Francisco Javier González Pérez

futbolista galego

Francisco Javier González Pérez, máis coñecido como Fran, nado en Carreira (Ribeira) o 14 de xullo de 1969, é un ex futbolista galego. Xogaba de centrocampista e foi internacional coa selección española.

Fran
Información persoal
Nome Francisco Javier González Pérez
Nacemento 14 de xullo de 1969 (53 anos)
Lugar de nacemento Ribeira
Altura 1,79 m.
Posición Centrocampista
Carreira xuvenil
Carreira CF
1986–1987 Deportivo da Coruña
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1987–1988 Fabril
1988–2005 Deportivo da Coruña 550 (56)
Selección nacional
1993–2000 España 16 (2)
Adestrador
2016– Galicia
Na rede
UEFA: 23009 Editar o valor em Wikidata
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Desenvolveu toda a súa carreira como futbolista no Deportivo da Coruña, co que disputou 700 partidos oficiais, sendo o xogador con máis encontros na historia do club.[1] É ademais, xunto a Mauro Silva e Donato, un dos tres únicos futbolistas que participaron nos seis títulos gañados polo Deportivo: unha liga, dúas Copas do Rei e tres Supercopas. Interior zurdo cun toque de balón excepcional e unha non menor visión de xogo, destacou sobre todo polos seus precisos centros dende a banda esquerda. É irmán do tamén ex futbolista José Ramón.

Actualmente é o seleccionador, xunto con Míchel Salgado, da selección galega, e director de fútbol base no Deportivo da Coruña.[1]

TraxectoriaEditar

IniciosEditar

Comezou xogando ao fútbol sala no equipo do seu pobo e no colexio, e máis tarde pasou a xogar ao fútbol nas filas do Carreira CF, ao igual que o seu irmán José Ramón.[2] En 1986 incorporouse á canteira do Deportivo da Coruña, seguindo a seu irmán,[2] e disputou a tempada 1986/87 co seu equipo xuvenil.[3] Xa antes do remate da campaña, debutou co Fabril na Terceira División, da man do adestrador Luis Rodríguez Vaz, saíndo de titular nunha goleada por 4-0 sobre o Lalín en Riazor.[4]

Deportivo da CoruñaEditar

Na Segunda DivisiónEditar

Continuou no Fabril durante a tempada 1987/88 e o 17 de xaneiro de 1988 debutou co primeiro equipo en Segunda División, de novo da man de Vaz, nun partido contra o Real Burgos en Riazor.[5] Formou aquel día no centro do campo xunto a seu irmán José Ramón, GIl e Fontana, nun encontro que rematou con derrota por 0-1.[6] Completou a tempada con catro partidos co primeiro equipo, tres deles como titular.

Na seguinte campaña pasou a ser plenamente xogador do primeiro equipo, xa con Arsenio no banco, e fíxose coa titularidade dende o primeiro momento, disputando un total de 50 partidos, 49 deles dende o once inicial, incluídos os dous encontros das semifinais de Copa do Rei ante o Valladolid, eliminatoria que se decidiu a favor do conxunto valisoletano cun gol na prórroga do galego Manolo Peña.[7]

O seu primeiro gol como deportivista chegou na tempada 1989/90, na xornada 15, nunha vitoria a domicilio sobre o Atlético Madrileño (1–3). Fran marcou o primeiro dos tantos branquiazuis, nun partido no que tamén anotou un gol seu irmán. O equipo rematou cuarto e disputou a promoción de ascenso contra o Tenerife, sendo Fran titular tanto na ida como na volta. A eliminatoria resolveuse a favor do equipo canario grazas a un solitario gol de Eduardo Ramos.[8]

No verán de 1990, despois de ser elixido mellor xogador da 45ª edición do Trofeo Teresa Herrera, recibiu a súa primeira oferta do FC Barcelona, nunha reunión con Johan Cruyff e Carles Rexach, pero decidiu continuar na Coruña.[9][10] Na tempada 1990/91 foi titular en tódolos partidos de liga e foi un dos principais artífices do histórico ascenso a Primeira.[11]

Nacemento do Súper DéporEditar

Debutou na Primeira División na primeira xornada da tempada 1991/92 e foi titular durante tódolos encontros da competición, incluídos os dous da fase de permanencia, nos que o Deportivo conseguiu a salvación superando ao Betis. Na campaña 1992/93 deu comezo a época do chamado Super Dépor, na que o Deportivo se converteu nun dos mellores equipos de España e Fran nun dos maiores símbolos do club. Despois dun terceiro posto esa tempada, na seguinte o Deportivo mantívose líder durante a maior parte da competición, ata que foi superado polo Barcelona na última xornada, na que Đukić fallou un decisivo penalti contra o gardameta vasco González nos últimos instantes, que lle tería dado o título ao club galego.[12] Foi a maior decepción deportiva na carreira de Fran, segundo o propio xogador.[13]

Durante esta etapa Fran estableceu unha marca nunca superada no club, ao disputar 160 partidos de liga consecutivos, dende o 25 de marzo de 1990 ata o 7 de abril de 1994 (incluíndo dúas promocións). En 1993 o Deportivo pagou 260 millóns de pesetas ao Real Madrid para recuperar os dereitos sobre o xogador, anulando un precontrato asinado entre os dous clubs en 1992, e polo que Fran xogaría no equipo branco a partir de 1995.[14][15]

Capitán do Deportivo e primeiros títulosEditar

Repetiu subcampionato de liga na tempada 1994/95, na que o Deportivo debutou na Copa da UEFA e se alzou co primeiro título da súa historia, a Copa do Rei. Titular na final ante o Valencia no Santiago Bernabéu, o partido suspendeuse no minuto 79 por mor da intensa choiva que estaba a caer en Madrid. Tres días despois xogáronse os 11 minutos restantes, nos que o equipo de Arsenio conseguiu o primeiro título de Copa para un equipo galego, grazas a un gol de Alfredo.[16][17]

En 1995 sucedeu a seu irmán como capitán do equipo, aínda que levaba xa tres tempadas portando habitualmente o brazalete, debido ás ausencias por lesión de José Ramón, e a que este acostumaba cederllo cando coincidían no campo.[18] Do mesmo xeito, Fran cedeulle a seu irmán a honra de levantar a Copa do Rei en 1995, a pesar de que José Ramón non disputou o partido e de que o brazalete o levaba Fran. Capitaneou o equipo branquiazul durante a seguinte década, excepto no período que foi de marzo de 1997 a agosto de 1998, cando o adestrador brasileiro Carlos Alberto Silva lle deu o brazalete a Mauro Silva alegando que por cuestións lingüísticas se entendería mellor co seu compatriota.[19] Na súa novena tempada no primeiro equipo, superou xa a Juan Acuña como o futbolista con máis partidos na historia do club.

A tempada 1995/96, con John Toshack no banco, comezou con Fran levantando un novo título, a Supercopa de España, despois de derrotar ao Real Madrid por un resultado global de 5-1, e cun gol do capitán coruñés na ida en Riazor. O equipo baixou o seu rendemento en liga con respecto ás tres tempadas anteriores, aínda que acadou as semifinais da Recopa de Europa. Con todo, Fran non puido xogar o partido de volta, onde o equipo caeu eliminado ante o Paris Saint-Germain,[20] por mor dos problemas no seu xeonllo esquerdo que levaba tempo padecendo.[21] Finalmente foi operado o 9 de maio de 1996, intervención que o obrigou a estar tres meses de baixa.[22]

Título de liga e CentenariazoEditar

Xa recuperado regresou á titularidade na tempada 1996/97, na que o equipo volveu ocupar os postos altos da clasificación, antes de volver caer ata máis abaixo da metade da táboa na 1997/98. Os resultados recuperáronse coa chegada ao banco de Javier Irureta, e na tempada 1999/00, o Deportivo proclamouse campión de liga por primeira e única vez na súa historia. Fran perdeu os primeiros meses de competición tras unha nova operación cirúrxica, desta vez nos abdutores das súas dúas pernas.[23] Trala súa recuperación volveu aos terreos de xogo entrando dende o banco en varios partidos, e logo formando dende o inicio en case tódolos partidos da segunda volta. Contribuíu cun total de 22 encontros de liga, 16 deles como titular, incluído o da derradeira xornada contra o Espanyol, onde o club galego certificou o título, por diante do FC Barcelona.[24]

En agosto do 2000 gañou a súa segunda Supercopa de España, e na tempada 2001/02 foi un dos protagonistas dunha das maiores xestas da historia do club, o chamado Centenariazo. O Deportivo acadou a final da Copa do Rei por segunda vez na súa historia, e esta disputouse no estadio Santiago Bernabéu ante o Real Madrid o 6 de marzo de 2002, o día que o club branco cumpría 100 anos de vida.[25] O Deportivo dominou o partido dende o inicio e adiantouse con dous goles de Sergio e Tristán na primeira parte. Aínda que na segunda o Real Madrid recortou distancias por medio de Raúl o partido rematou con 1-2 para os coruñeses e Fran levantou a Copa, estragando a festa do centenario que o club madrileño pretendía culminar con ese título.[26][27][28]

Liga de Campións e últimos anosEditar

En agosto de 2002 levantou o seu sexto título, a Supercopa de España, despois de derrotar ao Valencia tanto na ida como na volta.[29] Durante eses anos o Deportivo logrou dous novos subcampionatos e dous terceiros postos, e disputou durante cinco tempadas consecutivas a Liga de Campións. Fran disputou 43 partidos na máxima competición europea e estivo presente nos encontros máis importantes do club como as vitorias sobre o Manchester United, o Arsenal, a Juventus, o Bayern de Múnic, ou as históricas remontadas ante o PSG e o Milan, anotando un dos catro goles fronte ao equipo lombardo.[30][31]

Xogou o seu derradeiro encontro como futbolista na penúltima xornada da tempada 2004/05, o 22 de maio de 2005, contra o Mallorca, nun partido que se saldou con derrota branquiazul (0–3) e no que tamén se despediu do fútbol Mauro Silva.[32] O estadio de Riazor, no que había ese día unhas 26.000 persoas, tributoulles unha improvisada homenaxe aos dous capitáns, e moitos dos seareiros saltaron ao terreo de xogo ao final do partido para levalos a ombreiros.[33]

Retirouse con 700 partidos oficiais co Deportivo, o que o converte no futbolista con máis encontros xogados na historia do club, con máis de 200 sobre o segundo, Manuel Pablo.[1] Marcou 62 goles co Deportivo, 44 deles na Primeira División, e, aínda que non xogaba de dianteiro, é o quinto futbolista da historia do club con máis goles na máxima categoría, só por detrás de Bebeto, Makaay, Tristán e Pahiño. É ademais un dos tres únicos futbolistas (xunto a Mauro Silva e Donato) en conquistar os seis títulos oficiais que posúe o club, e exerceu como capitán nas seis conquistas.

Selección españolaEditar

Convocado coa selección española desde abril de 1992, debutou co conxunto vermello o 27 de xaneiro de 1993, nun encontro amigable contra México que rematou con empate (1–1). Disputou varios partidos coa selección nos meses previos á Eurocopa de 1996, pero a súa lesión no xeonllo esquerdo e o paso polo quirófano quitáronlle calquera posibilidade de acudir ao torneo.[34]

O seu primeiro gol co conxunto nacional chegou o 27 de marzo de 1999, marcando o último tanto da histórica goleada que España lle endosou a Austria (9–0), partido no que ademais repartiu tres asistencias para Raúl e Urzaiz.[35] Foi un dos futbolistas seleccionados por José Antonio Camacho para disputar a Eurocopa de 2000, torneo no que debutou no primeiro partido ante Noruega, saíndo de titular na na banda esquerda á beira de Valerón, nun encontro que acabou en derrota pola mínima. Foi titular tamén no terceiro encontro da fase de grupos, contra Iugoslavia, pero tivo que retirarse aos 22 minutos, despois de levar un forte golpe nunha cella.[36] Foi o seu último partido na Eurocopa, na que España acabou caendo contra Francia nos cuartos de final, e tamén coa camiseta da selección española, pois non volveu ser convocado.[34]

Xogou un total de 16 partidos coa selección e marcou dous goles.

Selección galegaEditar

Durante a súa carreira como futbolista, Fran foi unha das voces que pediu a recuperación da selección galega,[37] e nese sentido participou co seu irmán José Ramón na gravación do álbum Selección Xa! da revista Bravú, cantando a canción "Lume de biqueira" cos Diplomáticos de Monte-Alto.[38] Ambos irmáns interpretaron o tema tamén no programa Luar da Televisión de Galicia.[38] Con todo, a recuperación do combinado galego non chegou ata decembro de 2005, uns meses despois da retirada de Fran. O xogador adestrouse para o primeiro encontro ante o Uruguai e foi convocado por Arsenio e Fernando Vázquez,[39] sendo elixido capitán xunto a Xurxo Otero,[40] pero non chegou a debutar.

Trala retiradaEditar

En 2013 foi vivir coa súa familia a Barcelona para acompañar o seu fillo Nico González, que comezaba a xogar nas categorías inferiores do FC Barcelona.[41] En 2016 aceptou unha oferta de Txiki Begiristain para traballar co fútbol base do Manchester City, onde tamén asistiu a Pep Guardiola nalgúns adestramentos do primeiro equipo.[42][43]

Seleccionador galegoEditar

O 6 de maio de 2016 foi presentado, xunto con Míchel Salgado, como seleccionador da selección galega.[44] Debutou á fronte do combinado galego o 20 de maio de 2016, ante Venezuela no estadio de Riazor, nun empate que rematou con empate a un gol.[45]

Regreso ao Deportivo da CoruñaEditar

En 2020 regresou ao Deportivo da Coruña para encargarse da dirección do fútbol base do club, que acababa de descender á Segunda División B.[46] Foi presentado en Riazor o 11 de agosto canda a outra lenda do deportivismo, Juan Carlos Valerón, quen tomou as rendas do Fabril.[1]

Vida persoalEditar

Casou con Gema Iglesias o 22 de maio de 1998 na Colexiata de Santa María do Campo da Cidade Vella da Coruña.[47] A parella tivo tres fillos: Carlota, Nico e Macarena.[48] Nico é tamén futbolista e milita no FC Barcelona.

PalmarésEditar

Deportivo

NotasEditar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 "El Deportivo se rearma con sus glorias e incorpora a Fran y Valerón". El País (en castelán). 11 de agosto de 2020. Consultado o 12 de agosto de 2020. 
  2. 2,0 2,1 "Fran: Hay un gran talento en el fútbol español,pero se debe trabajar más con la cantera". El Correo Gallego (en castelán). 23 de maio de 2014. Consultado o 13 de xuño de 2022. 
  3. "El entrenador del Deportivo juvenil pretende que su equipo juegue en la «Súper-Liga»". La Voz de Galicia (en castelán). 18 de setembro de 1986. p. 47. 
  4. "El Fabril, soberbio". La Voz de Galicia (en castelán). 22 de marzo de 1987. p. 46. 
  5. "Fran confirma que dejará el Deportivo el 30 de junio". As (en castelán). 23 de outubro de 2004. Consultado o 13 de xuño de 2022. 
  6. "Al Deportivo no le sirvió de nada su dominio sobre el Burgos dada la total inoperancia de los atacantes blanquiazules: 0-1". La Voz de Galicia (en castelán). 18 de xaneiro de 1988. p. 20. 
  7. "Semifinal copera de hace 20 años marcó para siempre el nexo Valladolid-Depor". Público (en castelán). 10 de decembro de 2008. Consultado o 14 de xuño de 2022. 
  8. "20 años del gol de Eduardo Ramos en Riazor" (en castelán). 11 de xuño de 2010. Consultado o 13 de xuño de 2022. 
  9. Villadiego, Carlos (12 de novembro de 2020). "Fran González, santo y seña del Dépor: "Renuncié a una oferta del Dream Team"" (en castelán). Consultado o 14 de xuño de 2022. 
  10. Torras, David (11 de decembro del 2015). "Fran González: "Me reuní con Cruyff y me dio miedo venir"". El Periódico de Catalunya (en castelán). Consultado o 14 de xuño de 2022. 
  11. "Recordamos la temporada del inolvidable ascenso del 9 de junio de 1991" (en castelán). 9 de xuño de 2016. Consultado o 12 de agosto de 2020. 
  12. "El histórico y fatídico penalti de Djukic cumple 25 años". Marca (en castelán). 14 de maio de 2019. Consultado o 10 de xuño de 2022. 
  13. Vasco, Miguel Ángel (12 de marzo de 2021). ""Tuve roces con Toshack porque aireaba los problemas y nos exponía a los jugadores"". As (en castelán). Consultado o 14 de xuño de 2022. 
  14. "El Deportivo y el Madrid llegan a un acuerdo sobre Fran". El País (en castelán). 12 de febreiro de 1992. Consultado o 14 de xuño de 2022. 
  15. "El Deportivo recobra los derechos sobre Fran por 260 millones". La Voz de Galicia (en castelán). 26 de marzo de 1993. p. 1. 
  16. Centeno, Alexandre (26 de xuño de 2020). "Bebeto, Alfredo, Manjarín y Fran reviven la conquista de la Copa de 1995". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 14 de xuño de 2022. 
  17. "#ANosaHistoria: Un cuarto de século do primeiro título branquiazul, a Copa de 1995". Deportivo da Coruña. 27 de xuño de 2020. Consultado o 14 de xuño de 2022. 
  18. "José Ramón, ante su retorno: «Podría aguantar todo el partido»". La Voz de Galicia (en castelán). 25 de outubro de 1992. p. 55. 
  19. "Mauro Silva asume el mando". La Voz de Galicia (en castelán). 23 de marzo de 1997. p. 64. 
  20. De la Cruz, Luis (21 de marzo de 2020). "La olvidada semifinal europea del Deportivo". As (en castelán). Consultado o 14 de xuño de 2022. 
  21. "Fran «El problema de mi lesión va cada vez peor»". La Voz de Galicia (en castelán). 7 de abril de 1996. p. 36. 
  22. "Fran fue operado con éxito". La Voz de Galicia (en castelán). 10 de maio de 1996. p. 49. 
  23. "Fran, operado en Barcelona de sus dos abductores". La Voz de Galicia (en castelán). 20 de xullo de 1999. p. 57. 
  24. "20 años del milagro Depor: campeón de Liga 1999-2000". As (en castelán). 19 de maio de 2020. Consultado o 14 de xuño de 2022. 
  25. Ortuño, Rubén (10 de febreiro de 2018). "El Centenariazo: una cura de humildad al madridismo" (en castelán). Consultado o 14 de xuño de 2022. 
  26. Zárate, Óscar (7 de marzo de 2002). "La crónica". Mundo Deportivo (en castelán). p. 2. Consultado o 14 de xuño de 2022. 
  27. Cordovilla, Anna (6 de marzo de 2017). "Hoy se cumplen 15 años del ‘Centenariazo’". Mundo Deportivo (en castelán). Consultado o 14 de xuño de 2022. 
  28. "O 'Centenariazo', o último título grande do Deportivo". La Opinión A Coruña (en castelán). EFE. 5 de marzo de 2012. Consultado o 14 de xuño de 2022. 
  29. Llamas, Fernando (18 de agosto de 2002). "El Depor sentencia la Supercopa". El Mundo (en castelán). Consultado o 14 de xuño de 2022. 
  30. "La inolvidable remontada al PSG cumple la mayoría de edad" (en castelán). 7 de marzo de 2019. Consultado o 14 de xuño de 2022. 
  31. Gil, Jordi (9 de marzo de 2021). "La histórica remontada del Depor ante el Milan como referente" (en castelán). Consultado o 14 de xuño de 2022. 
  32. "El Mallorca da un portazo al ciclo de Fran y Mauro Silva". As (en castelán). 23 de maio de 2005. Consultado o 10 de xuño de 2022. 
  33. "Fran, el último 'one club man' del Deportivo". As (en castelán). 11 de maio de 2020. Consultado o 14 de xuño de 2022. 
  34. 34,0 34,1 Ponte, Borja (27 de xullo de 2012). "Una leyenda en cinco instantes: Fran" (en castelán). Consultado o 15 de xuño de 2022. 
  35. Ortego, Enrique (21 de febreiro de 2020). "Los jugones de Camacho golean a Austria y se divierten". As (en castelán). Consultado o 15 de xuño de 2022. 
  36. "Fran: «Tras la victoria, el golpe no me duele nada»". La Voz de Galicia (en castelán). 22 de xuño de 2022. Consultado o 15 de xuño de 2022. 
  37. "Fran: "Llevo un año sin hablar con Lendoiro"". As (en castelán). 28 de febreiro de 2005. Consultado o 15 de xuño de 2022. 
  38. 38,0 38,1 Pardo, Miguel (30 de abril de 2022). ""Aghora vai o ghol!": 25 anos desde que as estrelas do fútbol galego cantaron pola selección". Consultado o 15 de xuño de 2022. 
  39. Hermida, Xosé (28 de decembro de 2005). "Galicia vuelve 69 años después". El País (en castelán). Consultado o 15 de xuño de 2022. 
  40. "Jorge Otero, Capitán de la selección gallega: "Llevo dieciocho años esperando este partido, es el colofón a mi carrera"". Faro de Vigo (en castelán). 28 de decembro de 2005. Consultado o 15 de xuño de 2022. 
  41. "Fran y Nico: La especie evoluciona" (en castelán). 14 de decembro de 2013. Consultado o 12 de agosto de 2020. 
  42. Centeno, Alexandre (22 de xullo de 2016). "Fran aterriza en el City". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 12 de agosto de 2020. 
  43. Centeno, Alexandre (22 de maio de 2017). "El pequeño mundo inglés de Fran". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 12 de agosto de 2020. 
  44. "Rafael Louzán presentou oficialmente aos novos seleccionadores galegos"
  45. Piñeiro, Xesús Manuel (21 de maio de 2016). "O empate de Venezuela no último minuto non desloce a brillantez da Irmandiña no seu retorno". Nós Diario. Consultado o 15 de xuño de 2022. 
  46. "Leyendas al rescate: Fran y Valerón vuelven al Deportivo" (en castelán). 9 de agosto de 2020. Consultado o 12 de agosto de 2020. 
  47. "La Voz inicia el domingo la distribución de pines de Peteiro". La Voz de Galicia (en castelán). 22 de xaneiro de 2010. Consultado o 26 de abril de 2021. 
  48. Ventureira, Rubén (28 de decembro de 2008). "Los primos González marcan y regatean". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 14 de xuño de 2022. 

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

  • Ventureira, Rubén; Centeno, Alexandre (2005): Fran. O neno 10. La Voz de Galicia.

Ligazóns externasEditar