Asquenací

cultura dos xudeus descendentes das comunidades xudías medievais da Alemaña

A cultura asquenací,[1] ou asquenasita,[2] (en hebreo: אשכנז) descende das comunidades xudías medievais da Renania, chamada "Ashkenaz", palabra do hebreo medieval coa que se coñecía á Alemaña.

Estas comunidades xudías emigraron cara ao leste e formaron comunidades en Alemaña, Hungría, Polonia, Rusia, e en xeral en toda a Europa central e do leste entre os séculos X e XIX. Dende a Idade Media ata mediados do século XX, a súa lingua franca foi o yiddish- En menor medida, empregaban tamén o Judæo-Francés ou Zarpático, o Canaánico ou Judæo-Checo e o Judæo-Provenzal ou Shuadit, os tres extintos na actualidade.

A cultura asquenací ten importante influencia da liturxia, e en diversos graos das culturas alemá, polaca, checa, eslovaca, caxubia, húngara, ucraína, lituana, letoa, belarusa e rusa.

Aínda que no século XI só supoñía o 3% da poboación xudía mundial, a comunidade asquenací seguiu medrando. Acadou o seu máximo en 1931, ao constituír o 91% da poboación xudía mundial. Na actualidade conforma o 80% da poboación xudía. A maioría das comunidades históricas xudías na Europa son asquenacís, coa excepción das da Europa meridional e mediterránea. Unha significante porción da emigración xudía europea noutros continentes nos pasados dous séculos é asquenací do leste europeo. Destaca a comunidade dos EUA.

Quen é asquenací?

editar
 
Felix Mendelssohn
 
Karl Marx
 
Madeine Albright

Na actualidade existe un debate sobre "quen é un xudeu". Isto fai que sexa difícil dicir quen é asquenací, xa que pode definirse pola relixión, a cultura ou a etnia. Debido a que hoxe en día os xudeus asquenacís xa non viven só na Europa do leste, a súa homoxeneidade e unidade cultural desapareceu. A palabra "asquenací" en si mesma desenvolveu novos significados, sobre todo en Israel, onde adoita empregarse dun xeito diferente ao tradicional.

Definición relixiosa

editar

No sentido relixioso, un xudeu asquenací é aquel cunha familia que practica a liturxia asquenací. Cando a comunidade asquenací comezou a desenvolverse, entre o comezo da Idade Media e o século X, os centros da autoridade relixiosa estaba no mundo islámico, no Bagdad e na España islámica. Ashkenaz (Alemaña) atopábase tan xeograficamente distante que desenvolveu a súa propia minhag (conxunto de tradicións, costumes e oracións do xudaísmo). Tamén desenvolveron a súa propia pronuncia do hebreo empregado na liturxia.

Por tradición, cando unha muller sefardí ou mizrahi casa cun xudeu ortodoxo ou haredi, cría os fillos nas tradicións asquenacís, o mesmo que se un xentil se converte ao xudaísmo e segue as prácticas asquenacís.

A lei xudía, a Halacha, non emprega criterios de fe ou confesionalidade para definir unha persoa xudía. Tampouco ningunha autoridade dentro do xudaísmo, nin a comunidade. Incluso un membro dunha comunidade xudía que non quixese seguir practicando ou considerándose xudeu, segue a ser considerado xudeu pola lei. Segundo a tradición, o status de xudeu hérdase pola liña materna. Aínda que non sexa practicante, sexa doutra relixión ou nin sequera saiba que é xudeu, forma parte da comunidade xudía.

Os seguintes exemplos ilustran os aspectos da identidade xudía:

  • Apostasía: Un xudeu que se converte a outra relixión, segue a considerarse xudeu. Felix Mendelssohn, xudeu asquenací, converteuse ao protestantismo e mesmo lle adicou unha sinfonía á Reforma protestante. Porén, seguiu a ser xudeu.
  • Ateísmo. Un xudeu ateo segue a ser considerado xudeu. Os pais de Karl Marx convertéranse ao cristianismo antes de el nacer. Malia iso, era xudeu asquenací.
  • Identidade oculta. Un xudeu coa identidade oculta e criado noutra relixión segue a ser considerado xudeu. Madeleine Albright, exsecretaria do estado nos EUA, foi criada como católica polos seus pais xudeus convertidos ao catolicismo para escapar do Holocausto. É, xa que logo, xudía asquenací pola lei xudía, malia saber que era xudía xa de adulta, e era católica practicante.
  • Renuncia. Un xudeu que renuncia ao xudaísmo segue a ser considerado xudeu. Bobby Fischer, o campión internacional de xadrez, quen defendeu que o Holocausto fora unha mentira dos xudeus, tiña orixe xudía e segue a ser considerado un xudeu asquenací.

Coa reintegración dos xudeus de todo o mundo en Israel, Norte América e outros lugares, a definición de xudeu asquenací está a cambiar, especialmente fóra do xudaísmo ortodoxo. Na actualidade, moitos sefardís e mizrahi uníronse ós movementos liberais iniciados nun comezo polo xudaísmo asquenací. Nas últimas décadas, as congregacións ás que se uniron absorberon as súas propias tradicións dentro da minhag asquenací. Os rabinos e cantores de movementos non ortodoxos están comezando a estudar en Israel o hebreo litúrxico sefardí en lugar do tradicional asquenací. Así mesmo, as congregacións asquenacís adoptaron melodías sefardís para as súas oracións e cancións tradicionais. Dende mediados do século XX, estase a producir o sincretismo e a fusión das tradicións, o que está a afectar á minhag e ás congregacións relixiosas máis tradicionais.

As novas tendencias do xudaísmo a miúdo transcenden as diferenzas entre os xudeus asquenacís e sefardís. En cidades de Norte América, tendencias sociais como o movemento chavurah ou o xudaísmo pos-denominacional adoitan xuntar a mocidade xudía de distintas orixes étnicas. Recentemente, aumentou o interese en prácticas como a Kabbalah, a cal se practica en moitos casos fóra da yeshiva (institución do xudaísmo ortodoxo en que se estuda a Torah e o Talmud).

  1. Diciopedia do século 21: asquenací adx. e s. 1. (Dise do) individuo pertencente aos asquenacís. 2. m. pl. Os xudeus orixinarios de Europa central e oriental, por oposición aos sefardís ou xudeus dos países mediterráneos. 3. adx. Propio, pertencente ou relativo aos asquenacís.
  2. Enciclopedia Galega Universal: asquenasita (< epónimo Aškĕnaz) [cast:asquenazí] 1 adx Relativo ou pertencente ós asquenasitas. 2 s Individuo das familias xudías alemás que dende o s XII se dispersaron cara a Europa do sur e do leste [...]

Véxase tamén

editar