Revolución alemá de 1848, a cidade de Lviv acolleu o Consello Nacional Central polaco e o Consello Superior Ruteno, que representaba á poboación ucraína.

Desde 1873, Galicia, que despois do Compromiso Austrohúngaro pertencía á parte austríaca do Imperio, funcionou como unha autonomía polaca cun parlamento de seu (o Sejm de Galicia) con sede en Lemberg (Lviv).

A política de xermanización practicada durante todo o século XIX deu paso a unha situación de hexemonía da nobreza polaca que irritou aos ucraínos (o grupo étnico maioritario no conxunto de Galicia) e ás minorías xudía e alemá.

Primeira guerra mundial e os Fusileiros do Sich Ucraíno

editar
 
O Sótnyk ou comandante Yurii Buzynovskyi (Ю. Бузиновський) e uns soldados dos Fusileiros do Sich Ucraíno, ca. 1915.

Durante a primeira Guerra Mundial foi invadida por Rusia. Entón, na Galicia oriental fórmase a Halytxyná ou Lexión dos Fusileiros do Sich Ucraíno (Легіон Українських Січових Стрільців, tamén Украї́нські січові́ стрільці́), a primeira formación militar ucraína dos tempos modernos e que chegaría a ser lendaria polas súas grandes accións. Despois da caída do Imperio Austrohúngaro, converteríase na formación militar da República Popular de Ucraína Occidental e despois da República Popular de Ucraína.

En outubro de 1918 proclamouse en Lviv o Estado Ucraíno (Українська Держава Ukrayinska Derzhava), rebautizado en novembro como República Popular de Ucraína Occidental e unificada en xaneiro de 1919 coa República Popular de Ucraína de Kíiv, aínda que mantendo as súas institucións; o seu territorio coincidía co da Galicia oriental.

Ao mesmo tempo, a Segunda República Polaca, creada o 1 de novembro de 1918, reclamou para si a soberanía de toda Galicia, iniciándose deste xeito a Guerra polaco-ucraína que rematou en xullo de 1919 cun armisticio seguido de meses de negociacións en París. En novembro foille encomendada a Polonia a administración da Galicia oriental por un tempo de 25 anos, pasados os cales debía celebrarse unha consulta popular. A decisión foi suspendida en decembro e nunca se chegou a implementar.

En xullo de 1920, no contexto da guerra polaco-soviética, instaurouse na rexión a República Socialista Soviética Galiciana, que durou ata setembro do mesmo ano. A Paz de Riga de 1921 confrmou a Galicia como parte da Segunda República Polaca.

Segunda guerra mundial e posguerra

editar
 
A liña Curzon en 1945.

Nos anos anteriores á segunda guerra mundial, a Organización Militar Ucraína (UVO) e o seu brazo político, a Organización dos Nacionalistas Ucraínos (OUN) levaron a cabo accións de resistencia contra o estado polaco. En setembro de 1939, de acordo co previsto no Pacto Ribbentrop-Molotov, a Alemaña nazi invadiu Polonia e constituíu o denominado Goberno Xeral con sede en Cracovia, que incluía a Galicia occidental, mentres que a Unión Soviética ocupou a Galicia oriental e dispuxo a súa anexión á República Socialista Soviética de Ucraína. Entre 1941 e 1945, Galicia oriental foi controlada igualmente polo Goberno Xeral. As fronteiras actuais quedaron estabelecidas ao remate da guerra.

A nova fronteira entre Polonia e a URSS, coa maioría da poboación de fala polaca no oeste e cos ucraínos (rutenos) no leste, foi recoñecida polos aliados occidentais no marco da Conferencia de Ialta coa Unión Soviética, e rafificada na Conferencia de Potsdam de 1945. Quedaron, porén, grandes minorías a ambos os lados da nova fronteira ao final da segunda guerra mundial, que sufriron a transferencia forzosa, máis de 500.000 persoas, polas autoridades comunistas na chamada Operación Vístula.

Despois da segunda guerra mundial, as fronteiras de Polonia cambiaron, perdendo esta a cidade de Lviv, e a metade deste voivodato da Segunda República Polaca. Os restos do voivodato de Leopolita que quedaron en Polonia tiveron que cambiar de capital e nome. Unha das propostas era chamarlle voivodato galiciano, referíndose ao nome histórico da rexión. Non obstante, a pesar de contar co visto e prace da poboación, decidiuse buscar un novo nome para designar o voivodato sen connotacións históricas, de aí que agora se denomine subcarpático, con capital en Rzeszów.

Símbolos de Galicia

editar

Cronoloxía

editar
  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para galiciano.
  2. López Martínez, María Cruz (2005). Gran dicionario século 21 da lingua galega. Editorial Galaxia. p. 1442. ISBN 9788482893419. 
  3. Criterios para o uso da lingua, SNL da Universidade da Coruña, 2012.
  4. Lingua galega: dúbidas lingüísticas, ANL da Universidade de Vigo, 2004.
  5. Eleonora Narvselius (April 5, 2012). Lexington Books, ed. Narratives about (Be)longing, Ambiguity, and Cultural Colonization (Google eBook). Ukrainian Intelligentsia in Post-Soviet L'viv: Narratives, Identity, and Power. p. 293. ISBN 0739164708. Consultado o 2 de abril de 2014. 
  6. Larry Wolff (January 9, 2012). Mythology and Nostalgia: A Matter of Simple Relativity (Google eBook). The Idea of Galicia: History and Fantasy in Habsburg Political Culture (Stanford University Press). p. 411. ISBN 0804774293. Consultado o 2 de abril de 2014. 
  7. Paul R. Magocsi (2002). Jews and Armenians in Central Europe, ca. 1900 (Google Books). Historical Atlas of Central Europe (University of Toronto Press). p. 124. ISBN 0802084869. Consultado o 2 de abril de 2014. 
  8. Magocsi, Paul Robert (1983): Galicia: a Historical Survey and Bibliographic Guide. Toronto, Ontario: University of Toronto Press. ISBN 0-8020-2482-3. p. xv (cita: Esta gralla aparece no antigo escudo da cidade de Hálych en Ucraína, e suponse que o nome da cidade deriva da palabra en eslavo oriental coa que se designa esta ave).
  9. Cómpre non confundir coa Pequena Polonia (rexión histórica), tamén chamada Polonia Menor (en polaco: Małopolska e en latín Polonia Minor)
  10. Larry Wolff (2010): The Idea of Galicia: History and Fantasy in Habsburg Political Culture. Palo Alto: Stanford University Press. pp.22-23. Un traballo de Kratter, denunciando á nobreza polaca, serviu ao propósito político dos Habsburgo.(...) Na época de Xosé, nos anos 1780, era posible articular unha demanda máis moderna á lexitimidade en público, facendo fincapé na bárbara crueldade ante un goberno ilustrado. Nun presunto incidente descrito polo escritor austríaco, un nobre enviou a un campesiño a unha árbore para que limpase o niño dunha curuxa e logo para a súa propia diversión disparou ao campesiño na árbore.
  11. Chris Hann & Paul R. Magocsi (2005): Galicia: Multicultured Land. Toronto: University of Toronto Press, p. 193.
  12. Alison Fleign Frank (2005): Oil Empire: Visions of Prosperity in Austrian Galicia. Harvard University Press. p. 33.
  13. Piotr Eberhardt. Ethnic groups and population changes in twentieth-century Central-Eastern Europe: history, data, analysis. M. E. Sharpe, 2003. pp.92-93. ISBN 978-0-7656-0665-5.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Davies, Norman (2011): Vanished Kingdoms: The History of Half-Forgotten Europe. Londres: Allen Lane. ISBN 978-1-84614-338-0.
  • Hann, Christopher and Paul Robert Magocsi, eds. (2005): Galicia: A Multicultured Land. Toronto: University of Toronto Press. ISBN 0-8020-3781-X. Lectura parcial.
  • Magocsi, Paul Robert (1983): Galicia: A Historical Survey and Bibliographic Guide. Toronto: University of Toronto Press. ISBN 0-8020-2482-3. Lectura parcial.
  • Taylor, A.J.P. (1990): The Habsburg Monarchy 1809–1918. A History of the Austrian Empire and Austria-Hungary Londres: Penguin Books UK. Lectura parcial.

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar