Non confundir co Goberno Xeral de Varsovia

Goberno Xeral (en alemán Generalgouvernement)[1] foi o nome dado pola Alemaña nazi á autoridade que gobernou os territorios polacos ocupados tras a invasión das forzas armadas alemás (Wehrmacht) o 12 de outubro de 1939, e que seguiron baixo control alemán até aproximadamente o 18 de xaneiro de 1945.[2]

Mapa da división administrativa do Goberno Xeral en 1942.
Presidencia dun desfile en Cracovia.
O segundo pola esquerda é o gobernador Hans Frank.
Mapa administrativo do Gran Reich Alemán (Grossdeutsches Reich NS Administration) en 1944.
Hans Frank.

O termo tamén se usa, en sentido lato, para referirse ao territorio administrado e controlado polo Goberno Xeral (de agora en adiante baixo a abreviatura GX).

O GX era dirixido por un gobernador alemán residente en Cracovia. Tivo a súa fin coa invasión soviética en 1944.

Creación do Goberno Xeral editar

Dous decretos de Hitler (8 e12 de outubro de 1939) dividiron a zona cupada de Polonia nas seguintes unidades administrativas:

  • O Reichsgau Wartheland (en principio, Reichsgau Posen), que incluía a totalidade do voivodato de Poznań, a maior parte do de Lodz, cinco provincias do voivodato de Pomerania e unha do de Varsovia.
  • O Reichsgau Danzig-Westpreussen (inicialmente, Reichsgau Westpreussen), que incluía o resto do voivodato de Pomerania.
  • O Distrito de Ciechanow (Regierungsbezirk Zichenau) que contaba coas cinco provincias norteñas do voivodato de Varsovia (Plock, Plonsk, Sierpc, Ciechanow e Mlawa).
  • O Distrito de Katowice (Regierungsbezirk Kattowitz) que incluía as provincias de Sosnowiec, Będzin, Chrzanów, Zawiercie e partes dos condados de Olkusz e Zywiec.

A superficie total destes territorios incorporados a Alemaña estendíase por 94 000 km2 e a súa poboación sera duns 12 millóns e habitantes. De maneira expresa Hitler estableceu que a zona recibise o nome de Goberno Xeral (en alemán, Generalgouvernement), e debía omitirse toda referencia a Polonia, estimando que esta nación, aos ollos de Hitler, xa desaparecera e xamais debía de rexurdir.

O territorio polaco foi gobernado polo GX, que tiña a súa capital en Cracovia, e foi subdivido en catro distritos, Varsovia, Lublin, Radom e Cracovia. O líder nazi Hans Frank foi designado gobernador xeral dos territorios ocupados o 26 de outubro de 1939. Logo do ataque alemán á Unión Soviética en xuño de 1941, a Galicia oriental), antes parte da República Socialista Soviética de Ucraína, foi incorporada ao Goberno Xeral e converteuse no seu quinto distrito.

Poboación editar

 
Proclama bilingüe do novo Gobernador, ao pouco do establecemento do Goberno Xeral.
A poboación polaca estaba destinada a ser mera poboación por debaixo e ao servizo dos alemáns.

A poboación polaca en 1938 ascendía a 34 millóns e medio de persoas, e despois da invasión alemán e a correspondente anexión de territorios ao Reich, a poboación inicial do GX rondaba os doce millóns de individuos. Porén, esa cifra aumentaría logo de que os 860.000 polacos e xudeus fosen expulsados da zona polaca anexionada por Alemaña e "reinstalados" forzosamente no territorio do GX. Ao acelerarse a xermanización de vastas zonas de Polonia, o ritmo de deportacións aumentou e pronto o Goberno Xeral tivo maior poboación, abarcando a case todos os polacos expulsados polos alemáns.

Porén tamén existiron feitos que provocaron a redución da poboación invadida, entre eles unha violenta campaña de exterminio nazi contra a intelectualidade polaca e outros grupos que podían ser propensos a cooperar coa resistencia; outra causa da redución de poboación foron as enfermidades e a fame reinantes, e o feito de que ao redor dun millón de polacos foron deportados a traballar forzosamente en Alemaña, onde moitos morrerían.

En 1940 a poboación foi dividida en diferentes grupos, aos cales correspondían diferentes dereitos, racións alimenticias, posibilidades de uso do transporte público ou de entrada a restaurantes, entre outros. Os grupos eran sete en total e preséntanse de menor a maior con respecto aos seus privilexios:

  • Xudeus e xitanos, a escala social máis baixa, suxeita ao exterminio.
  • Polacos, cualificados como "pobo inferior" e utilizados como man de obra forzada.
  • Goralenvolk, polacos de antepasados alemáns residentes nas zonas rurais das montañas do sur de Polonia, colaboradores do goberno nazi.
  • Ucraínos, considerados colaboradores do réxime nazi suxeitos a certos dereitos pero tamén cualificados como "pobo inferior".
  • Volksdeutsche (Alemáns nacidos en Polonia), pertenentes ás categorías 3 e 4 do Volkliste (lista do pobo alemán auspiciada por Himmler), de etnia xermá pero sen activa militancia nazi.
  • Volksdeutsche, pertencentes ás categorías 1 e 2 da Volkliste, identificados plenamente co nazismo.
  • Alemáns do Reich (Reichdeustche), enviados desde Alemaña propiamente dita para colonizar terras polacas ou executar funcións na administración civil ou militar.

Como consecuencia da guerra, as pésimas condicións de vida, o exterminio dos xudeus polacos e o asasinato de intelectuais e líderes nacionais, sumado ás expulsións dos Volksdeutsche tras a derrota nazi na guerra, en 1945 a poboación de Polonia reducírase até a cifra de 24 millóns de individuos, o equivalente ao 70 % da poboación de 1939.

Xenocidio editar

Véxase tamén: Holocausto.

Na conferencia de Wannsee, o 20 de xaneiro de 1942, o secretario de Estado do GX, o doutor Josef Bühler, convenceu a Reinhard Heydrich para pór en marcha a "solución final" no GX. Bühler sostiña que o principal problema do GX era o mercado negro engrandecido que desestabilizaba o traballo das autoridades. A solución para este problema pasaba por resolver a 'cuestión xudía' no territorio tan rápido como fose posíbel, sendo un punto a favor o desenvolvemento que os medios de transporte tiñan na zona.

 
Imaxe do Gueto de Varsovia.

En 1942 os alemáns comezaron, a través da Operación Reinhard, o exterminio sistemático da poboación xudía, hoxe coñecido como o Holocausto, que culminaría sobre finais de 1944. En total seis campos de exterminio masivos existiron no territorio do GX. En total, 4 millóns de persoas morreron entre 1939 e 1944 cando as forzas soviéticas ocuparon a zona.

A política de exterminio proposta, e levada a cabo, designaba que un pequeno número de polacos non xudeus, xunto a outros eslavos, serían reducidos á condición de servos, mentres que o resto da poboación sería deportada ou exterminada co fin de que a 'raza superior' alemá ocupase o territorio. A concreción destes plans sucedeu co nome de Generalplan Ost mediante o que se designou en 1943 a zona de Zamojskie para a ocupación. A expulsión dos habitantes da zona sucedeu, pero os colonos alemáns eran poucos en 1944. Outra medida levada a cabo foi a abolición da educación secundaria e o peche das institucións polacas.

Fin do Goberno Xeral editar

Ao longo de 1944 a resistencia do Armia Krajowa (o Exército Nacional, o principal movemento de resistencia polaco na segunda guerra mundial) causaba serios disturbios as ocupantes alemáns, matando oficiai nazis e colaboradores ucraínos case a diario, pese ás atroces represalias das SS e a Gestapo. Tras a derrota do Alzamento de Varsovia e co avance dos soviéticos sobre Polonia a finais de 1944 o Goberno Xeral colapsou. Hans Frank abandonou Cracovia en xaneiro de 1945 e, o 18 de xaneiro o Exército vermello tomou Varsovia, entrando en Cracovia en febreiro.

 
Imaxe do xuízo de Nuremberg.
Con lentes negros, Hans Frank.

Ante iso, a gran maioría dos Volksdeutsche deberon fuxir cara ao oeste; incluso numerosos Reichsdeutsche (alemáns do Reich) chegados recentemente para colonizar terras polacas deberon ser apresuradamente evacuados polas autoridades nazis nas primeiras semanas de 1945, cando o territorio polaco se converteu en campo de batalla onde a debilitada Wehrmacht intentaba en van deter as últimas ofensivas soviéticas.

Hans Frank foi capturado por tropas estadounidenses o 3 de maio de 1945 e xulgado nos xuízos de Nuremberg. Frank entregou corenta volumes dos seus diarios ao tribunal e neles encontráronse abundantes evidencias contra el e outros líderes do goberno nacionalsocialista. A sentenza final do 1 de outubro achouno culpábel de crimes de guerra e crimes de lesa humanidade e condeouno á pena de morte na forca. As autoridades polacas de posguerra tomaron tamén numerosas represalias contra os Volksdeutsche atrapados nas zonas polacas anexionadas a Alemaña, mentres que as cidades de Lodz, Poznan e Kielce recuperaban a súa pooboación polaca.

Notas editar

  1. Nome completo: Goberno Xeral dos territorios polacos ocupados, en alemán: Generalgouvernement für die besetzten polnischen Gebiete).
  2. Majer, Diemut (1981): Non-Germans under the Third Reich: The Nazi Judicial and Administrative System in Germany and Occupied Eastern Europe with Special Regard to Occupied Poland. Harold Bold Verlag, p. 268.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Aly, Götz (2005): Comment Hitler a acheté les Allemands. Le III Reich. Une dictature au service du peuple. París: Flammarion ISBN 2-08-210517-2.
  • Kochanski, Halik (2012): The Eagle Unbowed: Poland and the Poles in the Second World War. Hardward University Press. ISBN 978-0-6740-6814-8. Lectura parcial
  • Toynbee, Arnold (1985): La Europa de Hitler. Madrid: Sarpe. ISBN 978-84-9311-947-8.

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar