Coro pétreo do mestre Mateu

antigo coro en pedra na catedral de Santiago de Compostela, construído polo taller do mestre Mateu
(Redirección desde «Coro pétreo do Mestre Mateo»)

O coro pétreo do mestre Mateu[1] foi unha estrutura interna da catedral de Santiago de Compostela, tallada totalmente en pedra polo taller de Mateu, construído cara ao ano 1200, que ocupaba os primeiros catro tramos da nave maior. Foi desmontado entre 1603 e 1604 por orde do arcebispo Sanclemente para ser substituído por outro de madeira que encargou a Xoán Davila e Gregorio Español e que foi desmontado á súa vez en 1945.

Reconstrución do coro do mestre Mateu, no Museo da Catedral de Santiago.

O coro tiña unha estrutura rectangular, en U aberta cara ao altar maior, e ocupaba os catro primeiros tramos da nave maior a partir do cruceiro. Nos tres primeiros tramos distribuíanse as cadeiras dos cóengos, mentres que o cuarto tramo estaba ocupado por unha tribuna e o leedoiro sobre ela. As pezas do coro derruído foron aproveitadas noutras obras que se realizaron na catedral e nas inmediacións. O uso que se lle deu dependeu da calidade e aprecio que lles merecese cada peza: as esculturas de apóstolos e profetas foron reempregadas para a construción da Porta Santa ou como ornato de capelas e outras estancias da catedral, pero tamén noutros puntos máis afastados.

Tras varias reconstrucións limitadas a unha pequena mostra (o debuxo dunha cadeira en 1953 e a reconstrución doutra en 1961, dúas en 1971 e tres en 1985) os profesores Yzquierdo Perrín e Otero Túñez conseguiron montar en 1999 unha reconstrución virtual da estrutura completa e outra física, formada por 17 cadeiras, que se expón no Museo da Catedral.

Construción editar

Está fóra de dúbida que a construción do coro foi obra do taller do mestre Mateu, realizado na última campaña da construción da catedral e posterior ó Pórtico da Gloria, probablemente cara a 1200. Xa existía un coro que mandara levantar o bispo Xelmírez sobre a que sería a basílica prerrománica de Afonso III, do que só se coñece a súa existencia pero non as súas características. O Códice Calixtino nin o menciona, e a Historia Compostelá (1100-1139) só di del que era bastante capaz e magnificamente condecorado coa dignidade dun óptimo clero. Esta basílica prerrománica —e, por conseguinte, o coro de Xelmírez— foron derrubados ó rematar as obras da catedral.

Cando se consagrou a catedral, o 21 de abril de 1211, o coro tiña que estar xa rematado e, con seguridade, inaugurouse en tan solemne ocasión.

A técnica construtiva, o estilo das esculturas, a composición, coinciden co traballo do Pórtico e, como neste, apréciase a man de, polo menos, catro artistas distintos baixo a dirección de Mateu. A este atribúense, como mínimo, cinco das esculturas que coroaban a fachada exterior: Xeremías, Abdías, Miqueas, Nahum e Axeo.

O coro constituía unha compacta e amurallada Civitas Dei, un templo dentro do templo (en palabras de Santo Agostiño), cunha complexa e elaborada mensaxe teolóxica (como a que tamén tiña o Pórtico da Gloria).

Destrución editar

 
Porta Santa, con 24 figuras procedentes do antigo coro.

Xa en 1519, o arcebispo de Compostela Alonso III de Fonseca ditou unhas Capitulacións que regulaban os oficios relixiosos e normas de protocolo a seguir polos cóengos da catedral, entre as que se cita a prohibición de se mover dun coro a outro ou de baixar do coro superior ó inferior. Quizais isto teña orixe no acordo do cabido catedralicio de 7 de xuño de 1522 de nomear unha comisión para que

"vean y acuerden si será bien mudarse el coro de la dha. yglesia o no, o lo que se debe hacer en ella, para que lo que ellos acordaren con oficiales y a vista dellos, se hiciese"

En calquera caso, o coro non foi alterado. Segundo Manuel Chamoso Lamas, o resultado desta comisión foi só a ampliación do coro con varias cadeiras de madeira: un contrato do 18 de xuño de 1536 entre a abadesa do convento de Santa Clara e o escultor flamengo Cornielles de Holanda testemuña a construción de "veinte y quatro sillas de madera muy bien hechas, del talle y manera y del tamaño de las sillas que están en el coro de la Santa Iglesia de Santiago".

Quizais a primeira actuación sobre o coro pétreo (primera mutilación segundo Yzquierdo Perrín) fose cara a 1545, cando se encarga a dous cóengos "que entienden en ... mudar e retraer la rexa del coro y retraer el dicho coro", medida que afectou a primeira cadeira de cada lado do coro.

Pero a destrución do coro non chegaría ata que foi nomeado arcebispo Juan de Sanclemente quen, segundo Antonio López Ferreiro, "tenía gran empeño en que se cerrase la puerta trasera del coro para poner en su lugar la silla pontifical". Daquela, a cadeira do arcebispo estaba situada no comezo do lado norte do coro (coro do chantre; o lado sur era o coro do deán[2]), e semella que consideraba pouco digna a situación lateral do seu sitial, o que explica a súa teima por pechar a porta do coro e colocar alí, centrada, a súa cadeira. Ademais, era evidente que soñaba cun coro renacentista.

En 1594 acordouse alargar o coro na parte posterior con máis cadeiras, que foron encargadas a Gregorio Español e Diego Solís[3]. Non se sabe realmente cantas cadeiras fixeron nin sequera se chegaron a colocarse, aínda que existen indicios de que así foi, e que iso trouxo consigo o derrubamento do leedoiro e do lado transversal do coro para colocar as novas cadeiras na parte posterior da fachada do trascoro.

Aínda así, esta convivencia das cadeiras de madeira co coro pétreo só foi unha situación provisional. O 20 de xullo de 1599, o arcebispo Sanclemente consegue por fin que o capítulo acordase

"para effecto que en el medio del Coro se haga la silla arçobispal y que las demás sillas se hagan en la mejor traza que pareciere, quedando el coro claro y con luz sufficiente. Y visto por su Señoría el Sr. Arçobispo dixo que, porque el coro se hiciese, su Señoría se obligaba y obligó de que daría más luz y claridad que al presente hauia en el coro y que, no quedando, su Señoría, a su costa, volvería a reedificar su silla y todo lo que fuese necesario para que el coro tuviese tanta luz y claridad y más que el presente tiene"

Un contemporáneo da destrución do coro, o historiador Mauro Castellá Ferrer (Historia del apóstol Santiago), escribiu en 1605 o seguinte:

"se ha desecho el mas lindo Coro antiguo que avía en España".

A destrución do coro do mestre Mateu comezou no último trimestre de 1603 e rematou nos primeiros días de xaneiro de 1604[4], da man do entón mestre de obras da catedral Ginés Martínez. Daquela, Sanclemente xa morrera (abril de 1602) e fora substituído polo arcebispo Maximiliano de Austria, quen trouxo consigo ó arquitecto Ginés Martínez e nomeouno mestre de obras en 1603.

Dispersión editar

Como resultaba habitual na práctica arquitectónica daquela época, e posteriores, as pezas do coro derruído foron aproveitadas noutras obras que se realizaron na catedral e nas inmediacións. O uso que se lle deu dependeu da calidade e aprecio que lles merecese cada peza: as esculturas de apóstolos e profetas foron reempregadas para a construción da Porta Santa ou como ornato de capelas e outras estancias da catedral, pero tamén noutros puntos máis afastados. Este aproveitamento permitiu que hoxe se lograse recuperar 36 das 38 figuras que coroaban a fachada exterior do coro.

As 24 estatuas da fachada exterior da Porta Santa foron colocadas no século XVII. Entre 1611 e 1616 colocáronse as primeiras doce, segundo se pode ver nos debuxos que José Vega y Verdugo inseriu na súa Memoria sobre as obras na catedral de Santiago (1657) para argumentar a necesidade da reforma da fachada da catedral cara á praza da Quintana. A partir de 1658, o arquitecto José Peña de Toro comezou as obras desta fachada e completou a Porta Santa con outras 12 estatuas e os catro plafóns da parte superior[5]. Por máis que fose impensable a súa utilización nunha futura reconstrución do coro, o seu estudo permitiu saber máis da disposición iconográfica que tivo que ter o coro no seu lugar orixinal.

Yzquierdo Perrín e Otero Túñez inventariaron en 1990 as seguintes figuras do coro, dispersas en diferentes localizacións:

Identificación dos santos da Porta Santa
 
1. rei Salomón;
2. Moisés;
3. profeta Daniel;
4. profeta Isaías;
5. Aarón;
6. profeta Nahum;
7. S. Lucas evanxelista;
8. profeta Axeo;
9. rei Saúl;
10. profeta Zacarías;
11. S. André apóstolo;
12. Simón apóstolo.
 
1. profeta Miqueas;
2. profeta Oseas;
3. Samuel;
4. San Filipe apóstolo;
5. profeta Abdías;
6. San Tomé apóstolo;
7. profeta Malaquías;
8. S. Marcos evanxelista;
9. profeta Xeremías;
10. Santiago o Maior;
11. profeta Habacuc;
12. profeta Xonás.

Outras pezas foron reempregadas noutras obras na catedral (muros, pavimentacións), pero o resto dos elementos sufriu peor sorte: coas pezas que retirou ó desmontar o coro, Ginés Martínez fixo a base do coro de madeira que o substituiría (rematado en 1606) e, dous anos despois, aproveitou outras para reencher as escalinatas de acceso á fachada do Obradoiro, que construiría tamén el en 1606.

Nas sucesivas escavacións realizadas durante os séculos XIX e XX en diferentes localizacións do complexo da catedral foron aparecendo moitos dos elementos construtivos. Estas escavacións realizáronse en distintas campañas e por distintos autores no subsolo da nave maior, no pavimento da cripta do Pórtico da Gloria, na nave oriental do claustro ou no acceso á galería sur do claustro[8], ademais das xa citadas nas escaleiras do Obradoiro. Aínda hoxe pode verse no piar noroeste do cruceiro, un bloque tallado encastado no piar a uns 2 metros de altura, que probablemente proceda dun esquinal do cadeirado baixo e que se colocaría alí para restaurar algún dano ocasionado nas columnas ó desmontar o coro

Algunhas apareceron en lugares tan insólitos como as estruturas de peche dalgunhas tendas situadas na praza de Praterías, ou dúas ménsulas que hoxe sosteñen a trabe dunha casa particular na rúa compostelá da Fonte de Santo Antonio.

Como xa se dixo, a dispersión dos distintos elementos do coro tamén levou algunhas pezas fóra de Santiago, como o caso da fonte de San Pedro de Vilanova (Vedra, A Coruña).

Algunhas esculturas foron dar a mans privadas, como os apóstolos e profetas da colección Blanco Cicerón —cedidos hoxe ós fondos do Museo da Catedral— ou do Museo Arqueolóxico Nacional. Dúas estatuas máis, como xa se dixo, seguen sen ser identificadas.

Mención á parte merecen as 6 figuras de meniños cantores encastadas no friso do pórtico de Praterías (sobre o tímpano dereito). Foron colocadas en Praterías por Antonio López Ferreiro en 1884, aínda que daquela se descoñecese a súa orixe no coro de Mateu senón que foron atribuídas ó Pórtico do Paraíso[9].

Outras figuras de meniños cantores foron parar ás xambas da capela de San Salvador de Bembibre (en Val do Dubra) ou ó pé dun cruceiro de Santa Cristina de Nemenzo, parroquia de Santiago de Compostela. As primeiras foron recuperadas por Chamoso Lamas en torno a 1970 e utilizadas na segunda reconstrución de dúas cadeiras en 1971; hoxe forman parte da reconstrución do coro do Museo da Catedral.

Recuperación editar

Antonio López Ferreiro, xa nos albores do século XX [10], e Manuel Chamoso Lamas, nas escavacións que realiza na catedral entre 1946[11] e 1958[12], recuperaron e recoñeceron como pertencentes a este coro algunhas figuras colocadas no claustro da catedral, na Porta Santa e nos lugares de fóra de Santiago citados antes.

 
Baldaquino do sepulcro de María Magdalena, en Zamora.

A partir destes elementos, Xosé Manuel Pita Andrade publicou en 1953 varios debuxos cunha primeira proposta de como puido ser unha cadeira do coro, sobre unha suxestión de Xosé Filgueira Valverde e Xosé Ramón Fernández-Oxea.

Ambos historiadores estableceran xa en 1932 o innegable paralelismo entre o sepulcro da igrexa da Magdalena, en Zamora e o coro de Mateu, do que deriva aquel:

"Soio compre indicar as relacións do tema dos arquiños trilobulados, baixo torreciñas e teitos, cos que temos que topar en Santiago no coro vello e nos desfeitos sartegos da capela do Espíritu Santo"

— Filgueira e Ramón Fernández-Oxea, 1930, px. 102.

Texto que modificaron lixeiramente en 1987:

"Sólo conviene indicar las relaciones del tema de los arquillos trilobulados entre torrecillas y techos, con piezas que hemos de encontrar en Galicia como las del infortunadamente destruido coro románico de la Catedral de Santiago y en los que cobijaban sepulturas en el mismo templo y se ven en la capilla del Espíritu Santo"

— Filgueira e Ramón Fernández-Oxea, 1987, px. 19.

En 1961, Chamoso Lamas presentou unha reconstrución dunha cadeira, que se amosou nunha exposición dedicada á arte románica en Barcelona e Santiago de Compostela. En 1971, co gallo doutra exposición celebrada en Nova York sobre a arte no ano 1200 (The Year 1200), Chamoso Lamas e Pita Andrade presentaron outra proposta que modificaba parcialmente as anteriores e que, agora, comprendía a reconstrución de dúas cadeiras. Unha vez rematada a exposición, colocáronse na cripta do Pórtico da Gloria.

En 1978 tivo lugar o descubrimento do maior número de pezas do coro, con motivo das obras de restauración que Chamoso Lamas dirixiu nas escalinatas do Obradoiro e a plataforma na que rematan, fronte á fachada da basílica [13]. Ó levantar o pavimento comprobouse que algunhas das pedras da escalinata tiñan, na cara oculta, arcos, columnas, castelos e diversas figuras, que se correspondían, estrutural e tematicamente, cos restos coñecidos do vello coro pétreo [14]. Estas obras non formaban parte de ningún proxecto arqueolóxico senón que foron debidas á necesidade de corrixir as filtracións que se producían desde esta plataforma nas bóvedas da cripta que conforma a parte inferior do Pórtico da Gloria. Curiosamente, xa houbo este mesmo problema en 1659, ó pouco de construírse estas escaleiras, e motivaron un preito entre o párroco das parroquias de San Xoán Bautista e San Frutuoso —instaladas daquela na cripta— e o cabido da catedral[15].

Con toda a información recollida ata entón sobre o coro de Mateu, os profesores Yzquierdo Perrín e Otero Túñez organizaron en 1981 unha mesa redonda en Santiago, coa colaboración de Pita Andrade e Chamoso Lamas e varios catedráticos de historia da arte que culminou en 1985 coa proposta de reconstrución completa do coro, tanto na súa disposición espacial e iconográfica como na plasmación en tres sitiais que se presentarían en Europalia 85, en Gante (Bélxica), dentro da exposición Santiago de Compostela. 1000 anos de peregrinaje europeo.

Proceso de reconstrución editar

 
Fachada exterior do coro. A figura decapitada da esquerda da fotografía tamén pertenceu ó coro.

En 1995 comezouse a reconstrución completa do coro, grazas ó patrocinio da Fundación Pedro Barrié de la Maza, que actualmente consta de 17 cadeiras expostas no Museo da Catedral: oito do lado sur, as seis da cabeceira e tres do lado norte, estas últimas coa súa fachada exterior. Para esta fachada exterior só se dispoñía de cinco figuras, das que se utilizaron, de esquerda a dereita, as de san Pedro, san Paulo,[16] San Mateu apóstolo e San Xoán o Evanxelista. Esta reconstrución foi inaugurada pola raíña Sofía o día do Apóstolo do Ano Santo Xacobeo de 1999.

Tódalas pezas orixinais que se empregaron para esta reconstrución pertencen ó Museo da Catedral, unha das condicións do convenio asinado entre o cabido, a Fundación Barrié e os autores.

Durante a reconstrución do coro tívose especial coidado en asegurar unha intervención mínima e coidadosa das pezas e fragmentos orixinais. A reconstrución das pezas incompletas fíxose sobre moldes de escaiola que permitían manter seguros, sen desprazamentos nin manipulacións, os fragmentos orixinais e reproducir as partes que faltaban nos diferentes talleres [17]. Estas reproducións fixéronse sobre granito dunha canteira de Friol (Lugo), claramente distinto do que utilizara o mestre Mateu (procedente de canteiras das inmediacións de Santiago) e coas figuras simplemente esbozadas, todo coa intención de que se distinga sen dificultade o material orixinal e o reconstruído [18].

Algunhas pezas, poucas, non precisaron ningún traballo de restauración, ben porque xa estaban en bo estado de conservación, ben porque xa foran restauradas anteriormente. Limpouse e fixouse a policromía das pezas que a conservaban e consolidouse o granito cando foi necesario.

Descrición editar

O coro tiña unha estrutura rectangular, en U aberta cara ao altar maior, e ocupaba os catro primeiros tramos da nave maior a partir do cruceiro. Nos tres primeiros tramos distribuíanse as cadeiras dos cóengos, mentres que o cuarto tramo estaba ocupado por unha tribuna e o leedoiro sobre ela.

Do mesmo xeito que o Pórtico da Gloria, o coro de Mateu estaba policromado, como o demostran os restos de cor nalgunhas das pezas recuperadas (estatuas, relevos, capiteis, vigas etc.), a base de vermello, branco, azul e negro.

O coro estaría illado das naves circundantes —e do deambular dos peregrinos e o boureo que producirían— por unhas cadeas estendidas en 1288 entre os laterais do coro e a capela maior, creando así unha Vía sacra que cerraba o cruceiro, un corredor que facilitaba o paso entre os dous recintos durante a celebración dos actos litúrxicos. Esta Vía Sacra mantívose co novo coro de madeira que veu substituír o de Mateu e non desapareceu ata que foi desmontado en 1945.

Fachada exterior editar

A cara externa do coro, que daba ás naves laterais da catedral, estaba formada por un muro cego (excepto no leedoiro, onde as arquerías estaban abertas). Esta fachada exterior, formada por catro arcos en cada intercolumnio, estaba rematado polas figuras de apóstolos e profetas, centrados sobre os arcos, que alternaban cos torreóns, centrados sobre as columnas.

As devanditas figuras miden uns 90 cm de altura e uns 45 cm de ancho. Todas están enmarcadas nun arco de medio punto tallado no mesmo bloque que a figura ou nunha lousa acaroada por detrás. Distribuíanse nas fachadas norte (16 profetas —4 maiores e 12 menores—, todos coa cabeza cuberta) e sur (12 apóstolos e 4 evanxelistas, todos coa cabeza descuberta e portando libros pechados ou cartelas estendidas). Aqueles, os profetas, representaban o Vello Testamento, fronte a estes, apóstolos e evanxelistas, que representaban o Novo Testamento.

Na fachada do trascoro (occidental) dispúñanse tres figuras a cada lado da porta, representando a cadanseu personaxe bíblico.

A identificación das 36 figuras que se coñecen ata este momento foi tarefa difícil, xa que adoitan carecer de atributos característicos e as inscricións que puideron conter as cartelas que mostran desapareceron completamente. Mesmo nalgúns casos consta que a cabeza que hoxe mostran non é a orixinal, como resulta evidente no caso do profeta Xonás. Pascual Madoz, no seu Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar conta que a consecuencia da Primeira Guerra Carlista (entre 1833 e 1840), "las estatuas de la primera línea fueron decapitadas en una noche por el furor de la pasada guerra de sucesión", sendo restauradas poucos anos despois[19]. En 1990, a prensa local daba a noticia de que a cabeza do profeta Nahum —unha desas figuras da primeira liña que xa foran decapitadas na guerra citada e, precisamente, unha das cinco figuras que se atribúen directamente á man do mestre Mateu— caeu ó chan e rompeu, polo que tivo que ser substituída pola que hoxe se ve[20].

Para reconstruír a iconografía do coro, Yzquierdo e Túñez tiveron que recorrer a algúns trazos particulares, á presenza ou ausencia de gorros ou caparuchas, ás descricións do Novo e Vello Testamentos etc. Tamén se tivo en conta a disposición en parellas, como conversando entre si, recurso que xa utilizara Mateu na colocación das estatuas de apóstolos e profetas nas columnas do Pórtico da Gloria.

Cadeirado editar

 
Detalle dos plafóns sobre os sitiais do coro.

No interior do coro dispoñíanse o cadeirado.

As cadeiras eran 72 en total, en dous niveis de 36 cada un (15 nos laterais e 6 na cabeceira), para dar cabida ós 72 cóengos que establecera o bispo Xelmírez[21]. As inferiores eran un simple banco corrido cunha decoración labrada semellante ós escanos da superior, aínda que sen respaldo nin teito. As cadeiras da fila superior estaban moito máis elaboradas (son as que agora se ven na reconstrución) e estaban reservadas para os cregos de maior dignidade no cabido, mentres que o cadeirado baixo era ocupado polos cregos de menor categoría.

Os asentos medían uns 90 cm de ancho, excepto os seis colocados na cabeceira, máis estreitos para amoldarse ó ancho da nave e á necesidade de abrir unha porta central. Consistirían en bloques, de 39 cm de alto, dispostos sobre un zócolo de pedra duns 9 cm con arquiños de ferradura cegos. A cara frontal de tales bloques tiña unha arquería cega formada por cinco pequenos arcos de medio punto.

Estas arquerías frontais alternaban cunhas ménsulas da mesma altura e decoradas con motivos vexetais, que servían de base ás columnas que separaban cada sitial (unha columna exenta diante e outra entrega detrás) para soster os plafóns que facían de teito de cada cadeira. Estes plafóns, todos semellantes pero diferentes entre si, consisten nun círculo central que formaba distintas composicións xeométricas a partir dun botón central. Entre sitial e sitial, unha pequena división con arcadas abertas (a diferenza das existentes na fronte dos asentos), servía para apoiar os brazos.

Só se recuperaron pequenos fragmentos das columnas, polo que resulta imposible saber a altura exacta dos sitiais. Tamén se ignora se os fustes eran lisos ou decorados, aínda que resulta probable que fosen entorchados ou estriados. Sobre elas, uns capiteis con motivos vexetais e, ás veces, sereas-paxaro.

É posible, pero non se pode confirmar, que cada asento contase cun respaldo formado por unha lousa semicircular. Tras el, a parede lisa do peche do coro, quizais con decoración pintada.

Crestería editar

 
Detalle dun dos doseis. Nótese o diferente tratamento das partes reconstruídas, claramente diferenciadas da escultura orixinal.

Os sitiais do coro estaban coroados por unha elaborada crestería formada por doseis coincidentes cos espazos dos asentos, alternando con estilizadas figuras de nenos cantores que coincidían co eixo das columnas. Xa vimos que López Ferreiro colocou seis destes nenos cantores na fachada de Praterías; outros dous foron recuperados en 1970 da porta da capela de San Salvador de Bembibre (en Val do Dubra).

Son todas semellantes, de 80–83 cm de altura e 18–21 cm de ancho; todas exentas menos dúas que se esculpiron acaroadas a outros motivos, no mesmo bloque, e que se supón que estaban destinadas ós primeiros módulos de cada lado.

Aínda existe outra figura máis, que segue un esquema semellante pero de 26 cm de ancho, que representa un adolescente. Carece de cartela e mostra a palma da man esquerda. Apareceu na escaleira da casa do Deán nos anos sesenta do século XX e hoxe está no Museo da Catedral. Suponse que estaría colocada nun dos lados da cara interior da porta traseira do coro.

Os doseis estaban formados por un arco trilobulado sobre o que se levanta un torreón e, nos extremos, érguense unhas columnas que rematan en castelos. Baixo os arcos tallouse un completo e detallado bestiario medieval con animais mitolóxicos (dragóns, sereas, grifóns, centauros, basiliscos) ou reais (unha aguia e un león); só nun caso hai representación humana: un home loitando cunha serea á que agarra polo pescozo. Cada módulo, de 88 cm de alto e 82 cm de ancho, pode estar formado por un só bloque de pedra ou por dous elementos simétricos; no primeiro caso a figura representada pode ser única ou dobre pero no segundo, que é a construción máis común, trátase de figuras enfrontadas. Sobre as columnas atópanse personaxes infantís de pé, con longas cartelas nas súas mans. Segundo Yzquierdo Perrín representan a inocencia de quen canta as gabanzas do Creador, en contraposición aos vezos denotados polos animais. Unha cornixa con follas e bólas remata a crestería, na que se pode apreciar restos da policromía caracterizada polas cores vermella, branca, negra, azul e dourada.

Leedoiro editar

No extremo occidental do coro abríase unha tribuna que se coñeceu como pulpitum e, máis comunmente, como leedoiro (legitorium): sobre el líase o Evanxeo e a Epístola nas grandes celebracións. Segundo documentación do século XIV, construíronse baixo el dous altares, dedicados a san Xurxo e santa Úrsula e ás Once mil virxes; posteriormente tamén se colocaron os sartegos de Pedro Fernández de Castro (finado en 1340) e do arcebispo Rodrigo de Moscoso (1382).

No centro do trascoro abríase a porta de acceso ó coro. Sobre a porta e cara ó exterior existía un tímpano que representaba a Epifanía, hoxe desaparecido[22]. Aínda que non se recuperou este tímpano, hai constancia documental da súa existencia e temática.

Á esquerda do tímpano estaría un delicado relevo que representaría os tres cabalos dos Reis Magos, cada un dunha cor diferente, saíndo dunha torre ou cidade fortificada que se identifica con Xerusalén. Este relevo atopouse como recheo da plataforma da fachada do Obradoiro, en bastante bo estado, e consérvase hoxe no Museo das Peregrinacións. No lado dereito desta Epifanía cabe supoñer que estaría un relevo da Anunciación, por paralelismo con outros tímpanos góticos foráneos e galegos do mesmo tempo e posteriores; non se recuperou esta peza nin ningún fragmento que puidera pertencer á mesma.

Notas editar

  1. "Mateu na Guía de nomes da RAG". academia.gal. Consultado o 8 de xullo de 2022. 
  2. Segundo o Dicionario da Real Academia Galega, o deán é o «Cóengo que preside o cabido nas catedrais» e o chantre un «Eclesiástico que antigamente dirixía o canto no coro das colexiatas e catedrais».
  3. Parece ser que o cabido lles encargara dúas cadeiras a modo de mostra, que presentaron en maio de 1596, pero que Sanclemente, pola súa conta, encargara máis, sendo necesario que o cabido apercibise ós escultores en agosto dese mesmo ano para que suspendesen a súa construción.
  4. Un acordo do cabido datado o 28 de xaneiro de 1604 urxe o comezo das obras para instalar o novo coro: "que se empiece a sentar la piedra del trascoro, y que esto se haga pronto, y se acabe y asiente el coro para que el señor Arzobispo y Cabildo no estén fuera de él".
  5. Xosé Carro supuxo erroneamente que algunhas figuras foran esculpidas neste século XVII e outras substancialmente retalladas.
  6. Estas estatuas foron pintadas e repintadas numerosas veces, e modificado o texto das cartelas pero, por outra banda, o mantemento baixo teito garantiu a súa conservación.
  7. Coñécese como buchería un conxunto de espazos situados baixo o claustro da catedral, utilizados historicamente como almacéns de pezas arquitectónicas e diversas esculturas. Nesta buchería Yzquierdo Perrín e Otero Túñez atoparon distintas pezas (arcos, fragmentos de columnas, capiteis etc.) non identificadas e que correspondían ó coro do mestre Mateu. Unha das figuras, decapitada, estaba reempregada para a cimentación dun dos muros destas estancias; como curiosidade, esta escultura tallouse sobre outra rexeitada anteriormente, quizais das esculpidas para o Pórtico da Gloria: nas costas desta figura pode verse un león, incompleto, parecido ós animais das basas das columnas do Pórtico. Outra estivo no Pazo de Xelmírez ata 1985 e desde entón exponse no Museo da Catedral.
  8. Yzquierdo e Túñez recoñeceron como parte do coro algunhas vigas que en 1985 descubriron encastadas no muro das escaleiras de acceso a esta parte do claustro. En 1989 desmontouse este muro e as vigas foron recuperadas para o museo da Catedral.
  9. "Los huecos que había, efecto sin duda de otros antiguos desprendimientos, se llenaron con otras efigies de Apóstoles, Patriarcas y Profetas que habían pertenecido al citado pórtico de la Azabachería".
  10. As escavacións que levou a cabo en 1900 sacaron á luz as primeiras pezas identificadas como pertencentes ó coro.
  11. Aproveitando as obras para desmontar o coro de madeira que substituíra ó de Mateu.
  12. Nas escavacións realizadas na nave maior.
  13. Nesta páxina da Fundación Barrié pode verse unha fotografía das pezas amoreadas segundo se ían recuperando das escalinatas.
  14. Lémbrese que esta escalinata, construída en 1606, foi obra de Ginés Martínez, o mesmo arquitecto que derrubou o coro dous anos antes.
  15. "Iten hes condiçion que lo enlosado de dhas. hescaleras, que esta descubierto sobre la dha. yglesia baxa, desde la puerta principal de la Trenidad de la dha. Santa yglesia, siempre y cada y quando que fuere neçesario de tal manera que se asegure el que no entra agua por las bóvedas a dha. yglesia baxa".
  16. Aínda que na cartela pon Daniel, froito dalgunha manipulación posterior.
  17. "Escultura Opaso. «Piezas para la Reconstrucción del Coro pétreo del Maestro Mateo»". Arquivado dende o orixinal o 10 de xuño de 2016. Consultado o 10 de xuño de 2016. 
  18. Co obxectivo de que a reconstrución fose algo reversible, respectouse igualmente a superficie de fractura.
  19. "Recibí de la Santa Yglesia Catedral la cantidad de sien reales por la echura de cinco cabezas y colocarlas para los profetas de la puerta santa. Santiago 28 de Nobiembre de 1857. Bentura da Fonte.
  20. La Voz de Galicia, 17/11/1990.
  21. A distribución dos asentos e preferencias do protocolo nesta época colocaba no cadeirado superior ós cóengos e no inferior ós beneficiados (cregos con algún tipo de beneficio eclesiástico), repartición que foi imposible neste caso polo elevado número de cóengos titulares no cabido compostelán.
  22. Probablemente do mesmo tipo que a que hoxe ilustra o tímpano da entrada da capela da Corticela, na mesma catedral.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar