Abrir o menú principal

O principado de Galicia-Volinia, logo reino de Galicia-Volinia, foi un estado medieval monárquico da Europa Oriental, que abranguía as rexións de Galicia (Europa Central) e Volinia. Na historiografía tamén é habitual atopalo referenciado como Gálich-Volhyn, Galicia–Volynia, Galicia–Volýn, Gálich–Volýn, Hálych–Volhyn, Halych–Volhynia, reino da Rus, Galicia-Vladímir, Regnum Galiciae et Lodomeriae ou Regnum Rusiae. Xunto coa República de Nóvgorod e o Principado de Vladímir-Súzdal, foi unha das tres potencias máis importantes logo da caída da Rus de Kiev. Despois da devastación causada pola invasión mongola da Rus de Kiev entre os anos 1239 a 1241, Daniel de Galicia (Danilo Románovich) viuse obrigado a xurarlle lealdade no 1246 a Batu, khan da Horda de Ouro. Non obstante, esforzouse por liberar o seu reino do xugo mongol, intentando, sen éxito, establecer alianzas militares con outros gobernantes europeos.[1]

Reino de Galicia–Volinia

 

1119–1349
 

Bandeira Escudo
O Reino de Galicia–Volinia nos séculos XIII-XIV
Capital Volodímir-Volinski, Hálych e Leópolis
Lingua Eslavo antigo oriental
Relixión Igrexa Ortodoxa
Goberno Aristocracia
Príncipe, Rei Román o Grande
Historia
 • Establecido 1119
 • Disolución 1349
Frescos medievais de Rutenia.
O reino de Galicia-Volinia nos séculos XIII e XIV.

XeografíaEditar

A Galicia-Volinia occidental estendíase entre os ríos San e Wieprz, no que hoxe é o sueste de Polonia, mentres que os territorios orientais comprendían as brañas do río Prípiat, na actual Belarús, e o curso superior do río Bug Meridional, na actual Ucraína. Controlaba o territorio do Rus menora ou Rus propria que incluía as terras da Rutenia Roxa, a Rutenia Negra e do resto do suroeste da Rus de Kiev. Tamén dominou brevemente as rexións de Besarabia e Moldavia.

Naquel tempo, o reino estaba rodeado polo Rus Negro, o Gran Ducado de Lituania, o Principado de Túrov-Pinsk, o Principado de Kiev, a Horda de Ouro, o Reino de Hungría, o Reino de Polonia, o Principado de Moldavia e o Estado monástico dos Cabaleiros da Orde Teutónica.

HistoriaEditar

Auxe e apoxeoEditar

O Principado de Volinia e mais o Principado de Galicia foran orixinariamente dous principados separados da Dinastía Rurícovich, gobernados por asignación rotativa entre os membros máis novos da dinastía de Kiev. A nación de Galicia–Volinia foi creada tras a morte, no 1198[2] (ou 1199[3]) do último príncipe de Galicia, Vladímir II Yaroslávich. O príncipe Román o Grande de Vladímir-Volinia adquiriu daquela o principado de Galicia, unindo ambos os dous territorios nun único estado. Daquela, as principais cidades eran Halych e Vladímir-Volinia, ata que no 1204 capturou Kiev. Logo aliouse con Polonia, asinou un tratado de paz con Hungría e estableceu relacións diplomáticas co Imperio bizantino. No apoxeo do seu reinado, Román o Grande converteuse brevemente no máis poderoso dos príncipes da Rus,[4] pero tras a súa morte, o principado entrou nun período de caos, sendo disputado por Polonia e Hungría, que chegaron a un compromiso no 1214, en favor do fillo de André II de Hungría, Colomán de Lodomeria.

No 1221, Mstislav o Valente, liberou a Galicia–Volinia dos húngaros, pero foi Danilo Románovich ou Daniel de Galicia, fillo de Román o Grande, quen reunificou todos os antigos territorios. Daniel derrotou os polacos e os húngaros na batalla de Yaroslav, e esmagou o aliado daqueles, Rostislav Mijaílovich, fillo do príncipe de Chernígov no ano 1245. Neste ano, o papa Inocencio IV permitiulle a Daniel ser coroado rei, sendo o único membro da dinastía Rurícovich coroado e recoñecido desta maneira.

Baixo o reinado de Daniel, Galicia–Volinia foi un dos máis poderosos estados da Europa central e do leste.[5] Floreceu a literatura, producindo obras como a Crónica de Galitzia-Volynia. O crecemento demográfico viuse favorecido pola inmigración dende o oeste e o sur, incluíndo a alemáns e armenios. O comercio desenvolveuse debido ás rutas comerciais dende o mar Negro a Polonia, Alemaña e o mar Báltico.

Tras a súa morte no 1264, Daniel foi sucedido polo seu fillo León I de Galicia, que trasladou a capital a Lviv no 1272, e durante algún tempo puido manter a fortaleza do estado.

Declive e caídaEditar

Tras a morte de León I no 1301, seguiu un período de declive. Foi sucedido polo seu fillo Yuri I, que gobernou só sete anos, e perdeu Lublin fronte ós polacos no 1302, e Transcarpatia fronte ós húngaros. Desde o 1308 ata o 1323, Galicia–Volinia, foi gobernada conxuntamente polos fillos de Yuri I, André e León II. Como reis tributarios dos mongois, participaron en expedicións con Uzbeg Khan e o seu sucesor, Janibeg Khan.[6] André e León II morreron en batalla no 1323, sen deixar herdeiros.

Coa extinción da Dinastía Rurícovich, Volinia pasou a mans do príncipe lituano Liubartas, mentres que os boiardos tomaron o control de Galicia. Máis tarde, no 1349, o rei Casimiro III de Polonia, durante unha invasión exitosa, capturou e anexionou Galicia. Galicia–Volinia, polo tanto, deixou de existir como estado independente.

Lista de gobernantesEditar

  • 1199–1205 Román o Grande
  • 1205–1214 Crise política
    • 1205–1206 Eufrosina Angelina, filla de Isaac II Angelus, como rexente de Daniel de Galicia
    • 1206–1211 fillos de Ígor Sviatoslávich
    • 1210 Rostislav II de Kiev
    • 1211–1212 Mstislav o Mudo, como rexente de Daniel de Galicia
    • 1212–1214 Levantamento dirixido polo boiardo Volodyslav Kormylchych
  • 1214–1232 Ocupación húngara, fillos de André II de Hungría
    • 1214–1220 Coloman, príncipe real húngaro, fillo de André (Rei de Galicia e Lodomeria)
    • 1220 Levantamento dirixido por Mstislav o Valente
    • 1220–1232 Andras de Galicia, fillo de André
  • 1232–1235 Daniel de Galitzia
  • 1235–1238 fillos de Miguel de Chernígov
  • 1238–1264 Daniel de Galicia (2º goberno)
  • 1264–1269 Poder dual, descendentes de Daniel
    • 1264–1269 Švarnas
    • 1264–1300 León I de Galicia
  • 1300–1308 Yuri I de Galicia
  • 1308–1323 Poder dual, descendentes de Yuri
    • 1308–1323 León II de Galicia
    • 1308–1323 André de Galicia
  • 1323–1349 Crise política, goberno de facto por boiardos
    • 1323–1325 Galicia: Volodýmyr I de Galicia; Volinia: Liubartas
    • 1325–1340 Bolesław Jerzy de Mazovia e Yuri II Boleslav, por compromiso de unión
  • 1340 Ocupación de Galicia por Casimiro III de Polonia, comezo da guerra
    • 1341–1349 Liubartas
  • 1349 Galicia ocupada por Hungría; Volinia por Polonia

NotasEditar

  1. Principality of Galicia-Volhynia.
  2. Dimnik, Martin (2003). The Dynasty of Chernigov - 1146-1246. Cambridge: Cambridge University Press. pp. (Chronological table of events) xxviii. ISBN 978-0-521-03981-9. 
  3. Cawley, Charles (19 de maio de 2008). "Russia, Rurikids – Chapter 3: Princes of Galich B. Princes of Galich 1144-1199". Medieval Lands. Foundation of Medieval Genealogy. Consultado o 26 de decembro de 2009. 
  4. [1]
  5. "Daniel Románovich" Arquivado 24 de agosto de 2007 en Wayback Machine.. Encyclopædia Britannica. 2007. Britannica Concise Encyclopedia. 23 de agosto de 2007
  6. Zdan, Michael B. (xuño de 1957). "The Dependence of Halych-Volyn' Rus' on the Golden Horde". The Slavonic and East European Review 35 (85): 522. 

Véxase taménEditar